quarta-feira, fevereiro 03, 2010

... And a bottle of rum

A última nova nun eido que sabedes que sempre me pon a lingua a pacer é o enfrontamento entre a editorial Macmillan (e nas sombras desta coma marionetista, de Rupert Murdoch, alias 'O Grande Satán' -e non me estou a referir ao de Songoku-) e o portal de e-commerce Amazon. A disputa viña motivada pola pretensión desta última por fixar un tope máximo ao prezo dos e-books (9 dólares con 99), que a editorial rexeita. As cousas foron a máis, e Amazon retirou temporalmente os libros de Macmillan da súa distribución, mais ao final tivo que recuar, dado o monopolio que ten a editorial en case tódolos seus títulos e o forte ruxe-ruxe das demais editoras poderosas do mercado.

O tema resulta coma sempre complexo, e ningunha das dúas compañías se move por amor ao arte. Amazon quere rendabilizar as vendas do seu e-reader, o Kindle, e para compensar polo seu altísimo prezo, necesita tirar á baixa con prezos moi económicos nos contidos. Ao tempo, busca consolidar a súa posición hexemónica na venda de e-books (para o cal está disposto a vender os e-books por debaixo do que lle custan, e con perdas, polo de agora). Macmillan busca o que tódalas editoriais: seguir mantendo o seu verdadeiro negocio, que son aínda os libros en formato físico, para o cal non lle importa manter prezos absurdos nos libros virtuais. Para eles, é mellor que non despegue ese mercado a que corra o risco de comerlle réditos e vendas dos hardbacks dos que viven.

De tódolos xeitos, non son quen de mirar os touros dende a barreira, xa que percibo que a postura da Amazon é máis razoábel e agoira melloras para o consumidor. Os editores seguen apegados (como antano a industria discográfica) ás inercias do seu modelo, alén de ter a santa vergoña de querernos cobrar ata 15 dólares por unha presada de bits (e xa falamos en varias ocasións de porqué, por moito que insistan, o e-book ten que ser MOITÍSIMO máis barato que o libro en papel (unha vez máis: propiedade limitada dadas as licencias DRM, necesidade de mercar unha máquina de lectura cara e obsolescente e de cargar esta, non-posibilidade de prestar ou de vender os volumes, aforro en gastos de produción e almacenamento, alén de rendas permantes mentres o libro virtual siga pendurado da Rede de Redes, etc...). Pretender (como di Macmillan) que é mellor unha oscilación de prezos negociábel é absurdo dende o punto de vista de que os 9.99 dólares de amazon xa son de por si un sobreprezo ao que considero xusto, anque aceptábel cunha certa resignación e para usos moi concretos (libros que só quero consultar ou ler unha única vez).

Visto o visto, fica agardar as novidades e confiar en que os editores acaben por coller sentidiño, e caer da burra, ou (isto é o máis probábel) a que as nulas vendas no mercado os fagan entrar en razón. Persoalmente, deséxolle todo o mellor ao mundo editorial, grazas ao cal (anque antes, grazas aos autores) podo disfrutar de moitos volumes que me fan feliz e limitan, cada un deles nun anaquiño pequeno máis perceptíbel, as sombras numerosas da miña ignorancia. Mais se proseguen co seu torpe neoluddismo, non me quedará máis remedio que entregarme de cheo á nacente piratería libresca, deixar de velos como (máis ou menos) honestos proveedores no canto de estafadores impresentábeis contra os cales calquer desprezo e ataque son válidos (é o que pasou coas discográficas), e decidir que se non están dispostos a cobrar os libros no que valen, vounos consumir de balde, sen darlles pataco, mentres tarareo en xesto de escarnio a vella balada pirata: Yo Ho Ho...

1 comentário:

FraVernero disse...

Relendo a entrada, teño a impresión de que de todas maneiras, estou sendo algo duro coas editoriais. Hai que facer constar tamén que...

1) A proposta de Amazon incluía a publicación ao mesmo tempo de ebooks e hardcovers. Isto paréceme inadmisíbel: e ebook ten que ser un último elo na cadea, e como moito podería competir co paperback. Niso teñen as editoriais toda a razón, e en defender a subsistencia das vendas físicas de libros (poderíase dicir que o que mercaría o libro electrónico non mercaría o hardback, mais unha saída simultánea certamente rebaixaría moito as vendas en papel, estou seguro). Se amazon non quere perder a xente que non pode agardar uns meses, é o seu problema.

2) En xeral, e quitando bestsellers e casos puntais, non creo que a marxe de beneficios e manobra das editoriais sexa moi grande. Non se trata das sambesugas chupópteras da industria discográfica, certamente...