Mostrar mensagens com a etiqueta linguas. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta linguas. Mostrar todas as mensagens

terça-feira, novembro 20, 2018

Pulcher, sed non utilis

"A psicoloxía educativa moderna descubriu a existencia dunha dobre falacia na crenza tradicional encol do valor formativo do latín en sí e do método gramatical coma un xeito de entrenamento mental, especialmente cando chegou a entender mellor o concepto de 'transferencia do entrenamento'. O latín non ten un valor especial para a disciplina mental. A raíz desta crenza topámola nos libros de texto usados durante tantas décadas por estes profesores. Eis a razón principal do perpetuamento dunha crenza que, a día de hoxe, aparece claramente contraria á ciencia e ao sentido común. Os compiladores de libros de texto do século dezanove tiñan coma obxectivo principal o de codificar as línguas estranxeiras en regras estáticas de morfoloxía e sintaxe, explicar e conseguir a memorización das ditas regras. O traballo oral reducíase ao mínimo absoluto, mentres que unha presada de exercicios escritos, construídos ao chou, viñan como apéndice ás regras".  

Na 'Routledge Encyclopedia of Language Teaching and Learning', px. 264-265

segunda-feira, agosto 20, 2018

To maken vertu of necessitee

Un recente artigo nun xornal xeralista manifesta a súa sorpresa (e un chisco de narcisismo autocompracente implícito) arredor do escaso interese dos alumnos estadounidenses polas línguas estranxeiras; aparentemente, só un 20% dos estudantes de colexios públicos dalá aprende outra língua na etapa escolar, fronte ao 92% dos europeos. Porén, a comparativa, como a mesma nova recoñece, é un tanto inxusta. Alén da pequena minoría que abraza as virtudes do multilingüismo e se somete aos seus rigores, o certo é que en Europa simplemente facemos da necesidade virtude. Un habitante do noso continente difícilmente pode vivir á marxe doutras línguas dado que a súa, por moi poderosa que sexa e moitos falantes que teña, é unha de tantas, e (agás o inglés), non é unha koiné internacional efectiva, e en moitos casos, terá que compartir espazo e co-oficialidade con outras línguas do estado. Os EEUU, ao contrario que a Unión Europea, son a more perfect union na que a língua de Shakespeare fai de indiscutíbel cemento común, e onde a necesidade de línguas estranxeiras para moverse dentro do estado é inexistente; a maiores, as posibilidades laborais fóra son máis limitadas do que as europeas, e aínda neses casos, é posíbel manexarse só en inglés agás en postos moi específicos.

Saber idiomas é unha evidente riqueza intelectual para os que se molestan en aprendelos, mais tamén requiren dun enorme esforzo non trivial (e maior dependendo da dificultade percibida da(s) lingua(s) a aprender), que se pode adicar, na falta de estímulo, a aprender moitas outras cousas. Un docente de línguas estranxeiras coma o que lles escrebe pode considerar que entre as grandes prioridades formativas está coñecer ben alomenos unha língua estranxeira, con innumerábeis virtudes utilitarias e non utilitarias, mais sería inxenuo non recoñecer que non son esas virtudes as que van a explicar motivacións e as situacións sociais multilingües.

quinta-feira, dezembro 08, 2016

Cabreo

Ben sei que Marc Fumaroli é un grande retórico e un gran historiador (o ano pasado publicouse en español por Acantilado a súa deliciosa Cuando Europa hablaba francés, de recomendábel lectura); do mesmo xeito sei que os cortes de edición en videos e entrevistas poden acabar transmitindo unha imaxe distorsionada e interesada das opinións dun; todo o cal non quita para que me poña de moi mal humor este pequeno video de Stephen Fry encol dos immortels e a Academia Francesa.


No que parece unha parodia do habitual estereotipo sobre os franceses como arrogantes odiosos e hipócritas, namorados da súa pasada grandeur, escoito estupefacto ao presidente da academia laiándose da invasión cosmopolita e globalizadora do inglés ("globish") ao tempo que despreza as línguas territoriais de república como 'pouca cousa' que pagaba a pena perder a cambio de participar na 'conversa superior' en francés.

Son cousas como estas as que alimentan a miña coñecida fogueira francófoba e a miña resistencia a aprender o seu idioma, a sentir que o mellor pago que se lles pode facer a estes imperialistas fracasados é colaborar activamente pola irrelevancia desa ferramenta lingüística da que se amosan tan compracentes... 

quarta-feira, novembro 16, 2016

Replicante (modo De Prada, non Blade Runner)

