Sigo pelexando coas materias do grado - definitivamente, collín demasiadas! Aquí tedes, por se vos interesase, a primeira folla entregábel de actividades de Álxebra Lineal.
sexta-feira, junho 16, 2023
sexta-feira, maio 12, 2023
More bits and pieces
Dúas demostracións medio feitas que ficaron pendentes como tarefa a completar en Análisis 1. Velaiquí están. Ámbalas dúas teñen que ver con números e a Propiedade Arquimediana: entre dous números enteiros sempre hai un real, entre dous reais sempre hai un racional.

Addendum: hai un pequeno erro na primeira das demostracións, por ter escollido mal as desigualdades que definen os elementos do conxunto B. Logo de que o profesor me dera unha pista, aquí está a versión 'axeitada'.
terça-feira, maio 09, 2023
Bit and pieces
Hoxe temos outra sesión de Análise I na que imos ver o concepto de inducción e as demostracións que se poden facer empregándoo. Quedaron pendentes tres exercicios de ínfimos e emprego da propiedade arquimediá que acabo de rematar -para este último, necesitei dunha pista do docente. Aquí tedes a ligazón.
Cometeron dous erros
Hoxe pola mañá realicei o test de autoavaliación do tema 1 de Álxebra Lineal. Coma na célebre película, cometín dous erros:
Estiven a última hora cavilando o porqué de ditos erros. Un deles é trivial, e débese a ler mal as respostas, o outro en cambio é de despiste e non ter feito 'todo o traballo' necesario.
segunda-feira, maio 08, 2023
Ejercicios - Algebra Lineal, tema 1, sesión 1
Aquí está el enlace con las soluciones de los 6 ejercicios que teníamos que preparar para hoy, que son sobre grupos, anillos y cuerpos. Muchos de ellos son bastante tediosos (sobre todo cuando hay qe demostrar asociatividad y propiedad distributiva). Pienso que si hubiese empleado la herramienta más sencilla de demostrar que A es subgrupo de B, me podría haber ahorrado mucho trabajo.
quarta-feira, abril 26, 2023
Valores absolutos, mínimos e máximos
Onte tivemos a segunda sesión de Análise I, e os seguintes exercicios que vimos na aula fíxenos por adiantado. No canto de empurrarme a escribilos todos en formato dixital, e no caso de que vos interesasen, aquí tedes a ligazón ao pdf cos exercicios feitos a man e escaneados.
domingo, abril 23, 2023
Propiedades dos números reais
O profesor de Análisis I deixounos a seguinte tarefa para facer antes da sesión do martes: en base aos 9 axiomas que se nos explicou, mais as propiedades de igualdade e de orde dos números reais, demostrar que os seguintes enunciados son verdadeiros:
Imos alá!
1) 0.x = x.0 por A8 (propiedade commutativa)
0.x = (0+0).x por A2 (neutro da suma) = 0.x + 0.x por A9 (propiedade distributiva)
Se a 0.x = 0.x + 0.x procedemos a sumarlle a esquerda e dereita -0.x (existe por A3, inversos sumativos), fícanos 0 = 0.x, que é igual a 0.x = 0 (propiedade simétrica), QED
2) (-1).x = x.(-1) por A8 (propiedade commutativa)
Para demostrar que (-1).x é igual a -x temos que demostrar que é o inverso sumativo de x. Para isto, ímoslle sumar x e operar ata que consigamos 0:
(-1).x + x = x(-1+1) por A9 (propiedade distributiva), = x.(0) por A3, inversos sumativos, que é igual a 0, como demostramos no apartado 1.
Dado que (-1).x + x = 0, procedemos a sumarlle a esquerda e dereita -x (existe por A3, inversos sumativos), e fica (-1).x = -x, QED
3) A estratexia global para isto é como a do exercicio anterior. Comezamos sumándolle -(x.y) a ambos lados da igualdade (existe por A3, inversos sumativos):
(-x)(-y) + (-(x.y)) = 0
Se agora lle sumamos (x.y) a ambos lados da ecuación, temos (-x)(-y) + (-(x.y)) + (x.y) = (x.y), os termos centrais desaparecen por A3, e fícanos (-x)(-y) = (x.y), QED.
