Mostrar mensagens com a etiqueta clásicos. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta clásicos. Mostrar todas as mensagens

terça-feira, maio 25, 2021

La règle de bienséance (2)

Xa que nos puxemos a falar da farándula, imos a continuar cunha das miñas obesións neste eido: a dificultade, ou imposibilidade práctica, de disfrutar de obras de teatro clásicas (entendendo 'clásico' latu sensu,  non só no contexto gregolatino) que amosen un mínimo de fidelidade historicista ás técnicas de representación das súas respectivas épocas.

O teatro como espectáculo performativo, e non como texto literario, inclúe en cada representación e montaxe unha 'recreación' dunha obra dun xeito non disimilar a cómo fan os concertos musicais coas composicións e partituras dos grandes compositores. Porén, no teatro soe darse unha disociación entre o texto teatral, que como a partitura, soe manterse relativamente incólume (anque habitualmente recortado) e os demais elementos escénicos (vestiario, escenario, montaxe, escenografía...), onde directores e actores contan con maior liberdade de adaptación e modernización, por razóns que van dende o pragmático ao divulgativo ("adaptar un clásico aos gustos/inquedanzas do tempo actual").

Todo clásico, para seguir vivo, require dun diálogo activo e dunha reapropriación por parte do presente,  e temos exemplos moi logrados (estou pensado en adaptacións cinematográficas de Kozintzev, Kurosawa ou Welles, por exemplo) mais moitas veces, este argumento emprégase como excusa para evitar o esforzo (ético e estético) que debe representar a comunión con textos e ideas do pasado, a loita e superación de barreiras lingüísticas e ideolóxicas e de apertura e grandeza de miras intelectual a mundos que non son peores por ser distintos ao noso. Supoñer que un público non vai poder entender ou empatizar cun Romeo e Xulieta agás que o reconvirtamos nunha pelexa de bandas latinas, ou cun Ricardo III agás que transformemos a trama nunha recreación/censura do nacionalsocialismo dos anos 30 (trasunto moi imperfeito das monarquías renacentistas á sombra de Maquiavelo, ou das Guerras das Dúas Rosas) son, ao meu ver, recursos insufríbelmente paternalistas; perfectamente lexítimos quizaves, en contextos pedagóxicos, pero que dende logo non deberan de ser os únicos. Menos aínda tendo en conta que o teatros das nosas cidades a día de hoxe fican bastante lonxe de seren espazos para un público e nun formato popular e didáctico.

A miña experiencia de non-cosumidor de espectáculos teatrais dende moito tempo atrás nace precisamente desa frustración: cando ía ver, poñamos por caso, un Hamlet ou un Edipo (obras que ía ver para disfrutar do arte de Shakespeare ou de Sófocles, e non das vaidades e narcisismos dalgún director e/ou actor), as máis das veces topábame cunha montaxe 'moderna', cos personaxes vestidos con vaqueiros, espíndose e arrebolándose fariña enriba, reinterpretando e 'recontextualizando' cousas á luz das súas (ás veces) escasas luces, e demais ronseis de variada chocalleirada. Porén, non tería nada que opoñer a isto se alomenos existise, digamos, unha soa compañía de teatro clásica que puxese en escea obras fieis a letra e a espírito; aos aspectos e actuacións das representacións do seu tempo: traxedia clásica con coros e máscaras, por exemplo, comedia isabelina con roupaxes de época e declamación axeitada... Os espectáculos serían ben instructivos e divertentes, e penso que ampliarían as miras e a sensibilidade estética do público. Nisto, como en tantas outras cousas, os xaponeses lévannos séculos de vantaxe, e un alá pode disfrutar de música e danzas cortesás da dinastía Tang, teatro noh de finais da Idade Media ou pezas con monicreques renacentistas, todo segundo as convencións, valores e formas do tempo en que naceron.

Porén, como tal cousa non se vai a dar, tentarei consolarme con versións gravadas (teatro ou cine) o máis semellantes posíbeis a boas recreacións. Algunha cousa hai, como esta versión do Agamenon de Esquilo...

sábado, outubro 14, 2017

Reseñas - Hesiod's Ascra

Hesiod's Ascra

Anthony T. Edwards

2004, University of California Press

* * * * * (excelente)

Moi boa monografía multidisciplinar para aprender máis sobre a sociedade e a economía da Asca de Hesíodo e as interpretacións equivocadas arredor desta.


