Mostrar mensagens com a etiqueta vocación. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta vocación. Mostrar todas as mensagens

sábado, maio 04, 2019

Ad Vocatio (6)

Como dicíamos na entrada anterior, o ano académico 2007-2008 era o primeiro ano da miña vida (se excluímos os 6 primeiros) en que non participaba de ensinanzas regradas, e no que decidín que tiña que poñerme a buscar traballo de xeito relativamente urxente. Algúns benintencionados amigos pretendían aloularme con cantos de serea para que me plantexase facer doutorados aquí ou no estranxeiro, pero eu tiña a sensación (seguramente correcta) de que xa estudara dabondo e de que podía moi doadamente rematar no círculo vicioso dos bolseiros pre e post-doctorais que logo duns anos de traballo precario están cunha man diante e outra detrás, e xa perto dos 40 anos. Dentro das opcións laborais dispoñíbeis e medianamente realistas, a que máis me chistaba era a de profesor de historia en secundaria (o de ensinar inglés nen se me pasaba pola cabeza; que disfrutara de partes da carreira non quere dicir que pensase pasalo ben adoutrinando a adolescentes con gramática), anque vendo as cousas en perspectiva, non era plenamente consciente das características e sinsabores dese traballo. Abusando unha vez máis da xenerosidade familiar, ese ano adiqueino a estudar os temarios e facer programación, para o que me axudaba acudir dous días á semana a unha academia compostelá.

Como en tódalas oposicións, a competencia soe ser bastante dura, anque comparándome cos compañeiros de aulas, topaba motivos para ser optimista. Ao final levaba moitos temas moi ben preparados, seguramente moitos máis dos que necesitaba, e unha programación bastante decente con tódalas mentiras e parvoices pedagóxicas que xa me predicaran no CAP e que tiña a intención de cantar coma un papagaio. 

Un aspecto que me xogou a primeira das malas pasadas, e un anticipo do porvir, foi unha excesiva confianza nos méritos puntuábeis que tiña, e un descoñecemento do mecanismo bastante infame de compra/venta de pseudo-cursiños educativos que se estilaba naqueles días. No baremo final contaba cuns ínfimos 2.7, o que xa ía facer aínda máis costa arriba a competición; máxime co modelo de opos que rexía naqueles anos, o da famosa 'disposición transitoria' que privilexiaba moito a experiencia docente e minimizaba no posíbel os exames.

Chegados a Ourense e ás probas, o certo é que me desenvolvín dun xeito moi satisfactorio ao meu entender. Dos 5 temas do sorteo podía facer alomenos 3 con soltura, nun dos cales podía considerarme, amais, un experto; era o 50, As Revolucións Rusas, e aínda a día de hoxe, tendo en conta a subxectividade inevitábel, non penso que ninguén fose capaz de facer un tema máis extenso e completo do que producín nas limitadoras 2 horas coas que contábamos. Das defensas de programación e unidade didáctica lembro pouco, anque tiven tempo de expoñer todo o que pensaba dicir e de tocar tódolos paus que pensaba tocar. 

Uns días despois chegaban os resultados e o correspondente mazazo. Non se pode dicir que sacara unha nota terríbel, xa que se trataba dun 7.8 sobre 10; porén, alén de considerala baixísima para a produción que fixera, era claramente insuficiente para superar o concurso-oposición, dado o meu limitado baremo.

O peor de todo non era, contodo, o fracaso, senón a sensación de imposibilidade futura, xa que me vía incapaz de poder facer uns exames mellores aos que xa fixera. O corolario inevitábel que se seguía disto era a moi real perspectiva de que non puidese aprobar unhas oposicións, e pasase a engrosar de xeito semi-permanente a listaxe de parados sobrecualificados. A miña situación teríame resultado aínda máis tétrica se soubera daquela que ían tardar case 6 anos en voltar a convocar probas de Xeografía e Historia.