Cando fixen este exercicio por vez primeira, funme nunha tanxenta para demostrar que -(x.y) era igual a (-x).(y), pensando que deste xeito simplificaba logo o lado esquerdo da igualdade, pero repasándoo agora, penso que é un proceso innecesario.
4) Partimos de x > 0 e sumamos -x a ambos lados da desigualdade, x + (-x) > 0 + (-x)
O lado esquerdo torna 0 por A3, inversos sumativos, e o dereito -x (por A2, neutro da suma):
0 > -x, e a isto podemos darlle a volta por unha das propiedades de orde, x > y iff y < x, e fica
-x < 0, QED
5) Sabemos que x ≤ y (isto sabémolo para os seguintes 5 exercicios).
Sumamos -y a ambos lados da desigualdade (existe por A3, inversos sumativos); a parte dereita da desigualdade reduce a 0, e temos x + (-y) ≤ 0, que se pode reescribir coma x-y ≤ 0, QED
6) Partimos igualmente de x ≤ y, pero esta vez imos sumar (por A3) o inverso sumativo de x, -x:
x + (-x) ≤ y + (-x)
A parte esquerda reduce a 0, e a dereita represéntase de xeito habitual coma y -x, e temos
0 ≤ y -x
e a isto podemos darlle a volta por unha das propiedades de orde, como fixemos no exercicio 3, ficando
y - x ≥ 0, QED
7) Isto demóstranos que a multiplicación por un número real positivo non altera a orde dunha desigualdade. Tomamos, de feito, como punto de partida o resultado de 6) y - x ≥ 0. Como z ≥ 0, por O6, logo
z(y-x) ≥ 0
Por A9 (propiedade distributiva) repartimos este z en zy -zx ≥ 0, e por A3 sumamos a ámbolos lados o inverso sumativo de -zx, zx, e fica:
zy ≥ zx
Cambiamos a orde dos elementos de cada produto por A8 (propiedade commutativa), e de novo, podemos darlle a volta á expresión por unha das propiedades de orde, como fixemos nos exercicios 3 e 6, e fica: xz ≤ xy, QED
8) Aquí demostramos que a multiplicación por un número real negativo sí altera a orde da desigualdade. Para comezar, énos ventaxoso traballar con -z (que é un número positivo) para poder aplicar o mesmo principio de orde O6 que empregamos en 7), e para o que necesitamos dous números positivos e 0.
-z ≥ 0 (isto séguese dodamente de que z ≤ 0, e se se quere, aplicando A3 a dita desigualdade).
Volvemos novamente ao demostrado en 6) y-x ≥ 0, e multiplicámolo por -z:
-z(y-x) ≥ 0
Aplicamos A9 (propiedade distributiva) e o demostrado no exercicio 3, de que o produto de dous negaticos é un positivo, e fica:
-zy + zx ≥ 0
Sumamos zy a ámbolos dous lados, e por A3, zx ≥ zy, e por A8 poñemos as z en segunda posición,
xz ≥ yz, QED
9) Partimos do que xa sabíamos para estes 5 exercicios, que x ≤ y
Imos multiplicar ámbolos dous lados da desigualdade por x^-1 e y^-1, os inversos multiplicativos de x e y (que existen por A7):
x(x^-1)(y^-1) ≤ y(x^-1)(y^-1)
Facendo uso de A5, A7 e A8 (asociatividade multiplicativa, inversos multiplicativos e commutativade do produto) podemos xuntar inversos en cada lado e convertilos en 1, logo do cal fica:
(y^-1) ≤ (x^-1)
e se reescribimos isto en forma de fracción e dámoslle a volta como fixemos en exercicios anteriores, danos o resultado que queríamos, QED
sexta-feira, março 24, 2023
Premio Abel - Luís Caffarelli
O premio Abel deste ano foi para Luís Caffarelli, matemático arxentino especializado en ecuacións diferenciais parciais. Moitos parabéns, profesor!
