domingo, fevereiro 28, 2010

Reseñas - The Economics of Feasible Socialism

[Inauguro un novo preámbulo para reseñas, no que figurarán título, autor, ano de publicación, editorial, unha puntuación entre 1 e 5 e un resumo nunha liña antes de pasar ao corpo principal do texto]

The Economics of Feasible Socialism, Revisited

Alec Nove

1991 (segunda edición), HarperCollins Academic

* * * * (bo)

Intelixente e seria proposta dun economista académico sobre como podería funcionar un socialismo 'realizábel'

Unha suxerencia impertinente levoume, uns días atrás, a consultar este volume, do que hai un exemplar dispoñíbel (e polo que vexo na ficha, moi pouco lido) na facultade de Económicas...
O libro en cuestión é un estudo de tamaño reducido sobre as posibilidades da construcción dun socialismo 'realizábel' nunha xeración. Nese senso, o seu ton polémico enfrótao a dúas bandas tanto co paradigma dominante (entón e agora) da Economía, cos seus popes neoclásicos (Friedman, Hayek, Mises) e a crenza axiomática na man invisíbel, no ben absoluto da competencia e o libre mercado e demais dogmas, coma coa Economía Marxista, entendida como realizada, no 'Socialismo Real' da URSS e satélites. O autor, afín ao socialismo no bo senso da palabra (aquel que alén dunhas siglas implica a vontade dunha organización distinta da sociedade e da economía), declara tentar nas páxinas do volume unha defensa do que podería ser un socialismo posible, cunha economía mixta e con democracia política, multipartidismo e diferentes formas de producción (empresa estatalizada, cooperativas, algunha privada). Un programa que sona moi fabiano, na tradición reformista anglosaxona, mais que o autor defende de xeito moi convincente.
Interesante é a mentalidade totalmente 'práctica' e antiutópica do autor, atributos que debo suliñar con eloxio. Tal espírito práctico lévao a oporse e a criticar de xeito duro as contradiccións ou os elementos excesivamente idealistas do Marxismo, dos que incluso un dogmático coma mín recoñece que se asemellan demasiado a cuestións de fe. Cousas como a idea de que co socialismo chegaremos, non se sabe como, a unha sociedade da abundancia inmediata na que non haxa desequilibrios entre custes de productos, nen xerarquías; na que o home 'novo' será desinteresado; na que o mercado será inútil, e sustituído por fórmulas libres de organización e planificación. Neste senso, Nove pon o dedo na chaga, e como Economista académico que é, adicáse a explicar porqué (por exemplo) toda alternativa 'pura' ao mercado (como a planificación soviética) implica coma correlato inevitábel unha estructura burocrática privilexiada, porqué moitos defectos que se lle atribúen ao capitalismo poden darse en realidade en calquer sociedade industrial complexa (alienación, diferenza de funcións e soldos, xerarquía) e cómo a teoría clásica marxista e a praxe dos países socialistas levou a vagas de escaseza, improductividade e desprezo polos desexos dos consumidores (alén doutros factores indexesables, anque non directamente económicos coma o terror e o goberno absolutista dunha minoría, empregando policias segredas e campos de traballo siberiáns).
A análise da teoría económica marxista e dos experimentos da URSS (a súa especialidade académica) ocupan capítulos importantes da obra: os dous primeiros, que sentan as bases para todo o que segue; Nos seguintes atopamos unha visión dos modelos levados á práctica noutros países europeos (moito máis variados que o caso soviético), reflexións teóricas sobre os procesos de transición de economías de mercado a economías socialistas, e unha lista final arredor de aspectos 'prácticos' e problemas aos que se terá que enfrontar unha posíbel construcción socialista no futuro, e a teor de todo o aprendido.
Pódese discrepar das teses do autor, ou non compartir o seu espírito resoltamente anti-idealista. Mais a perceptíbel empatía e honestide de Nove, o seu desexo real de formular unha alternativa socialista, o seu rigor académico (malia o cal o libro resulta entendíbel para leigos coma mín aos que a economía pon enfermos) e a fixación do autor cunha praxe (e polo tanto, cun proxecto que poderíamos presentar xa para a construcción dun socialismo, anque Nove sexa consciente das dificultades para convencer á xente co proxecto) resúltanme moito máis marxistas que as diatribas ultraesquerdosas que é doado atopar sobre estes temas, obra de autores moitas veces enormemente intelixentes pero ao tempo totais ignorantes sobre a disciplina economía. É parte dos problemas do legado de Don Carlos (poucos homes poden, coma el, dominar a un altísimo nivel 3 ou 4 disciplinas académicas). Por todo iso, non deixo de recomendarlle o libro a quen lle dea algo de importancia a estas cuestións...

4 comentários:

O suxeridor impertinente disse...

Alégrome que lera o libro. Outro día calquera suxírolle algún máis.

FraVernero disse...

Enchanté. Pola miña conta estou tamén con Economics & Utopia, de Geoffrey M. Hodgson, que por ser máis recente seguramente enfocará o eido dende outra perspectiva...

O suxeridor impertinente disse...

Ui, está vostede lendo a outro perigoso socialdemócrata temperado. Vaia con tento, que xa sabe o que pasa...

Anónimo disse...

Eu non entendo como aínda se fala de sistemas algo fracasados. Ser socialdemócrata non é nada malo.
Eu penso que o Estado ten que asegurar os tres piares básicos: A saúde, a educación e a seguranza do pobo. Todo o demáis, agás algunha empresa chave e demasiado importante na política económica dun país, o demáis ten que ser un direito á liberdade da empresa privada regulada con leis.