Mostrar mensagens com a etiqueta Igrexa de San Cosme de Outeiro. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Igrexa de San Cosme de Outeiro. Mostrar todas as mensagens

sexta-feira, outubro 07, 2005

SANCTUARIUM

Para o último número de 'Barbantia' -o especial cultural que esta asociación cultural do Barbanza saca cada fin de mes na Voz de Galicia- solicitáraseme un texto sobre algún monumento local. Para os que non accedérades a el, velaiquí o tedes de novo. Non é que teña moito arte, pero tamén se lle quere aos fillos febles e enfermizos que saen do maxín dun:

No cumio boscoso de San Cosme habitaron un día sátiros e ménades danzantes, ninfas das fontes e das fragas, tódalas criaturas dos mitos das orixes. Eran os días lonxanos dos Castros e os machados de Bronce, pan de landra e mulleres guerreiras. Roma ficaba lonxe. Cantaban os nativos no alto:“HONOREMOS a Pico e a Fauno, / e a aqueles que bailan no miolo dos bosques / e baten cos osos na pedra abisal; / reverbera o aire de ritmos e coros / e do arrecendo a sangue / e do compás mollado / que axexa nas costas de rito e tambor”. Tambores non había daquela, e os espíritos que adoraban os nosos devanceiros non pasaran polo barniz helenístico. Moito menos pola Cruz que serodiamente ocupou o lugar, erguendo nel a triunfante igrexa.
Tampouco queda rastro do primitivo templo (capela románica quizaves, cantando na súa pétrea austeridade as monodias da nova fé). O edificio que alza hoxe sobre dobre escalinata é recente: as obras terían comezado no 1751. Nembargantes, a ergueita masa de austera elegancia parece un canto a días do Pasado máis remoto. Cando se contempla esta masa por vez primeira dá a impresión de que as súas pedras naceron do mesmo chan que coroan. Voe a imaxinación, esquezamos que a Igrexa é obra humana: algún xigante antediluvián tallou o monte con infindo esmero, desfacendo as laxes entre os dedos e arrincado San Cosme do seu interior -tal Miguel Anxo facía falar os marbres-. Anque o canteiro-xigante non entendese de florituras, reservou o toque maestro para as pilastras, pináculos e balaustradas da torre.
Dentro topamos a maxia da Alquimia: a pedra cede o sitial á madeira, dúctil e sumisa, mellor materia para labrar soños -tales son os tres retábulos que coroan a dianteira do templo-. Engaiola os ollos o Teatro Barroco, os dourados, a melodía graciosa das columnas salomónicas, a sinfonía das froitas, de anxiños e volutas, medallóns e follas. Mais a pintura e as láminas despréndese do altar, e o deslumbre fica apagado, anque latexe baixo o pó, agardando para voltar á luz a pouco que se limpe a escuma dos séculos. Santos de gastada policromía reanudan lentamente as conversas interrumpidas, os misteriosos símbolos que terman son labirintos a desnovelar: a palma traizoa a Santa Bárbara, as cunchas e bordóns a Santiago; no máis outo, ascenso vertixinoso da Virxe, tan elevada que coidamos asistir ao derradeiro instante antes de que envexosas nubes nola arrebaten. Escreben os Evanxelistas: San Mateo -a túnica escura ricamente decorada, manto vermello, flores e follas de ouro- pecha a polifonía, co xesto de ergué-la pluma. ¿Rematou a escrita? Só por hoxe.