Mostrar mensagens com a etiqueta Dante. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Dante. Mostrar todas as mensagens

sexta-feira, maio 01, 2026

Reseñas - Dante Alighieri, Purgatorio

No agora ben remoto ano de 2005 aproveitei que algúns dos meus mellores amigos da universidade estaban a pasar un ano de Erasmus na Universidade de Boloña para visitalos durante as vacacións de Semana Santa e facer algo de turismo polo norte de Italia. Ademais de Boloña, fixen algunhas excursións moi agradables a Ferrara, Rávena, Florencia e Padua. Italia éche un Paraíso Terreal se che gorentan a arte antiga e a boa comida.

Tamén aproveitei a ocasión para mercar unha morea de libros italianos, tanto para min coma para outros amigos. Entre eles había unha edición en tres volumes da Divina Commedia, publicada por Mondadori e anotada por Anna Maria Chiavacci Leonardi. Cada tomo é un mamut gargantuesco de máis de mil páxinas, no que entre a metade e dous terzos de cada páxina están ocupados polas notas ao pé.


Moitos anos, mais nunha data que non podo precisar máis que indirectamente por comentarios nesta bitácora, lin o primeiro volume, Inferno, e gorentei moito del. O meu modus legendi consistía en reservar dúas ou tres horas cada domingo pola mañá para cada canto: primeiro lía unha tradución, despois a edición italiana con notas e, finalmente, remataba con outra lectura do italiano sen as notas. Gustábame referirme a este pequeno ritual persoal meu coma Dante nella Domenica.

Mais o certo é que non estaba seguro de que Purgatorio ou Paradiso me fosen a resultar tan atractivos, e de feito cheguei máis ou menos ao canto X ou XII do primeiro para logo deixalo aparcado para un momento futuro. Ben, ese intre comezou o pasado mes de novembro e rematou uns días atrás. A miña motivación para retomalo foi que unha persoa que aprecio moito estaba atravesando un tempo de probas e purgacións, e sentín que ler o Purgatorio e escribirlle sobre el era un esforzo decente por mostrar empatía e solidariedade. Tamén coincidiu, en parte, co feito de que unha das canles de podcast que me gusta escoitar, Ascend: The Great Books Podcast, estaba facendo unha lectura del durante esta Coresma.

Purgatorio: o contido

Se estás lendo esta recensión, probablemente xa saibas algo da Divina Comedia; e se non é así, podes atopar moitos resumos mellores ca o meu —a Wikipedia fai un traballo bastante bo, e con imaxes!—. Pero antes de pasar ao núcleo desta reseña, é dicir, a explicar por qué deberas ler a Commedia en xeral e o Purgatorio en particular, convén ofrecer unha breve panorámica do que sucede neste libro.

Despois de explorar os castigos do Inferno co poeta Virxilio como compañeiro, Dante chega ao pé do monte Purgatorio, a única terra que existe no hemisferio sur do noso mundo. A montaña está dividida nunha xerarquía de espazos polos que teñen que pasar as almas dos defuntos que se salvaron, pero que aínda non son o bastante puras para entraren no Ceo. Ao pé da montaña hai un espazo de espera para aqueles que se arrepentiron demasiado tarde ou foron excomungados. Despois comeza o Purgatorio propiamente dito, con sete terrazas, unha por cada pecado mortal, empezando polos peores e ascendendo cara aos menos graves. As tres primeiras —Soberbia, Envexa, Ira— son para aqueles que pervertiron o amor cara fins impropios ou maliciosos; o nivel intermedio, para os preguiceiros, aqueles que non amaron dabondo; e as tres últimas —Avaricia/Prodigalidade, Gula e Luxuria—, para aqueles que amaron demasiado algunhas cousas boas, pero non o Ben Supremo.