No Semanal do pasado domingo podíase ler unha columna de Juan Manuel de Prada laiándose da marxinación das humanidades en xeral, e das línguas clásicas en particular nos actuais plans de estudo, a súa substitución polo utilitario e crematístico, e o grave exercicio de desmemoria que isto implica. Malia que o conservadurismo clerical de De Prada tende a xerarlle antipatías e críticas ad hominem incluso antes de que moitos lectores vaian máis alá do titular, eu topei moito do que dí nestas liñas razoábel, e creo que podería compartilo calquer persoa con sensibilidade pola cultura. Matizaría, iso sí, nun aspecto fundamental: cando De Prada lle concede unha posición tan central ao latín coma o 'transmisor e conservador da cultura europea', debera máis ben matizar a qué cultura europea se refire; dígoo porque na Civilización Grecolatina (á que podemos considerar devanceira anque claramente diferente da nosa), a língua prestixiada, transmisora e conservadora da cultura era o grego, a que falaban incluso os romanos (cultos) na intimidade, aquela na que se producían as reflexións e creacións literarias máis senlleiras (e seguiríao sendo na metade oriental do vello Imperio de Roma ata a súa desaparición). O latín foi a lingua cultural da Civilización Cristiá Medieval de Occidente, cuxos textos e cuxos valores estéticos e ideolóxicos son santo da devoción de Juan Manuel. Un latín que xa na época imperial absorvera e imitara á súa compadre e que, en efecto, transmitiu parte do bafo helenístico a Europa.  Mais non esquezamos que foi transmisión interesada, parcial e viciada polo triunfo do cristianismo e a posesión exclusiva do saber por parte da igrexa nos séculos escuros. Árabes e Bizantinos son os responsábeis de que conservemos ese saber en moita maior medida que os monxes medievais e a Igrexa Católica.

Por outra banda, tampouco convén esquencer que pouco a pouco, dende a Reforma, e xa claramente despois das Revolucións Científicas do XVII, o latín deixou de ser a lingua franca incluso de Occidente, sustituída polos vernáculos e por grandes textos, formativos da nosa cultura, que agora se escribían en francés, alemán, inglés.  Todo o cal debería conducirnos a unha atitude máis cauta, anque valorativa, sen dúbida, da língua latina, mais empurrándolle a que ceda o trono e o cetro a outras línguas que en medida pouco menor tamén son fundamentais para a nosa cultura; de feito, para as formas actuais da Civilización Occidental,  que De Prada aborrece, seguramente o grego e as modernas son fontes moito máis nutricias que a língua de Cicerón e de Virxilio (e na parte que realmente lle toca a De Prada a fibra sensíbel, de Agostiño de Hipona e de Tomás Aquino).

sábado, abril 10, 2010

Palabras Clave: Dialecto

Cando teño tempo, aproveito estes días para ler o libriño 'Keywords', de Raymond Williams. Este é unha especie de pequeno diccionario crítico: cen palabras 'problemáticas' cuxos cambios de significado ao longo do tempo estuda o autor. A tese de Williams é que os diferentes significados non deberan xulgarse dende parámetros de 'correcto-incorrecto', ou fidelidade ou non ás orixes; ao contrario, os significados son construccións sociais, e as mudanzas reflicten os debates ideolóxicos, a loita de clases, os cambios económicos, sociais e políticos e como éstes son conceptualizados e seguen a ser discutidos.
Un exemplo é a súa entrada sobre a palabra 'dialecto', que paso a colar e traducirvos eiquí:

Dialect chegou ao inglés a finais do século 16, dende a palabra francesa dialecte, con raíz no grego dialektos. O senso orixinario de 'discurso' ou 'conversación' xa experimentara unha ampliación na lingua orixinal para indicar un xeito de falar ou a fala do rural ou dos distritos. No inglés, agás certos usos ocasionais, pasou a especializarse no seu senso actual dende os séculos 17 e, especialmente, 18; un senso no cal non se trata tan só de lingua dun distrito, senón que, como dí o OED, trátase "dunha das formas subordinadas ou variedades da lingua que xorden de particularidades locais de vocabulario, pronuncia e modismos". A palabra clave eiquí é 'subordinadas', que debe entenderse no contexto da definición desta do OED: "variedade da fala que difire do estándar, ou da 'lingua' literaria".
Que nesta última definición apareza entre aspas a palabra 'lingua' pódese entender coma unha prudente reflexión a posteriori. O que toca discutir non é o feito evidente que os modos de falar diverxen en diferentes lugares dun país ou dunha zona lingüística, senón a confianza desa designación de 'subordinadas'. Isto emparenta de xeito estreito co desenrolo da idea dun inglés 'estándar' (vale para calquer outra lingua) no que un emprego escollido (no caso do inglés, por motivos de clase) pasa a converterse en autorizado e dominante ('correcto'). A referenza alternativa á 'lingua literaria' non se refire de xeito principal á linguaxe da literatura, no senso actual de escrita imaxinativa, senón ao senso máis antigo de linguaxe apropiada no senso de 'lingua educada, das clases cultas', e por riba de todo no tipo de escrita ao que ésta deu lugar.
As confusións resultan, entón, evidentes. Os primeiros empregos non teñen o senso de 'subordinadas'. Designan un lugar para indicar unha variación. De feito, temos usos dende 1635 no que a palabra dialecto é empregada co senso co que hoxe diríamos lingua: 'A lingua eslava é dunha grande extensión: dela temos moitos dialectos, coma o ruso, o polaco, o bohemio, o ilirio...'. Hoxe falaríamos dunha 'familia' de 'linguas nacionais'. De feito, é neste marco de estabilización dunha lingua 'nacional' e logo dentro do proceso centralista de creación dun estándar no que formas totalmente nativas, variantes auténticas e con longa tradición pasan a designarse coma culturalmente subordinadas. A lingua, vista dende un ponto de vista neutral, existe coma un corpo de variacións. Mais dentro dun proceso de dominación cultural, o que se proxecta non é só unha versión con autoridade, seleccionada, a partir da cal tódalas demais variedades son xulgadas como inferiores ou incorrectas, senón tamén unha noción prácticamente metafísica da linguaxe na que este existiría dunha forma alén das súas variacións reais. Así, non temos só o inglés estándar e logo os dialectos; nesta proxección teríamos tamén un inglés singular, e logo os dialectos do inglés.
Resulta de interese observar os axustes deste tipo de descripción dominadora, relacionándoos coas mudanzas das relacións sociais. Un bo exemplo disto é a transición dende o 'dialecto yanki' a 'Inglés Americano', que só se completou (nesta beira do Atlántico) a mediados do século 20. O caso é similar na frase habitual 'linguas minoritarias', que inclúe a implicación de 'menos importantes' no seu habitual emparellamento con 'linguas maioritarias'. Isto é outra forma de dominación. Existen realmente línguas de minorías; moi habitalmente, de minorías que chegaron a esa situación social porque o seu país ou lugar foron anexionados ou incorporados no seo dunha unidade política maior. Isto non as converte en 'linguas minoritarias' máis que na perspectiva do dominador. No seu propio lugar (se son quen de resistir o que habitualmente son presións moi fortes) non son 'línguas minoritarias', senón linguas coma calquera outra. De xeito comparábel, un dialecto é simplemente o xeito de falar nun determinado sitio.

quarta-feira, março 14, 2007

Indoeuropeística - O Oso

A palabra para "oso" ten tamén algúns problemas. Soe dicirse que en Indoeuropeo era *rkþos. Mais históricamente, este termo falta en moitas das súas línguas. Os seus principais testemuños son sánscrito ŕksas, armenio arj, grego άρκτος, albanés ari, irlandés art e latín ursus, de onde deriva o noso oso. Malia que a palabra está ausente en moitos e importantes grupos coma o xermánico, o báltico e o eslavo, non pode poñerse en dúbida a súa ascendencia indoeuropea ao estar testemuñada en ámbolos dous estremos -oriental e occidental- do conxunto das línguas indoeuropeas. A explicación da súa ausencia en tales línguas debe buscar noutros eidos. Tamén entre os indoeuropeos era o oso un animal sagrado, totémico, e a súa figura inspiraba respecto e temor, ate o punto de que se evitaría pronunciar o seu nome. Este tipo de comportamento énos coñecido noutros ámbitos relixiosos e culturais. Os xudeos, por exemplo, evitaban pronunciá-lo nome do seu deus, que remataron por sustuír por unha perífrase: Yaveh, "o que é". O carácter sacro do oso entro os indoeuropeos conservouse ate épocas históricas nalgúns pobos. Entre os celtas da Galia existía unha deusa "osa" da que deixou testemuño unha inscripción latina Deae Artioni "á deusa osa". Entón, entre os indoeuropeos existiu a tendencia a evitá-lo nome do oso. E coñecemos incluso a perífrase -ou mellor, unha das perífrases. coa que se sustituía: consistía nunha palabra composta, que entre os indoeuropeos eran abondosas, co significado de "comedor de mel". En sánscrito conservouse tanto o nome xa citado como o da perífrase: madhvád. Entre os eslavos, a tendencia a evitá-lo nome do animal debeu de tornar en completa proibición, de tal xeito que o nome se perdeu e só ficou a perífrase: medu-edб, "o comedor de mel". Por razóns similares debeu de ser sustituída a vella palabra indoeuropea para oso nas línguas xermánicas, onde o inglés bear e o alemán Bär derivan dun mesmo adxetivo indoeuropeo de cor, *bheros "castaño, pardo", qu se aplicaba a diversos animais con esta cor no pelello. Pola contra, o nome indoeuropeo de oso atópase no vasco hartz "oso", malia que o vasco, como é ben sabido, non é unha língua indoeuropea. Do mesmo xeito atopámolo como nome propio de persoa -Harsus- na Aquitania prerromana que, segundo sabemos hoxe, estaba poboada polos antergos dos vascos e que falaban unha lingua que podemos chamar sinxelamente vasco antigo. No vasco debeu de entrar esta palabra coma préstamo das linguas celtas polas que estaba rodeado tanto nas Galias como en Hispania.