Mostrar mensagens com a etiqueta Docencia. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Docencia. Mostrar todas as mensagens

segunda-feira, janeiro 27, 2020

The Quiet Historian

Uns días atrás, cando estaba facendo trámites en Compostela, tiven a oportunidade de toparme cun dos meus vellos profesores, o señorial e moi sapiente Domingo González-Lopo, e de intercambiar unhas breves palabras con el. Vinte anos non pasaron en balde nen para os dous; porén, segue a brillar no profesor a súa delicadeza, amabilidade e tranquilidade beatífica propias dun kuroi arcaico. Dúas décadas despois aínda lembro a súa docencia con agarimo, sinaladamente a primeira desas sesións, cun bisoño FraVernero enfeitizado aínda pola incorporación á Universidade e pola mole pétrea, solemne e anterga da Facultade. Medio anicado nas incómodas (decimonónicas?) bancadas da aula 8, escoitaba con ledicia aquela primeira clase maxistral do profesor Lopo na que nos daba emotiva benvida á institución académica e que comezou cunhas verbas tal que así: 

Como me dijo un profesor cuando comencé la Universidad, yo os digo a vosotros "Bienvenidos a la Universidad".

A calidez pedagóxica e humana do profesor Lopo facía algo máis palatábel a (para os meus gustos) ingrata materia que lle tocaba impartir: a Introdución á Historia Social e Económica; en poucos meses había recoñecer que tal era o hobby-horse que entretiña e marcaba co seu carimbo a tódolos modernistas da Facultade, seguidores de Don Antonio Eiras e amantes da demografía e a Escola dos Annales. O mérito, digo, do profesor Lopo estribaba en facer soportábel o tema, con anécdotas e pequenos xestos como de levarnos, nun dos derradeiros días, ao Arquivo da Catedral para ver os documentos da historia in situ. Esa súa calma impasíbel e o gusto polos abrigos negros e longos, xunto co apelido de resonancias taratinescas ("Son o señor Lobo; soluciono problemas") facía cavilar ao meu malevo maxín, que imaxinaba ao profesor recreando esceas máis propias de Matrix e de Pulp Fiction, entrando na aula con longo gabán, murmurando polo baixo "Son Lopo" e sacando das adentras un par de ametralladoras para, coa mesma face imperturbábel, poñerse a disparar por riba das cabezas dos malpocados estudantes.

Novamente, dicíavos, puiden parolar un chisco con el; lembrábase de mín (non penso que eu teña memoria tan boa para lembrar nun futuro a alumnos meus vinte anos despois!) e fixo algunhas inquisicións e os comentarios de rigor encol do pouco formados que chegan hoxe os discentes á Santa Casa na que me aleda saber que segue a impartir docencia, cariátide educativa que enaltece os seus muros mellor que as estatuas de Lope Gómez de Marzoa, Juan de Ulloa, Álvaro de Cadaval e o conde de Monterrey no alto da entrada. E coma eles, que sexa por moitos anos máis.

terça-feira, agosto 06, 2019

Ad Vocatio (9)

Ao final da entrada anterior, atopábamonos con que levaba 4 cursos impartindo aulas en Escolas Oficiais de Idiomas, e algo sorprendido de disfrutar coa ensinanza da lingua inglesa e de poder facelo razoábelmente ben. Seguramente haxa moitos factores detrás desta situación: o perfil e motivación do alumnado, o enfoque comunicativo e non gramatical, compañeiros estimulantes e motivadores, e algún esforzo que eu puxera da miña parte. Porén, e malia o cómodo que me sentía, alomenos un par de factores contribuían a que sentise enriba de mín unha espectral espada de Damocles, xa que as experiencias e habilidades laborais que estaba a desenrolar non estaban destinadas a ser, a priori, máis que unha pequena paréntese temporal na miña biografía.

O primeiro deles era que nas EOIs o profesorado de secundaria en expectativa estabamos 'de prestado'. Tratándose doutro corpo docente, con oposicións de acceso diferenciadas, era consciente de que antes ou despois (calculaba que quizaves en 3-4 anos) habían darme o meu destino definitivo e con el, o éxodo definitivo de Escolas. Mellor non encariñarse moito co choio.

O segundo conectaba co 'accidente afortunado' de terme presentado (e superado) as opos de secundaria-inglés. Seguía pensando que a miña vocación era a ensinanza de historia, e xa esplorara a fondo os mecanismos para a adquisición de nova especialidade a través dos cales podería certificarme coma PES - Historia e conseguir unha praza definitiva na disciplina que máis aprezaba. Este proceso, de feito, é bastante asequíbel unha vez que un xa está dentro do corpo docente; cada vez que se convocan oposicións coa especialidade que desexas, podes presentarte por unha quenda específica, que non ten límite de prazas (só 'apto' ou 'non apto') e cuxa proba consiste nunha defensa oral dunha hora dun (entre cinco elixidos a sorteo) dos temas do temario da especialidade que queres adquirir. De feito, no verán do 2014, estando aínda na sección de Ribeira, convocaran oposicións de secundaria-Historia (por primeira vez dende o meu fallido intento en 2008), e alá me fun, exitosamente, a Vigo a desenvolver unha exposición sobre Os reinos peninsulares nos séculos XIV e XV. Conflictos sociais e diversidade cultural.

Mais, como xa nos advertían Robert Burns e John Steinbeck, The best-laid schemes o' mice an' men Gang aft agley; os meus pasos súbitamente tiveron que torcer cara Frións para ensinarlle língua inglesa e língua e literatura española aos adolescentes, e os resultados desa experiencia mudarían drásticamente as miñas perspectivas e obxetivos laborais para sempre.

sábado, julho 13, 2019

Ad Vocatio (8)

En Setembro de 2010 descubrín con non pouca sorpresa que a adxudicación de destinos provisionais para o curso que comezaba mandábame a unha cousa chamada 'Extensión EOI Ribeira'. Logo de facer un proceso de pescuda informacional descubrín por primeira vez a existencia dunhas institucións das que, malia a súa proximidade (case enfronte da facultade de Filoloxía en Santiago, e no mesmo instituto no que eu estudara en Noia), endexamais escoitara falar: as Escolas Oficiais de Idiomas.  