A diferenza do que sucede no Inferno, as almas deben pasar por todas as terrazas, permanecendo máis ou menos tempo segundo os pecados que máis cultivaron en vida. En cada terraza topamos un castigo —ou mellor dito, aquí, unha práctica de purificación— que se corresponde co pecado e forma o seu contrapasso: os soberbios son esmagados baixo o peso de pesadas pedras, os larpeiros son sometidos a unha fame e unha sede extremas, e os luxuriosos teñen que correr arredor dentro dun muro de chamas. E tamén, en cada terraza, Dante detense a conversar con algunhas das almas, entre elas amigos e figuras famosas. Cada terraza está asociada cunha oración e cunha benaventuranza bíblica, e nela as almas que se purgan son lembradas, de distintos xeitos, de malos e bos exemplos do seu pecado: entre os bos sempre hai algún episodio da vida da Virxe María que exemplifica a virtude oposta ao vicio; tamén atopamos unha combinación de imaxes clásicas e cristiás para estes exemplos. Despois de atravesar cada unha das terrazas e quedar parcialmente purificado á saída de cada unha, Dante chega ao cumio, onde se atopa o Xardín do Edén, reencóntrase coa súa amada Beatriz e queda completamente limpo para o seguinte paso da súa viaxe: o Ceo.

Por que deberas ler este libro?

Para a boa xente de The Great Books Podcast, a razón é obvia: Dante é un mestre, e o seu poema é un medio eficaz que che axudará no teu ascenso espiritual cara a Deus. Isto está bastante preto do que Dante probablemente pretendía facer co seu poema, e encaixa cunha visión moi medieval das artes como destinadas a cumprir unha función didáctica e, sobre todo, catequética. Aínda que sexa unha idea moi trillada, non deixa de ser certa: as esculturas e pinturas das igrexas e catedrais medievais estaban pensadas como unha “Biblias de pedra” nunha época en que a xente era maioritariamente analfabeta. O mesmo pode dicirse da maioría dos textos literarios e dos poemas.

Se, pola contra, es ateo e humanista secular, como é o meu caso, este argumento probablemente non che persuada, mais aínda así pódense topar para ler a Dante bastantes razóns que poida que vos resulten convincentes.

Dante é un poeta extraordinariamente dotado, e a Commedia é a súa maior obra. O uso da linguaxe nela é sedutor e encantador, e marabilla o lector non menos que, poñamos por caso, contemplar as vidreiras da Sainte-Chapelle, as esculturas do Portal Real de Chartres ou os frescos de Giotto na capela dos Scrovegni —que, como nota á marxe, foron o motivo expreso polo que fun a Padua na miña viaxe de 2005, e que o propio Dante podería ter visto mentres estaban sendo pintados en 1304–05—. Episodios do seu poema e fragmentos das súas tercinas aínda brillan como xoias e capturan a imaxinación contemporánea de lectores e escritores por igual (pensade, no noso caso, en Cunqueiro). E, ademais destas xoias esporádicas, toda a arquitectura do poema está estraordinariamente ben construída, cunha trama continua e densamente tecida, e con personaxes que cobran vida dun xeito moi pouco habitual na escrita medieval. Os medievais valoraban moito a alegoría, pero lendo, por exemplo, Piers Plowman, O Romance da Rosa ou The Castle of Perseverance, é habitual experimentar certa frustración polo unidimensionais e aburridos que resultan os seus personaxes alegóricos. Dante, pola contra, triunfa no empeño paradoxal de facer que os seus personaxes sexan, ao mesmo tempo, seres humanos concretos, completamente cribles, realistas e idiosincráticos, e personificacións alegóricas de abstraccións e conceptos teolóxicos.

Se queres saber como pensaban os medievais, non hai mellor porta de entrada que Dante. Darache moitas leccións de teoloxía —de feito, unha maneira de ver a Comedia é como unha versificación moi exitosa da obra de Tomé de Aquino—, de cultura, de como se entendían a soberanía e as relacións entre Igrexa e Estado, e entre o poder central e as cidades-estado locais. Nas súas páxinas, a Italia do século XIII cobra vida da maneira máis vívida que se poida imaxinar.

