Mostrar mensagens com a etiqueta Isaac Babel. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Isaac Babel. Mostrar todas as mensagens

terça-feira, abril 17, 2007

A fin de Isaac Babel

(...) Tralo pacto de Ribbentrop, Stalin liquidou os casos de Yezhov que se estiveran a acumular, entre eles o do propio 'Morita', que confesou ser un espía dos ingleses, dos xaponeses e dos polacos. Tamén denunciou aos amantes literarios da súa muller, e deste xeito, a marca indelébel dos bicos de Yevgenia resultaría fatal moito despois de que ela mesma desaparecera da escea. Sholojov foi protexido pola sombra do propio Stalin, pero Isaac Babel foi detido, e as derradeiras palabras que lle dirixiu á súa muller foron as seguintes:
-Por favor, encárgate de que a nosa filla medre feliz.
O 16 de Xaneiro de 1940 Stalin asinou 346 condeas a morte, unha lista cos tráxicos restos do naufraxio do Gran Terror, na que se misturaban nomes de auténticos monstros cos de persoas inocentes; entre eles estaban algúns dos talentos máis sobresaíntes do mundo das artes, coma por exemplo o de Babel, o do director teatral Meyerhold, e o dun amante de Yezhova, o xornalista Koltsov (no que se inspirara Hemingway para a personaxe de Karpov na súa obra For whom the bell tolls), pero tamén o propio Yezhov, o seu irmán e os seus sobriños -que non eran culpábeis de ren-,a súa célebre amante, Glinkina, e un xerarca caído en desgracia, Eije. A maioría (anque non Yezhov) foron torturados sen piedade -coa fruición que poñían Beria e Kobulov no seu traballo- na prisión de Sujanov, o reino especial de Beria que, ironías do destino, fora noutrora o convento de relixiosas de Santa Catalina.
"Os interrogadores comezaron a empregar a forza comigo, un pobre home enfermo de sesenta e cinco anos -escribiulle Meyerhold a Molotov-. Obrigáronme a que me tumbase boca abaixo e logo mallaronme na planta dos pés e na columna vertebral cunha correa de goma. Sentáronme nunha cadeira e mallaron na parte superior dos pés... Durante os días seguintes, nos que aquelas partes do meu corpo se cubriron de grandes hemorraxias internas, volveron a mallar sobor daquela morea de contusións vermellas, azuis e amarelas, e a dor fíxose tan intensa que parecía que estiveran botándome auga fervendo por enriba... Ouveaba e choraba da dor. Malláronme o lombo... malláronme a cara, deixando caé-los seus puños con forza dende unha distancia considerábel... Aquela irresistíbel dor, emocional e física, fíxome verquer infinitas bágoas..."




Nos días sucesivos, Ulrij, o xuíz de Stalin tan amigo das sentenzas de morte, condeou a tódolos reos á pena capital nunha serie de xuízos rápidos e precipitados levados a cabo no cárcere de Lefortovo, antes de acudir a unha gala no Kremlin na que actuaron o tenor Kozlovski e a bailarina Lepeshinskaya. Babel foi condeado baixo a acusación de ser "un axente dos servizos segredos de Francia e Austria... e de estar vencellado á muller do inimigo do pobo, Yezhov". Foi fusilado á unha e media da mañá do 27 de Xaneiro de 1940, e o seu cadavre incinerado.