Mostrar mensagens com a etiqueta estudo. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta estudo. Mostrar todas as mensagens

sábado, novembro 24, 2018

Adversus Indagatores

Leo no xornal por segundo día consecutivo os laios dos investigadores sobre as escasas posibilidades laborais que teñen na península e nas universidades, malia contar con expedientes moi meritorios e premios de fín de carreira. Porén, e aínda sentindo simpatía polo seu predicamento, hai alomenos catro cousas no seu argumentario que me resultan criticábeis ou, aínda diría máis, evidencia dunha certa inmadurez e do que os anglosaxóns, en verba de difícil tradución, chaman entitlement.

1) Unha idea principal que transmiten estas entrevistas é a de que estes alumnos esforzáronse moito nos estudos e polo tanto, agora merecen a súa recompensa social (na forma, imaxino, dun contrato laboral ben pagado e próximo aos seus domicilios). Pero o caso é que o estudo é o seu propio premio: aos nenos pequenos dánselles agasallos cando conseguen resultados nos estudos -o clásico método pavloviano do estímulo/recompensa que serve para crear hábitos bos e útiles- mais un pensaría que estes recursos deixarían de seren necesarios en adultos maduros. O galardón ao estudo intensivo e ás boas notas é ter aprendido moito, e a satisfacción de ter rendido por riba dos teus límites e dos teus compañeiros.

2) Relacionado co anterior hai o laio de sentírense enganados polos seus pais, aos que acusan de terlles feito falsas promesas: 'estúdate e esfórzate e conseguirás un bo traballo'. Novamente, é un argumento que me sorprende polo seu infantilismo: máis alá dos muros da gardería ou da escola, no mundo real, as cousas non veñen dadas automáticamente. O anterior consello paterno é un bo consello: estatísticamente sería doado demostrar que as persoas máis traballadoras e disciplinadas, as que interiorizan a disciplina e o retraso na gratificación, soen ser aquelas que conseguen os seus obxectivos (vitais, non só laborais) en maior grado. Certamente, o diaño está nos detalles, e nese 'soen'; pero é que a vida non ven con garantías, coma os electrodomésticos, e moitas veces é inxusta.

3) E pasando da reclamación aos pais, pasamos á de papá Estado, mediante a demanda de maiores investimentos en investigación, creación de prazas en universidades, ofertas de emprego público... Presumo que os investigadores son xente formada, e son conscientes de que os recursos (incluso os da administración!) non son ilimitados, que o que se emprega nunhas cousas non se emprega noutras; asemade saberán que aínda estamos a sufrir as consecuencias da maior crise económica mundial dende o crac do 1929, e que no caso peninsular, a inversión en investigación e desenrolo da empresa privada (onde noutros países consegue recalar un número non neglixente de investigadores) é testemuñal; tamén deberan ser conscientes de que en ningures toparán hoxe en día a Terra Prometida ou o País de Jauja. En países moito máis prósperos ca o noso os investigadores e doutorandos viven en condicións non moito mellores nen menos precarias (para maior detalle, anque dentro dunha vea humorística, recomendo a páxina de PhD Comics).

4) Como ben saberán os lectores, son persoa de humanidades, e aprezo moi xenuinamente a estas; tamén asumín os riscos, cando as estudei, das escasas perspectivas laborais dignas destes eidos do saber, agás cando se aproba unha oposición e se accede ao mandarinato en calquera das súas variedades. Dígoo porque de 'brillantes expedientes' e premios fín de carreira agárdase que non sexan ignorantes tampouco destas realidades e que sexan o suficientemente responsábeis para apandar coas consecuencias das súas decisións: todos os saberes son meritorios, todos teñen as súas dificultades, mais cando un agarda gañarse a vida (e a poder ser, cómodamente e perto da casa) con eles, hai escollas moi arriscadas; incluso apostando sobre seguro, nunca teremos garantías (vólvase ao punto 2), sobretodo de evitar ter que movernos polo mundo adiante para rematar 'traballando do noso'.