domingo, agosto 30, 2020

O Vernero que foi - Agosto '09

No verán do 2009 ficaba aínda moi lonxe este futuro noso de ciencia ficción (inimaxinábel e algo distópico) no que a epidemias se refire. Os movementos non se vían coutados, e da man e salvaxe compaña de Ramón Blanco e Manuel López, varias eran as visitas que facíamos: á Pedra da Serpe, en Corme, a Lugo ou ao salón do cómic en Coruña. Éste último era un ritual de agosto que xa leva uns cantos aniños en stand-by, dado o desinterese parcial de ámbolos dous amigos meus na novena arte e a aparición de responsabilidades familiares das que antes carecíamos; agardo que retomemos este ciclo no futuro, xa que serve de excusa para botarmos uns días xuntos de paseo e conversa.

Aproveitaba eses días de canícula, logo de rematar o máster do universo e o congreso de Urbes Europaeae, para ir pulindo o texto da miña ponencia e completalo coas lecturas pertinentes arredor das cidades posmodernas como maquinarias de simulación e falsidade e do seu reflexo en textos académicos e literarios. Entre as referencias que vexo aos libros de agosto aparecen estes tres: War in the Age of Intelligent Machines de Manuel de Landa, El cibermundo, la política de lo peor de Paul Virilio e Technopoly de Neil Postman. Do mesmo xeito que algúns volumes soen deixar certa pegada nas mentes, non é o caso destes tres, dos que só lembro que en común constituían un anti-ditirambo ás utopías tecnolóxicas do noso presente. Máis forte é a lembranza do libriño de haikus de Masaoka Shiki que cito (penso que un azul, de Hiperión, emprestado por Ramón), anque tamén sería incapaz de concretizar haikus e imaxes, agás quizaves a da beleza das peonias contrastando co aguniar tísico do poeta que describía nas súas derradeiras horas e versos neste mundo, levado non pola nosa recente praga do século XXI, senón pola do XIX, o que me fai pensar no sorprendente (e deprimente) da vixencia actual da Tuberculose nos países do terceiro mundo, cando se trata dunha enfermidade que poderíamos tratar e (quizaves) erradicar.

Sem comentários: