domingo, agosto 22, 2010

Poesía para comer

Querendo facer honor ao seu nome e aos vicios e costumes do seu amo, a miña cadela, Clío, decidiu probar as artes da lectura uns días atrás, para desventura dun volume de poemas (Unforgotten Dreams. Poems by the Zen Monk Shōtetsu) que agardaba inocente, enriba dunha silla, a visita do meu ollar cobizoso. Coma o medio perceptivo e táctil dos cans centra na súa boca, o libro ficou ben roído, malia o cal aínda se pode ler nel...


O que un ve
no medio do seu soño
esvaece ao espertar;
mais os soños que temos de espertos
ningún durmir pode facer que se esquezan


nuru ga uchi ni
miru wa samuru o
kagiri nite
samete no yume ni
nete mo wasurenu

terça-feira, agosto 17, 2010

A Modest Commentary (e 2)

Paso a comentar as modificacións na proposta de temario da sección de Historia, co que dou por soterrada esta parella de entradas sobre opos que seguramente só interesan a un público moi reducido...

A Historia sempre foi a nena bonita das tres disciplinas que se dan cita para a oposición ao corpo de ensinanza en secundaria de Xeografía e Historia (e Arte...). No vello temario, os seus temas específicos sumaban 34 (o que sumaba o 47.22%). É unha tendencia que prosegue e se consolida na proposta de reforma, que engade 7 novos temas para a area, dando un total de 42 (levando o porcentaxe ao 51.85%, algo máis da metade). De xeito aproximado, podemos dicir que por cada tema de Arte toparemos 2 de Xeografía e 4 de Historia.

Pasemos aos cambios concretos que se produciron: supresións, modificacións e engadidos:

Temas eliminados

-o 21, "Grandes liñas de investigación histórica nos séculos XIX e XX". É unha supresión que segue unha tendencia xeral a eliminar ou reducir os temas de metodoloxía, historia e atributos da disciplina, como xa vimos (arte quedou sen o seu, xeografía mesturou os dous que tiña). Engádese ao tema anterior, de metodoloxía histórica, unha coletilla de 'novas liñas de investigación' que translada contidos deste tema para alá.

-o 30, "A Formación das monarquías feudais na Europa Occidental. A orixe dos estados modernos". Neste caso, supoño que decidiron eliminar temas moi 'teóricos' de historia e/ou afastados da praxe docente, e considerarían que este era moi 'abstracto'. No seu canto aparece un de Historia da Baixa Idade Media, que nalgúns aspectos (só algúns) toca contidos semellantes. É unha mágoa, porque era un tema interesante, e caeu nas últimas oposicións da materia.

-o 37 "O debate historiográfico sobre a Revolución Francesa". Era estraño que o temario contase cun tema 'de historiografía', ao tempo que non había ningún sobre os feitos históricos da Revolución Francesa. Parte da homoxeneización (tocar tódolos grandes momentos, xa sexa a nivel español ou internacional). Para mín era un tema simpático, dada a enorme cantidade de historiografía marxista no debate...

-o 43, "Pensamento político e económico no século XIX". Supoño que preferían ter temas máis 'concretos'. O pensamento burgués quedou sen defensores, e o obreirista pasa a un novo tema sobre a sociedade industrial e as ideoloxías obreiras.

-o 45, "As transformacións do Estremo Oriente dende 1886 a 1949". Esta caeu da man dunha occidentalización e europeización clara do temario, o cal é unha vergoña (era o único tema extraeuropeo). Certo é, nembargantes, que constituía unha mostra aillada.

-o 46, "Os Estados balcánicos no século XX". Ídem co anterior, xa que o leste de Europa é para os nosos plans de estudo coma se non fose Europa... Parece que xa calou o ruxe-ruxe xugoslavo, ou que se ve como un 'mal exemplo' para estudar.

Temas modificados de xeito significativo

Houbo moitas modificacións, a maioría estéticas (mudar algo o nome do título), ou baseadas en engadir unha exemplificación 'española' do tema. Entre as máis relevantes doutro signo están:

-o 23, "Do neolítico ás sociedades urbanas do Próximo Oriente. Fontes arqueolóxicas" (novo, 25). Este era un tema cun título ambivalente, que se prestaba á confusión. Chegaba 'ata' as sociedades urbanas de Oriente (e polo tanto, incluía ou excluía falar de Sumerios, Acadios, Babilonios e faraóns?). Agora tornouse algo máis claro con engadido, tras dous puntos, de "Mesopotamia e Exipto", anque isto alongue o tema de mala maneira, e obrige a reducir moitísimo na explicación do neolítico (alomenos, polos meus apuntamentos).

-o 34, "Conquista, colonización e administración da América Hispánica" (novo, 45). Se non se trata dun erro de impresión, a nova versión redúcese aos séculos XVI e XVII (o vello, ata o XVIII), eliminándose o importante e extenso apartado das reformas borbónicas e os novos virreinatos nas colonias.

