domingo, julho 03, 2005

Hildegarda e o Carro de Tespis

Fatue, fatue, quid prodest tibi laborare?
Respice mundum, et amplectetur te magno honore*
Ei-lo Demo na súa primeira intervención. Estamos na peza chamada 'Ordo Virtutum' de Hildegarda de Bingen, unha obra de curiosa filigrana escrita para festexar a fundación do convento de Rupertsberg, do que a escritora era a abadesa. A obra foi probablemente representada na estrea por dezaséis das cincuenta monxas do claustro, e o papel do Demo recitado polo único home presente na comunidade, o monxe Volmar, administrador dos sacramentos e secretario de Hildegarda.

Que est hec Potestas, quod nullus sit preter deum? Ego autem dico, qui voluerit me et voluntatem meam sequi, dabo illi omnia. Tu vero, tuis sequacibus nichil habes quod dare possis, quia etiam vos omnes nescitis quid sitis**
É esta amais unha obra marabillosa que vos recomendo; conxuga tres das miñas aficións: o teatro, a música e a Idade Media. Porque o texto vai acompañado dunha música altamente orixinal e seductora.
O caso é que o Demo sempre dou moito xogo como personaxe literario. Na Biblia fai aparicións breves de 'artista convidado' (presentador no libro de Xob; serpe sibilina na Xénese), reservando as mellores esceas para o final, co lago de Xofre, as bestas e todo o atrezzo da imaxinería apocalíptica. Dante dalle un papel algo titánico, ríxido (capital románico) e engolado no seu Inferno, chantado no medio do Cocito mentras chucha os ósos de Bruto e de Xudas. O Mefistófeles do Fausto parece un tipo simpático co que pasar a noite de Walpurgis tomando cervexas e acariñando as coxas de rollizas mulleres tedescas. Pero o mellor, para o meu gusto, é o Satán de Milton: heroico, fermoso e contradictorio. Un pensa que, inconscientemente, o puritano Milton fai del a personaxe máis interesante da súa obra, e quizais ao seu pesar; o hálito de Cromwell, os levellers e a Revolución Inglesa que decapitou ao Rei cheirase na pólvora que levan os anxos rebeldes ao reino dos ceos.
(asaltar os ceos: cousa da que saben os bolcheviques)
O último Risco, meapilas e nacional-catolicista, tamén tentou sorte cun tema que o fascinaba. A súa 'Satanás. Historia del Diablo' é entretida, malia os lastres que arrastra a beatería de baratillo do seu autor.
Voltando ao tema do teatro: éste é un medio que sempre me interesou, anque probablemente (cousas dun lector impenitente) sempre o enfoquei dende a perspectiva do texto, e non tanto da representación (tampouco teño ido a tantas). Fai un tempo estaba nun grupo de teatro aficionado (agora pechado por derribo), e a verdade é que se pasa ben sobre as taboas, dándolle vida a personaxes aos que aprendes a amar.
E dentro do teatro, os textos estranos, lonxanos da nosa mentalidade e do mundo. Non se trata de facer arqueoloxía, senón de levar a cabo o tour de force que lle devolva a vida a textos que morreron para nós (ou que nunca viviron): as pezas litúrxicas medievais, o teatro noh, as sombras balinesas, commedia dell arte, os xoglares, a traxedia clásica (sobretodo Esquilo)...
Nun pasado xa relativamente remoto, adicábame a chatear (tiña moito tempo libre) baixo o mote de "Tespis", o afamado inventor do teatro grego. No seu percorrido polos templos arrastraba un carro (como o que vedes no selo) no que levaba os enseres do seu oficio e profesión.





Igual que o fundador, os membros de "éteatro" temos un fértil anecdotario de viaxes e postas en escea, de viaxes en 'carro' dignos dun camarote dos irmáns Marx. Mais por hoxe xa falamos dabondo. O anecdotario quede para outro día.

*Parvo, Parvo, ¿de qué che serve o traballar? Volta ao Mundo, que él che abrazará con grandes honores.
**¿Qué é este poder, como se non houbese ningún máis que Deus? Eu digo que a calquera que queira seguirme e facer a miña vontade, dareillo todo. Canto a tí, Humildade, non tes nada para darlle aos teus seguidores: ¡ninguén de vós sabe tan sequera qué sodes!

7 comentários:

Anônimo disse...