Sen ter claro qué facer da miña vida, agás probar sorte de novo na(s) convocatoria(s) seguinte(s), a finais de 2008 deixeime enlear para facer un máster relativamente asequíbel na USC. Non tiña nada que perder (as oposicións de secundaria convocábanse en anos alternos), e unha bolsa que gañar, xunto con algunhas outras cousas que non entraban nos meus plans. Coa perspectiva do presente, diría que ese fracaso do 2008 foi unha caída afortunada, sen a cal non tería coñecido á miña dona nen estaría traballando nun oficio (e nun sector) que me resulta moi satisfactorio, ao contrario do meu pequeno excurso nas ensinanzas medias. Mais diso xa falaremos en vindeiras entradas.

sábado, abril 13, 2019

Ad Vocatio (5)

Rematábamos a entrada anterior cos comezos dos meus estudos de doutoramento. Por aquelas mesmas datas decidíame, coa excusa de que ía ter que botar alomenos 2 ou 3 anos máis en Compostela entre o DEA e o CAP, a comezar unha segunda carreira: Filoloxía Inglesa. Coma en tantas ocasións na miña vida, seguramente tomei a decisión correcta anque por motivos equivocados. Entre estes últimos imaxino que estaban a facilidade que lle supuña aos estudos ingleses, dado que xa posuía un dominio efectivo da língua, o meu crecente interese pola literatura e a inercia de seguir estudando no canto de tirarme á piscina da pescuda laboral. 

Novamente, non podo dicir que a carreira me decepcionase. Desta volta as miñas notas foron aínda mellores, e puiden colleitar unha carretada decente de matrículas, que alixeiraron en non escasa medida o custo dos estudos. Arredor dun tercio das materias eran de língua, outro tercio de literatura e cultura e un último bloque mixto de gramática, historia da língua e cousas varias. Foi eiquí onde topei sorpresas agradables, e tamén os ósos que case me tiraran para atrás á hora de plantexarme unha filoloxía, mais sobrevivín ás gramáticas, e tamén á fonética.

En paralelo con Historia, tamén eiquí descubrín 3 cousas relavantes, anque desta volta caeron na cesta do positivo, a saber:

1) Estes estudos tiñan moitas máis saídas laborais que os previos. Non é que iso tivera influído na escolla (aínda máis: nen sequera me plantexaba, por aburrida,  a saída de profesor de secundaria - inglés), pero nos últimos anos da carreira comecei a gañar algúns cartos coma tradutor. Nada para facerse rico, anque naqueles anos de burbulla inmobiliaria e subvencións, un podía gañarse modestamente a vida no verquido bidireccional de palabras e libros.

2) Se a investigación histórica aburría ás ovellas, descubrín, pola contra, que a literaria me resultaba moi entretida. Isto foi fillo sobretodo dunha optativa de literatura comparada baixo a éxida de Anxo Abuín, que conseguiría captarme para escribir algúns artigos de revistas e para percorrer algunhas cidades do continente cos congresos do Urbes Europaeae.

3) A terceira descuberta non foi exactamente de cousas, senón de persoas: nos anos da segunda carreira socialicei moito máis, incluso con persoas normais, e coñecín e fixen contactos con xente do máis interesante: Pablo e David, Tomás e a súa pandilla de xogadores de rol, ou os poetas do grupo Comparatista de Compostela.

Mais todo chega ao seu final. Apenas unhas semanas de rematada a carreira e de rematar (iso pensaba) coa ensinanza regrada comecei a pescuda dun traballo estábel e 'do meu' na administración, preparando oposicións de secundaria para Xeografía e Historia. Mais diso falaremos noutra xornada.

domingo, março 24, 2019

Ad Vocatio (4)

Toca recalar, nesta xeira de entradas, nos anos da miña primeira carreira universitaria. Os que seguides esta serie poderiades pensar, vendo a miña actual traxectoria, que a licenciatura de Historia me resultou decepcionante; nada máis lonxe da realidade.

