Mostrar mensagens com a etiqueta Michel Foucault. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Michel Foucault. Mostrar todas as mensagens

sexta-feira, agosto 29, 2008

Actancialidade (e outras paranoias)

Moitos dos pensadores que admiro son certamente escépticos da actancialidade humana. Sobretodo dun modelo idealizado, romántico e burgués do individuo activo, xenial, creador, arrastrador das masas, vangardista. É algo que ven de lonxe, e no que artellan unha tea de araña de sorprendente consenso dende os escritos teóricos de Marx, pasando pola Historia Total do Braudel, as reflexións literarias de Trotsky ou o rexeitamento irónico do suxeito do mâitre Foucault.

Pequeno Catecismo, ou micro-escolma de textos ao respeito:


"Se estas disposicións desapareceran tal e como apareceron, se, por calquer acontecemento cuxa probabilidade podemos cando moito presentir, mais cuxa forma e promesa non coñecemos polo de agora, oscilaran, como o fixera, a fins do século XVIII, o chan do pensamento clásico, entón podería apostarse a que o home esluiría, coma nos límites do mar un rostro de area"

M. Foucault, Les Mots et les Choses

"É por iso que cando penso no home individual, sempre tendo a imaxinalo prisioneiro dun destino sobre o que apenas pode exercer influxo algún, pechado nunha paisaxe que se estende antes e detrás del nesas perspectivas infinitas que chamamos da longa duración. Na análise histórica (...) imponse sempre o tempo longo. É un tempo que aniquila unha gran cantidade de acontecementos (...); limita, sen dúbida, a liberdade dos homes e incluso o papel do azar".

F. Braudel, La Méditerranée et le Monde Méditerranéen a l'époque de Philippe II

"Os homes fan a súa propia historia, mais non nas condicións que a eles lles gustarían; non a fan baixo circumstancias que eles mesmos escollen, senón baixo as circumstancias xa existentes, dadas e transmitidas polo pasado. A tradición de tódalas xeracións mortas pesa coma un pesadelo sobor dos cerebros dos vivos".

Karl Marx, Der achtzehnte Brumaire des Louis Bonaparte

"Nembargantes, o conflito entre o persoal e o que supera ao persoal non só pode densenrolarse na esfera relixiosa, senón tamén na esfera dunha paixón humana que supera o persoal: o elemento suprapersoal é, por enriba de todo, o elemento social. En tanto o home non se apodere da súa organización social, esta permanecerá suspendida por riba del coma un fado (...). A loita de Babeuf polo comunismo, nunha sociedade que non estaba preparada para el, é a loita dun heroe clásico contra o seu destino".

Leon Trotsky, Literatura y Revolución

Noutra orde de cousas, a noticia de rigorosa actualidade atópase nas sorprendentes e ofensivas palabras, indignas dun intelectual, que amosou Georg Steiner cara as línguas galega e euskalduna (podedes ler a entevista íntegra eiquí). Xa se verqueron ríos de tinta sobre o tema na blogomillo, e un só quere engadir que resulta triste que a intelixencia (tamén o diletantismo) non salve moitas veces da tontice e do descoñecemento, anque de todos xeitos é moito agardar nun intelectual plenamente do centro do sistema cultural (aínda máis que o tan denostado Bloom) que non siga aplicando caducas clasificacións das línguas aptas para a alta cultura ou desterradas do Parnaso literario...

domingo, novembro 25, 2007

Cherchez la femme (e a Foucault, Chomsky e Zizek)

Pacta sunt servanda. En cumprimento, xa que logo, das miñas propias promesas, estou a rematar por estes días o quinto e último dos textos (un pequeno pentateuco, pentagrama, pentámetro, quinto elemento, quinteto ou The Garden of Cyrus or The Quincuniall, or Lozenge, or Network Plantations of the Ancients, naturally, artificially, mystically considered, pertencente a un Thomas Browne que tamén pechaba o escrito anterior desta xeira, e que recolle nel as tradicións que sacralizan o número 5, dende os Pitagóricos á Biblia, pasando pola Cábala e a filosofía hermética) que lle quería adicar á Doncela de Xenxibre. Cada nova entrega foi aumentando de tamaño, e visto que xa vou pola páxina tres nesta, vouvos absolver da súa dixestión pesada, reservándomo para mín mesmo e, quizais, algún día remoto, para Ginger se descubrise a súa existencia e lle interesase lelo...



