Marzo (e parte de Abril, tamén!) foi un tempo no que estiven moi liado (neno, aulas, programación), así que daremos un pequeno salto e pasamos a continuar co reto lector para este mes, consistente nun libro emprestado. Precisamente para o traballo estiven a debullar as páxinas de Embedded Formative Assessment, de Dylan William, un volume relativamente pequeno (190 páxinas) mais bastante denso e cheo de propostas e ideas que requiren meditar non pouco.
A proposta do libro é bastante sinxela: logo de varios estudos científicos, o seu autor chegou á conclusión que o mecanismo máis efectivo para mellorar o sistema educativo e acadar o éxito cos nosos discentes é mellorar a calidade dos docentes; á súa vez, o mellor xeito de conseguir o segundo é entrenando e traballando a avaliación formativa, entendida coma aquela na que "evidencias do éxito dos estudantes son conseguidas, interpretadas e empregadas por docentes, alumnos e pares para tomar decisións arredor dos próximos pasos na instrucción que poidan mellorar as decisións que se terían tomado na ausencia das ditas evidencias".
Como parte da explicación, William distingue e separa claramente as 'notas' (que considera incluso perxudiciais para a mellora), produto dunha situación 'final' que xa non ten reparación, dunha avaliación que axude a resolver problemas de aprendizaxe cando aínda hai tempo. A maior parte do resto do exemplar, logo das explicacións, procede a detallar as 'estratexias básicas' a empregar para isto e exemplos concretos de actividades.
O libro pareceume útil e moi alonxado das habituais pedabobadas que se limitan a defender hipóteses sen contrastar e que simplemente gaban a ideoloxía de 'expertos' que non visitaron as aulas de educación obrigatoria dende que estudaron nelas. Parece basearse en evidencias científicas e estatísticas, e as propostas de acción son concretas e prácticas. Seguramente mereza unha segunda lectura e paseniña posta en práctica (algo xa estou intentando).
Sem comentários:
Enviar um comentário