Para os lectores e estudosos da antigüidade, Hesíodo é ben coñecido coma un dos primeiros poetas épicos, algo posterior a Homero e o máximo representante da tradición beocia deste xénero, caracterizado (con base case exclusivamente motivada nos propios textos hesiódicos, os únicos supervivintes antigos del) pola súa temática práctica, didáctica e utilitarista. Ascra, a vila natal do poema, recibe tamén (infame) fama nos seus versos coma "cruel no inverno, dura en verán, nunca agradábel".

Neste estudo, Anthony T. Edwards propón, baseándose nos Traballos e os Días, unha reconsideración sobre o mundo grego do século VII a.C. nesta aldea, rexeitando moitos dos estereotipos e visións que se facían deste texto, dos conflitos que se reflexan nel e da situación social en xeral na transición da época escura á arcaica.

O mythos que o texto propón refutar é o seguinte: nos Traballos e os Días preséntase un conflito entre a voz poética e o seu irmán, Perses, acusado polo autor de preguiceiro e dependente dos 'reises engulidores de agasallos' da veciña polis de Tespias. A crítica tradicional plantexa o texto de Hesíodo como posterior a Homero, e reflexando unha evolución socio-económica moi semellante á que leva ás reformas solónicas en Atenas a comezos da época arcaica, reformas que tentan solucionar o enfrontamento social entre unha élite urbá acaparadora das terras e un campesiñado rural oprimido e sometido á escravitude por débedas. No poema de Hesíodo, os seus laios contra a petición de axuda do seu irmán aos 'reis de Tespias' agocharía o dominio e a tiranía económica destes monarcas sobre o territorio de Ascra. 

A través dun close reading do orixinal e auxiliado polas ferramentas da arqueoloxía, antropoloxía e economía, Edwards chega a unha conclusión moi diferente: Ascra é un territorio socio-económicamente moi atrasado (non un estadio medio entre o mundo Homérico e o de Solón), con moi escasa diferenza de clases, apenas unha élite non estábel de 'labregos ricos' que funcionan como posíbel antecedente para os 'Grandes Homes', precursores de aristocracias e reises que aparecen en sociedades máis desenvolvidas e con maior acumulación de excedente. É só neste escenario de autarquía e desenvolvemento limitado onde colle sentido a mensaxe ideolóxica dos Traballos e os Días, defendendo a 'boa eris' (a emulación mediante o traballo duro) que diferencia socialmente ao labrego acomodado do pobre, e opoñéndose á intrusión e ao poder político (una intrusión que aínda non é un feito na época do poema) duns 'reis de Tespias' que morarían nun espazo máis económicamente desenvolvido e urbanizado.

O libro é enormente ilustrativo e recomendábel para aqueles que queiran coñecer algo máis da sociedade e o contexto da Grecia antiga, aquí maiormente acoutada á Beocia transicional entre o periodo escuro e o arcaico, uns contextos que iluminan a escrita dos clásicos que lemos, e que continúan presentes como case-invisíbel matriz explicativa que enriquece a lectura e a comprensión deses textos fundamentais para a nosa cultura occidental. Nesta liña, é un libro que me lembra, por exemplo, o tamén excelso Troya y Homero de Joachim Latacz.

quarta-feira, fevereiro 15, 2017

Comparatismo

Estes días ando a ler cousas de poetas moi afastados no espazo e no tempo: dunha banda, un volumen dixital e antoloxía da lírica grega arcaica, que acubilla no seu seo algúns anacos de Arquíloco de Paros (c. 680 – c. 645 AC); doutra, unha monografía (estudo-tradución) encol de Xie Lingyun, o Duque de Kangle (385–433).

E non son só as coordenadas da cronoloxía e da terra ás que os separan: a nivel persoal, Arquíloco é unha figura 'plebea' cunha poesía mordaz, ferinte, antiaristocrática (é o presunto fundador do iambo na lírica clásica) anque tamén coas súas fonduras e retrousos gregos (o valor da mesura, o destino coma forza cega que move aos mortais); Lingyun é un nobre refinado e decadente, anque moi cedo seducido pola natureza salvaxe de ríos e montañas e pola mística budista, e porén un pai fundador, él tamén, da poesía paisaxística chinesa.