-o 48, "Fascismo e neofascismo: caracteres e circunstancias en que se desenrolan" (novo, 67). O seu novo sosias é máis amplo, e baixo a etiqueta do 'Totalitarismo de entreguerras', inclúe reflexionar aquí sobre o modelo soviético, xunto co nazi-fascista. Nunca me gustou a etiqueta académica de 'Totalitarismo'. Considéroa demasiado interesada e viciada, ideolóxicamente.

Temas engadidos

A maioría destes son 'desdobles' de temas anteriores (nalgúns casos, dada a extensión destes, resulta lóxico e agradecido), pero tamén hai bastantes incorporacións...

-o 27, "A civilización grega dende as orixes ata a época helenística". É unha das múltiples escisións dun vello e amplo tema sobre 'A civilización grecolatina'.

-o 29 (Roma: a construción dun Imperio, o proceso de romanización) e o 30 (Crise e división do Imperio Romano), os dous novos temas sobre a antigüidade latina.

-o 32, "Orixes e evolución das relixións do Libro: Xudaísmo, Cristianismo e Islam". Tema totalmente novo, quizaves para exemplificar a 'historia das relixións'.

-o 39, "A Baixa Idade Media en Europa: Evolución económica, social política e cultural". Botábase en falta, xa que anque non tivese un equivalente para a Alta Idade Media, esta última xa topaba distribuídos algúns dos seus contidos noutros temas do temario.

-o 46, "O século XVII: Defensa da Hexemonía e Ocaso dos Austrias Hispánicos". Este novo tema vense a engadir e a expandir outro que xa había, e que continúa, baixo o título de 'A monarquía hispánica baixo os Austrias', e que agora por lóxica hase de cinguir ao século XVI...

-o 48, "O equilibrio europeo do século XVIII: os tratados de Utrecht e Rastadt". Tema totalmente novo que engade algo de historia política e internacional ao citado século, que estaba algo orfo diso...

-Un desdobre salomónico do vello tema 36 da lugar a dous novos: o 50 (Medre económico, estructuras e mentalidades sociais na Europa do século XVIII) e o 51 (As transformacións políticas e económicas na España do S. XVIII). É unha bipartición lóxica, e o mesturado antigo destes dous temas tan diversos non tiña razón de ser, agás limitar os temas.

-o 59, "A sociedade industrial, formación e ideoloxías do movemento obreiro". Un erro tipográfico na páxina da ANPE titúlao en realidade 'sociedade pos-industrial', mais vese que resulta prematuro neste tema. É novo, anque unha parte é un desglose dun dos temas suprimidos, e está ben...

-o 60, "O sistema de Estados europeos en tempos do chanceler Otto Von Bismarck". Historia política da segunda metade do XIX, que non había...

-o 63, "A España da Restauración, 1875 - 1931". Parte do aumento dos temas 'de España'. Pensade que o último que se daba disto era 'a construcción do estado liberal', do que a Restauración era un esquencido apéndice.

-outro desdobre dase a partir do vello tema 47, que metía no mesmo saco a I Guerra Mundial e o periodo ata a crise do 29. Agora temos o 64 (A Primeira Guerra Mundial e as relacións internacionais no período de entreguerras) e o 66 (A crise de 1929. Consecuencias mundiais. Políticas de recuperación) no seu lugar.

-o 70, "A II Guerra Mundial. Causas, desenrolo e repercusións". É un tema de nova creación e que cubre este momento histórico clave, apenas albiscado nun dos vellos temas (que segue no temario) coas súas consecuencias e a Guerra Fría.

sábado, agosto 14, 2010

A Modest Commentary

Por estes días, andan xa a presentar o modelo dos novos temarios que acompañarán ás remozadas oposicións que xurden no 2012. A curiosidade levoume a ollalos (tamén o interese: dentro dun ano ou así terei que ir comezando a preparar as probas de adquisición de nova especialidade), e o que atopei non me gustou moito. Imos adicarlle unha ou dúas entradas a parolar do tema...

Un elemento universal é a ampliación do número de temas. Nas disciplinas que me afectan, Historia pasará destes 72 a estes 81, e Inglesa de 69 a 75. É unha tónica xeral, e que promete maiores sufrimentos aos nosos sufridos opositores...

De Inglesa só engadir que decidiron cepillarse 8 dos 29 temas de literatura, historia e cultura anglosaxonas. Os 21 que fican tornáronse máis difusos, o que non sei se é algo bo ou malo (todos os de literatura empezan igual: Principales manifestacións... e análise dunha obra representativa. Pode que fomente algo menos a mnemotecnia...).
A verdade é que suspiro de alivio ao evitar un redoblado inferno frío de lingüística no meu futuro. Laméntoo polos novos, xa que se co sistema pasado era factíbel levar eses 29 temas divertidos, engadíndolle 2 ou 3 dos outros, agora haberá que apandar en maior grado co arisco terreo da lingua...

