Mostrar mensagens com a etiqueta Riga. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Riga. Mostrar todas as mensagens

terça-feira, novembro 03, 2009

Comunista(s) do Mes: Os Fusileiros Letóns

Xa sei que vou con certo retraso en dúas das seccións fixas prometidas. Esta xa a tedes eiquí. A de filosofía terá que agardar a ben entrado este mes, xa que o estudo, a traducción e outras lecturas deixáronme parado ás portas da República de Platón...

Os fusileiros letóns (Latviešu strēlnieki) foron un dos corpos militares, inicialmente composto de voluntarios, que o goberno tsarista reclutou na Letonia, daquela unha provincia rusa, co gallo da Primeira Guerra Mundial. Cando en 1917 estoura a Revolución de Outubro, moitos deles pasan a apoiar ao novo goberno; receben o alcume de 'fusileiros letóns vermellos' (Latviešu sarkanie strēlnieki), e nos primeiros momentos constitúen, xunto cos mariñeiros de Kronstadt, os gardacostas e garda pretoriana dos bolcheviques, e un dos poucos corpos disciplinados e efectivos dos que dispñen nos comezos da revolución. Destácanse ao longo da Guerra Civil, suprimindo revoltas en Moscova e Yaroslav e loitando contra os líderes contrarrevolucionarios Denikin, Yudenich e Wragnel. En 1919 receben a máxima condecoración da época, a Honorábel Bandeira Vermella da VTsIK, e un dos seus oficiais -Jukum Vacietis- convértese no primeiro comandante en xefe do Exército Vermello.

Tiveron menos sorte no seu país natal, que aproveitou o dereito de autodeterminación outorgado polos bolcheviques para fundar unha república independente nas costas do Báltico. Coa firma do tratado de paz, en 1920, entre Letonia e a Rusia bolchevique, moitos dos fusileiros retornan á súa patria.

Os que ficaron en Rusia pasaron a ocupar altos cargos no Exército Vermello, na Cheka e no Partido Comunista. Nembargantes, coa chegada dos anos 30, a maioría foron fusilados e deportados ao Gulag, compartindo o destino dos 'vellos bolcheviques' e dos intelectuais.

Moito máis adiante, trala reocupación de Letonia pola URSS e a morte de Stalin, os fusileiros serían rehabilitados, e construíuselles un museo e un fermoso monumento en Riga. A caída do réxime comunista volveu a colocalos na picota, xa que moitos letóns desprézanos como colaboradores da odiada gran potencia veciña. O seu museo foi reconvertido no '
Latvijas Okupacijas Muzejs' ('Museo da ocupación de Letonia', que mete no mesmo saco aos Nazis e aos Soviéticos) e moitas voces reclaman a voadura da rosada pedra esculpida que os representa...

segunda-feira, outubro 08, 2007

Praceres da Carne e do Espírito - Riga

O último día que pasei en Riga era un domingo. A cidade espertaba preguizosa, e un xa visitara unha manchea de museos, polo que decidín tomarme o medio día que tiña libre (algo máis de medio día en realidade: ás 7 collía o bus camiño de Tartu; mais contando con voltar á casa e recoller a equipaxe, ás 5 como moi tarde tiña que poñer fín ao paseo) para volver a percorrer as rúas da Cidade Vella, ese curioso pastiche posmoderno entre fachadas baixo-medievais e renacentistas e o cristal e ferro da nova construcción, todo xunto, por exemplo, no edificio do Concello.

Antes diso, o dono da casa-hotel na que me hospedo (como faría este neozelandés para coñecer e casarse cunha letona fai 30 ou máis anos atrás? Creo que ela era deportista, mais aínda así...) cóntame anécdotas da época soviética e lévame nun paseo polo arrabaldo, amosándome a varia arquitectura. Destacan as casas de madeira, moitas sen restaurar (custa unha pequena fortuna, mais o goberno proíbe e pena fortemente tiralas abaixo), uns horribles edificios de tixolo (por suposto, soviéticos) e algunhas casas de diseño, de aire Escandinavo e Modernista. Unha das casas máis bonitas, rosada e con pinta de pastel, resulta ser un antigo centro da KGB, onde as torturas eran habituais coma o pan noso de cada día...