O poema de Dante converteuse moi axiña nun clásico da literatura medieval, amplamente lido e amplamente imitado. A maneira en que os católicos e, en certa medida, outros cristiáns imaxinan o máis alá foi moldeada decisivamente polo seu poema. Axudou a popularizar a lingua vernácula e cambiou a linguaxe da poesía; moldeou a identidade cultural italiana; converteuse nun inmenso depósito de imaxes, escenas e citas que a cultura posterior seguiu reutilizando en todas as artes —con exemplos en Chaucer, Milton, Blake, Doré, Eliot, Borges e o cinema moderno—; e segue situado no centro mesmo do canon occidental como o maior exemplo de “poema total” que tenta entretecer biografía, moralidade, política, metafísica e arte. Para rematar, é o exemplo perfecto desa idea, moitas veces trivializada, da cultura occidental como resultado da fusión da cultura xudeocristiá coa tradición clásica: o seu continuo entrelazamento é un fío de ouro que podes seguir por todas as páxinas da Commedia.

Con todo isto en mente, remato como comecei: deberas ler este libro. Se te plantexas ler tan só un poema medieval en toda a túa vida, que sexa este, nas súas tres partes. Hai moitas boas traducións, incluída unha versión galega de Darío Xohán Cabana. E unha vez rematadas as tres cánticas estarás preparado, coma Dante ao final do Purgatorio, puro e disposto a salire a le stelle.

domingo, fevereiro 08, 2015

Dante nella Domenica (2)

Seis anos atrás xa vos falaba dos praceres de ler ao alíxero Dante os domingos pola mañá. Daquela estaba co Inferno, e estreando a coidada edición de Maria Chiavacci Leonardi que me trouxera dunha estadía en Bologna cos amigos comparatistas. O curioso é que, coma o bo ateo supersticioso que son, deume naqueles días por establecer unha peculiar correlación entre o texto dantesco e a persoal situación laboral na que me atopaba: a dunha persoa con exceso de títulos e escasas posibilidades de rentabilizalos socialmente a través dun traballo apropiado e cunhas condicións dignas. Imaxinei que o remate do Inferno literario iría da man da fin do inferno do paro e das inseguridades anexas que este provocaba, e os desexos fixéronse realidade coa superación das opos do 2010.

Reanudo agora a lectura co tomo do Purgatorio e con outra superstición autoinducida: a de que o remate da súa lectura irá parello ao do fín deste curso e (temporalmente) da docencia en secundaria que tan ingrata se me está amosando na súa primeira experiencia. Porén, desta volta xogo con ventaxa, xa que sei case a ciencia certa (e depende dos destinos que eu mesmo poña no futuro concurso de traslados) cando e a onde me van a enviar cando chegue o próximo setembro. Entrementras, irei cadrando a lectura, ao ritmo dun canto á semana, para que encaixe o seu remate cos primeiros días do outono, e para engadir outra absurda e entretida fabulación persoal e privada ás moitas outras que xa cultivo, e das que vos irei informando en futuras xornadas. 

sexta-feira, fevereiro 19, 2010

O Canto de Ulises

Moitos son os cantos e as personaxes destacadas da Commedia Dantesca. E cadaquén ten o seu episodio favorito. Un dos que máis poder suxestivo ten sobre mín é o Canto XXVI do Inferno, habitualmente coñecido coma o 'Canto de Ulises' por ser a figura destacada que o protagoniza.

O escenario de fondo é oitavo círculo infernal, adicado a castigar os crimes de fraude, o engano consciente aos demais (e polo tanto, na escala medieval un pecado moitísimo máis grave que os de incontinencia ou os de violenza). O círculo subdivídese á súa vez en 10 pequenos foxos, ou bolsas (Malebolge, as malas bolsas), cada unha das cales ocupa un canto (ou ás veces, dous). Fronte a outros espazos do Inferno, a case totalidade dos presos do oitavo círculo soen carecer de dignidade e nobreza: aparecen representados con certa comicidade burlesca (os políticos corruptos, cantos XXI-XXII) ou con desprezo, en castigos degrandantes e empregando para describilos rimas 'ásperas e duras' (celestinos, seductores, afagadores, canto XVIII). Unha notoria excepción será o canto que nos ocupa.