En Xeografía e Historia o máis significativo e digno de mención é o seguinte:

Temos un aumento lixeiro dos temas de Xeografía (de 19 que eran no pasado, e que configuraban o 26.38% do total, pasamos agora a 22. O porcentaxe só ascende levemente, a un 27.16%). Estes temas constituían un corpus relativamente homoxéneo da disciplina, anque moito máis centrados na xeografía humana que na física.

Temas eliminados:

-o 2, "Metodoloxía do traballo xeográfico". En realidade, engádeno como coletilla ao 1. Alédame, xa que era un deses temas realmente infumábeis, agás para xeógrafos...
-o 3, "Diversidade do medio xeográfico". A verdade é que era un tema un chisco 'abstracto'. De todas maneiras, sempre aborrecín toda a xeografía física, asi que canto menos, mellor...

Temas modificados de xeito significativo:

-o 7 "Espazo Rural" (novo, 6). Agora ten que incluír tamén as actividades e o sector da pesca.
-o 12, "Sociedade e economía de China' (novo 11). O seu sustituto engade tamén á India.

Temas engadidos:

-Temos un novo tema 2 baixo o título de "As grandes unidades morfoestructurais do planeta terra. Estructuras e releves". Buff... Xeoloxía a máis non dar...
-Temos un novo tema sobre economía africana, que se ven a sumar ao que xa había antes (un xeral, sobre África mediterránea e subsahariana, antigo 14 e actual 13). A novidade ocupa o número 14, baixo título "África negra. Sudáfrica: un tipo de desenrolo". Será polo triunfo no mundial, digo eu...
-Temos tres temas novos adicados aos tres sectores económicos, mais aplicados a España: agricultura e pesca (18), Industria (19) e Servizos (21). Véxoo como un intento de 'españolizar' algo máis o temario, e quizaves para conectar coa 'xeografía de España' infiltrada na Historia de bacharelato...

Pasamos á Historia da Arte. Os seus licenciados poden comezar a deprimirse, xa que a súa situación non mellorou, ou incluso empeorou un chisco. O número dos seus temas permaneceu igual: 11; mais dada a suba do temario a 85 temas, o seu porcentaxe pasa dun xa de por si limitado 15.27% a un novo 13.58%. Amais, antes os temas de Arte formaban un bloco compacto (os temas que ían do 55 ao 65), mais agora están dispersos por todo o temario, co que a estatística ponse aínda máis en contra deles do que os porcentaxes...

Canto a modificacións en Arte, polo demais, foron case nulas. Suprimiuse un dos temas (o 55, "Teoría e función da arte. Análise e interpretación da obra de arte"), o cal é unha verdadeira mágoa, e unha discriminación a maiores fronte á xeografía e a historia. Isto equilíbrase coa división do vello tema de Arte Clásico en dous novos: "Arte de Grecia. Principais Características. Estudo dunha obra representativa" (28) e "Arte de Roma. Principais Características. Estudo dunha obra representativa"(31). O do estudo concreto dunha obra porano para aburrirse menos cando corrixen os exames, digo eu...

Os cambios en Historia son máis de calado, pero eses deixarémolos para unha entrada futura. Rematamos por hoxe con aqueles temas que, a falta doutro termo, podemos chamar de "Historia do Presente", ou "Mundo Actual" (cousas como os movementos sociais, os medios de comunicación...). No antigo temario eran os sete últimos (do 66 ao 72), representando o 9.72% do total. Agora descenderon a 6 (do 76 ao 81), pasando a representar o 7.4%. As novidades neste grupo son:

Temas eliminados
:

-o 68 ("Organización económica e mundo do traballo. A inflación, o desemprego e a política monetaria". Coa que está caendo, non me estraña que o supriman...)
-o 70 ("Medios de comunicación e sociedade de masas")

Temas modificados de xeito significativo:

-o 67, "A Transición política e a España constitucional" (novo, 76). Antes só era unha análise da Constitución do 78, polo que agora vólvese algo máis 'histórico'.

Temas engadidos:

-o 81 ("Novas linguaxes e formas visuais. O impacto das novas tecnoloxías na creación e difusión artística"), pequena compensación para os artistas e amantes do contemporáneo, e a típica brinde ao sol das novas tecnoloxías.

quinta-feira, agosto 05, 2010

Lecturas Intercalares

Coma adicto enfermizo á orde, xa comprobaríades a miña afición por compoñer diferentes listaxes e esquemas organizativos. Conto con varias listas para a compra de volumes que me interesan, e listaxes de ordes de lectura daqueles que xa están no meu poder...

Claro é, de todas maneiras, que as regras están deseñadas para saltalas, anque só sexa un pouco. A transgresión é un pracer de por si, xunto co de deixarnos seducir por un libro en concreto. Unha compra recente, por exemplo, sempre ten un certo engado especial, unha aureola quizaves emprestada do fetichismo da mercadoría, e ás veces é quen de facerse un oco e rachar as listas; caso contrario, tócalle acumular pó nos estantes, agardar turno e durmir o soño dos xustos durante anos...