En efecto, estaba a facer uns estudos nos que tódalas materias eran especializacións da miña teima favorita, e polo tanto, todas potencialmente interesantes. A facultade en sí era un edificio monumental, belido e antigo (e niso tan diferente á horrenda construcción de Matemáticas onde fixera a selectividade), e as súas mesmas pedras e retratos pendurados parecían confirmar o carácter sacral deste templo dos saberes de Clío. Sumádelle a isto que os meus compañeiros de aulas na súa maioría non eran alumnos vocacionais, senón rebotados, o que facilitaba que con relativamente escaso esforzo podía seguir sendo, coma no bacharelato, un dos máis listos da clase. Ás veces comenta o amigo Ramón Blanco que eu nunca estudaba para a carreira, o cal non é estritamente certo; o que ten de verdade tal comentario é que raras veces pasaba a noite ou o día anterior aos exames memorizando, xa que con ir lendo e ir facendo, nas aulas e no ocio, en xeral chegábame para pasar e aínda arrincar algunhas matrículas de cando en cando.

Porén, non todo eran froitos suculentos no Xardín do Edén. Malia estar estudando Historia todo o tempo, había materias tamén que me interesaban moi pouco ou nada: en xeral, as de Prehistoria, Arqueoloxía e Paleografía, polos contidos, e as de Historia Moderna; neste último eido o problema era que o departamento estaba (e seguirá estando, imaxino) copado pola escola/seita de Antonio Eiras Roel,  cun enfoque absolutamente centrado en historia económica e a demografía. A liña estándar dos seus traballos (digamos por concretar nun exemplo imaxinario, "Taxas de mortalidade e natalidade na comarca do Morrazo no século XVII") resultábanme totalmente carentes de interese, anque podía aceptar que eran traballos que podían ter o seu mérito, e que alguén tiña que facer (nunha liña non moi disimilar á do mantemento dos alcantarillados urbáns).

A serpe dos modernistas, porén, había seguir rillando no meu maxín e creando as primeiras sombras encol do meu futuro académico e laboral. Neses anos aínda seguía imaxinando que a miña principal saída laboral ía ser a docencia universitaria (e coma moi lonxana segunda perspectiva, quizaves a docencia en secundaria), mais nos últimos anos da carreira e nos cursos do doutorado fun descubrindo varias cousas desacougantes. 

A primeira foi que a investigación histórica (algo máis da metade do traballo dun profesor universitario) ía en xeral, en case tódolos departamentos, na liña dos modernistas, se non nas teimas estatístico-economicistas, sí na liña da elaboración de traballos aburridos, secos, triviais sobre aspectos concretos da historia de Galicia. Nada de escribir 'A Sociedade Feudal', a Méditerranée ou a Decadencia e Caída do Imperio Romano, senón monografías sobre mosteiros remotos, os seus tumbos e as súas propiedades; o foro e a propiedade da terra na Galicia contemporánea, ou as escavacións dos restos dunha vía secundaria romana a carón da túa aldea.

A segunda foi que en realidade, eu era moito menos listo do que pensaba; o meu expediente académico era bo, pero non excelente, e incluso no segundo dos casos, as posibilidades reais de acadar un posto profesional na Santa Casa eran realmente escasos, e requerían un longo peregrinar de anos polo deserto das bolsas e da precariedade. Ao pouco de comezar os estudos de doutorado, lembro ao meu titor, don Ermelindo Portela, sinalando a uns dos malpocados bolseiros que pululaban polos corredores perto do teito da facultade e dicíndome, no seu entrañábel e solemne castelán de Cantar de Gesta: "Acaba usted de comenzar el camino que le llevará a llegar ahí". Non lle contestara nada, pero sí cavilei que a meta que me propoñía era bastante decepcionante, e que o camiño que eu desexaba comezar era o de chegar a ser coma él. Creo que fora ese mesmo día, antes de aceptar a miña incorporación aos cursos de doutoramento, cando me inquiriu sobre perspectivas laborais futuras, dadas as malas perspectivas do noso oficio e alí faláralle (anque sen demasiada convicción interna) de que tiña pensado preparar oposicións de secundaria. A partir dese día, fun tendo claro que as miñas opcións para gañarme a vida a conta de Clío ían ter que pasar por ensinar a adolescentes e superar os exames de acceso á función pública.