A oitava bolgia castiga en teoría aos 'conselleiros fraudulentos', e polo tanto, aos que fixeron un mal uso da razón humana e da súa intelixencia. Fronte aos brados e berros acostumados, o escenario é de total silencio. Os condenados atópasanse consumidos e agochados por lumes propios, creando un escenario que o poeta compara cos vermes de luz nunha noitiña de verán, ou con Elías arrebatado no carro ardente. O espazo, a visión e as comparanzas son solemnes, a aumentarán cando unha das lapas dobres sexa recoñecida como aquela que acubilla a Ulises e a Diómedes, os heroes clásicos que "dentro da chama así xemen / o engano do cabalo que fixo a porta / por onde saiu dos Romanos a nobre semente. / E chórase dentro a arte pola que, morta, / Deidamia aínda se doe de Aquiles, / e do Paladión tamén se porta a pena".

Segue un impresionante soliloquio de Ulises, emprazado por Virxilio, onde o Laertíada narra o episodio da súa morte e derradeira viaxe, descoñecida nos poemas tradicionais. As lapas collen forma de beizos, e ceivan a historia de cómo o heroe convence aos compañeiros do pequeno barco a sulcar por mares denantes nunca navegados; como cruzan os estreitos de Hércules e por cinco meses percorren as augas extensas ate chegar á vista da Montaña do Purgatorio. O sopro divino afunde entón á nave e o mar péchase sobre as súas cabezas: 'infin che 'l mar fu sovra noi richiuso'.

Os engados do Canto son variados. Un deles é ver a reescritura do mito clásico a través dos lentes escuros e deformantes da visión medieval, moito máis moralista que a grega, e que non é quen de perdoar a intelixencia do heroe. Antes ben, o Ulises dantesco aumenta o delito do fraude e da retórica enganosa co da presunción, rachando cos límites que a Divinidade lle puxo á humana razón. Tal delito é o que parece procurarlle se non a condenación, certamente a morte, death by water.

A imaxe que máis me seduce é, contodo, a da épica da navegación e do periplo mariño, que moitos anos máis tarde retomarían o valor dos lusitanos e os versos do seu mellor poeta. A breve descripción da viaxe, baixo un inmenso ceo nocturno que se confunde co mar, e baixo a única luz da lúa e de estrelas descoñecidas, aparece así nas liñas do Toscano:

e volta nostra poppa nel mattino,
de' remi facemmo ali al folle volo,
sempre acquistando dal lato mancino.
Tutte le stelle gia de l' altro polo
vedea la notte, e 'l nostro tanto basso,
che non surgëa fuor del marin suolo.
Cinque volte racceso e tante casso
lo lume era di sotto de la luna...

segunda-feira, dezembro 14, 2009

Dante nella Domenica

Un dos praceres favoritos do mantedor para as mañás de domingo é o de ler unha cántica da Divina Commedia dantesca. Partindo da edición italiana e inzada de notas de Mondadori (commento di Anna Maria Chiavacci Leonardi), dou comezo a un close reading que inclúe a lectura pausada do orixinal e das notas, o cotexo cunha versión española e a relectura final e sen pausa do canto de novo na lingua orixinal. O proceso leva aproximadamente unhas tres horas.

Anque para outros periodos seguramente me vería nunha tónica disonante con Harold Bloom, concordo plenamente con el en que o Alíxero é sen dúbidas o mellor escritor medieval que existe. E non só pola calidade dos seus textos, senón porque a súa obra encapsula e exemplifica mellor que calquera outra case tódalas características distintivas da escrita 'medieval': termos como alegoría, exempla, fusión clásica/cristiá encarnan de xeito plástico e ilustrativo nas súas tercinas.

Dende que teño uso de razón (non moita) debo confesar un fascinio absoluto co modo de pensar medieval, que non son quen de explicarme, mais que segue aí. A sección de retábulos góticos e románicos dun museo xamais me cansa, e ata o texto menos amábel é quen de arrastrarme e de entreterme. Acéptanse interpretacións psicoanalíticas do caso (anque teño a mesma fé no doutor Freud ou en Jacques Lacan que na transubtanciación, e a teoloxía entretenme máis).

Todo o cal conclúe nunha serie de entradas que penso facer sobre o pensamento medieval e os exemplos dantescos. A primeira entrada servirá para reflexionar sobre o concepto mesmo de 'Medioevo', non pouco criticado incluso polos especialistas nesa materia...