Os que visitades esta bitácora imaxino que estades mellor do ca mín no 2010 e saberedes de certo que as EOIs son institucións públicas españolas de ensinanza de línguas estranxeiras, maiormente a adultos. Como tal, son unha cousa bastante única (case non existen equivalentes noutros países, agás dentro do ámbito privado e/ou universitario), o cal quizaves sirva de excusa parcial para a miña ignorancia.

Porén, anque tivese coñecido a fondo a institución con anterioridade, non penso que me tivese plantexado traballar ou facer oposicións daquela para o corpo de EOIs. Certo é que a ensinanza da adultos (como foi o caso) pode ser moito máis levadeira para quen comeza a profesión docente, ao estar exenta na súa case totalidade de problemas de disciplina (o alumnado non soe ser menor de idade, e a asistencia é relativamente opcional), pero iso vese bastante equilibrado por outros factores, entre os que destaca un eminentemente práctico: sácanse habitualmente poucas prazas e poucas veces a concurso-oposición (especialmente en relación a secundaria-inglés). 

Neste contexto, pois, andaba o mantedor coa súa primeira experiencia de docente en aula, na EOI de Santiago e na súa escola-satélite de Ribeira, que era onde se impartían as clases. Na sección eramos 4 docentes, todos de inglés; só unha (Diana, a xefa de estudos) era propiamente do corpo de EOIs; os demais estabamos en secundaria, xa fose en prácticas ou en expectativa de destino definitivo.

Se non me falla a memoria, o meu horario estaba un chisco coxo: tratábase do curso no que suprimiran as materias complementarias, e á espera de ver se Xunta facía algunha excepción, tiña ao meu cargo 3 grupos nada máis: dous de Intermedio 1 e un de Básico 1; uns meses despois habíase cubrir o buraquiño de catro horas e media que me ficaba cun curso para profesores (daquela chamábanse DECEL) de nivel Intermedio 2.

Como xa vos dixen nalgunha ocasión, a miña arribada ao mundo da docencia en inglés fora accidental, máis que vocacional, co que este primeiro ano, véndoo en perspectiva, tivo para mín unha non escasa dose de estrés. Sobre a marcha tiña que aprender a dar aulas da língua de Shakespeare en sesións bastante intensas de hora e media, e a familiarizarme cos métodos de traballo e as expectativas dun docente de EOI (bastante altas neste eido, e máis na EOI de Santiago, onde os docentes non son illas ailladas no océano educativo, senón que teñen que colaborar activamente compartindo materiais e preparando probas comúns por niveis impartidos). Como soe suceder nestes casos, apoiábame (sobretodo nun principio) demasiado no libro de texto, e non traballaba o suficente as actividades comunicativas; malia isto, o alumnado de Ribeira penso que foi moi benevolente comigo. Peor se me presentaba o traballo nas coordinacións cos compañeiros composteláns, xa que eles agardaban, entre outras cousas, que elaborase suxerencias para probas de exame de comprensión oral que non tiña os coñecementos técnicos para elaborar (básicamente, o emprego do programa de edición audacity) nen a seguridade en mín mesmo para expoñer as miñas limitacións e solicitar axuda.

Xa que logo, ese curso avanzou e rematou con máis pena que gloria, malia proporcionarme algunhas boas experiencias e contactos; por iso, cando no verán seguinte o concurso de adxudicación de destinos provisionais me destinou á EOI de Vilagarcía, acollín o traslado con certo alivio.

Máis pequena ca Santiago pero máis grande que a sección, na EOI Arousana eramos arredor de 10 docentes de inglés (sobre 20 en total), entre os que estaban persoas coas que moi cedo fixen moi boas migas persoais, coma Pili e Olga, Inma de Italiano, Verónica de Francés, Ignacio, Dolores e Xabi de inglés. Desta volta tocábame ensinar -penso- os mesmos niveis que o curso anterior.

Non lembro moito o desenvolvemento das aulas, anque sí teño a vaga sensación de que a miña performance foi algo mellor e máis relaxada. Pasiño a pasiño ía aprendendo a preparar actividades, a coordinarme mellor, a acertar cos requisitos dos niveis. Iso e as afinidades persoais levaron a que para o curso vindeiro mudara a orde das miñas peticións para garantizar que repetiría nesa Escola, aínda podendo rematar doutro xeito máis perto da casa. E nese terceiro ano non só consolidei amizades e habilidades; podo dicir que a esas alturas pasei a sentirme totalmente cómodo coa ensinanza de inglés nas EOIs; xa se convertera nalgo que sabía facer relativamente ben, e a elaboración de listenings ou os niveis altos xa non me impoñían temor. Pódese dicir, collendo emprestada a expresión anglosaxona, que os dous anos en Vilagarcía made my bones; e cando o curso seguinte voltei á sección de Ribeira, penso que as boas compañeiras dalá (e da central) puideron forxarse unha nova e mellor imprensión de mín e das miñas habelencias docentes. De feito, o curso 2013/2014, na compaña de Diana, Mariló e Patricia, garda un espazo moi íntimo no meu corazón polas súas gratificacións persoais e profesionais.

A Roda da Fortuna, porén, estaba a piques da dar un dos seus bruscos xiros, en boa medida motivados polo meu desleixo nas peticións do concurso de traslados; a adxudicación para o curso 2014/15 mandábame por primeira vez para secundaria (e con afín castelán!). Do que pasou nese ano académico, e de cómo influiu nas miñas perspectivas laborais, falaremos na seguinte volta.

sábado, junho 15, 2019

Ad Vocatio (7)

Rematábamos a última entrada desta miña crónica laboral-vocacional un pouco coma comezan as Soledades de Góngora:

Del Océano, pues, antes sorbido, 
Y luego vomitado 
No lejos de un escollo coronado 
De secos juncos, de calientes plumas 
-Alga todo y espumas- 
Halló hospitalidad donde halló nido 
De Júpiter el ave.

