No ronsel do estudo continuado para o acceso as rangos do mandarinato inferior, onte estiven a estudar o temario de Arte Románico, algo que despois de todo resulta case entretido e interesante (refírome á acción de estudar; alomenos, se che gusta a materia, faise máis levadeiro, e teño a sorte de que me gusten case tódolos temas de historia e de arte). Refrescas vellas nocións e, nos temas artísticos, refrescas tamén as imaxes, buscando en grosos volumes ou (máis doado) na Rede de Redes os aspectos internos e externos do San Zenón, de San Martín de Frómista, do St. Lazare de Autun...
O problema e o descubrimento viñéronme dados pola escultura románica italiana. Nos apuntamentos teño dous mestres lombardos (en Italia xa se coñecen os nomes dos artistas): mestre Guillerme e Benedetto Antelami. Son incapaz de reter o segundo na cabeza, e dedico tempo a diversas estratexias mnemotécnicas. O nome é sinxelo: o papa actual; o problema é o apelido. Tras moito cavilar, queda convertido na mistura de formiga inglesa (Ant) + 'lama' un pouco variado. Ant(e)lama> Antelami. Antelami, Antelami...
Maiores dificultades topo despois cando busco os exemplos que aparecen: de Mestre Guillerme, o púlpito da catedral de Pisa. De Antelami, o púlpito da catedral de Parma. Ningunha das dúas cousas aparecen por ningures: nen libros, nen Rede, nen nada. Probo nos buscadores con varios idiomas distintos. Nada. Nun último esforzo, por fín da aparecido o púlpito de Guillerme, que resulta que xa non está na catedral de Pisa (aí o que acapara a atención agora é o de Niccolò Pisano, que ten outro, amais, no baptisterio), senón na de Cagliari, en Cerdeña. É o que agora chaman o Pergamo di Guglielmo...
Con Magister Antelami seguen os problemas. Non hai mostra de púlpito nengún en Parma (o que sí vexo na catedral é a famosa 'Ascensión da Virxe', de Correggio, que non lembraba estivese alí). Tampouco no baptisterio. Entérome de que este último foi deseñado e decorado polo Benedetto, mais non me vale como exemplo para arquitectura (Bologneses, as 'lunette dei tre portoni' non son os tímpanos, verdade? En inglés/francés, as 'lunettes' son o espazo de pinturas, normalmente dentro e por riba das portas). Poderíame valer a 'cattedra del vescovo di Parma'...
Como son testán, sigo buscando. E atopo nunha páxina en italiano que certo baixoreleve da catedral de Parma (Deposizione dalla croce) é do único que fica, case dese púlpito (destruído?). Vamos, en román paladino:
I componenti rimasti del pulpito sono conservati in parte nella Cattedrale (la lastra frontale raffigurante la Deposizione) e nel Museo Nazionale di Parma (tre capitelli ed i leoni stilofori). La sedia episcopale si trova in Cattedrale ma è difficilmente osservabile.
Hoxe, a lidiar co Gótico, que agardo que me non me cause tantos problemas de busca...
