Un non é moi adepto ás línguas artificiais. As naturais xa contan con suficiente complicación para aprendelas, e postos a aprender, mellor unha á que acompañe unha boa literatura (máis que a lingüística, o que me interesa da miña carreira). Nembargantes, ás veces atópanse cousas curiosas navegando pola rede.
Unha delas é a língua Ithkuil, creada polo lingüista norteamericano John Quijada entre 1978 e 2004. Dun nivel de complexidade endemoniado, o seu autor pretende demostrar con ela como podería funcionar unha língua capaz de transmitir enormes cantidades de información lingüística empregando menos e máis pequenas palabras que as línguas naturais.
Pero non pensedes que se trata simplemente de escribir e falar menos. Se aceptamos algúns aspectos alomenos da hipótese Sapir-Whorf (para os que vos sone a chinés esta teoría podedes mirar aquí), e supoñendo que pode haber algunha relación entre velocidade do pensamento humano e do acto de fala, esta língua, segundo Stanislav Kozlovsky permitiríalle a un falante nativo pensar cinco veces máis rápido que a unha persoa normal.
O Ithkuil tamén conta cun sistema de escrita propio: o Içtaîl, influído nos seus cambios de caracteres pola escrita etíope e brahmí, e no seu deseño visual polo Klingon e o Hebreo.
A min estame a parecer unha língua preciosa, estéticamente estimulante, anque terríbelmente difícil. Mentres sigo tentando asimilar a súa fonoloxía, remítovos se estades interesados á súa gramática online.