Porén, e alén de deprimirme, o naufraxio temporal das miñas aspiracións docentes non mudou os meus plans e expectativas: simplemente as puxo en espera no refrixerador do tempo. A tónica daquela imperante era que as oposicións de secundaria tiñan lugar cada 2 anos, co que no paréntese de 730 días que mediaba, decidín ir mellorando as miñas perspectivas na medida do posíbel. Gato escaldado, a segunda volta pilloume cun bo coñecemento dos mecanismos de acceso, e co máximo de puntos dispoñíbeis para unha persoa sen experiencia laboral -cortesía ben pagada duns vergoñentos cursos de ANPE-Albacete e do CSI-CSIF-. Fun repasando e pulindo aínda máis os temas, e polo medio, topei tempo de facer (bolsa mediante) un máster que, anque entretido e útil en certos aspectos (o de toparme a Noriko ante todo), só sumou un par de puntos ao meu expediente e a vía aberta a un camiño de bolsas doutorais no caso de fracasar no asalto ás ensinanzas medias.

Mais outro encallamento agardaba á miña navegación: cando en decembro do 2009 saíron as especialidades que se ían ofertar no concurso-oposición do ano vindeiro, comprobei con estupor que non se convocaban prazas de Xeografía e Historia. Sí sacaban vacantes para Secundaria - Inglés, e ante a perspectiva de ter que botar outro par de anos no limbo, tiven que redirixir o rumbo da miña nave cara unha terra algo inhóspita, e ao xeito de Robinson Crusoe, tentar sobrevivir e acomodarme nela; coma no caso da personaxe de Defoe, os meus estudos e o meu coñecemento da língua dábame suficientes ferramentas de base para ter posibilidades realistas no eido; así que procurei axenciarme como puiden nun tempo limitado temario, programación e unidades didácticas e púxenme a preparalo todo dende cero. 

O caso é que non era demasiado optimista, e non era só a dificultade o que me tiraba para atrás: a perspectiva de ter que ensinarlle inglés (non literatura, historia da língua ou cultura) aos adolescentes non se pode dicir que me entusiasmara: estudar gramática estivera a piques de impidirme facer a segunda carreira, e ensinala parecía tan só marxinalmente mellor ca poñer ringleiras de tixolos ao aire libre. Con todo, na oposición de Inglés sí ía ter unhas ventaxas moito máis transparentes para o tribunal que toda a miña sapiencia historicista, e contaba que nun futuro non lonxano podería aproveitar pasarelas para adquirir a especialidade de Historia dende dentro, cousa que fixen na primeira ocasión en que tiven a oportunidade de facelo. 

Novamente na canícula ourensá, novamente tamén unha certa sorte acompañou ao proceso dende a mesma elección a sorteo dos temas; malia levar moitos menos (e peor preparados) que na especialidade outra, un dos que caeu, e que fixen (61: A incidencia do cine na difusión da produción literaria en lingua inglesa) era seguramente o mellor e máis orixinal que podía redactar; as defensas tamén transcorreron satisfactoriamente, e ao final do proceso, topeime que estaba dentro, que logo de magallánica singradura a nave por fín arribara ao porto, e comezaba o meu percorrido laboral coma o primeiro servidor educativo do meu estado. Na seguinte volta veremos cómo a experiencia de ensinar inglés (e nunhas institucións que nen sabía que existían) ía a mudar bastante as miñas visións e expectativas laborais.

sábado, maio 04, 2019

Ad Vocatio (6)

Como dicíamos na entrada anterior, o ano académico 2007-2008 era o primeiro ano da miña vida (se excluímos os 6 primeiros) en que non participaba de ensinanzas regradas, e no que decidín que tiña que poñerme a buscar traballo de xeito relativamente urxente. Algúns benintencionados amigos pretendían aloularme con cantos de serea para que me plantexase facer doutorados aquí ou no estranxeiro, pero eu tiña a sensación (seguramente correcta) de que xa estudara dabondo e de que podía moi doadamente rematar no círculo vicioso dos bolseiros pre e post-doctorais que logo duns anos de traballo precario están cunha man diante e outra detrás, e xa perto dos 40 anos. Dentro das opcións laborais dispoñíbeis e medianamente realistas, a que máis me chistaba era a de profesor de historia en secundaria (o de ensinar inglés nen se me pasaba pola cabeza; que disfrutara de partes da carreira non quere dicir que pensase pasalo ben adoutrinando a adolescentes con gramática), anque vendo as cousas en perspectiva, non era plenamente consciente das características e sinsabores dese traballo. Abusando unha vez máis da xenerosidade familiar, ese ano adiqueino a estudar os temarios e facer programación, para o que me axudaba acudir dous días á semana a unha academia compostelá.

Como en tódalas oposicións, a competencia soe ser bastante dura, anque comparándome cos compañeiros de aulas, topaba motivos para ser optimista. Ao final levaba moitos temas moi ben preparados, seguramente moitos máis dos que necesitaba, e unha programación bastante decente con tódalas mentiras e parvoices pedagóxicas que xa me predicaran no CAP e que tiña a intención de cantar coma un papagaio. 

Un aspecto que me xogou a primeira das malas pasadas, e un anticipo do porvir, foi unha excesiva confianza nos méritos puntuábeis que tiña, e un descoñecemento do mecanismo bastante infame de compra/venta de pseudo-cursiños educativos que se estilaba naqueles días. No baremo final contaba cuns ínfimos 2.7, o que xa ía facer aínda máis costa arriba a competición; máxime co modelo de opos que rexía naqueles anos, o da famosa 'disposición transitoria' que privilexiaba moito a experiencia docente e minimizaba no posíbel os exames.

Chegados a Ourense e ás probas, o certo é que me desenvolvín dun xeito moi satisfactorio ao meu entender. Dos 5 temas do sorteo podía facer alomenos 3 con soltura, nun dos cales podía considerarme, amais, un experto; era o 50, As Revolucións Rusas, e aínda a día de hoxe, tendo en conta a subxectividade inevitábel, non penso que ninguén fose capaz de facer un tema máis extenso e completo do que producín nas limitadoras 2 horas coas que contábamos. Das defensas de programación e unidade didáctica lembro pouco, anque tiven tempo de expoñer todo o que pensaba dicir e de tocar tódolos paus que pensaba tocar. 

Uns días despois chegaban os resultados e o correspondente mazazo. Non se pode dicir que sacara unha nota terríbel, xa que se trataba dun 7.8 sobre 10; porén, alén de considerala baixísima para a produción que fixera, era claramente insuficiente para superar o concurso-oposición, dado o meu limitado baremo.