quinta-feira, novembro 10, 2022
How to slay a beast
No capítulo XIII de Calculus Made Easy, obra de Silvanus P. Thompson, trabállanse fraccións parciais. Un ten unha función racional do tipo
quarta-feira, setembro 14, 2022
Silly Me
No escaso tempo de lecer que me permite o comezo do ano académico estou a lidiar co libro Calculus made easy, de Silvanus P. Thompson, e os seus exercicios. Malia o título, non o estou a topar tan doado, alomenos á altura do tema ao que cheguei recentemente (XI - Maxima and Minima), onde o exercicio típico consiste en visualizar unha figura xeométrica inscrita noutra e calcular as propiedades máximas (volume, area...) das figuras de dentro.
Anque require un chisco de esforzo a visualización e a técnica de resolución deste tipo de problemas, o que me está a romper a cabeza son os meus 'descoidos', erros e despistes computacionais que me levan a error, e que son resultado de pouca práctica computacional. Cousas coma supoñer que se 5x^4 = 5, logo x^4 = 0 (cando é igual a 1), ou ter que elevar ao cadrado a (8-x) e pasarlle o exponente, mal, só ao x, ou o último, tratar a unha expresión elevada a 1/2 coma se estivese elevada a -1/2...
Algo que me frustra tamén bastante é a miña lentitude á hora de resolver problemas. Contaba con que os 11 exercicios desta unidade non me levasen máis de 2 mañás, e xa levarei 2 semanas (anque en total, seguramente non lles adiquei máis de 7 horas ou así por mor de reunións e de preparar cousas para o traballo). Paciencia, non hai outra ciencia...
terça-feira, maio 24, 2022
O segredo da felicidade
quarta-feira, março 23, 2022
Climbing a mountain
Entre os libros da biblioteca municipal de Outes hai unha presada en inglés que foron donados anos atrás, imaxino que por unha familia de británicos que asentaran na nosa terra, e dos que eu son o case único lector. A súa temática é bastante variada (historia de España e de Gran Bretaña, das exploracións oceánicas, textos literarios clásicos, algo de filosofía...), anque un certo predominio de volumes sobre barcos e episodios navais e algunhas cousas de ciencia fan pensar que o seu anterior dono seguramente cursou estudos técnicos, cicaves de enxeñería naval.
Un exemplar co que levaba pelexando longo tempo sen éxito é An Introduction to the Foundations and Fundamental Concepts of Mathematics, de Eves e Newson.
sábado, novembro 20, 2021
Prime numbers
Sigo moi paseniñamente progresando co libro de Matemática Discreta. Eis os exercicios do apartado 1.2, dos que algún me fixo suar sangue. Agardemos que no exame sexan moi asequíbeis...
Como vou con retraso, a ver se esta tarde leo todo o apartado 1.3 (sobre Inducción) e comezo os exercicios, xa que para comezos de decembro debera ter rematado toda a sección de Teoría de Números.
terça-feira, outubro 19, 2021
Matemática Discreta - exercicios do tema 1.1
Este curso na UNED matriculeime en 2 materias: Matemática Discreta no primeiro cuatrimestre e Xeometría Básica no segundo. Agardemos que dea feito co tempo que teño para adicarlle (estas pasadas dúas semanas case ningún, ao ter a a Mamo enfermo e na casa polas mañás).
O primeiro dos 15 minitemas do libro de texto (o 1.1), parte do bloque de Teoría Elemental de Números, vai sobre os Algoritmos da División e de Euclides. É material relativamente sinxelo, e os sete exercicios de final de tema non me deron demasiadas dificultades agás o 2, que requiría, penso, dunha certa 'astucia manipulativa alxebraica' da que aínda carezo. Nalgún caso, a resposta conseguina de xeito seguramente máis traballoso do estritamente necesario...