 Son estas diferenzas as que fan de coro antitético á semellanza que, tradución mediante, parécese albiscar nalgúns dos seus versos: concretamente, un par deles inclúen como elo común a importancia da mesura, de afrontar os auxes e caídas do destino humano cunha certa distancia reflexiva e con fortaleza; as imaxes que empregan son diferentes (o soldado firme sobre os seus pés, expoñendo o peito aos embates; o intelectual reflexivo contemplando o cambio das estacións) pero a mensaxe é a mesma, cubrindo cunha ponte de verbas o abismo que os separa, e tendendo outro lenzo do arco e da estrutura ao futuro que somos nós e que aínda está por vir.

quarta-feira, novembro 16, 2016

Replicante (modo De Prada, non Blade Runner)

No Semanal do pasado domingo podíase ler unha columna de Juan Manuel de Prada laiándose da marxinación das humanidades en xeral, e das línguas clásicas en particular nos actuais plans de estudo, a súa substitución polo utilitario e crematístico, e o grave exercicio de desmemoria que isto implica. Malia que o conservadurismo clerical de De Prada tende a xerarlle antipatías e críticas ad hominem incluso antes de que moitos lectores vaian máis alá do titular, eu topei moito do que dí nestas liñas razoábel, e creo que podería compartilo calquer persoa con sensibilidade pola cultura. Matizaría, iso sí, nun aspecto fundamental: cando De Prada lle concede unha posición tan central ao latín coma o 'transmisor e conservador da cultura europea', debera máis ben matizar a qué cultura europea se refire; dígoo porque na Civilización Grecolatina (á que podemos considerar devanceira anque claramente diferente da nosa), a língua prestixiada, transmisora e conservadora da cultura era o grego, a que falaban incluso os romanos (cultos) na intimidade, aquela na que se producían as reflexións e creacións literarias máis senlleiras (e seguiríao sendo na metade oriental do vello Imperio de Roma ata a súa desaparición). O latín foi a lingua cultural da Civilización Cristiá Medieval de Occidente, cuxos textos e cuxos valores estéticos e ideolóxicos son santo da devoción de Juan Manuel. Un latín que xa na época imperial absorvera e imitara á súa compadre e que, en efecto, transmitiu parte do bafo helenístico a Europa.  Mais non esquezamos que foi transmisión interesada, parcial e viciada polo triunfo do cristianismo e a posesión exclusiva do saber por parte da igrexa nos séculos escuros. Árabes e Bizantinos son os responsábeis de que conservemos ese saber en moita maior medida que os monxes medievais e a Igrexa Católica.

Por outra banda, tampouco convén esquencer que pouco a pouco, dende a Reforma, e xa claramente despois das Revolucións Científicas do XVII, o latín deixou de ser a lingua franca incluso de Occidente, sustituída polos vernáculos e por grandes textos, formativos da nosa cultura, que agora se escribían en francés, alemán, inglés.  Todo o cal debería conducirnos a unha atitude máis cauta, anque valorativa, sen dúbida, da língua latina, mais empurrándolle a que ceda o trono e o cetro a outras línguas que en medida pouco menor tamén son fundamentais para a nosa cultura; de feito, para as formas actuais da Civilización Occidental,  que De Prada aborrece, seguramente o grego e as modernas son fontes moito máis nutricias que a língua de Cicerón e de Virxilio (e na parte que realmente lle toca a De Prada a fibra sensíbel, de Agostiño de Hipona e de Tomás Aquino).

segunda-feira, julho 08, 2013

Reseñas - El libro del Tao

El libro del Tao

Lao Zu / Juan Ignacio Preciado (tr.)

1983, Alfaguara

* * (regular)

Traducción decente anque de notas curiosas dun texto clásico aburrido (para min) e dun hermetismo vacuo.

Antes de comezar a reseña, sería oportuno aclarar que dentro do que é a triple tradición relixiosa e cultural da China clásica, caracterizada por tres correntes (Confucianismo, Budismo, Taoísmo) o Tao é a que me resulta máis antipática e carente de interese, algo que sen dúbida inflúe na miña apreciación negativa deste texto en cuestión á marxe da labor traductora. O pensamento de Confucio e o do Tao configuran dous eixos opostos anque conectados, cunha serie de dicotomías como as que paso a expoñer e que, no 90% dos casos, me sitúan no bando confuciano, a saber:

Confucianismo                                                                        

Comunitario e familiar
Racional
Primacía da ética e do social
'Sabios', homes virtuosos, antepasados
Valora o estudo e aprendizaxe
Cultura e cultivo do eu. Servizo ao estado como ideal
Xerarquía e orde. Meritocracia
Linguaxe transmite a realidade
Idealización do pasado
Carencia case total de sacerdocio
Ritual


Taoísmo

Individualista
Místico, Máxico
Primacía da harmonía co cosmos e do natural
Inmortais. Non corrompidos pola cultura (nenos). Panteón extenso de divinidades
Valora a intuición, rexeita o saber libresco
Iluminación, prácticas para adquirir lonxevidade (alquimia) e trascendencia
Liberdade e anarquía
Linguaxe como falsa, contradictoria, paradóxica
Idealización da natureza
Monxes e practicantes (laicos, cultos e a nivel popular)
Atitude espontánea

O Tao te ching ('Libro do Camiño e do Seu Poder') é un dos clásicos fundacionais da escola taoísta, anque con menor antigüidade da que se gaban os seus seguidores. e a obra máis traducida das letras chinesas. Ao longo dos seus 5000 caracteres, 2 seccións ('Libro do Camiño' e Libro do seu poder') e 81 breves capítulos, vai ceibando unha serie de lacónicas reflexións arredor dunha forza primordial que controla o universo: o Tao, e definida pola súa inefabilidade (non se pode explicar o que é con palabras), pasividade, baleiro, anti-dualismo e circularidade (eterno retorno). Escrito nun chinés clásico sumamente compacto e inzado de alusións, paradoxos e ambigüidades (algunhas delas non intencionadas, e froito da azarosa historia textual da obra), o Tao te ching ten feito as delicias de centos de traductores e lectores místicos amantes desa ambigüidade evocativa e das moi variadas interpretacións ás que da lugar (case unha por lector e traductor).

Para que vos fagades unha idea máis concreta dos contidos e do estilo, imos a insertar un dos capítulos, en tradución miña desde unha versión inglesa do texto:

"Cando algúns ven algunhas cousas coma fermosas
 outras cousas tórnanse feas.
Cando algúns ven algunhas cousas coma boas
outras cousas tórnanse malas.
Ser e non ser créanse o un ao outro.
O difícil e o sinxelo apóianse o un ao outro.
O longo e o curto defínense o un ao outro.
Alto e baixo dependen o un do outro.
Diante e atrás seguen o un ao otro.
Porén, o Mestre
actúa sen facer nada
e ensina sen dicir nada.
As cousas aparecen, e déixaas vir;
as cousas desaparecen, e déixaas ir.
Ten, pero non posúe,
actúa, pero non agarda.
O traballo feito, esquéceo.
É por iso que perdura eternamente".

Pasando ao que é esta traducción concreta do Libro do Tao, hai que dicir que se trata dunha edición coidada (premio Fray Luís de León de traducción en 1979), bilíngüe, de tapas duras, cunha boa introducción e baseando o seu texto nos (no seu momento de edición) recentes descubrimentos de edicións máis antigas do texto nas tumbas de Mawangdui (e que levaron a alterar a orde das dúas grandes seccións do libro). A única eiva que se lle pode presentar está nas notas: o traductor baséase para estas nos estudos chineses daquela época, uns estudos que estaban distorsionados por un maoísmo tosco e dogmático que insistía en ler o pasado chinés a través das categorías escolásticas do materialismo histórico, inventándose unha 'época esclavista' na dinastía Chou e lendo o pensamento confuciano como 'reflexo directo da ideoloxía escravista dos vellos terratenentes' e o taoísmo coma 'a ideoloxía dos novos propietarios capitalistas e/ou dos labregos que proviñan da comuna colectiva orixinaria'). As notas envelleceron moito, moito moito. Agardo que novas edicións desta traducción, se vos facedes con ela, puliran e limasen bastante nese eido.

Para rematar, só cumpre subliñar que o Tao Te Ching é, porén, un texto moi necesario de ler para todos aqueles interesados na literatura clásica chinesa, obxecto de múltiples citas e intertextualidades sobre todo naqueles autores (Li Po, Juan Chi) ou periodos (as 3 dinastías) en que o pensamento Taoísta máis influxo exerceu entre os escritores. Un texto máis seductor e literario para ver estes influxos e para disfrutar lendo seguramente sexa o Chuang Tzu (Libro do mestre Chuang), creo que tamén verquido ao castelán por Iñaki Preciado Idoeta.

domingo, fevereiro 24, 2013

Reseñas - The Yî King

The Yî king (I Ching)

James Legge (traductor)

1882, Clarendon Press

* * (regular)

Algo anticuada e escura versión dun texto xa de por si confuso e, por momentos, pesado.

O I-Ching constitúe un dos alcumados 'Cinco Clásicos' da tradición clásica de China e pretende ser, xunto cos outros catro, parte dun legado textual que tería a súa orixe na época Zhou Occidental (1046-771 antes da E.C.) e que tería pasado pola peneira editorial de Confucio e a súa escola para posteriormente converterse nunhas das obras canónicas de obrigado coñecemento e estudo nos perto de dous mil anos de Celeste Imperio. Dentro destes textos, o I-Ching chama un chisco a atención pola súa estrañeza,  xa que o 'Libro das Mutacións' é unha sorte de manual adivinatorio, ao estilo daquelas tradicións longamente desaparecidas dos arúspices etruscos ou das máis recentes e vivas do Tarot ou dos oráculos yorubas de Ifá.

Na China antiga, como noutras sociedades, a práctica adivinatoria fixo unha aparición moi temperá: as súas primeiras mostras coñecidas relaciónanse co emprego de osos oraculares (escápulas ou cunchas de tartaruga): gravábanse os materiais con diferentes preguntas, e logo aplicábase unha fonte calorífica ao oso que, ao rachar, permitíalle ao adiviño interpretar a resposta divina segundo fosen as fendeduras aparecidas. Esta técnica, típica da dinastía Shang (1600-1046 a.E.C.), forneceunos as primeiras mostras da escrita chinesa que se coñecen (datábeis de arredor do 1200 a.E.C), mais coa chegada da nova dinastía, Zhou, comezou a ser desprazada pola lectura de polas rachadas ou sen rachar da milfollas, ou herba dos carpinteiros. Éste é o método adivinatorio que, mal que ben, se explica no I-Ching.

Segundo a tradición, a invención deste método correría a cargo do heroe cultural Fuxi (伏羲), que elaborando tódalas combinacións posibles de liñas rachadas e sen rachar en grupos de 3 inventaría os oito (2 elevado a 3) trigramas. Con posterioridade, el-rei Wen (文王), o fundador da dinastía de Zhou, xuntaría estes trigramas para formar os sesenta e catro hexagramas (tódalas posibles combinacións en grupos de 6 das liñas rachadas e sen rachar.

O núcleo duro do I-Ching, polo tanto, constitúese destes 64 emblemas con liñas rachadas e/ou sen rachar, xunto cun nome e un par de parágrafos que darían a interpretación xeral do significado adivinatorio deste hexagrama. Así, por exemplo, temos o primeiro hexagrama: o seu nome é Ch'ien ('Forza'), e está composto por seis liñas sen rachar (o resultante de sumar por duplicado o trigrama homónimo, composto por tres liñas sen rachar).
E a súa interpretación sería "Ch'ien representa o que é grande e orixinante, penetrante, ventaxoso, correcto e firme".

Mais este é só o comezo da madeixa textual, pois moi cedo, estes lacónicos comentarios víronse incrementados por toda unha tradición de escrita. A segunda, atribuída ao Duque de Zhou (周文公), un dos fillos de el-rei Wen, consiste en comentarios e interpretacións de cada unha das 6 liñas dos sesenta e catro hexagramas. Vexamos as deste hexagrama:

"Na primeira liña, sen rachar, vemos a un dragón agochado no fondo das augas. Non é o intre de obrar de xeito activo. Na segunda liña, sen rachar, vemos ao dragón aparecendo nos eidos. Será ventaxoso toparse cun home superior. Na terceira liña, sen rachar, vemos ao home superior, activo e vixiante todo o día, e pola tarde aínda coidadoso e aprensivo. A posición é perigosa, mais non se cometerá ningún erro. Na cuarta liña, sen rachar, vemos a un dragón que parece que vai comezar o voo, mais que aínda está no fondo. Non haberá erro algún. Na quinta liña, sen rachar, o dragón está voando nos ceos. Será ventaxoso toparse cun home superior. Na sexta liña, sen rachar, vemos un dragón excedendo os seus límites. Haberá ocasión para arrepentirse".

