Comezaba este parladoiro o mes pasado falando das virtudes literarias -ou a ausencia destas- na obra do finado Terry Pratchett, aguilloado polas ásperas verbas de Jonathan Jones. O certo é que poucos días despois da súa diatriba, e no medio dunha desas tormentas nunha taza de té tan típicas das redes virtais, o crítico retrucou cun novo artigo, que non podemos describir como unha retractación malia que antes de redactalo decidise por fín ler unha novela enteira (concretamente, Small Gods) do autor que critica.
Novamente, podo empatizar coas teses que defende no artigo (algo máis agora que amosa unha atitude menos épatant) e que resumidamente serían as seguintes:
-a escrita de Pratchett non é carente de virtudes, entre as que se citan o inxenio e a agudeza, anque máis na liña do humor de Wilde que dos conceptos de Gracián.
-a relevancia temática vese recoñecida (nesta novela, a crítica racionalista ao fanatismo relixioso), anque posta nunha comparación fronte á que desmerece cando pensamos na valentía dun Salman Rushdie enfrentado a fundamentalistas de verdade que o condearon a morte, e non só a espectros de ficción.
-o gran emprego do humor, convertido en 'chascarrillos' que se suceden, divertidos por sí sós mais que logo producen certa saturación lectora, vai unido a un emprego coloquial, sinxelo e pouco artístico da linguaxe, xunto cunha caracterízación dos personaxes que a Jones lle resulta maniquea e simplista.
-fronte a isto, temos un exemplum á inversa nas novelas de Philip Roth, que o crítico idolatra e que presentarían un emprego literario da linguaxe e unha maior sensibilidade cara a psicoloxía humana e o bizarro fluxo da realidade e do mundo real "en toda a súa impredicibilidade, comedia salvaxe, desexo, monstruosidade, excitación e miseria".
No seu remate, Jonathan Jones ábrenos as augas, coma novo Moisés, para que contemplemos novamente, anque cunha atitude máis tolerante, a fenda entre dúas correntes existentes da escrita: a do entretemento (non censurable por sí, agás cando prentende venderse como outra cousa) e a da literatura; a da distracción e a da arte. Deus recoñecerá aos seus.
Por suposto, o discurso de Jones é un locus communis arredor de ideas do estético, do literario e do valioso que leva a debatirse dende o advento da modernidade, e que ten motivado ríos de tinta e reflexións moito máis sisudas das que eu puidese aportar (e menos, nun espazo limitado). Antes de aprazar (máis unha vez) opinións persoais sobre esta polémica e os méritos, deméritos e usos de Pratchett, permitídeme apuntar á teoría do Campo Literario, de Pierre Bourdieu como unha das elaboracións intelectuais máis satisfactorias, malia defectos, no eido de analizar as confrontacións capital cultural-económico, audiencia de masas e audiencia restrinxida (ou ausente), burguesa ou intelectual, alto ou baixo nivel de consagración... Amais de nos seus estupendos libros, un resumo podedes topalo neste excelente cadro. Reducindo un chisco o tosco determinismo sociolóxico que por veces atenaza ao francés, a súa ollada resulta moi instructiva para percibir sobretodo as dúas grandes contradiccións, ou polos, arredor dos que se ve empurrado o escritor (e o lector): dunha banda unha escrita máis integrada (xa sexa na vertente 'popular', asociada ao entretemento ou na burguesa-académica) e doutra, unha máis apocalíptica (xa sexa na súa variante bohemia ou nas grandes figuras e movementos formalistas, experimentais e vangardistas).
Sem comentários:
Enviar um comentário