Eis unha mostra dese cosmopolitismo desarraigado e cosmopolita no que tanto me regodeo...
As miñas relacións coa cultura polaca son escasas. Malia terlle botado o ollo a unha gramática desa curiosa lingua e a algúns textos traducidos (Kochanovsky, por Seamus Heaney), non teño ido máis alá dun curioso exotismo. Alén, a miña opinión (algo dogmática) é que calquer intento de profundizar a cultura dun país mentres non se coñeza a súa língua en profundidade é absolutamente ridícula...
Nembargantes, venme de atrás certa atracción polo país do leste. Xa Payne (no seu libro 'España Imperial') trazaba interesantes paralelos entre a Monarquía Católica do XVII e o Reino Unido Polaco-Lituano: ámbolos dous imperios en decadencia, ferventemente católicos, internamente heteroxéneos... Hai, ao parecer, uns sermóns á dieta polaca do xesuíta Piotr Skarga que poñen polas nubes a algún dos Habsburgos españois (creo que a Felipe III) como modelo de rei cristián e piadoso.
Rescato hoxe unha figura moi popular ao parecer entre os polacos, tanto na súa historia como nas súas letras: Stańczyk, "o bufón de el-rei" que diría Risco.
Stanisław Gąska (que ese sería o verdadeiro nome do personaxe) foi o bufón de corte máis famoso da Historia de Polonia. Estivo ao servizo de tres reis ao longo do século XVI: Alexandre, Sexismundo o Vello (¿a vida é soño?) e Sexismundo Augusto.
A sona venlle de que era considerado no seu tempo algo máis que un mero bufón. Ao parecer, o noso Stańczyk contaba cunha fina intelixencia política, que envolvía nun agudo pensamento satírico. Son moitas as anécdotas laudatorias que narran sobre el os cronistas da época.
Entre elas, cóntase que nun episodio de caza, en 1533, un enorme oso lituano que o soberano ceivara para cazar cargou contra el-rei, a raíña (caeu do cabalo e tivo un aborto) e os cortesáns; cando Sexismundo lle recriminou ao tolo que fuxira covardemente, éste respostou: "Maior loucura é ceivar ao oso pechado nunha gaiola". A afirmación soe entenderse como unha referencia velada á política exterior do rei, que derrotara aos prusianos pero non os incorporara á coroa.
Outra historia podédela ver ilustrada neste famoso cadro de Jan Matejko: o bufón é a única persoa na festa real que se preocupa diante das noticias da caída da cidade de Smolensk en mans dos rusos.
Tralas particións e a desaparación de Polonia do mapa, este personaxe converteuse nunha figura emblemática da literatura oprimida, nun símbolo da loita pola independencia. Pola contra, uns publicistas conservadores tamén tentaron apropiarse da súa imaxe e sacaron uns panfletos co seu nome nos que ridiculizaban os alzamentos armados e suxerían seguir o camiño do desenrolo económico e o compromiso cos inimigos do país.
Pero iso xa é outra historia...