Como podedes albiscar, o comentario consiste en imaxes bastante illadas e de interpretacións diferentes para cada liña. Nalgúns casos (como neste hexagrama), a imaxinería é relativamente común, unida por figuras recorrentes; noutros, non parece haber ningún entrelazamento nas imaxes da cada liña e de cada hexagrama.

E novamente, a este núcleo duro, engádeselle unha serie de apéndices (alomenos 7 na traducción de Legge), moitos deles atribuídos a Confucio, e que lonxe de clarificar o significado (adivinatorio, ou simbólico, ou moral), aínda o enguedellan máis, mesturando diferentes lecturas posíbeis de cada hexagrama (baseadas nos significados dos trigramas combinados, na figura representada polas liñas, que pode evocar obxectos coma pozos ou caldeiros), significados asociados ás posicións de cada liña dos hexagramas, ás posicións 'correctas' das liñas rachadas e sen rachar, interpretacións filosóficas sobre o cosmos e os elementos da natureza relacionados cos hexagramas, ou cos ciclos vitais e políticos dunha sociedade, etc... As notas do propio traductor son pouco máis clarificadoras que estes comentarios, e o lector fará ben na maior parte dos casos en ignoralas e proceder coa lectura.

Por todo o anterior, podedes imaxinar que a lectura deste libro é un xogo de adiviñas complexo, frustrante e por veces aburrido. Unha parte da culpa pode tela o propio traductor, mais sospeito que está no texto en si. De todos xeitos, segue a ser unha lectura recomendábel de xeito instrumental: como dicía ao comezo, o I-Ching será un dos clásicos de lectura e memorización obrigada para os poetas-funcionarios confucianos (os mandaríns), e un lixeiro coñecemento das súas imaxes e emblemas axudará a disfrutar mellor dos seus versos cando fan referencia a clásicos coma este.
 

sábado, fevereiro 09, 2013

Clásicos

Como o bo mandarín que son, ando dende fai unha tempada enfrascado na lectura dos clásicos e do pensamento confuciano que, alén da brincadeira, resulta bastante afín a moitos aspectos do meu xeito de pensar e de ver o mundo. Unha das pedras angulares deste pensamento o constitúen os seus 'libros clásicos' (經, ching), herdados en maior ou menor medida dun pasado remoto (o da dinastía Chou Occidental, 1046–771 antes da era común) e posteriormente canonizados pola escola de Confucio e fixados oficial e textualmente ao longo da dinastía Han (206 a.e.c. - 220 e.c.). 

Anque a etiqueta de 'clásico' se teña asociado a unha grande variedade de textos, o seu núcleo duro confórmano os 'cinco clásicos' que, xunto cos 'catro libros', constituían o corpus esencial de textos que tiñan que estudar e memorizar os estudosos que desexaban presentarse ás oposicións da antiga China. Estes cinco son:
-O 'Clásico das Odas' (Shih), do que xa temos falado con anterioridade. É unha antoloxía de arredor de 300 poemas temáticamente moi diversos co metro tetrasilábico como base.
-O 'Clásico da Historia' (Shu), unha colección de documentos e discursos na súa maioría apócrifos e atribuídos a figuras históricas da máis remota antigüidade.
-O 'Clásico das Mutacións' (I), básicamente un manual adivinatorio non moi desemellante ao noso Tarot e composto por 64 hexagramas que se forman con tódalas combinacións posibles de grupos de 6 liñas rachadas ou sen rachar.
-O 'Clásico dos Ritos' (Li), onde se fixa unha longa serie de cerimonias e costumes rituais (vestimentas, obxectos, conductas axeitadas en diferentes eidos, etc...) e composto por tres libros diferentes: o Rexistro dos ritos, o Libro de etiqueta e ritos e os Rituais de Chou.
-Os 'Anais das Primaveras e Outonos' (Ch'un ch'iu), unha crónica analística e estremadamente concisa do estado de Lu (un dos moitos en que estaba dividida China na Época dos estados combatentes, 475-221 a.e.c.) e atribuída a Confucio.

Os dous primeiros destes foron lecturas dabondo interesantes e instructivas. Actualmente estou empantanado co I-ching, que me está a resultar, pola contra, unha lectura ardua e aburrida, ao que sen dúbida contribúe a partes iguais o meu total escepticismo coas artes adivinatorias e o seu estilo seco, fragmentario e contradictorio. En breve falaremos en máis detalle dos seus contidos a través dunha reseña que ando a argallar...