Coma todo adicto aos libros (incluso teño estraños soños con eles, nos que son un vampiro catador e engulidor de volumes; deben de ser flashbacks do inconsciente cara a Bola de Cristal e o librovisor...), FraVernero ten unha longa xeira de filias e fobias no que toca a formatos e edicións. Do mesmo xeito no que toca ás editoriais. Dentro do mundo hispánico, e falando do bo, hai moitas que son obxeto da miña devoción. Limitándome ás que considero as seis mellores, teríamos (en orde ascendente):
-Castalia
-Siruela
-Gredos
-Hiperión
-Cátedra
-Fondo de Cultura Económica
Todas obeceden a unha certa división do traballo intelectual. Así,
Castalia descola polas súas edicións críticas e de calidade de textos literarios en língua española, sobretodo na colección de
Clásicos Castalia. Edicións moi coidadas, con abondosas notas e introduccións extensas a cargo de prestixiosos especialistas configuran o paraíso do filológo castelán, vamos. Deles conto con pezas valiosas como as
Soledades de Góngora ou o
Persiles de Cervantes.
Siruela é unha editorial curiosa, filla dos traballos e os días dun dos descendentes da Duquesa de Alba (que agora, por certo, está insatisfeito coa liña 'comercial' que colleu Siruela e saiu a fundar unha nova). A súa especialidade son os libros medievais raros, e niso tocan unha das miñas maiores aficións privadas e confesábeis. Tamén inclúen cousas valiosas do oriente, como a primeira traducción íntegra ao español de
Viaxe a Occidente, un clásico da literatura chinesa do Renacemento, ou as
Historias bizantinas de loucura e santidade de Xoán Mosco.
Gredos ven a ser como Siruela, pero con máis pelas. A súa colección de clásicos greco-latinos é excepcional, mais os que me coñecen saben que nisto o que me chama son as edición bilingües da
Loeb anglosaxona. Fai anos que saca unha colección de clásicos marxinais e non-europeos nunha serie carísima, gris/marrón con cousas como
Jacques o Fatalista, o
Heike Monogatari e teatro chinés.
Hiperión é a escolla obrigada cando se trata de poesía, máis que nada polo emprego de edicións bilingües, 'bonitas' e económicas (fronte, por exemplo, a
Pre-Textos, con edicións moi boas pero que van ben pagadas), anque convén fuxir como da peste dos seus exemplares de escritores da península...
Cátedra toca cordas similares a Castalia. Os seus volumes soen ser máis baratos, e con introduccións máis modestas. De tódolos xeitos, o que a fai destacar no podio non é a súa colección de letras hispánicas (anque tamén teña moitos exemplares dela, coma
Laberinto de Fortuna, o
Criticón ou o
Viaje a Turquía) senón as traduccións cosmopolitas da sección
Letras Universales, nas que o emprego profuso de notas fai a lectura máis levadeira en autores oscuros, e incluso preferíbel ao emprego dos textos orixinais (isto tamén facilitado polo carácter bilíngüe de case tódolos volumes de poesía desta colección). Ezra Pound é o exemplo que se me ven á mente, máxime cando o mundo das edicións anglosaxón fuxe deliberadamente da nota a pé de páxina en volumes literarios.
Alén, compre louvar en Cátedra as coleccións 'universitarias' que teñen, como
Frónesis ou
Teorema, que inclúen libriños interesantes anque careiros e moi pequenos.
Pero o que sen dúbida arrastra a coroa da victoria para mín é o
Fondo de Cultura Económica, unha iniciativa transnacional (de orixe Mexicana mais que agora inclúe boa parte de Hispanoamérica e a península) que leva producindo dende os anos 30 as mellores edicións en lingua hispana de clásicos das ciencias sociais e das humanidades. É a fonte limpa á que acode un para disfrutar da
Historia da Loucura de Foucault, do
Pensamento Salvaxe de Levi-Strauss, do
Mediterráneo de Braudel, do
Capital de Marx entre moitos outros.
Mais como está claro que na esfera sublunar non hai espazo para a perfección, o Fondo tamén ten eivas. A maior para mín é a terríbel distribución que teñen, alomenos na Galiza. As librerías mellor surtidas rara vez contan con máis de 5 ou 6 volumes desta casa, encargalos é un pesadelo e a páxina web é un caos onde só aparecen edicións ultracaras en rústica de máis de 300 dólares.
Nestes intres estou á espera de que me cheguen dous volumes deles, que atopalos e encargalos foi toda unha odisea que de por sí merece unha entrada:
Los reyes taumaturgos, de Marc Bloch, e
El nuevo mundo industrial y societario, de Charles Fourier. Cun moito de sorte, o primeiro debera chegar mañán nun paquete contra reembolso. Do segundo non teño novas, e seguramente siga sen telas durante bastante tempo...