No Semanal do pasado domingo podíase ler unha columna de Juan Manuel de Prada laiándose da marxinación das humanidades en xeral, e das línguas clásicas en particular nos actuais plans de estudo, a súa substitución polo utilitario e crematístico, e o grave exercicio de desmemoria que isto implica. Malia que o conservadurismo clerical de De Prada tende a xerarlle antipatías e críticas ad hominem incluso antes de que moitos lectores vaian máis alá do titular, eu topei moito do que dí nestas liñas razoábel, e creo que podería compartilo calquer persoa con sensibilidade pola cultura. Matizaría, iso sí, nun aspecto fundamental: cando De Prada lle concede unha posición tan central ao latín coma o 'transmisor e conservador da cultura europea', debera máis ben matizar a qué cultura europea se refire; dígoo porque na Civilización Grecolatina (á que podemos considerar devanceira anque claramente diferente da nosa), a língua prestixiada, transmisora e conservadora da cultura era o grego, a que falaban incluso os romanos (cultos) na intimidade, aquela na que se producían as reflexións e creacións literarias máis senlleiras (e seguiríao sendo na metade oriental do vello Imperio de Roma ata a súa desaparición). O latín foi a lingua cultural da Civilización Cristiá Medieval de Occidente, cuxos textos e cuxos valores estéticos e ideolóxicos son santo da devoción de Juan Manuel. Un latín que xa na época imperial absorvera e imitara á súa compadre e que, en efecto, transmitiu parte do bafo helenístico a Europa. Mais non esquezamos que foi transmisión interesada, parcial e viciada polo triunfo do cristianismo e a posesión exclusiva do saber por parte da igrexa nos séculos escuros. Árabes e Bizantinos son os responsábeis de que conservemos ese saber en moita maior medida que os monxes medievais e a Igrexa Católica.
Por outra banda, tampouco convén esquencer que pouco a pouco, dende a Reforma, e xa claramente despois das Revolucións Científicas do XVII, o latín deixou de ser a lingua franca incluso de Occidente, sustituída polos vernáculos e por grandes textos, formativos da nosa cultura, que agora se escribían en francés, alemán, inglés. Todo o cal debería conducirnos a unha atitude máis cauta, anque valorativa, sen dúbida, da língua latina, mais empurrándolle a que ceda o trono e o cetro a outras línguas que en medida pouco menor tamén son fundamentais para a nosa cultura; de feito, para as formas actuais da Civilización Occidental, que De Prada aborrece, seguramente o grego e as modernas son fontes moito máis nutricias que a língua de Cicerón e de Virxilio (e na parte que realmente lle toca a De Prada a fibra sensíbel, de Agostiño de Hipona e de Tomás Aquino).
Sem comentários:
Enviar um comentário