Un volume que levaba agardando moitos anos e que se colou nestes días estivais xa algo máis frescos e estimulantes foi 'The Pilgrim Route to Santiago', de Brian e Marcus Tate e ilustrado por Pablo Keller. Dende que o mercara nas Inglaterras (xa van alomenos 2 décadas!), atraído polo tema xacobeu, non lembro que tivera ocasión de lelo enteiro, anque podo equivocarme. Mais é que o engado deste exemplar non está tanto no texto (que non está mal) senón nas imaxes: o Keller é un fotógrafo excepcional que retrata coas súas mellores vistas a arquitectura do Románico de Peregrinación dende Francia a Compostela. As súas estampas téñoas contemplado ata grabalas na retina, incluíndo relicarios e Gabrieis de Santa Fé de Conques, a colexiata de Roncesvalles, a antiquísima chepa de Puente la Reina, os capiteis románicos de Estella e de Castela, o branco inmaculado e austero de San Martín de Frómista ou as rúas cos paisanos a arranxar o camiño principal en Leboreiro... Aínda diría máis: o meu amor irracional e apaixonado co Medievo seguramente topa unha das súas fontes orixinais nas fotos deste volume que tanto me afectaran no seu día.

O segundo dos adiantados é unha compra recente, mentres ía de librarías cuns compañeiros, e tamén garda o selo da Idade Media: trátase do Libro de Apolonio, edición de Castalia e de dona Carmen Monedero. É unha das primeiras obras do mester de clerecía, composta no século XIII, e na que se narran ao xeito da novela bizantina as peripecias de Apolonio, rei de Tiro, e as súas separacións e posteriores anagnóreses de muller e de filla; a versión castelá (transcrita con moitos aragonesismos e catalanismos, froito ao parecer do copista) é unha variante do tema, que tivo un éxito inmenso no mundo medieval, tan só por detrás dos grandes ciclos (Artúrico, Troiano, de Bretaña) e que amosa o seu rostro tanto na versión canónica en latín (a Historia Apolonii Regis Tyri) coma nunha versión anglosaxona de John Gower e, no Renacemento, con moi poucas variacións, nunha obriña de Shakespeare da que xa falei eiquí (o Pericles, Prince of Tyre).

quinta-feira, julho 29, 2010

I would have to take the Englishman

Comenta Harold Bloom que cando lle preguntaron a James Joyce qué libro levaría a unha illa deserta, este respostou que 'Desexaría responder que Dante, mais tería que levar ao inglés, porque é máis rico'. O 'inglés' é, por suposto, Shakespeare, e a ironía e a tristeza de tal recoñecemento polo irlandés, eterno sometido ao Imperio ata nos falares, sinxelamente reafirma de xeito incontrovertíbel para Bloom as virtudes inmortais do cisne de Avon. Ao fío disto pensaba eu na miña peculiar constelación de afinidades electivas, que na literatura castelá xiran no eixo da tradición esteticista, latinizante e escura que agroma a cabeza na cuaderna vía, prosegue a súa marcha triunfal con algúns adubíos italiáns e alegóricos en Juan de Mena e toca o seu celme no Barroco culteranista e noutro poeta cordobés: Luís de Góngora y Argote. Estes días de tórrida canícula transládome a outro verán ardente (Salamandria de sol, vestido estrellas, latiendo el Can del cielo estaba...) mitolóxico e sicilián, e abrolla en mín un intenso aprezo polas arquitecturas do Píndaro andaluz, e un desexo de compartilo e aprezalo con outras persoas...

Ma non troppo. Porque hai outro contemporáneo deste home que leva a palma da miña rendida adoración. Falo do 'inglés' John Milton, o xenial autor de Paradise Lost, e que se en metáfora e hipérbato, no latinismo xeralizado e no traballo formal pouco lle ten que envexar a don Luís, supera amplamente a este na profundidade da súa épica, na súa trascendencia e creación de herdeiros, e aínda moito máis, na pulsión ética. A risco de caer no biografismo que tanto me teñen criticado algúns amigos meus, recoñézome incapaz de esquecer que Milton é o valeroso home xusto que publica panfletos no século XVII a prol do divorcio e da liberdade de pensamento, que se pon á cabeza da Revolución e xustifica en perfecto e pulido latín o corte das cabezas reais cando éstas amosaron incompetencia. É o poeta cego e perseguido cando retornan as perrucas piollentas dos Estuardo e o país vai esquecendo The Good Old Cause...