sábado, fevereiro 23, 2019

Ad Vocatio (3)

No verán de 1998, logo da Selectividade, fixen a solicitude de matrícula na USC, poñendo a licenciatura de Historia coma primeira petición; miña nai conta que se enfadou un chisco cando llo contei, anque eu non o lembro así, e teño a impresión de que xa dende tempo atrás lles deixara moi claras as miñas intencións aos meus pais, ás que eles non tiñan a intención de oporse. Penso que a memoria da mater amabilis conxela a súa pequena frustración resignada a que o fillo con bo expediente académico non se metese a estudar unha carreira de proveito coma Mediciña.

O caso é que anque quixese daquela satisfacer os desexos familiares, o que eles quizaves non entendían é que a decisión xa se tomara moito antes, e non só polas miñas preferenzas: a escolla dun intinerario de Letras Puras en Terceiro de BUP (con 15/16 anos), impoñía xa unhas severas restriccións ao que, dous anos despois, ía poder estudar na universidade. E a escolla desa modalidade de bacharelato coceuse nos dous primeiros anos deste.

Dicíavos na entrada anterior que con 12 anos, a Historia era de longo a miña materia predilecta, mais isto non presentaba necesariamente un correlato coas outros humanidades. A afinidade con Clío veríase reforzada no IES Virxe do Mar polo maxisterio dun gran profesor que disfrutei 3 anos seguidos, Fernando Prieto Valdés (que hoxe exerce de vice no IES Arcebispo Xelmírez II da capital galaica) anque novamente penso que a esas alturas os malos profesores non ían poder quitarme o disfrute da asignatura. Porén, sí que tiña unha desinterese e antipatía manifestas polas materias de língua (galega ou española) e por todo o que se relacionase con gramáticas e análises sintácticas. Creo lembrar que en segundo curso víamos algo de literatura, e ésta resultoume moito máis potábel, sobretodo na súa vertente histórica (o medieval, os romances, e os anacos de literatura do século de ouro no libro de texto).

No eido científico-tecnolóxico, a bioloxía era a que máis me interesaba, e penso que non se me daba mal. A química resultábame moderadamente interesante, pero a física e as matemáticas compensaban de sobra polo outro lado -destas últimas tiven que ir a aulas de reforzo para poder tirar para adiante sen materias pendentes. Nos dous casos lembro notas paupérrimas nalgúns parciais.

Novamente, non creo que a culpa do malquerer se lle poida adxudicar aos docentes, anque neste caso, e no reverso de Fernando, non lembro que fosen nada bos, senón máis ben o contrario; de todos xeitos, o problema é que atopaba os problemas de física absurdamente complicados e carentes de interese, e ás matemáticas abstractas e traballosas. Non diría que vía as materias como pouco útiles, xa que ao contrario, partillaba xa daquela dunha mentalidade señoritil que miraba por riba do ombro a calquera coñecemento 'práctico' e 'aplicado'. Simplemente, usando unha metáfora economicista, o rendemento en autoestima e pracer intelectual que tiraba por esforzarme nestas materias non compensaba en relación con outras.

Neste caso falo de mín mesmo, pero sospeito que o problema da motivación e desa aparente habilidade intrínseca á que os adolescentes lle chaman 'dáseme ben' vai atada en moita xente ao binomio, ou divina proporción entre dificultade / recompensa; a falta de guías ou de presións, un vai escorando (e gustando) daquilo que se lle da ben e que lle require un esforzo razoábel. Só cando estás enganchado á materia e/ou a empregas para construír o amor propio estás disposto a lidiar con dificultades crecentes e a velas en positivo coma retos -sempre e cando os poidas superar, claro está; o docente sempre está a buscar esa zona 'Riciños de Ouro' onde o que ensina nen é demasiado doado (e aburrido) nen demasiado difícil (e desmotivador).

