O comezo da primavera foi no 2007 un periodo propicio para a miña escrita dixital. Moitas das entradas facían referencia a obras de arte que me gorentan, nalgún caso rescatándoas de escritas anteriores, noutros suxerencia dos lectores e seguidores da bitácora (daquela, aínda tiña diso). Outras imaxes, coma o cadro de Klee, rimaban coas miñas angustias e frustracións amorosas, ou con textos propios tan escuros coma o Alberich...
Anque naqueles días non apuntaba os libros que lía, ler entreliñas permíteme ver que no marzal rematara A Corte do Tsar Vermello de Montefiore e un volume de Indoeuropeística que extraera dos anaqueis de acceso directo da biblioteca. Porén, a coroa daqueles días debérona de levar algunhas páxinas dos volumes de Žižek que teño aínda pola casa (seguramente, Repetir Lenin); o 9 dese mes visitáranos no Consello da Cultura Galega, dando unha charla nunha sala de madeira á que lle teño afecto por xornadas e actos diversos.
Da parola lembro moi pouco, mesturándoa con lecturas, vídeos e outros loci communes de autor que gardo no maxín- así que tiven que refrescar a memoria coa vella entrada; do anecdótico que pendurou gravado nos paneis da Casa de Mnemósine podemos citar a pequena rifadeira que me fixo no turno de preguntas o profesor Monteagudo por preguntar moi rápido (non era o meu afán lucirme co meu inglés, mais cando estou nervioso falo a fume de carozo), ou que algunhas das sinaturas dos libros que lle levei ao esloveno (algunhas ou todas? terei que mirar nos anaqueis) bautízanme coma 'Miguel' no canto do meu nome de pila. Lendo as verbas que escribín no pasado, só podo cavilar no moito que aínda a día de hoxe, 11 anos despois, simpatizo, aprezo e empatizo co pensamento de Žižek. Hai algúns cambios, certamente -agora son máis conservador en xeral, máis pesimista no global e optimista e feliz no persoal-, mais no que atinxe á miña consideración de Slavoj e do que dí, sigo en posicións moi parecidas: sempre me entretén, malia un Lacanismo confeso que me resulta alleo, cando non hostil (coma todo o relacionado co psicoanálise); e alén de divertirme, segue reflexando en moi boa medida os meus propios pensamentos, espello mental (que non físico, agardo) de Narciso, xa que anque os looks non son o meu punto forte, agardo que fiquen lonxe dos daquela espe(cta)cular imaxe do día da boda de Žižek con Analía, a mellor representación plástica do mito da Bela e a Besta. O tempo pasa para todos: acabo de consultar e parece que o esloveno xa anda pola terceira muller, e Analía xa non será, como na adicatoria de The Parallax View, 'el axioma de mi (su) vida'. No entanto, eu sí atopei o axioma da miña, e confío en que me dure sempre...
Sem comentários:
Enviar um comentário