Por iso á famosa illa (no noso caso, o máis perto serían as Cíes, a de San Brandán ou aquela adicada a Santa Tecla que fabulou un monxe medieval galego na 'Viaxe de Trazanzonio') levaría ao inglés; de feito, xa o levei a Estonia, como lembraredes. Mais confeso sentir un chisco, minúsculo, de remorso; despois de todo, como dicía Marx, os homes fan a súa propia historia, mais non poden escoller as circumstancias que lles veñen dadas. Na 'Castilla miserable / ayer dominadora, / envuelta en sus andrajos / desprecia cuanto ignora' da Contrarreforma e dos Austrias Menores, abondo fixo Góngora en semear bolboretas en cinza desatadas que, moitos séculos despois, habían atopar acubillo nos poetas da Xeración do 27, nos meus dilectos comparatistas e na miña modestísima persona...

quinta-feira, julho 22, 2010

O Mandarín Marabilloso


Dous anos levo agardando para colgar este simulacro mandarinesco de nome bartokián. Os que me coñecen saben que o emprego como metáfora do acceso á función pública e ao mandarinato inferior, coma profesor de secundaria...

sábado, julho 10, 2010

Gorentoume mogollón

O verán é sempre unha boa época para poñerse ao día con lecturas planeadas e atrasadas; mais como aínda estamos coas opos, dame algo de reparo porme con libros novos, e simplemente estiven a reler cousiñas do pasado nos ocos libres: o Burning Chrome, de William Gibson, o Polifemo gongorino e os dous volumes pequenos arredor de Ramsés II dunha colección de arqueoloxía que mercara fai anos, en kiosko, baixo o pretencioso título de 'Civilizaciones Perdidas'. Os 48 volumes están moi ben, a pesar de todo, e como só me ficaban os dous últimos por ler, anque non me chamasen moitos os contidos, tamén aproveitei para despachalos.

Os derradeiros tomos falaban dos 'Constructores de Montículos' (Mound Builders) e os 'Habitantes de Outeiros' (Cliff Dwellers): ou sexa, as civilizacións pre-colombinas que se deron no territorio dos actuais Estados Unidos e que desapareceran moito antes da Conquista.

No caso dos primeiros, o seu foco estaría nas zonas do leste do país, sobretodo ao longo do curso do Mississippi, con tres culturas: Adena, Hopewell e a Mississipiense. As tres caracterízanse pola construcción de montículos funerarios e recintos cerimoniais de variado tamaño. Os segundos vivirían nos territorios desérticos dos actuais estados de Novo México, Arizona, Utah e Colorado, en espectaculares cidades escavadas na rocha, e as súas culturas principais serían a Hohokam, a Anasazi e a Mogollón.

Coma textocentrista eurocéntrico, o interese inicial que terían estes episodios da historia para mín é menor; estou demasiado contaminado pola crónica e a literatura, e cando ignoro os nomes, os textos, a teoloxía e os contos míticos, os meros restos arqueolóxicos non son quen de entusiasmarme demasiado. De tódolos xeitos, cabe destacar a beleza da cerámica Mogollón, continuada en parte a día de hoxe por tribos coma os Pueblo ou os Hopi, remotos descendentes, quizaves, daquelas culturas que desapareceron sen deixar case sinais de vida...

quarta-feira, julho 07, 2010

Tanabata

O día 7 do séptimo mes, os xaponeses celebran Tanabata (七夕), unha festa tradicional que adaptaba un festival anterior de orixe chinesa, o Quixi (七夕節).

A celebración conmemora o encontro de dous amantes celestes, que só se produce un día do ano: Orihime (a 'princesa tecelá') e Hikoboshi (o 'gardador de rabaños') son o trasunto mitolóxico dunha moi real confluencia astronómica, nesas datas, das estrelas de Vega e Altair no horizonte celeste.

Entre as costumes da ocasión está a de escribir desexos, a veces en forma de poema, e penduralos de pólas de bambú. Ao día seguinte, os papeis céibanse sobor das augas dun regato, ou quéimanse ritualmente.

As solicitudes dos homes centrábanse en conseguir unha mellor caligrafía, o que fará particularmente apropiada a miña, tendo en conta a ilexíbel escrita pseudo-kúfica que sae das miñas dedas e das torpes maneiras coa pluma dun zurdo irrecuperábel. Se estou folgado este ano, farei o esforzo por mellorala un chisco, manuais caligráficos mediante...

Outro xeito indirecto de celebración levareino a cabo coa relectura de Komachi en Seki-Dera (a mellor peza do teatro noh, ambientada nese día) e do ciclo de poemas da Dama Daibu tamén adicados á ocasión, e que foi escribindo ano tras ano, conmemorando íntimamente a morte do seu amante na tormenta das guerras Gempei...

segunda-feira, julho 05, 2010

amor é enfermidade


A Lois Pereiro descubrírao o Mantedor anos atrás por mediación dunha rapaza hippie da que estaba tola e inútilmente namorado. A cinza daquel incendio fica seguramente nunha ledicia mutua pola rescate dunha das figuras poéticas máis interesantes que deron as nosas letras nos últimos anos...

O desamor, brutal amputación
ou atrofia dun soño maltratado,
debería ser sempre un íntimo ritual
representado en salas clandestinas.