Coa historia no horizonte e un certo aprezo pola vida mol e estética e intelectualmente interesante do estudo das letras castelás, galegas e latinas, encarreireime, como digo, pola senda das Letras, onde había aprender e aprezar moitas cousas de interese. Non podo dicir que me arrepinta, anque sabendo o que sei agora, quizaves tería feito as cousas doutra maneira -só quizaves, porque en xeral son unha persoa moi feliz co que lle saiu na vida, anque tamén consciente da enorme sorte que tiven malia tomar moi arriscadas decisións de futuro en máis dunha reviravolta; mais iso xa daría para reflexións doutro tipo, alén do seguemento dos pasos perdidos que me levaron a ser o que son e a facer o que fago. E na seguinte entrada desta serie iremos debullando os meus acordes e desacordos cos estudos de Historiador na Alta Casa Compostelá.

domingo, janeiro 20, 2019

Ad Vocatio (2)

'Decíamos ayer' que as vocacións e os intereses son froito dun azar difícil ou imposíbel de clarificar. Continuamos hoxe cun pequeno exercicio de arqueoloxía persoal e dos camiños que fun tomando para rematar facendo o que fago e gustando do que gusto.

Acudindo á biografía familiar, houbo dous factores relevantes e contradictorios que penso influíron en alto grado nas miñas futuras escollas: a miña familia era (para o estándares dunha aldea galega dos 80) bastante próspera e acomodada ('Indianos' retornados de Inglaterra que botaron case unha década vivindo de rendas e intereses bancarios); ao mesmo tempo, o seu trasfondo era o de persoas case sen estudos, e que difícilmente podían encarreirarme e recomendarme lecturas; por outra banda, sí lles parecía moi ben que lese e que destacase na escola, cousa que non lles pasaba á maioría dos meus compañeiros de primaria. Todo isto supoño que levou a que a miña práctica lectora fose algo máis anárquica e autodidacta do habitual.

Sempre me gustou ler; gardo memoria, con poucos anos, de mirar para as letras grandes e con debuxos dun libro infantil coa frustración de non poder desnovelar os signos, e a memoria secundaria da miña nai dicíndome que aprendín a interpretalos a idade moi temperá. Entre as lecturas infantís, e da man de cousas máis predecíbeis (Mortadelo e Filemón, os tomos de Astérix, fábulas ilustradas, cousas de Disney...) xa ocupaban un espazo destacado os libros de mitoloxía e de historia. O primeiro destes que lembro é a Crónica da Humanidade publicada en 1987, e que penso foi un agasallo de Reis un tempo despois de ver o volume en Follas Novas e de pedir insistentemente por el. Por suposto que non fun capaz daquela de debullar as súas máis de mil duascentas páxinas, mais sí que lín moitas das entradas encol do Antigo Exipto, Mesopotamia, Grecia e Roma, e disfrutei das fermosas imaxes que as acompañaban. 

Lembro outro par de libros tamén, ou máis ben case cómics, sobre a vida cotián dos romanos, e outro similar que abarcaba á China de Han, aos Mongois, Nubios, Celtas, Bizantinos...

Algo máis tarde, con 11 ou 12 anos, a Historia xa se convertera na miña materia predilecta, e xa ampliara as lecturas a cousas máis concretas, varias delas collidas da miña estadía británica: a era das navegacións e exploracións oceánicas do século XVI, a Guerra Civil Inglesa, a Armada Española, os Austrias, as grandes batallas de tódolos tempos, a Idade Media e as dúas Guerras Mundiais, tanto en libros propios coma emprestados das bibliotecas de escolas e concellos. Libros que seguín engulindo e mercando nos tempos do instituto (por exemplo, os Atlas culturales del mundo, ou os 26 exemplares da Historia de España de Salvat).