A serpe urbana lévame despois, tranvía abaixo e retornado á Vecriga, diante de edificios xa vistos, entrando somentes na Melngalvju nams, a Casa dos Mouros, que resulta máis espectacular por fóra que por dentro, quitando quizais o gran salón de baile con vidreiras e retratos de reis e emperadores (a carón de Gustavo Adolfo, moi querido alá, estaba nada menos que Carlos V, o cal me sorprendou un chisco, e varios Tsares e Tsarinas).

Visitando de novo a Igrexa Anglicana (non a puidera ver por dentro a primeira vez), atópome cun servizo relixoso a piques de comezar. Facía moitos anos que este ateo inpenitente non pasaba por unha misa, mais á soidade, o tentador órgano e a curiosidade ante o rito protestante, máis dinámico que o noso e salpimentado de boa música, arrastráronme para dentro. A verdade, non me equivoquei. O órgano estivo estupendo, o sermón resultou ata ameno. A maioría dos presentes eran turistas anglosaxóns, o que non impediu que se respirase unha amábel camaradaxe amistosa que me facía pensar: 'Ah, se as relixións fosen isto, só isto, non serían unha cousa tan nefasta...'.

Despois toca andar polas rúas do famoso Modernismo local, que transformaron á vila nunha Barcelona ou Viena pequerrecha do Báltico. A longa camiñata baixando Elisabete, Alberta e Strelniki co pescozo do Mantedor en precaria postura de 65 grados e tortícole garantizada. O espectáculo do xeso e do cemento retorcido en formas vexetais e contorsionados adornos de traxedia e teatro de máscaras agocha en cada recuncho da cidade, anque eses paseos recibían unha dose máis alta do normal, incluíndo as pezas de Eisenstein pai, de especial interese para mín ao lembrar as páxinas do fillo, nas memorias, falando das aberracións estéticas do paterfamilias...

Iso no que toca aos praceres do espírito. Os da carne tiveron lugar nun soto, baixando unha empinada escaleira a carón do Daugava. O lugar de certo tiña aires de burdel barato ou de restaurante ochenteiro e báltico. Era o segundo, por suposto, malia o que tentase suxerir unha iluminación vermella e unhas camareiras loiras e esculturais. Alí tiven ocasión de degustar a comida Letona, non por predicíbel menos saborenta: porco, patacas, pan negro e col fermentada... O postre era unha cousa rica, mais por moito que me esforce, non me dou lembrando do que era...

A única frustración, coa falta de tempo, foi botarlle un ollo por dentro á Torre da Pólvora, a Pulvertornis, agora museo do exército, ou pasear polo ventre de balea da mole de arquitectura estalinista que se erguía perto da estación de buses. Ollando pra ela depedínme de Riga, tecendo o tempo libre de lecturas no longo camiño (7 horas) en autobús que me había levar a Tartu.

sábado, julho 14, 2007

Dende Riga

Ben, estou canso como un burro, física e mentalmente, ou sexa que non agardades ningunha floritura...

Hoxe fan xa tres días que levo en Riga, a capital de Letonia, e pequena pausa turística denantes de que comece o curso de estonio que é a excusa que me trouxo eiquí. A viaxe en Ryanair foi, como de costume, un intercambio tedioso no mercado voador do gando. A breve pausa en Stansted aproveitada para facé-la compra ritual do libro de Pratchett e dunhas chocolatinas (non habí­a tempo nen para xantar ou mercar algo un chisco m­áis consistente). Despois chegar á casa de Ric e Diga, nas aforas arboradas de cidade (o arrabalde chámase de feito Meža Parks, 'Parque do Bosque'. Antes da Guerra era a zona señoritil, polo que o Glorioso Exército Vermello os enviou a todos, do primeiro ao último, a Siberia. Segundo Ric, malevo, en realidade só foi para quedarse coas casas...). Está un chisco lonxe do Casco Vello, mais por 30 céntimos de Lat (o equivalente aos vellos vinte pesos) un tranvía ponche no centro en media hora...