O peor de todo non era, contodo, o fracaso, senón a sensación de imposibilidade futura, xa que me vía incapaz de poder facer uns exames mellores aos que xa fixera. O corolario inevitábel que se seguía disto era a moi real perspectiva de que non puidese aprobar unhas oposicións, e pasase a engrosar de xeito semi-permanente a listaxe de parados sobrecualificados. A miña situación teríame resultado aínda máis tétrica se soubera daquela que ían tardar case 6 anos en voltar a convocar probas de Xeografía e Historia.

Sen ter claro qué facer da miña vida, agás probar sorte de novo na(s) convocatoria(s) seguinte(s), a finais de 2008 deixeime enlear para facer un máster relativamente asequíbel na USC. Non tiña nada que perder (as oposicións de secundaria convocábanse en anos alternos), e unha bolsa que gañar, xunto con algunhas outras cousas que non entraban nos meus plans. Coa perspectiva do presente, diría que ese fracaso do 2008 foi unha caída afortunada, sen a cal non tería coñecido á miña dona nen estaría traballando nun oficio (e nun sector) que me resulta moi satisfactorio, ao contrario do meu pequeno excurso nas ensinanzas medias. Mais diso xa falaremos en vindeiras entradas.

sábado, abril 13, 2019

Ad Vocatio (5)

Rematábamos a entrada anterior cos comezos dos meus estudos de doutoramento. Por aquelas mesmas datas decidíame, coa excusa de que ía ter que botar alomenos 2 ou 3 anos máis en Compostela entre o DEA e o CAP, a comezar unha segunda carreira: Filoloxía Inglesa. Coma en tantas ocasións na miña vida, seguramente tomei a decisión correcta anque por motivos equivocados. Entre estes últimos imaxino que estaban a facilidade que lle supuña aos estudos ingleses, dado que xa posuía un dominio efectivo da língua, o meu crecente interese pola literatura e a inercia de seguir estudando no canto de tirarme á piscina da pescuda laboral. 

Novamente, non podo dicir que a carreira me decepcionase. Desta volta as miñas notas foron aínda mellores, e puiden colleitar unha carretada decente de matrículas, que alixeiraron en non escasa medida o custo dos estudos. Arredor dun tercio das materias eran de língua, outro tercio de literatura e cultura e un último bloque mixto de gramática, historia da língua e cousas varias. Foi eiquí onde topei sorpresas agradables, e tamén os ósos que case me tiraran para atrás á hora de plantexarme unha filoloxía, mais sobrevivín ás gramáticas, e tamén á fonética.

En paralelo con Historia, tamén eiquí descubrín 3 cousas relavantes, anque desta volta caeron na cesta do positivo, a saber:

1) Estes estudos tiñan moitas máis saídas laborais que os previos. Non é que iso tivera influído na escolla (aínda máis: nen sequera me plantexaba, por aburrida,  a saída de profesor de secundaria - inglés), pero nos últimos anos da carreira comecei a gañar algúns cartos coma tradutor. Nada para facerse rico, anque naqueles anos de burbulla inmobiliaria e subvencións, un podía gañarse modestamente a vida no verquido bidireccional de palabras e libros.

2) Se a investigación histórica aburría ás ovellas, descubrín, pola contra, que a literaria me resultaba moi entretida. Isto foi fillo sobretodo dunha optativa de literatura comparada baixo a éxida de Anxo Abuín, que conseguiría captarme para escribir algúns artigos de revistas e para percorrer algunhas cidades do continente cos congresos do Urbes Europaeae.

3) A terceira descuberta non foi exactamente de cousas, senón de persoas: nos anos da segunda carreira socialicei moito máis, incluso con persoas normais, e coñecín e fixen contactos con xente do máis interesante: Pablo e David, Tomás e a súa pandilla de xogadores de rol, ou os poetas do grupo Comparatista de Compostela.

Mais todo chega ao seu final. Apenas unhas semanas de rematada a carreira e de rematar (iso pensaba) coa ensinanza regrada comecei a pescuda dun traballo estábel e 'do meu' na administración, preparando oposicións de secundaria para Xeografía e Historia. Mais diso falaremos noutra xornada.

domingo, março 31, 2019

Ad Vocatio - Interlude

Un coñecido xornal galego saca hoxe coma suplemento unha guía de estudos superiores para o curso académico 2019-2020. Logo de curiosear un pouco nela, e anque hai moita información útil e relevante (notas de corte, lugares onde se imparte o grado / ciclo, ponderacións, materias básicas, saídas laborais...) boto en falla, sobre todo nas carreiras de Humanidades e Ciencias Sociais, datos algo máis relevantes, por exemplo que as meras saídas. Moi útil sería coñecer as porcentaxes aproximadas de egresados nesas saídas e nas derradeiras promocións (bo material para comerse a cabeza e tentar guiar mellor a toma de decisións o saber, digamos, que o 35% dos graduados en Historia rematan coma docentes de secundaria, e o 0.001% de docentes universitarios).

domingo, março 24, 2019

Ad Vocatio (4)

Toca recalar, nesta xeira de entradas, nos anos da miña primeira carreira universitaria. Os que seguides esta serie poderiades pensar, vendo a miña actual traxectoria, que a licenciatura de Historia me resultou decepcionante; nada máis lonxe da realidade.

En efecto, estaba a facer uns estudos nos que tódalas materias eran especializacións da miña teima favorita, e polo tanto, todas potencialmente interesantes. A facultade en sí era un edificio monumental, belido e antigo (e niso tan diferente á horrenda construcción de Matemáticas onde fixera a selectividade), e as súas mesmas pedras e retratos pendurados parecían confirmar o carácter sacral deste templo dos saberes de Clío. Sumádelle a isto que os meus compañeiros de aulas na súa maioría non eran alumnos vocacionais, senón rebotados, o que facilitaba que con relativamente escaso esforzo podía seguir sendo, coma no bacharelato, un dos máis listos da clase. Ás veces comenta o amigo Ramón Blanco que eu nunca estudaba para a carreira, o cal non é estritamente certo; o que ten de verdade tal comentario é que raras veces pasaba a noite ou o día anterior aos exames memorizando, xa que con ir lendo e ir facendo, nas aulas e no ocio, en xeral chegábame para pasar e aínda arrincar algunhas matrículas de cando en cando.