Interpretando orgánicos monólogos
recitaríamos con fluidez a dor interna
dos nosos tristes ósos
cando o amor se dilúe en hemorraxias
de líquidos desexos
abortados.

terça-feira, junho 29, 2010

(ciber)espazos

Nestes días calorosos, á espera das seguintes probas no inferno ourensán, atopei o tempo para unha rápida relectura do Neuromancer, de Gibson. Con esta xa van tres...

Entre os moitos proxectos que me xiran na cabeza estaría o dun libriño detallado sobre os espazos ficcionais de William Gibson, mais tendo en conta o escasísimo público galego que puidera estar interesado, e que no Imperio o cyberpunk é algo xa moi demodé (malia que Gibson acaba de sacar un libro este mesmo ano; de todos xeitos, escrebe agora nunha onda bastante disonante cos seus primeiros textos...), seguramente fique apartado. Como moito, irei apuntando algunhas notas na Rede sobre os espazos que enchen a primeira novela, a saber:

-O Ciberespazo
-Chiba, en Xapón
-O Sprawl e o eixo BAMA
-Istanbul
-Freeside e a villa Straylight

sexta-feira, junho 25, 2010

Lotería

O dous (General theories on learning and acquisition of a foreign language. The concept of Interlanguage. The treatment of error).

O cinco (Oral communication. Elements and rules governing oral discourse. Everyday routines and formulaic speech. Specific strategies in oral communication)

O cincuenta e sete (Great Britain in the inter-war years and during the Second World War. Most representative authors)

O sesenta e un (The impact of cinema on the diffusion of literary works in the English language)

O sesenta en tres (British Institutions. The Parliament. The government. Political parties and electoral system. The Monarchy).

Coma dirían os Beatles, 'Well, I can't complain...'

sexta-feira, junho 18, 2010

Comunista do mes: José Saramago

A noticia de hoxe é a inesperada morte (alomenos, para min) de José Saramago, que ao parecer levaba tempo sufrindo unha enfermidade crónica. O obituario non é o meu xénero preferido, mais considero unha obrigación moral a de homenaxear ao grande escritor, inmensa persoa e fidel militante que dende hoxe ascendeu ao ceo comunista, onde os compañeiros militan no sorriso...

Faise innecesario tecer algunhas liñas de perfil biográfico, xa que Saramago non era ningún descoñecido. Á notoriedade do nóbel (o primeiro portugués na categoría de literatura) sumaba na península unha faceta pública ben visíbel e un ronsel de novelas interesantísimas, no peculiarísimo estilo alegórico que o caracterizaba. Fica pendente neste casa unha reseña sobre A viagem do elefante, e o recoñecemento que, entre outros volumes, ten A Caverna nas miñas disquisicións académicas. E por suposto, lembrar as horas de pracer e de aprendizaxe que me proporcionaron libros coma Memorial do Convento, O Ano da Morte de Ricardo Reis, História do Cerco de Lisboa ou Ensaio sobre a Cegueira...

Dicía que non gusto dos obituarios e haxiografías, polo que non me resisto a engadir, xunto ás innúmeras virtudes persoais e literarias de Don José, a miña discrepancia con algunhas das opinións do finado, ou coa instrumentalización da súa persoa, que non estaría de máis citar. A caída do socialismo real non deixou de afectar e de confundir algunhas das súas declaracións (bastante duras, por exemplo, coa situación cubana), e a monumental estupidez e idiocia dos sectores conservadores lusitanos privounos do seu mellor escritor, amplamente seducido polos cantos de sereia iberistas e polos mimos con que sempre o trataron na España, onde remataron case por converterlo nun escritor propio, e darlle pé en moitas ocasións a desafortunadas proclamas unitaristas...

Deixamos a (escasa) sombra para lembrar tamén o anecdotario persoal do Colectivo Sacou, imbricado, fío de prata mediante, co escritor de Azinhaga; fai moitos anos que don José parolou en Compostela por mor dun premio (no Rosalía de Castro) e recibiu daquela en agasallo a Caramuxa 0.1, aínda sen ilustracións. Era o ano 1999, e os xogos da memoria aínda me poñen diante dos ollos con total lucidez a conferencia e as verbas de Saramago, agora que o tempo ficou en soño evanescente e a carne súa nunha futura presada de cinzas que terán sentido, coma dicía o poeta, e que seguirán a telo mentres duren os seus libros e as inquedanzas e ideas que fixeron o humus do que éstes agromaron.