quarta-feira, julho 21, 2021
Making progress - Unit 5
Cando estaba a estudar durante o curso a asignatura de Lenguaje Matemático, o certo é que fiquei atascado no tema que agora sí tiven oportunidade de rematar: o número 5, adicado ás propiedades dos números naturais e dos números enteiros. A raíz do problema non foi que as ditas propiedades fosen moi difíciles de entender, senón no feito de que as demostracións de que ditas propiedades son certas sí que eran complexas e enrevesadas de narices, e comíanse pasos 'obvios' para o escritor que non o eran para mín. En xeral, é o maior problema que lle vexo ao libro de texto de Miguel Delgado e María José Muñoz: o manual en sí está bastante ben, pero cando recurre a demostracións e a exemplos, non se detallan tódolos pasos necesarios; tendo en conta que falamos dun manual de primeiro de carreira, é algo que deberan ter coidado máis (anque sempre cabe a oportunidade de que simplemente o que vos escrebe estas liñas sexa particularme obtuso).
Por suposto, un pode ignorar as demostracións e asumir (e estudar!) as proposicións e teoremas como verdadeiros se do que se trata é de aprobar un exame, pero se queres realmente entender a materia, necesitas poder seguir os argumentos demostrativos; amais, as matemáticas veñen a ser un chisco como construír unha impresionante torre ou escaleira de caracol nun castelo neo-medieval, no que ademais vas reutilizando os chanzos que puxeches atrás para cubrir os ocos que fican por diante: se non entendes unha demostración, tampouco vas entender as que toparás dúas ou tres páxinas máis adiante, porque se constrúen en parte coas ideas e cos elementos da demostración anterior.
Penso que xa teño falado tamén noutra ocasión de que a lectura dun manual de matemáticas non ten nada que ver coa de calquera outro dos libros que engulo a cotío. Aquí é habitual que ler unha soa páxina che leve unha hora enteira, mentres vas desnovelando algunha das demostracións e vendo que todos e cada un dos pasos son intelixíbeis e lóxicos. Cando algún non resulta evidente, hai que por a cachola a traballar, mirar nas páxinas anteriores e, no peor dos casos, buscar máis información na Rede de Redes. Amais de lenta, é unha lectura esgotadora.
Agora que xa está lido e entendido o tema 5, fican por facer os 24 exercicios do seu final, que conto con realizar nos días que restan da semana se Juan Mamoru me deixa (hoxe non foi o caso, ao negarse a ir ao campamento de verán e botar todo o día comigo a bricar, comer e a ver vídeos e debuxos variados).
segunda-feira, junho 21, 2021
Truth and Beauty
Na congreso de Teorías de Cordas do ano pasado, Robbert Dijkgraaf ten unha magnífica conferencia sobre as relacións da física e a matemática, beleza e verdade que estou a volver a ver e que recomendo encarecidamente:
terça-feira, abril 27, 2021
Elliptic Functions
Un dos libros que estou a ler últimamente é o excelente Visions of Infinity, de Ian Stewart, onde se fai un percorrido por varios grandes problemas matemáticos, resoltos ou non. Anque é un libro divulgativo e os capítulos son bastante pequenos, require moita atención, e benefíciase da relectura; porén, todo o que poida dicir dos seus méritos fica curto, é ben merecedor dunha reseña que quizaves lle faga.
No capítulo de hoxe, sobre a conxetura de Morell, toca un obxecto matemático que me resulta particularmente intrigante: o das funcións elípticas. Para que vos fagades unha idea, son algo semellantes ás funcións trigonométricas que estudáchedes na secundaria (seno, coseno...), pero no plano complexo, e con esteroides. Coma poida que lembredes, unha das características das funcións trigonométricas é que son periódicas: se o sen(x) = y, sendo x e y números reais, hai unha infinitude doutros valores x1, x2, x3... cuxo seno tamén é y; concretamente, son todos aqueles valores que se constrúen sumándolle a x o valor de 2πk, onde k é calquer número enteiro (0, ±1, ±2, ±3...). Cos exemplos anteriores, sen(x) = sen(x±2π(0)) = sen(x±2π(1)) = sen(x±2π(2)) = sen(x±2π(3)) = ... = y.