Porén, non todo eran froitos suculentos no Xardín do Edén. Malia estar estudando Historia todo o tempo, había materias tamén que me interesaban moi pouco ou nada: en xeral, as de Prehistoria, Arqueoloxía e Paleografía, polos contidos, e as de Historia Moderna; neste último eido o problema era que o departamento estaba (e seguirá estando, imaxino) copado pola escola/seita de Antonio Eiras Roel,  cun enfoque absolutamente centrado en historia económica e a demografía. A liña estándar dos seus traballos (digamos por concretar nun exemplo imaxinario, "Taxas de mortalidade e natalidade na comarca do Morrazo no século XVII") resultábanme totalmente carentes de interese, anque podía aceptar que eran traballos que podían ter o seu mérito, e que alguén tiña que facer (nunha liña non moi disimilar á do mantemento dos alcantarillados urbáns).

A serpe dos modernistas, porén, había seguir rillando no meu maxín e creando as primeiras sombras encol do meu futuro académico e laboral. Neses anos aínda seguía imaxinando que a miña principal saída laboral ía ser a docencia universitaria (e coma moi lonxana segunda perspectiva, quizaves a docencia en secundaria), mais nos últimos anos da carreira e nos cursos do doutorado fun descubrindo varias cousas desacougantes. 

A primeira foi que a investigación histórica (algo máis da metade do traballo dun profesor universitario) ía en xeral, en case tódolos departamentos, na liña dos modernistas, se non nas teimas estatístico-economicistas, sí na liña da elaboración de traballos aburridos, secos, triviais sobre aspectos concretos da historia de Galicia. Nada de escribir 'A Sociedade Feudal', a Méditerranée ou a Decadencia e Caída do Imperio Romano, senón monografías sobre mosteiros remotos, os seus tumbos e as súas propiedades; o foro e a propiedade da terra na Galicia contemporánea, ou as escavacións dos restos dunha vía secundaria romana a carón da túa aldea.

A segunda foi que en realidade, eu era moito menos listo do que pensaba; o meu expediente académico era bo, pero non excelente, e incluso no segundo dos casos, as posibilidades reais de acadar un posto profesional na Santa Casa eran realmente escasos, e requerían un longo peregrinar de anos polo deserto das bolsas e da precariedade. Ao pouco de comezar os estudos de doutorado, lembro ao meu titor, don Ermelindo Portela, sinalando a uns dos malpocados bolseiros que pululaban polos corredores perto do teito da facultade e dicíndome, no seu entrañábel e solemne castelán de Cantar de Gesta: "Acaba usted de comenzar el camino que le llevará a llegar ahí". Non lle contestara nada, pero sí cavilei que a meta que me propoñía era bastante decepcionante, e que o camiño que eu desexaba comezar era o de chegar a ser coma él. Creo que fora ese mesmo día, antes de aceptar a miña incorporación aos cursos de doutoramento, cando me inquiriu sobre perspectivas laborais futuras, dadas as malas perspectivas do noso oficio e alí faláralle (anque sen demasiada convicción interna) de que tiña pensado preparar oposicións de secundaria. A partir dese día, fun tendo claro que as miñas opcións para gañarme a vida a conta de Clío ían ter que pasar por ensinar a adolescentes e superar os exames de acceso á función pública.

sábado, fevereiro 23, 2019

Ad Vocatio (3)

No verán de 1998, logo da Selectividade, fixen a solicitude de matrícula na USC, poñendo a licenciatura de Historia coma primeira petición; miña nai conta que se enfadou un chisco cando llo contei, anque eu non o lembro así, e teño a impresión de que xa dende tempo atrás lles deixara moi claras as miñas intencións aos meus pais, ás que eles non tiñan a intención de oporse. Penso que a memoria da mater amabilis conxela a súa pequena frustración resignada a que o fillo con bo expediente académico non se metese a estudar unha carreira de proveito coma Mediciña.

O caso é que anque quixese daquela satisfacer os desexos familiares, o que eles quizaves non entendían é que a decisión xa se tomara moito antes, e non só polas miñas preferenzas: a escolla dun intinerario de Letras Puras en Terceiro de BUP (con 15/16 anos), impoñía xa unhas severas restriccións ao que, dous anos despois, ía poder estudar na universidade. E a escolla desa modalidade de bacharelato coceuse nos dous primeiros anos deste.

Dicíavos na entrada anterior que con 12 anos, a Historia era de longo a miña materia predilecta, mais isto non presentaba necesariamente un correlato coas outros humanidades. A afinidade con Clío veríase reforzada no IES Virxe do Mar polo maxisterio dun gran profesor que disfrutei 3 anos seguidos, Fernando Prieto Valdés (que hoxe exerce de vice no IES Arcebispo Xelmírez II da capital galaica) anque novamente penso que a esas alturas os malos profesores non ían poder quitarme o disfrute da asignatura. Porén, sí que tiña unha desinterese e antipatía manifestas polas materias de língua (galega ou española) e por todo o que se relacionase con gramáticas e análises sintácticas. Creo lembrar que en segundo curso víamos algo de literatura, e ésta resultoume moito máis potábel, sobretodo na súa vertente histórica (o medieval, os romances, e os anacos de literatura do século de ouro no libro de texto).

No eido científico-tecnolóxico, a bioloxía era a que máis me interesaba, e penso que non se me daba mal. A química resultábame moderadamente interesante, pero a física e as matemáticas compensaban de sobra polo outro lado -destas últimas tiven que ir a aulas de reforzo para poder tirar para adiante sen materias pendentes. Nos dous casos lembro notas paupérrimas nalgúns parciais.

Novamente, non creo que a culpa do malquerer se lle poida adxudicar aos docentes, anque neste caso, e no reverso de Fernando, non lembro que fosen nada bos, senón máis ben o contrario; de todos xeitos, o problema é que atopaba os problemas de física absurdamente complicados e carentes de interese, e ás matemáticas abstractas e traballosas. Non diría que vía as materias como pouco útiles, xa que ao contrario, partillaba xa daquela dunha mentalidade señoritil que miraba por riba do ombro a calquera coñecemento 'práctico' e 'aplicado'. Simplemente, usando unha metáfora economicista, o rendemento en autoestima e pracer intelectual que tiraba por esforzarme nestas materias non compensaba en relación con outras.

