Como o bo mandarín que son, ando dende fai unha tempada enfrascado na lectura dos clásicos e do pensamento confuciano que, alén da brincadeira, resulta bastante afín a moitos aspectos do meu xeito de pensar e de ver o mundo. Unha das pedras angulares deste pensamento o constitúen os seus 'libros clásicos' (經, ching), herdados en maior ou menor medida dun pasado remoto (o da dinastía Chou Occidental, 1046–771 antes da era común) e posteriormente canonizados pola escola de Confucio e fixados oficial e textualmente ao longo da dinastía Han (206 a.e.c. - 220 e.c.).
Anque a etiqueta de 'clásico' se teña asociado a unha grande variedade de textos, o seu núcleo duro confórmano os 'cinco clásicos' que, xunto cos 'catro libros', constituían o corpus esencial de textos que tiñan que estudar e memorizar os estudosos que desexaban presentarse ás oposicións da antiga China. Estes cinco son:
-O 'Clásico das Odas' (Shih), do que xa temos falado con anterioridade. É unha antoloxía de arredor de 300 poemas temáticamente moi diversos co metro tetrasilábico como base.
-O 'Clásico da Historia' (Shu), unha colección de documentos e discursos na súa maioría apócrifos e atribuídos a figuras históricas da máis remota antigüidade.
-O 'Clásico das Mutacións' (I), básicamente un manual adivinatorio non moi desemellante ao noso Tarot e composto por 64 hexagramas que se forman con tódalas combinacións posibles de grupos de 6 liñas rachadas ou sen rachar.
-O 'Clásico dos Ritos' (Li), onde se fixa unha longa serie de cerimonias e costumes rituais (vestimentas, obxectos, conductas axeitadas en diferentes eidos, etc...) e composto por tres libros diferentes: o Rexistro dos ritos, o Libro de etiqueta e ritos e os Rituais de Chou.
-Os 'Anais das Primaveras e Outonos' (Ch'un ch'iu), unha crónica analística e estremadamente concisa do estado de Lu (un dos moitos en que estaba dividida China na Época dos estados combatentes, 475-221 a.e.c.) e atribuída a Confucio.
Os dous primeiros destes foron lecturas dabondo interesantes e instructivas. Actualmente estou empantanado co I-ching, que me está a resultar, pola contra, unha lectura ardua e aburrida, ao que sen dúbida contribúe a partes iguais o meu total escepticismo coas artes adivinatorias e o seu estilo seco, fragmentario e contradictorio. En breve falaremos en máis detalle dos seus contidos a través dunha reseña que ando a argallar...
Sem comentários:
Enviar um comentário