Noutra orde de cousas e de pescudas, estiven a ollar algúns videos nese galeón afundido cheo de tesouros que é o Youtube. As pesquisas deron lugar a varias recomendacións que fago/resumo a continuación:

1) Algún home anda colgando as conferencias da EGS en rede. Para os que non o coñezades (tedes a ligazón na Glossolalia...), a European Graduate School é unha especie de super-universidade de verán suíza con tódalas grandes figuras, estrelas e div@s do pensamento posmoderno/posestructuralista. Polas súas aulas pasaron os xa finados Jacques Derrida, Lyotard e Jean Baudrillard; dos vivos, é habitual toparse a Zizek, Agamben, Judith Butler, Dora Hathaway, Alain Badiou... Podedes botarlle un ollo eiquí á colección de videos. Recomendo especialmente os do esloveno, un repertorio interesante das súas ralladas habituais.

2) A seguinte recomendación é o debate, en dúas partes, entre Michel Foucault e Noam Chomsky nun programa da televisión holandesa baixo o título 'Human Nature: Justice Vs. Power'. Alén da talla intelectual dos dous pensadores, resulta un contraste pavero entre un Chomsky como encarnación arquetipa do 'Nerd Errante' (só lle falta a calculadora no peto superior dereito) e defensor da Razón Ilustrada e a Verdade, todo cifras, datos e lóxica racional, cartesiana e inflexíbel; e logo Foucault, tremendamente seductor, entoación e xestos vivos, intelixencia aguda e lenemente irónica, e un total escepticismo sobre os Universais da natureza humana, atrapados nas gaiolas do Saber/Poder (incidentalmente, Foucault é o único home -quizaves en menor medida, Ian McKellen e Charles Laughton- que faría dubidar os sólidos cimentos da miña heterosexualidade).

3) Para rematar, e seguindo con Noam, tedes esta entrevista, primeiro anaco dos tres (os outros tédelos na barra), que lle fai un xornalista inglés, Andrew Marr, bastante inxenuo e näif, deses que cren na liberdade de información e na variedade dos media. Resulta case triste ver como a Maquinaria case Inhumana que é este Chomsky (o seu único defecto, e menor, é que non sexa marxista...) desmonta totalmente os seus argumentos e o expón á crúa realidade, nun xogo de datos e fintas dignas do mellor mestre de esgrima.

P.S.: Queda aberta a veda, por suposto, para que comentedes os vídeos e propoñades outros que rescatárades da barataria da marea virtual. E fica tamén engadir á Lista de Desexos que xa teño exposto noutra ocasión o de poder pagarme un curso na EGS, saber máis de Ginger e, como bo aspirante a Mandarín, aprender a tocar ese marabilloso instrumento que é o guqin...

sábado, dezembro 10, 2005

Foucault: Vixiar e Castigar

Quizaves hoxe nos avergoñen as nosas prisións. O século XIX sentíase orgulloso das fortalezas que construía nos límites e ás veces no corazón das cidades. Encantáballe esta nova benignidade que reemprazaba aos patíbulos. Marabillábase de non castigar xa os corpos e de saber corrixir daí en diante as almas. Aqueles muros, aqueles ferrollos, aquelas celas figuraban unha verdadeira empresa de ortopedia social.

Aos que rouban, encarcéraseos; aos que violan, encarcéraos; aos que matan tamén. ¿De onde ven esa estraña práctica e o curioso proxecto de pechar para corrixir que traen consigo os Códigos Penais da época moderna? ¿Unha vella herdanza das mazmorras da Idade Media? Máis ben unha tecnoloxía nova: o desenrolo, do século XVI ao XIX, dun verdadeiro conxunto de procedementos para dividir as zonas, controlar, medir, encauzar aos individuos e facelos á vez "dóciles e útiles". Vixiancia, exercicios, maniobras, calificacións, rangos e lugares, clasificacións, exames, rexistros, un xeito de someter os corpos, de dominar as multiplicidades humanas e de manipula-las forzas, desenrolouse no curso dos séculos clásicos, nos hospitais, no exército, nas escolas, nos colexios e nos talleres: a disciplina. O século XIX inventou, sen dúbida, as liberdades; pero deulles un subsolo profundo e sólido: a sociedade disciplinaria da que seguimos dependendo.





Para os interesados, o argumento prosegue (máis e mellor) no libro "Vixiar e Castigar" de Michel Foucault.