Mostrar mensagens com a etiqueta X.L. Franco Grande. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta X.L. Franco Grande. Mostrar todas as mensagens

domingo, dezembro 16, 2007

A Modest Proposal

Nese panfleto mercenario e coruñesista que é 'A Voz de Galicia' (sic) topamos hoxe unha interesante reflexión do home co apelido máis desafortunado de toda a literatura galega: X.L. Franco Grande. Baixo o título 'Pouca lectura', o autor glosa unha reflexión devastadora sobre o estado das nosas letras que non me resisto a colarvos na súa breve integridade:

Sinto moito dicir, despois de máis de medio século participando no mundo cultural galego, que nada me estraña que a xente non lea literatura galega, nin, en xeral, libro galego. Por unha razón moi sinxela: porque o que se escribe en galego acostuma ser, non só de moi pouca calidade, senón un timo á cultura, á intelixencia e ao bo gusto. Penso que nos últimos corenta anos a creación en língua galega se foi degradando, feito non específico noso, senón común ao mundo en xeral, e por moitas razóns, entre elas as mentiras que proveñen do mercado editorial, a ausencia dunha crítica merecente deste nome e unha xeneralizada banalización intelectual. E a falta de honradez intelectual. Porque son moi comúns as mentalidades delirantes que comparan a escritores que provocan sono con Tolstoi ou con Stendhal, que proclaman como xenios da poesía a coitados rapaces sen o menor talento creador, e que, non poucas veces, tributan silencio a quen é merecente de certa atención. Paréceme que o peor que lle pode pasar a un lector é poñerse a ler un texto literario e comprobar que lle empeza a entrar o sono. Ou algo peor aínda: diante dunha obra proclamada como 'xenial' ir decatándose da ausencia de calidade ou da falta total de bo gusto. Do timo, ao cabo. Porque, ao meu ver, mellor fose traducir máis e boa literatura foránea que encher os andeis das librerías dos timos a que estamos acostumados. E ter máis xeito no emprego dos adxectivos e tamén no uso do botafumeiro.

Bon, por outro lado, non é algo que non soubesemos xa, e que non fose proclamado aos catro ventos. Por buscar outra voz do mesmo momento, tedes eiquí a entevista na Folla Parroquial do PSOE (Polanco bien vale una misa) á última premio Xerais, Rexina Vega, que segue lindeiros semellantes. Unha das poucas cousas en que todos parecen estar dacordo é que o noso sistema literario, sí, é cada día máis provinciano, sectario, narcisista, autocompracente, subvencionado, caciquil, enchufista, de curtas miras, pobre e menos e menos interesante. No que non concordamos é nas solucións, claro (xa que todos tenden a crer que eles son a excepción á regra. Aí temos, por exemplo, o cómico desenfado co que Vicente Araguas, só por poñer un exemplo, pontifica co 'aquí escrébese demasiado' para acto seguido publicar uns libros horrendísimos e continuar a crítica sumisa). E as queixas rituais non evitan, por suposto, a continuación de todas estas estratexias. Parece que como única solución, pois, tocará recomendarlle a tódolos escritores, editores e críticos que se reúnan nunha xuntanza nun polideportivo (en plan oposicións), con pinchos, refrescos, alcool e canapés (indispensábeis sinónimos cando se fala de cultura en Galiza) para practicar un seppuku colectivo. Éi-lo maior servizo e homenaxe que se lle pode facer ao país, que tamén amosa á súa vez fortes tendencias suicidas. Despois de todo, non lle imos deixar só aos feixistas o pracer de estetizar a propia aniquilación... P.S.: Cos poemas de morte prometemos facer unha antoloxía a toda cor, con tapas de coiro e vitela, e coa metade da edición sufragada pola Xunta...