terça-feira, março 30, 2021
Aussonderungsaxiom
Con semellante título, un pensaría que o mantedor vai falar dalgunha unidade especial do Terceiro Reich adicada a algunha 'operación especial' terríbel, mais non; o encabezamento fai referencia a un dos axiomas da Teoría de Conxuntos na formulación de Zermelo e Fraenkel, o que poderíamos traducir coma o Axioma de Especificación, e que ven a dicir algo así coma:
"Para calquer conxunto A e para calquer predicado lóxico P(x) existe un conxunto correspondente, B, cuxos elementos son exactamente os elementos x de A para os cales o predicado P(x) é verdadeiro".
Imaxino que se chama 'de especificación' porque permite especificar un conxunto a partir doutro e dun predicado lóxico que cumpre. No libro Naive Set Theory de Paul R. Halmos que estou lendo explícase un resultado curioso que se deriva deste axioma, e que ten moita relevancia á hora de desterrar da teoría a entidades coma os 'conxuntos de tódolos conxuntos' que acaban xerando contradiccións lóxicas. Como sei que estas frikadas matemáticas interesan en xeral pouco á miña (pequenísima) audiencia, vou deixar a explicación enlazada tan só a un vídeo non tan pequerrecho para os interesados...
quinta-feira, março 11, 2021
Making progress - Unit 4
Anque xa rematei (e aprobei!) a materia de Lenguaje Matemático, non tiven tempo durante o curso de cumprir un dos meus obxectivos, que era o de facer tódolos exercicios do libro de texto. Deste tema só chegara, penso, ata o 6d, onde ficara algo atascado. Agora por fín topei o tempo de facer os 20 exercicios, anque en máis dun tiven que botar a ollada atrás ás solucións, porque estaba atascado.
Xa falei en entradas anteriores desta unidade, na que se fai unha presentación básica da álxebra universitaria, moi diferente da das ensinanzas medias, e dalgunhas estruturas e relacións básicas: grupos e aneis, corpos, orde e operacións e homomorfismos.
No que atinxe aos exercicios, foron bastante difíciles de media (tivemos sorte que nos exames e nas probas titoriais caeron os do espectro baixo da táboa: comprobar se dado un conxunto cunhas operacións, estabámos diante dun grupo, dun anel, con divisores de cero ou non, unitario, etc...). O 6d, como vos comentaba, resultoume moi difícil ao comezo, porque non daba visualizado nen sequera o que o enunciado describía, anque na segunda volta resultoume bastante doado. O 14, sobre Ideais, penso que o teño mal e que teño que lerme ben a solución para entendelo. Moitos (coma o 18, o 19 ou o 20) requiren dunha certa 'pillería' matemática (o que se soe chamar 'idea feliz') da que aínda carezo para coller a idea principal que che leva a resolvelos satisfactoriamente.
Non me viría mal repasar o tema cando poida. En todo caso, toca agora volver a ler o capítulo 5, sobre números naturais e enteiros, e pelexar logo cos seus 24 exercicios, dos que non fixera ningún...
domingo, fevereiro 21, 2021
εὕρηκα
Pois sí, parece que conseguín aprobar (cun 7,3) a miña primeira materia da UNED, Lenguaje Matemático, Conjuntos y Números, da que xa vos teño falado en varias ocasións. É un pequeno paso para a humanidade, mais un salto xigantesco para FraVernero...
Para este curso, nun exceso de prudencia, non me matriculara en máis nada, mais penso ir adiantando cousas, e adicar o segundo trimestre e o verán ao temario de estatística básica. Veremos se non fica no intento, porque tamén penso investir o tempo en realmente consolidar a materia que superei, xa que algúns dos seus conceptos non están todo o asentados que deberan.
No caso (improbábel) de que algún lector desta bitácora lle teña vezo aos números, pode disfrutar da miña explicación/resposta das 10 preguntas que me caeron na proba do pasado día 12, ou da serie en curso na que resposto a tódalas demais preguntas que lle caeron a outras persoas no devandito exame...