sábado, junho 12, 2010

Diario de Murasaki

Estes días ando moi liado, polo que non teño moito tempo para ler. Rescato entón esta lectura relativamente recente (farán 2 meses desque me chegou e lin o libro) doutro clásico da literatura xaponesa, que sabedes me gorenta moito...
A dama Murasaki é seguramente a escritora máis famosa das letras niponas, ás que contribuiu a Novela de Genji (Genji Monogatari), discutíbelmente a primeira novela da historia (e certamente, a primeira do Xapón). Menos coñecidos son o seu diario e memorias poéticas. Non se trata dunha notoria inxustiza, xa que ámbolos dous, conservados en estado fragmentario, non chegan ao nivel da novela, mais non por iso deixan de ter interese, tanto estético (pola calidade dos versos e das imaxes) e biográfico (aumentando nalgo o escasísimo caudal de información que temos sobre a vida, carácter e pensamentos dunha grande escritora).
O diario (nikki) consiste nunha serie de notas breves e algo deslabazadas, co engadido de poemas 'de ocasión', que Murasaki Shikibu escribiu básicamente nos dous anos en que estivo ao servizo da Emperatriz Shoshi, no Pazo do Tsuchimikado. O episodio principal (que se narra con bastante detalle) é o nacemento dun herdeiro imperial, o príncipe Atsunada, que á súa vez era neto por vía materna do todopoderoso ministro e rexente Fujiwara no Michinaga, o verdadeiro gobernante do Xapón da época. O diario detalla o nacemento e as diferentes cerimonias que o acompañan, constituíndo un fresco bastante detallado das costumes cortesás no século XI da nosa era.
Un dos aspectos máis chamativos é o enorme contraste entre a realidade da vida cortesá Heian e a imaxe idealizada que da mesma dera Murasaki na Novela de Genji. No diario, a realidade aparece sen pós de ouro ou adubíos de seda: os cortesáns son seres toscos, maleducados, luxuriosos e borrachíns; as doncelas rexoubeiras, sempre falando mal das rivais, e en estadio de constante aburrimento, apenas interrompido por ocios artísticos (lectura de novelas, práctica de música e de regueifas poéticas) e cerimonias, como as danzas Gosechi no Pazo Imperial.
Nembargantes, a man xenial de Murasaki non deixa de abrollar na calidade de moitos dos poemas que acompañan o discorrer cotián da escuma dos días, e na descripción e ambientación de esceas concretas. Seguramente a mellor sexa a primeira do libro, onde aparece descrito o Pazo do Tsuchimikado en outono, onde mesturan a beleza das augas do lago cos cánticos dos monxes no serán.
A antoloxía poética (kashū) garda semellanza co diario e co formato destas antoloxías, nas que se inclúe sempre un pequeno parágrafo de texto explicando o contexto inicial en que cada poema foi xerado (os cortesáns da época estaban moi entrenados na produción regular de verso 'espontáneo' para as ocasións), e constitúe unha boa mostra da técnica de Murasaki, caracterizada polo emprego de fenómenos naturais coma metáforas directas de persoas e das súas emocións, xunto co caracter pouco concreto e suxerente dos seus prefacios. Vexamos un exemplo:


Unha vez atopeime con alguén ao que coñecera de nena, pero foi un instante breve, e apenas recoñecín á persoa. Era o día dez do décimo mes. A persoa liscou axiña, coma se competise coa lúa:


Meguriaite
Mishi ya sore tome
Wakanu ma ni
Kumogakurenishi
Yoha no tsukikage


Encontro breve:
Atopámonos, ou agachouse
detrás das nubes
antes de que recoñecera
a face da lúa de medianoite?

segunda-feira, junho 07, 2010

Dúbidas

Sempre son un mar delas, mais últimamente hai dúas que me rondan a mente, e que xeran as súas correspondentes preguntas. O par afecta ás política do presente, anque de xeito asimétrico. Son:
1) Resulta relevante (non digamos xa, convincente) que o PSOE acuda para xustificar as súas políticas económicas ao argumento de que estas lle veñen impostas, e que Zapatero aborrece ter que aplicalas? Persoalmente, sempre tendín cara unha ética materialista, valorando o que se me fai á marxe das intencións. É posíbel que o antidisturbios que teña enfronte sufra realmente por darme unha malleira, pero se tanto sufre podería mallar no seu propio lombo e deixar a porra de goma tranquila...
2) Hai algún defensor do discurso e das políticas posmodernas que sexa quen de explicarme cal é o seu elemento mobilizador, unha vez que (pace Foucault e Nietzsche) se renunciou a que o discurso dun é máis verdadeiro e xusto que outros? Porque se non se cre nos metarrelatos (incluído o da Ilustración, con todo o seu ronsel de Liberté, Egalité, Fraternité) e todo son meros xogos retóricos e de poder, entón eu estou máis cómodo cultivando o meu ocio e pracer sen meterme en problemas, ou como moito, participando de xeito egoísta tan só nas causas que me afectan directamente, alén da súa virtude e verdade...

segunda-feira, maio 31, 2010

Let them eat cake

Seguimos coa metáfora reposteira, anque para tocar unha corda diferente: a da tristeza infinita que causan no mantedor as miserias da realidade que nos tocou vivir e a bancarrota dos créditos da utopía, que seguen no seu marasmo habitual...