Porén, esta narración parece algo teleolóxica, vista en perspectiva. Porque de pequeno tamén lía e gorentaba de moitas outras cousas que simplemente non toparon continuidade e non tiñan nada que ver cos escuros soños de Clío: lembro varios libros de bioloxía (dinosaurios, a vida na terra, o corpo humano; o que máis me fascinaba eran os virus e as bacterias), uns cantos de astronomía (Urania pouco lle tiña que envexar á outra musa na miña pre-adolescencia) e algunha outra cousa variada. Quizaves a ausencia máis salientábel era a falta de obras literarias de ficción, co cal volvo (e remato por hoxe) co trasfondo doméstico: na miña casa non se lía apenas, e menos obras de ficción; o apropriadamente filisteo era agasallarme exemplares de cousas prácticas e realistas, temperando o gusto polo fantástico dos nenos e empurrándome sibilinamente cara algunha futura profesión respectábel como a medicina ou o dereito.

segunda-feira, julho 10, 2017

Ad vocatio

Poucas verbas suscitan maior rexeitamento e suspicacia no mantedor que a de 'vocación'. Unha parte seguramente se deba ás súas asociacións relixiosas, anque unha parte maior se debe ao emprego interesado e torticero que se soe facer do termo: co gallo de que algunhas profesións teñen supostamente caracter vocacional, algúns non se cansan de pontificar que en tal caso, un debe estar contento de facelas cobrando a metade de soldo e traballando o dobre de horas, coma se o traballo fose unha labor misional ou unha especie de hobby; e non o é: eu no meu tempo libre adícome a ler libros (e ás veces, a comer xeados), e desafortunadamente, aínda non cavilei no xeito da conseguir que me paguen por calquera desas dúas cousas*. Cando se fala da docencia estes abusos do termo fanse aínda máis sangrantes e por iso, tal Goebbels, cada vez que escoito o palabro infausto boto man de xeito inconsciente cara unha imaxinaria pistola. 

Vaia por diante que eu pásoo moi ben no meu traballo, e que como calquera persoa de ben, tento levalo adiante do mellor xeito posíbel (mais iso chámase con outros termos: profesionalidade, seriedade, bo-facer, autoestima, dignidade e respecto cara un e cara os demais); o que non quita que se me deixasen de pagar por el ou empeorasen sustancialmente as súas condicións, buscaría adicarme a outra cousa. E o que tampouco quita que seguramente habería traballos nos que disfrutaría máis, globalmente (e moitos outros nos que disfrutaría moitísimo menos, ou nada).

Porén, do que quería falarvos de verdade é do carácter evanescente, impreciso, azaroso dos intereses académico-laborais que nos levan a escoller unha posíbel profesión fronte a outras, e que tamén constitúen a 'vocación' nun sentido máis laxo. Co paso dos anos voume dando conta do abismo que medra entre o que pensas que che gusta e o que, cando te ves no allo, realmente che gusta facer. 

Parte da culpa dos problemas neste terreo é que como adolescentes inmaduros temos que facer escollas académicas que abren e pechan portas de xeito case definitivo. A falla de guías claras, o máis probábel é que vaias percorrendo un camiño a base de afinidades e antipatías nas materias do bacharelato; no meu caso, con 13 ou 14 anos tiña clarísimo que adoraba unha disciplina académica por riba de todas (a Clío -non a cadela, senón a Historia con maiúsculas) e que pensaba gañarme a vida dun xeito ou doutro con ela; felizmente ignorante dos traballos reais (se teñen sorte) nos que soen caer a maioría dos seus licenciados, ignoraba tamén a miña habelencia ou interese para facelos -pero é que un dos moitos vicios e parvoices da adolescencia é  pensar que es especial e moito máis listo do que verdadeiramente es, e que as regras, limitacións e probabilidades que pairan sobre os demais non foron feitas para tí.

Do mesmo xeito que vía prístina e brillante a senda do historiador, non se me pasaba nen remotamente pola cachola que puidese rematar dando aulas de inglés - e disfrutándoo. Para o caso  no que agora me movo, nen sequera sabía qué era iso dunha 'Escola Oficial de Idiomas' ata que comecei a traballar nunha.

É que Deus sí que xoga aos dados, e debe disfrutar do xogo coma un anano. Noutras entradas quizaves vos debulle o auxe e caída das miñas sucesivas vocacións, e de cómo fun descubrindo os adoquíns debaixo de cadanseu espellismo da praia paradisíaca...   


*Acéptanse suxerencias e propostas laborais ao respecto!