De Hildegarda de Bingen non coñezo a Ordo Virtutum -rapidamente me farei con ela-, só o Hortus deliciarum, e paréceme impresionante. No teu percorrido polos demos da historia gustaríame sinalar a curiosa relación de familiaridade que se establece entre o demo e Deus no comezo do libro de Xob que citas. É un texto central do canon, pero amosa unha concepción do demo ben diferente á que se perpetúa na Idade Media. O demo de Xob, aínda con toda a súa "mala leche", parece unha simple abella chuchamargaridas no portentoso imaxinario apocalíptico da Idade Media, do que a Commedia é antonomasia.

seneschalkay disse...

Eu estou a copiar o que temos na fonoteca de Xornalismo (xa sabedes, rapaces da SGAE, ¡a por mín!). Polo momento, teño o Hortus Deliciarum, o Ordo Virtutum e as 11.000 Virxes (cantos pa festividade de Sta. Úrsula). Quedarame un cd por copiar.
Certamente, o demo de Xob é unha institución particular. A este respecto, barrunto que como se trata dun texto anterior, en partes, á 'captividade babilónica' da inteligentsia xudea (os eséxetas inclúeno nas tradicións da literatura sapiencial do Oriente Antigo), o demo aínda non está ben moldeado; neste episodio case parece o 'fiscal de Deus', un funcionario que regularmente ven a informar ao Xefe. O Satanás posterior deberá moito a concepcións babilonias e sobretodo persas (o dualismo ben-mal, Ahura-Mazda contra Ahrimán), anque convenientemente devauluadas para encaixar nun credo de Deus Bo e Omnipotente.

polonius disse...

Ti sempre sabio, Seneschal, e facéndonos máis sabios os que te lemos. De certo que non estou informado das hipóteses sobre cronoloxía e orixes de cada libro do Antigo Testamento, por máis que é unha das obras máis fascinantes nunca escritas, penso. Así que xa teño aprendido algo novo por hoxe... suficiente xa para ir a comer, que vou tendo fame.
Un saúdo e vémonos mañá que xa volvo a Compostela.

morgane disse...

ouh seneschal, q sería dos teus lectores sen as túas disertacións (e de Morgana sen satán)!
resultaría interesantísimo tratar en profundidade o que albiscas sobre o demo de Milton. Toda a sorte, medievalista.

apertas.
o episodio do cabaleiro verde é imprescindíbel para experimentar o pracer. literario. :P

seneschalkay disse...

É de certo interesante o Demo de Milton. Anque Milton mesmo é aínda máis interesante.
Nos seus anos vellos, o poeta cego -como Homero- soporta o derrubamento do mundo revolucionario no que creu e polo que loitou e escribiu. Os Estuardo voltan ao Trono e colgan o cadáver de Cromwell; os rexicidas son perseguidos. Milton ergue, na súa maxestuosa soidade, a súa face desafiante. Escapa polos pelos á condea a morte. E escrebe 'Samson Agonistes', onde o cego derrotado remata cos seus inimigos.
A man que non tembla cos anos é a mesma que escribiu Areopagitica (As good almost kill a man as kill a good book; who kills a man kills a reasonable creature, God's image; but he who destroys a good book, kills reason itself, kills the image of God, as it were in the eye) e Eikonoklastes, xustificando a morte do Rei Carlos.
De Milton e do irresisitible poder subversivo en tódolos sensos de 'Paradise Lost'; diso, do estrano ocultamento que a historiografía inglesa prodiga a moitos aspectos da súa revolución (só os marxistas, como Christopher Hill, meten baza no tema), e das miñas propias paranoias sobre o tema, froito da educación monárquica inglesa, falaremos noutra ocasión.

María disse...

É só para che dicir que me interesou moito este post, que me encanta Hildegarda (o seu pensamento médico, por exemplo, é fascinante) e teño un disco titulado "A voz do sangue" coa súa música (pásocho, se non o tes aínda, cousa difícil, cando queiras). Ah! E que por fin entendín iso de "Carro de Tespis" que sempre acompaña as túas mensaxes de mail. Moitos bicos e toda a sorte do mundo nesta xeira.

seneschalkay disse...

Queridísima:
Moito me prace terche por esta bitácora persoal. Coidarei con agarimo as lascas / runas que vaias deixando nesta pedra.
Pois non, non teño ese cd de Hildegarda. O último que me quedaba é 'A feather on the breath of God'. Agradezo os teus xenerosos ofrecementos.
Un bico.

'Non te quero fundir,
só quero ver a herba
debaixo do teu corpo'