Neste caso falo de mín mesmo, pero sospeito que o problema da motivación e desa aparente habilidade intrínseca á que os adolescentes lle chaman 'dáseme ben' vai atada en moita xente ao binomio, ou divina proporción entre dificultade / recompensa; a falta de guías ou de presións, un vai escorando (e gustando) daquilo que se lle da ben e que lle require un esforzo razoábel. Só cando estás enganchado á materia e/ou a empregas para construír o amor propio estás disposto a lidiar con dificultades crecentes e a velas en positivo coma retos -sempre e cando os poidas superar, claro está; o docente sempre está a buscar esa zona 'Riciños de Ouro' onde o que ensina nen é demasiado doado (e aburrido) nen demasiado difícil (e desmotivador).

Coa historia no horizonte e un certo aprezo pola vida mol e estética e intelectualmente interesante do estudo das letras castelás, galegas e latinas, encarreireime, como digo, pola senda das Letras, onde había aprender e aprezar moitas cousas de interese. Non podo dicir que me arrepinta, anque sabendo o que sei agora, quizaves tería feito as cousas doutra maneira -só quizaves, porque en xeral son unha persoa moi feliz co que lle saiu na vida, anque tamén consciente da enorme sorte que tiven malia tomar moi arriscadas decisións de futuro en máis dunha reviravolta; mais iso xa daría para reflexións doutro tipo, alén do seguemento dos pasos perdidos que me levaron a ser o que son e a facer o que fago. E na seguinte entrada desta serie iremos debullando os meus acordes e desacordos cos estudos de Historiador na Alta Casa Compostelá.

domingo, janeiro 20, 2019

Ad Vocatio (2)

'Decíamos ayer' que as vocacións e os intereses son froito dun azar difícil ou imposíbel de clarificar. Continuamos hoxe cun pequeno exercicio de arqueoloxía persoal e dos camiños que fun tomando para rematar facendo o que fago e gustando do que gusto.

Acudindo á biografía familiar, houbo dous factores relevantes e contradictorios que penso influíron en alto grado nas miñas futuras escollas: a miña familia era (para o estándares dunha aldea galega dos 80) bastante próspera e acomodada ('Indianos' retornados de Inglaterra que botaron case unha década vivindo de rendas e intereses bancarios); ao mesmo tempo, o seu trasfondo era o de persoas case sen estudos, e que difícilmente podían encarreirarme e recomendarme lecturas; por outra banda, sí lles parecía moi ben que lese e que destacase na escola, cousa que non lles pasaba á maioría dos meus compañeiros de primaria. Todo isto supoño que levou a que a miña práctica lectora fose algo máis anárquica e autodidacta do habitual.

Sempre me gustou ler; gardo memoria, con poucos anos, de mirar para as letras grandes e con debuxos dun libro infantil coa frustración de non poder desnovelar os signos, e a memoria secundaria da miña nai dicíndome que aprendín a interpretalos a idade moi temperá. Entre as lecturas infantís, e da man de cousas máis predecíbeis (Mortadelo e Filemón, os tomos de Astérix, fábulas ilustradas, cousas de Disney...) xa ocupaban un espazo destacado os libros de mitoloxía e de historia. O primeiro destes que lembro é a Crónica da Humanidade publicada en 1987, e que penso foi un agasallo de Reis un tempo despois de ver o volume en Follas Novas e de pedir insistentemente por el. Por suposto que non fun capaz daquela de debullar as súas máis de mil duascentas páxinas, mais sí que lín moitas das entradas encol do Antigo Exipto, Mesopotamia, Grecia e Roma, e disfrutei das fermosas imaxes que as acompañaban. 

Lembro outro par de libros tamén, ou máis ben case cómics, sobre a vida cotián dos romanos, e outro similar que abarcaba á China de Han, aos Mongois, Nubios, Celtas, Bizantinos...

Algo máis tarde, con 11 ou 12 anos, a Historia xa se convertera na miña materia predilecta, e xa ampliara as lecturas a cousas máis concretas, varias delas collidas da miña estadía británica: a era das navegacións e exploracións oceánicas do século XVI, a Guerra Civil Inglesa, a Armada Española, os Austrias, as grandes batallas de tódolos tempos, a Idade Media e as dúas Guerras Mundiais, tanto en libros propios coma emprestados das bibliotecas de escolas e concellos. Libros que seguín engulindo e mercando nos tempos do instituto (por exemplo, os Atlas culturales del mundo, ou os 26 exemplares da Historia de España de Salvat).

Porén, esta narración parece algo teleolóxica, vista en perspectiva. Porque de pequeno tamén lía e gorentaba de moitas outras cousas que simplemente non toparon continuidade e non tiñan nada que ver cos escuros soños de Clío: lembro varios libros de bioloxía (dinosaurios, a vida na terra, o corpo humano; o que máis me fascinaba eran os virus e as bacterias), uns cantos de astronomía (Urania pouco lle tiña que envexar á outra musa na miña pre-adolescencia) e algunha outra cousa variada. Quizaves a ausencia máis salientábel era a falta de obras literarias de ficción, co cal volvo (e remato por hoxe) co trasfondo doméstico: na miña casa non se lía apenas, e menos obras de ficción; o apropriadamente filisteo era agasallarme exemplares de cousas prácticas e realistas, temperando o gusto polo fantástico dos nenos e empurrándome sibilinamente cara algunha futura profesión respectábel como a medicina ou o dereito.

domingo, novembro 26, 2017

Nuccio Ordine - A docencia

"A tarefa principal do profesor debera ser estudar e ensinar. Pero hoxe adícanse a participar en reunións, encher formularios e pasar a xornada discutindo cousas estúpidas, carecen de tempo para estudar e ensinar. Se os profesores non ensinan con paixón e tornan en burócratas, estamos a destruir o futuro da humanidade. Os mozos teñen unha pequena chama no corazón, e se non a alimentamos mediante a cultura, inflamarase por cousas negativas coma o racismo e o antisemitismo, que van en aumento. Un profesor que non prepara as súas clases comete un crime, mata esa pequena chama que está no corazón de cada mozo. Coma di George Steiner, unha ensinanza de mala calidade é, case literalmente, un asasinato. Ao contrario do que se pensa hoxe, a boa escola non a fan os computadores, as tabletas ou as pizarras dixitais, senón exclusivamente os bos profesores. Cando Camus gañou o Nóbel pensou en dúas persoas, a súa nai e o seu profesor, porque éste cambioulle a vida. Se a escola non muda a vida dos seus estudantes, fracasa na súa misión. Cambiar a vida significa que se convirtan en cidadáns que razoan de forma autónoma, capaces de diciren non, herexes no senso etimolóxico, alguén que non acepta o dogma e o pensamento único. Agora os dogmas son o consumismo, o conformismo e o utilitarismo".


