James Legge (traductor)
1882, Clarendon Press
* * (regular)
Algo anticuada e escura versión dun texto xa de por si confuso e, por momentos, pesado.
O I-Ching constitúe un dos alcumados 'Cinco Clásicos' da tradición clásica de China e pretende ser, xunto cos outros catro, parte dun legado textual que tería a súa orixe na época Zhou Occidental (1046-771 antes da E.C.) e que tería pasado pola peneira editorial de Confucio e a súa escola para posteriormente converterse nunhas das obras canónicas de obrigado coñecemento e estudo nos perto de dous mil anos de Celeste Imperio. Dentro destes textos, o I-Ching chama un chisco a atención pola súa estrañeza, xa que o 'Libro das Mutacións' é unha sorte de manual adivinatorio, ao estilo daquelas tradicións longamente desaparecidas dos arúspices etruscos ou das máis recentes e vivas do Tarot ou dos oráculos yorubas de Ifá.
Na China antiga, como noutras sociedades, a práctica adivinatoria fixo unha aparición moi temperá: as súas primeiras mostras coñecidas relaciónanse co emprego de osos oraculares (escápulas ou cunchas de tartaruga): gravábanse os materiais con diferentes preguntas, e logo aplicábase unha fonte calorífica ao oso que, ao rachar, permitíalle ao adiviño interpretar a resposta divina segundo fosen as fendeduras aparecidas. Esta técnica, típica da dinastía Shang (1600-1046 a.E.C.), forneceunos as primeiras mostras da escrita chinesa que se coñecen (datábeis de arredor do 1200 a.E.C), mais coa chegada da nova dinastía, Zhou, comezou a ser desprazada pola lectura de polas rachadas ou sen rachar da milfollas, ou herba dos carpinteiros. Éste é o método adivinatorio que, mal que ben, se explica no I-Ching.
Segundo a tradición, a invención deste método correría a cargo do heroe cultural Fuxi (伏羲), que elaborando tódalas combinacións posibles de liñas rachadas e sen rachar en grupos de 3 inventaría os oito (2 elevado a 3) trigramas. Con posterioridade, el-rei Wen (文王), o fundador da dinastía de Zhou, xuntaría estes trigramas para formar os sesenta e catro hexagramas (tódalas posibles combinacións en grupos de 6 das liñas rachadas e sen rachar.
O núcleo duro do I-Ching, polo tanto, constitúese destes 64 emblemas con liñas rachadas e/ou sen rachar, xunto cun nome e un par de parágrafos que darían a interpretación xeral do significado adivinatorio deste hexagrama. Así, por exemplo, temos o primeiro hexagrama: o seu nome é Ch'ien ('Forza'), e está composto por seis liñas sen rachar (o resultante de sumar por duplicado o trigrama homónimo, composto por tres liñas sen rachar).
E a súa interpretación sería "Ch'ien representa o que é grande e orixinante, penetrante, ventaxoso, correcto e firme".
Mais este é só o comezo da madeixa textual, pois moi cedo, estes lacónicos comentarios víronse incrementados por toda unha tradición de escrita. A segunda, atribuída ao Duque de Zhou (周文公), un dos fillos de el-rei Wen, consiste en comentarios e interpretacións de cada unha das 6 liñas dos sesenta e catro hexagramas. Vexamos as deste hexagrama:
"Na primeira liña, sen rachar, vemos a un dragón agochado no fondo das augas. Non é o intre de obrar de xeito activo. Na segunda liña, sen rachar, vemos ao dragón aparecendo nos eidos. Será ventaxoso toparse cun home superior. Na terceira liña, sen rachar, vemos ao home superior, activo e vixiante todo o día, e pola tarde aínda coidadoso e aprensivo. A posición é perigosa, mais non se cometerá ningún erro. Na cuarta liña, sen rachar, vemos a un dragón que parece que vai comezar o voo, mais que aínda está no fondo. Non haberá erro algún. Na quinta liña, sen rachar, o dragón está voando nos ceos. Será ventaxoso toparse cun home superior. Na sexta liña, sen rachar, vemos un dragón excedendo os seus límites. Haberá ocasión para arrepentirse".
Como podedes albiscar, o comentario consiste en imaxes bastante illadas e de interpretacións diferentes para cada liña. Nalgúns casos (como neste hexagrama), a imaxinería é relativamente común, unida por figuras recorrentes; noutros, non parece haber ningún entrelazamento nas imaxes da cada liña e de cada hexagrama.
E novamente, a este núcleo duro, engádeselle unha serie de apéndices (alomenos 7 na traducción de Legge), moitos deles atribuídos a Confucio, e que lonxe de clarificar o significado (adivinatorio, ou simbólico, ou moral), aínda o enguedellan máis, mesturando diferentes lecturas posíbeis de cada hexagrama (baseadas nos significados dos trigramas combinados, na figura representada polas liñas, que pode evocar obxectos coma pozos ou caldeiros), significados asociados ás posicións de cada liña dos hexagramas, ás posicións 'correctas' das liñas rachadas e sen rachar, interpretacións filosóficas sobre o cosmos e os elementos da natureza relacionados cos hexagramas, ou cos ciclos vitais e políticos dunha sociedade, etc... As notas do propio traductor son pouco máis clarificadoras que estes comentarios, e o lector fará ben na maior parte dos casos en ignoralas e proceder coa lectura.
Por todo o anterior, podedes imaxinar que a lectura deste libro é un xogo de adiviñas complexo, frustrante e por veces aburrido. Unha parte da culpa pode tela o propio traductor, mais sospeito que está no texto en si. De todos xeitos, segue a ser unha lectura recomendábel de xeito instrumental: como dicía ao comezo, o I-Ching será un dos clásicos de lectura e memorización obrigada para os poetas-funcionarios confucianos (os mandaríns), e un lixeiro coñecemento das súas imaxes e emblemas axudará a disfrutar mellor dos seus versos cando fan referencia a clásicos coma este.
Sem comentários:
Enviar um comentário