Ben sabido é como nos últimos anos, a língua e a literatura inglesas veñen asistindo á como a periferia apropia e reescribe os antergos discursos imperiais das metrópoles, antes a Gran Bretaña e hoxe os Estados Unidos (‘Empire writes back’, como dí o título dun suxerente libro). O Poscolonial trascendeu das modas académicas, e os escritores do Terceiro Mundo asaltaron as máis altas cátedras do recoñecemento e a lectura. Estamos a pensar en nomes coma Derek Walcott, Wole Soyinka, Salman Rushdie ou (máis no eido da teoría) Edward Said. Unha maior interrelación vai unida a unha maior sensibilidade polo local, polas línguas e as culturas autóctonas e o seu tapiz entretecido de loitas, resistencias, absorcións e rexeitamentos aos que dou lugar. É a nosa responsabilidade á de estar á altura das circumstancias e a de loitar porque estes vencellos, re-escritos e patas para arriba, tornen cada día máis inclusivos e máis xustos. Para darlle a voz ao subalterno e para conducir á hibridación e á mestizaxe fértil que nos faga a todos máis ricos, máis conscientes do que nos une e do que nos separa, en definitiva, máis libres. Só dende os miles de Outros que arden en cada individuo, en cada língua e en cada comunidade podemos construir unha cultura mellor -as aleacións fan máis fortes e dúctiles aos metais-. Cultura verdadeiramente humana; cultura cultivada (eis o espectro da etimoloxía: pois cultura ven do latín colere, cultivar), e na que todos sexamos xardineiros partícipes das Selvas da Linguaxe. Unha función tanto máis clara cunha língua como a Inglesa, que sempre refugou de monoloxismo estéril, trenzando en espiral inacabábel a diversidade saxona, céltica, escandinava, latina e francesa nas estructuras máis íntimas e resistentes da súa estructura e sintaxe. Casa plural de raíz, de significantes ceives, tanto máis ceives agora que deletreamos un London tropical, asiático e africano como Ellowen Deowen e facemos saltar os candados vellos do Monoculturalismo.
Queda trazado o reto e a proposta da revolución permanente, xunto coa confianza que deposito nos meus avispados compañeiros (no meu mal inglés, my waspy comrades) para que conquisten as altas torres no percorrido de candanseu hobby-horse e batalla de Namur. Dun xeito moito mellor ca mín o reflexou Roland Barthes, e onde dí ‘texto’ podemos engadir nós a glosa da língua, da fala, da cultura que temos (teremos) que re-apropiar dos seus ate o de agora avarentos posuidores e administradores:
“Agora sabemos que un texto non é unha serie de palabras que liberen un significado único, teolóxico (a 'mensaxe do Autor-Deus'), senón un espazo multidimensional no que unha variedade de escritos, ningún deles orixinal, mestura e choca. O texto é un tecido de citacións arrincadas de innumerables centros de cultura ... o escritor pode tan só imitar un xesto que sempre é anterior, nunca orixinal. O seu único poder é o de mesturar escrituras, confrontar unhas con outras, de tal xeito que nunca descanse plenamente en ningún en concreto. Se o que quixese fose expresar o seu ser, debería alomenos saber que a 'cousa interior' que desexa transmitir é simplesmentes un diccionario previamente elaborado, as súas palabras só explicables a partir doutras palabras, e así indefinidademente”.
Todo dito, fica tan só retornar ao barco co que comezábamos e (homenaxe a Shakespeare, o noso verdadeiro santo patrón), renunciar aos máxicos poderes da retórica, rachar o bastón, guindar os libros ao mar e poñer rumbo cara a Nápoles ou o Milán de cada quén, desexándonos próspero viaxe e mellores metas acadadas. Pois:
“Our revels now are ended. These our actors, As I foretold you, were all spirits, and Are melted into air, into thin air; And, like the baseless fabric of this vision, The cloud-capped towers, the gorgeous palaces, The solemn temples, the great globe itself, Yea, all which it inherit, shall dissolve, And, like this insubstantial pageant faded, Leave not a rack behind. We are such stuff As dreams are made on; and our little life Is rounded with a sleep”.
Moitas grazas.