Sacado dunha recente entrevista a Nuccio Ordine, autor de 'A utilidade do inútil' e 'Unha pequena biblioteca ideal'

segunda-feira, julho 10, 2017

Ad vocatio

Poucas verbas suscitan maior rexeitamento e suspicacia no mantedor que a de 'vocación'. Unha parte seguramente se deba ás súas asociacións relixiosas, anque unha parte maior se debe ao emprego interesado e torticero que se soe facer do termo: co gallo de que algunhas profesións teñen supostamente caracter vocacional, algúns non se cansan de pontificar que en tal caso, un debe estar contento de facelas cobrando a metade de soldo e traballando o dobre de horas, coma se o traballo fose unha labor misional ou unha especie de hobby; e non o é: eu no meu tempo libre adícome a ler libros (e ás veces, a comer xeados), e desafortunadamente, aínda non cavilei no xeito da conseguir que me paguen por calquera desas dúas cousas*. Cando se fala da docencia estes abusos do termo fanse aínda máis sangrantes e por iso, tal Goebbels, cada vez que escoito o palabro infausto boto man de xeito inconsciente cara unha imaxinaria pistola. 

Vaia por diante que eu pásoo moi ben no meu traballo, e que como calquera persoa de ben, tento levalo adiante do mellor xeito posíbel (mais iso chámase con outros termos: profesionalidade, seriedade, bo-facer, autoestima, dignidade e respecto cara un e cara os demais); o que non quita que se me deixasen de pagar por el ou empeorasen sustancialmente as súas condicións, buscaría adicarme a outra cousa. E o que tampouco quita que seguramente habería traballos nos que disfrutaría máis, globalmente (e moitos outros nos que disfrutaría moitísimo menos, ou nada).

Porén, do que quería falarvos de verdade é do carácter evanescente, impreciso, azaroso dos intereses académico-laborais que nos levan a escoller unha posíbel profesión fronte a outras, e que tamén constitúen a 'vocación' nun sentido máis laxo. Co paso dos anos voume dando conta do abismo que medra entre o que pensas que che gusta e o que, cando te ves no allo, realmente che gusta facer. 

Parte da culpa dos problemas neste terreo é que como adolescentes inmaduros temos que facer escollas académicas que abren e pechan portas de xeito case definitivo. A falla de guías claras, o máis probábel é que vaias percorrendo un camiño a base de afinidades e antipatías nas materias do bacharelato; no meu caso, con 13 ou 14 anos tiña clarísimo que adoraba unha disciplina académica por riba de todas (a Clío -non a cadela, senón a Historia con maiúsculas) e que pensaba gañarme a vida dun xeito ou doutro con ela; felizmente ignorante dos traballos reais (se teñen sorte) nos que soen caer a maioría dos seus licenciados, ignoraba tamén a miña habelencia ou interese para facelos -pero é que un dos moitos vicios e parvoices da adolescencia é  pensar que es especial e moito máis listo do que verdadeiramente es, e que as regras, limitacións e probabilidades que pairan sobre os demais non foron feitas para tí.

Do mesmo xeito que vía prístina e brillante a senda do historiador, non se me pasaba nen remotamente pola cachola que puidese rematar dando aulas de inglés - e disfrutándoo. Para o caso  no que agora me movo, nen sequera sabía qué era iso dunha 'Escola Oficial de Idiomas' ata que comecei a traballar nunha.

É que Deus sí que xoga aos dados, e debe disfrutar do xogo coma un anano. Noutras entradas quizaves vos debulle o auxe e caída das miñas sucesivas vocacións, e de cómo fun descubrindo os adoquíns debaixo de cadanseu espellismo da praia paradisíaca...   


*Acéptanse suxerencias e propostas laborais ao respecto!

segunda-feira, dezembro 19, 2016

MOOCs - pobreza absoluta

Uns meses atrás falábavos da miña experimentación cos cursos online, os MOOCs (Massive Open Online Courses). Chegado o intre de avaliar, só podo dicir que a experiencia foi enormemente decepcionante, e que estes cousiños, 'sombras andantes, actores malos' están a anos luz de substituír (ou incluso, de meramente acompañar) á ensinanza universitaria regrada.

E non pensedes que disfruto facendo de 'cenizo' dixital. De feito, emprego con gusto tecnoloxías educativas no meu traballo cotián (agora, especialmente, edmodo), e sei darlle creto a quen o merece (a estupenda Khan Academy, por exemplo, da que tamén temos falado). Pero o caso é que os MOOCs son unha cousa tan paupérrima que un non sabe por onde comezar a criticalos...

Un primeiro aspecto sería, quizaves, os materiais. En ningún dos cursos que mirei en Coursera, Stanford ou California, os materiais eran de boa calidade. O método MOOC parece consistir en inserir videos breves, para non aburrir (menos de 4 minutos) con contidos moi esquemáticos. Eses contidos están moito (pero moito) mellor explicados en calquera manual sobre a materia que un pode mercar ou descargar, co que a única 'ganancia' que representan é, para os mitómanos da imaxe, que son videos.

Mais o peor está por chegar; logo de ver os videos, hai uns tests da autoavaliación misérrimos para practicar os contidos. Os tests son claramente insuficientes para avaliar nada, e compleméntanse con actividades de 'comentario breve' que serán avaliados... por outros estudantes! Podo entender a lóxica que leva a isto (corrixir e ler exercicios é moi time-consuming, e os ofertadores de cursos gratuitos non van a contratar a xente para que fagan ese traballo), mais esa lóxica non fai a estes cursos menos inútiles do que son.

Por outra banda, estes cursos non xeran ningún tipo de certificado que teña valor ou recoñecemento en ningures (nen a nivel universitario, como créditos de libre configuración, nen laboral), o que fai tanto máis sorprendente que se pretenda cobrar por eles (algo que Coursera tenta dende o comezo do ano en curso, en que xa nen sequera permite autocorrixir os exercicios de moitos cursos sen pasar por un previo 'pago').