A primeira noite foi mesa redonda (en realidade, cadrada) cos donos do hostal e varios inquilinos, entre eles un matrimonio afro-americano/alemán moi simpático. Iso sí, baleiraríamos unhas seis botellas grandes da cervexa local, Lacplesis, para lubricar tanta parola...

Ao día seguinte (propiamente, 'o primeiro') visito con Rodney e Claudia o Museo da Ocupación, un edificio achaparrado e soviético, con aires de porcoespiño chantado no medio da Vella Riga (a min non me pareceu antiestético, pero son o único). O museo, como podedes imaxinar, é unha longa serie de artefactos, fotos e textos sobre o malísimos que foron os Rusos e Papá Stalin con eles. Os nazis tamén, pero menos. Diante do edificio resiste un dos escasos monumentos do Ancien Regime, unha estatua rosada adicada aos Fusileiros Letóns, gardacostas de Lenin e salvadores da Revolución nos duros primeiros días despois de Outubro...

O resto do tempo foi pasear pola vida medieval, as rúas e as Igrexas. Arquitectura hanseática do tixolo, por veces colorista. A Catedral, San Pedro e a Igrexa (a única das grandes que segue sendo católica) de Santiago. Austeridade luterana e sinxela nos interiores, e torres altísimas deixando impronta na liña urbana. As vellas sedes dos gremios (a grande e a pequena) parecen tartas de pastelería nas que metese a man un amante do kitch gótico...

Hoxe tocou o Museo da historia da cidade e da navegación (dúas horas de percorrido por salas ateigadas de obxectos), a igrexiña dos Anglicanos, que só se enchía cando chegaban os mariñeiros ingleses), a fantasía teutona do Gremio dos Mouros (derrubado polos rusos, que o consideraban exemplo de 'arte alemá decadente') e as rúas mais destacadas polo estilo Modernista Local, cheo de caras berreantes e formas retorcidas, horror vacui de xeso e cemento e tódolos recursos habidos e por haber...

Mañá toca a Torre da Polvora, a solitaria que fica en pé, e irse despedindo da cidade, camiño de Tartu...

O truco mnemoténico é nesta ocasión 'besbella', que así me sonaba a parada de tranvía que collo polas mañás. O nome real é Visbija (pola illa de Visby)...

quarta-feira, julho 11, 2007

Eesti Luule - A Cruz no Báltico

Pois sí, miñas donas e meus señores. O mantedor, travestido de personaxe do teatro de Zacarías, con sombras do Ganivet, comeza mañá unha estadía polo Báltico. Anque desta volta, a cruz xa está nos mares do norde (un preferiría desfacela), e segue o camiño inverso daqueles conquistadores cabaleiros teutónicos que asentaron señorío feudal e señores bispos (ou Arcebispos) en Livonia.

Uns días en Riga e logo o curso de aprendizaxe de estonio na Universidade de Tartu, a Compostela local. Agardo aprender algo da língua, quizais ata o nivel de traducir cousas sinxelas e poemas abusando do diccionario. E pillar literatura local en línguas que entenda con máis soltura... Para empezar, na lista da compra, están as dúas pezas épicas (o Kalevipoeg e o Lacplesis), Lidia Koydula (a Rosalía de Vändra), o atormentado Juhan Liiv, algúns do grupo Arbujad, e algún novelista recente (Tõnu Õnnepalu, traductor, novelista, poeta posmoderno e último premio Liiv). Da parte letona un chisco menos (menos estou) e alén do xa mentado Lacplesis, quizais un libro de poesía e unha novela... Xa veremos, que tampouco vou tan espléndido de cartos, mais os libros e os agasallos son un terreo no que non me sinto moi culpábel consumindo.

É posíbel que vos escriba dende alá, xa que creo que están moi ben dotados no tema informático, mais non prometo nada. No peor dos casos, agardade con paciencia unhas crónicas estonias cando volte dun verán fresqueiro...