Mostrar mensagens com a etiqueta Acto de licenciatura. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Acto de licenciatura. Mostrar todas as mensagens
quarta-feira, maio 02, 2007
De Oratore (e 2)
segunda-feira, abril 30, 2007
De Oratore
Ese son eu, hoxe. Despois duns días de traballo estresante, volto a ter un minuto para escribir unhas liñas. Anque só un minuto. Quixera aproveitar a miña creatividade, reprimida nos días pasados, para escribir algo. Por iso teredes que conformarvos por hoxe coa tortura chinesa do discurso que preparei para o acto de licenciatura pasado, trala petición formulada polos meus pares. Como é algo longo, terá que vir en dous anacos.
Consoládevos, amais, coa promesa da versión galega de K.O.D.A.K., un poema de Patti Smith (chegoume fai pouco por correo unha antoloxía da súa obra temperá).
Canto aos xogos de retórica, velaí van...
Compañeiros e compañeiras; Miñas donas, meus señores…
“Fixemos unha nobre competición, chegamos á meta da carreira”. Permitídeme comezar, amigos, pois sodes amigos, co antepórtico destas verbas prestadas de Saulo de Tarso e que tan ben se prestan para torcerlas no senso que hoxe nos reúne eiquí. E unha metáfora gastada: a da Nave dos Tolos e a da fín da nosa singradura. Apiláronse as follas sen data do noso diario de abordo, e a nosa nave barroca, panzuda e artillada, chega ao bo porto do que habemos saír, todos nós, espallando a nosa tolemia aprendida, na pescuda dun brillante futuro profesional. Un futuro dende o que botar unha ollada nostálxica - Eala þeodnes þrym! Hu seo þrag gewat, genap under nihthelm, swa heo no wære, que dicía o poeta en Inglés Antigo. Ou, "Como pasou aquel tempo baixo o xelmo negro da noite, como se nunca fose!"- cara estes cinco anos seminais e formativos que botamos xuntos, e na presada de experiencias, de contactos e amizades, de métodos e coñecementos que fomos arrecadando neles, algúns dos cales nos acompañarán, seguramente, para o resto das nosas vidas.
E non pensedes que pretende ser un tropo gratuíto a invocación desa vella alegoría do Narrenschiff; unha constelación oculta tece o poema de Brant e a pintura do Bosco coa portada do Norton Shakespeare, na que, como quizais lembredes, o globo terráqueo fai as veces de cabeza de bufón, ben armado de cascabeis, orellas longas e cetro da sinrazón (the fool’s bauble). Daí o brinco é doado á nosa formación filolóxica, a ese amor apaixonado pola vera luz do logos, á alquimia da palabra viva, tortuosa, oculta e cobregueante que constrúe as arquitecturas imposibles da linguaxe e da literatura, e da que de agora seremos nós testemuño vivo, templo móvil, asilo da chama inextinguíbel. Marabillosa loucura a do logos, tanto máis meritoria nunha época que pareceu rendirse aos encantos do audio-visual, ao seductor embruxo das imaxes. Eis unha plataforma de resistencia e de conciencia cívica, a barricada textual desque a ir desnovelando os sistemas de signos, gardiáns custodios contra esas outra loucuras, máis insanas e perigosas, que se infiltran coa acrítica non-resistencia aos Textos. Eis unha misión a desempeñar xunto con aqueles traballos máis específicos, dende a docencia á traducción, a edición e a corrección de textos, a investigación crítica e as tarefas editoriais, algunhas das portas que habemos de cruzar os aquí presentes. E non pensedes que a especialización actúa como freo; ben o demostra Noam Chomsky, lingüísta que tivemos a oportunidade de coñecer, e que soubo levar tan ben e ergué-la ponte dende os seus traballos específicos en gramática transformacional e nos Universais da Linguaxe aos deberes da Ética e o compromiso coa Verdade con V maiúscula.
Outra metáfora reflexa, creo que dun xeito moi acertado, unha misión máis específica que, no actual mundo globalizado, nos corresponde a todos aqueles que imos traballar dende unha posición de forza, dominio e coñecemento de línguas e culturas estranxeiras. Ésta é a da evolución (no seo das figuras das Humanidades) dende unha posición de Lexisladores a outra de Intérpretes. Por suposto, non me refiro ao senso máis ‘mecánico’ da palabra ‘interpretador’: ás xa mencionadas labouras de traducción de textos. Non, estou a pensar ao respecto no importante papel de mediación intercultural que podemos e debemos desempregar e que, fluintes coñecedores dalgunhas das falas globais, especialmente o inglés no noso caso – a nova koiné e língua franca da especie-, e que armados das ferramentas da lectura crítica e desciframento, estamos en posición inmellorabel para desempeñar.
Subscrever:
Mensagens (Atom)