Por todo o exposto, e a día de hoxe, os MOOCs son, ao meu ver, un puro lixo ao que non paga a pena prestarlle a mínima atención. Quen queira aprender cousas novas faría ben collendo uns bos manuais e estudándoos, ou plantexándose a ensinanza universitaria a distancia. Quizaves nun futuro moi, moi distante, as universidades acaben facendo mini-cursos dixitais de calidade e con recoñecemento; mais a teor das patéticas mostras dispoñíbeis, ese día está máis aló deste horizonte que se albisca.

sábado, agosto 27, 2016

Curseando

Un  par de meses atrás, explorando aplicacións educativas dixitais, decidín probar os cursos online que ofrecen gratuitamente algunhas universidades a través de plataformas coma coursera; sospeitaba, con razón, que estes materiais de balde ían a deixar un tanto que desexar, coma case tódalas mostras de productos que se ofrecen en rúas e supermercados; a miña primeira experiencia (How to Learn Math: For Students, da universidade de Stanford) confirmou as sospeitas.

Porén, voulle dar outra volta de porca nestes días, tan de retorno aos estudos, de setembro. Apunteime a outro curso de Stanford (Introduction to Mathematical Thinking) que me parece ten un pouco máis de empaque, e a outro choio da universidade de California en Irvine: Pre-Calculus: Trigonometry. Xa vos irei contando como van...


quinta-feira, janeiro 14, 2010

Aí lles doe - There it hurts them

Seguimos nestes días de vento e chuvia a darlle voltas ao indimenticabile borrador do decreto do galego onde, como é ben sabido polos lectores, e coa escusa demagóxica e irrealizábel da introdución do inglés na ensinanza, aprovéitase para xustificar de facto o que será unha hexemonía aplastante do castelán.

É unha mágoa que estropeen deste xeito unha ocasión para tentar arranxar a que sen dúbida é unha das (moitas) eivas do sistema educativo español: o mal que funciona para a aprendizaxe do inglés, convertido en auténtica koiné do mundo contemporáneo. A experiencia persoal cos habitantes de media Europa, outros mundos e parte de Portugal testemuña que, en efecto, a xente nova de máis alá dos Pirineos chega a uns niveis máis que aceptables na língua de Shakespeare. Dado que rexeito a hipótese de que os peninsulares sexan máis parvos, moitas cousas deben de fallar nas aulas. Unha alomenos podería ser o centramento en gramáticas e lecturas e a nula praxe oral (moito máis complicada para os mesmos profesores, tamén).

Tentar arranxar isto requeriría dunha serie de medidas que son inaplicábeis no actual marco educativo. Por exemplo, esixir a obligatoriedade de língua extranxeira sería seguramente ilegal coa lexislación vixente; e para o profesorado fixo cústame imaxinar 'estímulos efectivos' á marxe da obligatoriedade como para levar adiante a complicadísima labor de dominar unha língua foránea e dar clases nela. Incluso para un falante nativo e coa titulación académica pertinente (permítase a intromisión persoal e narcisista...), a experiencia non estaría exenta de complicacións e dificultades que non terías dando as aulas en galego/castelán.

No mellor dos casos, pois, todo este ruxe-ruxe rematará nun novo apartado de méritos para os sufridos opositores, e aplicábel aos concursos de translados e similares do profesorado fixo; un mérito que se poderá obviar seguramente con otros máis doados de conseguir a través do patio de Monipodio dos cursos conchabados entre as universidades privadas e os sindicatos...

segunda-feira, fevereiro 06, 2006

Do Escuro Pensamento dos Reptís

A Vida, esa enorme Universidade de Perversidade Lúcida. E non me refiro aos significados máis toscos da metáfora, ou ás imaxes que é doado fiar arredor dela, con mestres impartindo aulas en auditorios de cadáveres momificados; ou a eterna repetición do panóptico taboleiro de Xadrez na Trinidade Laica de Colexio-Cárcere-Empresa...
As dispersas hebras do coñecemento -Cabezas Agresivas de Hidra- devorándose con tenrura, amor e un apetito insaciábel. O coñecemento desfaise en fíos cada vez máis finos; miopía da hiperespecialización: materias tan absurdas e baleiras de contido como a mesma existencia.
Nunha aula sen xanelas, paredes de negro e crocodilos disecados flotando do teito, un profesor cego, tolo e mudo explícalle animadamente aos rapaces o tópico semanal: o escuro pensamento dos reptís.
O docente desenpoa vellas xenealoxías, restos fosilizados e tratados de bioloxía. Entre os nosos antergos non ten que remontarse moi atrás para atopar no periodo Pérmico (fai 299 millóns de anos) a estraños mamíferos-reptís, tíos lonxanos nosos: os Terápsidos. Algúns parecíanse a ratas grandes; outros (entre eles o famoso Dimetrodon, do que adxunto esquelete) pasan por dinosauros a simple vista.



Polo que o tema do pensamento reptílico transmuta en asunto de familia. Anque a verdade, non tiñamos que remontarnos máis alá das nosas propias cabezas.
O sistema límbico é a parte máis anterga e pequena do cerebro humano. Formouse fai centos de millóns de anos, e ten moitas semellanzas co cerebro actual dos reptís.
As funcións deste pequeno bulto, situado xusto no comezo da espiña dorsal, céntranse nas emocións básicas -amor, odio, medo, desexo- e nos procesos inconscientes -respiración, autoxestión cerebral, ritmo cardíaco estábel, mecanismos de loita/fuxida-.
Carece de linguaxe. Os seus impulsos son instintivos e rituais.
Poderíamos dicir, xa que logo, que séculos de Complexo Pensamento Racional e Sofisticado limítanse a capas algo máis sofisticadas coas que se foi cubrindo o froito orixinario -o noso Universo nunha cáscara de Noz; e a Razón sobre e arredor dela, flotando coma aceite ou reviravoltas de xelado de vainilla.
Curioso...
Rematou a clase. E o alumno aquel que adora ás serpes (e que cando se pon nervioso pasea instintivamente a língua polos beizos) vai meditando nas súas afinidades con Miña Señora Cobra.
O alumno era eu.
Mais os detalles da miña ofiolatría deberán quedar para outra xornada.