Mostrar mensagens com a etiqueta retos. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta retos. Mostrar todas as mensagens

sexta-feira, abril 20, 2018

Reto lector 3 - Embedded Formative Assessment

Marzo (e parte de Abril, tamén!) foi un tempo no que estiven moi liado (neno, aulas, programación), así que daremos un pequeno salto e pasamos a continuar co reto lector para este mes, consistente nun libro emprestado. Precisamente para o traballo estiven a debullar as páxinas de Embedded Formative Assessment, de Dylan William, un volume relativamente pequeno (190 páxinas) mais bastante denso e cheo de propostas e ideas que requiren meditar non pouco.

A proposta do libro é bastante sinxela: logo de varios estudos científicos, o seu autor chegou á conclusión que o mecanismo máis efectivo para mellorar o sistema educativo e acadar o éxito cos nosos discentes é mellorar a calidade dos docentes; á súa vez, o mellor xeito de conseguir o segundo é entrenando e traballando a avaliación formativa, entendida coma aquela na que "evidencias do éxito dos estudantes son conseguidas, interpretadas e empregadas por docentes, alumnos e pares para tomar decisións arredor dos próximos pasos na instrucción que poidan mellorar as decisións que se terían tomado na ausencia das ditas evidencias".

Como parte da explicación, William distingue e separa claramente as 'notas' (que considera incluso perxudiciais para a mellora), produto dunha situación 'final' que xa non ten reparación, dunha avaliación que axude a resolver problemas de aprendizaxe cando aínda hai tempo. A maior parte do resto do exemplar, logo das explicacións, procede a detallar as 'estratexias básicas' a empregar para isto e exemplos concretos de actividades. 


O libro pareceume útil e moi alonxado das habituais pedabobadas que se limitan a defender hipóteses sen contrastar e que simplemente gaban a ideoloxía de 'expertos' que non visitaron as aulas de educación obrigatoria dende que estudaron nelas. Parece basearse en evidencias científicas e estatísticas, e as propostas de acción son concretas e prácticas. Seguramente mereza unha segunda lectura e paseniña posta en práctica (algo xa estou intentando).

segunda-feira, março 26, 2018

Reto lector 2 - The Foundation Trilogy

Para o pasado febreiro adoptei o reto lector correspondente a "un libro dun xénero que nunca leras". Tal tarefa antollábaseme moi difícil, xa que hai poucos xéneros dos que non teña probado algo; logo de moito cavilar, decidín probar con sub-xéneros: a ciencia ficción, que me interesa moito académicamente, pero que me ten gorentado pouco estéticamente, era un terreo axeitado para explorar, xa que nela só teño lido cousas moi concentradas no Cyberpunk dos 80 e de William Gibson, e algunhas outras pezas e autores soltos (Spinrad, Wells). Resulta que non lera nada da chamada 'Época Dourada' do xénero (o periodo entre finais dos trinta e finais dos 50 nos que o xénero tornou popular, con autores coma Asimov, Bradbury, Heinlein e van Vogt). Xa que tiña na casa unha boa edición da Triloxía da Fundación, de Isaac Asimov, a iso me adiquei nas últimas semanas. Entre as tres novelas suman unhas seiscentas páxinas, o que axuda a explicar a tardanza da reseña.


As novelas glosan o acontecer da Fundación, unha comunidade creada polo 'psicomatemático' Hari Seldon nos bordes exteriores da Galaxia en previsión do inminente derrumbe do Imperio Galáctico que a mantén unida e que segundo os cálculos do sabio, pode dar lugar a un periodo de caos de 10000 anos ou (de facerse ben as cousas), a un interregno de tan só 1000. Percorremos nestas páxinas os primeiros e decisivos séculos da súa Fundación e os cambios drásticos que ésta experimenta para sobrevivir, prosperar e tentar acadar a súa teleolóxica meta final.

As obras son bastante entretidas e están ben fiadas, con saltos e sorpresas que deleitarán ao lector; porén, tamén é certo que se lle notan moito as 'características da época': sobretodo unha visión moi americanizante das cousas, un certo regusto 'pulp' e 'Flash Gordon' na maioría dos malos e unha notoria pobreza descriptiva e ambiental, sacrificada nunha acción electrizante, iso sí, pero á que non lle vería mal un pouco de inmersión nos mundos que nos ocupan.

quinta-feira, janeiro 18, 2018

Reto lector 1 - The Science of Discworld 2

Anque pareza mentira, confésome moi remiso a recomendacións, clubes e propostas de lecturas, quizaves pola mesma razón pola que cada día merco menos libros en librarías: soio ter cristalinamente claro o que quero ler (e ter), e aínda para iso non atopo nunca o tempo que necesito. Porén, e logo dunha desas suxerencias tan típicas das redes sociais que me fixo unha compañeira de carreira, considerei asumíbel o seu 'reto lector', xa que a amplitude das súas categorías poñía pouca eiva a incorporalo á miña práctica cotiá.

Para xaneiro o reto propón "un libro que tes pero que non leras", algo que no meu caso abarca a arredor do 60% da miña biblioteca. Escollín un exemplar de Terry Pratchett, parte da serie de volumes que fixo en colaboración con dous científicos (o matemático Ian Stewart e o biólogo Jack Cohen, magos honorarios da Universidade Invisíbel) e que mesturan a ficción do Mundodisco coa divulgación científica. The Science of Discworld 2 - The Globe non me decepcionou, anque iso era algo que xa agardaba; de feito, topeino aínda máis deleitador e instructivo do que o seu antecesor, que xa lera e disfrutara uns meses atrás. É que que inclúa a William Shakespeare, á Inglaterra Isabelina e aos Magos (éstes non honorarios) máis sonados de Ankh-Morpork é unha aposta segura para seducirme.

























Pregúntome, e non de xeito retórico, se algún día poderei rematar tódolos libros que posúo (e que acrecentan cada mes en alomenos 3 ou 4 exemplares). Quixera crer que sí, pero cada día tórnome máis escéptico...