É que o peor da crise non é o que vivimos ou o que albiscamos, senón a abulia xeralizada e o desnortamento intelectual da esquerda, que leva durmindo o soño dos xustos dende o 89; non é xa que a esquerda oficial renunciara fai tempo a calquera construcción dunha alternativa socialista ao mercado e ao Capital; é que tamén renunciou ao programa da social-democracia (o welfare state e o capitalismo con rostro humano), para asumir o papel ingrato da esquerda cosmética posmoderna, que ceiba proclamas de boas intencións e mornos avances para minorías ao tempo que asume o neo-liberalismo económico e fai os traballos suxos da Dereita. Quo vadis, Zapatero?

Por suposto, non é a primeira crise na que a esquerda guinda ao caldeiro do lixo aos seus e lle deixa camiño expédito ao inimigo para capitalizar as rendas (e as rédeas, e as perdas). O resultado máis inmediato do crack do 29 foi, como é sabido, o ascenso de Hitler en Alemaña. E despois tivemos unha guerra terríbel. Parece que doutra volta estamos a perder o autobús, e as consecuencias non se farán de rogar.

Mais guindar tódalas culpas sobre os partidos sería simplista e demagóxico. Sempre crín fortemente que estes son unha imaxe bastante fidedigna da sociedade á que representan. Nas lameiras do consumismo e nos pantanos da preocupación polo eu propio é de recibo que só medren prantas trepadoras, lianas, herbas rastreiras. Nos días pasados podíamos contemplar con certo estupor (e para inmenso pracer dos especuladores e capitalistas) como os traballadores se tiraban os trastos á cabeza. Contra os funcionarios movilizouse unha artillería retórica que cismou sobre os vellos estereotipos do oficial de ventanilla e café: casta de preguiceiros, chupóns da teta do estado, insolidarios. O retruque non foi menor, e os traballadores da privada gozaron de alcumes coma os de derrochadores, corruptos defraudadores (en complicidade cos seus xefes e a economía sumerxida á Seguridade Social e ao fisco) e paletos ignorantes que sen apenas estudos e formación gañaban estes anos atrás soldos por enriba dos dos titulados universitarios. En fín, un espectáculo lamentábel...

En vista do retablo, parecen ficar poucas opcións para o cambio e a esperanza. Sentemos, pois, nos bancos da nave que se afunde mentres os músicos tocan melodías, a disfrutar da nosa aniquilación; e perante a fame e os laios dos desesperados, citemos de novo as verbas de Maria Antonieta: "Non tedes pan?. Pois comede pasteis!"

domingo, maio 23, 2010

Tarta de limón e merengue

Non pensedes que as reflexións da semana pasada eran algo meramente teórico, xa que saíron á luz mentres estabamos a facer na casa unha estupenda mermelada de froitas do bosque, escura coma o viño e o mar de Homero, e producindo a combinación doce-doce-aceda que fai brincar de emoción ás miñas papilas gustativas. Os seus compoñentes: moito azucre, arándanos, framboesas e grosellas vermellas.
Non deixa de resultar curioso o escaso atractivo que as froitas do tipo 'baia' teñen na península, coa excepción dos amorodos (Fragaria x ananassa) e, parcialmente, das framboesas (Rubus idaeus). En climas máis nórdicos, onde outras especies froiteiras non sobreviven, son en estremo populares, e cada país conta coa súa favorita: no Reino Unido descolan a uva / grosella espiñenta (Ribes uva-crispa, gooseberry) e, para salsas, o arándano vermello (Oxycoccos palustris, cranberry); nos Estados Unidos o arándano (especie Vaccinium, blueberry) e varias especies nativas (incluíndo unha variante da árbore da moreira, Morus Rubra); en Francia, o amorodo almiscarado (Fragaria moschata); no Mitteleuropa, as grosellas (Ribes rubra, nigra); no Báltico e en Escandinavia todas elas son adoradas e consumidas, pero convén destacar os amorodos salvaxes (Fragaria vesca; grazas, Bergman) e a que sen dúbida é a raíña de todas: a mora dos pantanos (Rubus chamaemorus, cloudberry, bakeapple), de sabor exquisito e acaramelado (se algún dos lectores conta con prantas dela, non deixedes de contactarme)...

Voltando ao eido das tartas, onte levamos a cabo unha típica receita anglosaxona: tarta de limón recuberta con merengue. Tamén levou máis azucre do que viña prescrito (e menor cantidade de zume de limón) debido a dúas razóns:
1) son un adicto terminal da glucosa
2) teño a teoría de que en xeral, os limóns galaicos (tódolos citrus, realmente) son máis acedos que os mediterráneos, dada a menor cantidade de sol e calor de que disfrutan eiquí.

quarta-feira, maio 12, 2010

Conservando froitas

Seguimos coas entradas gastronómicas. Nesta ocasión, trátase de aclarar un tupido e confuso bosque de termos arredor dos métodos de preservación da froita.
Nun pasado, tales métodos tiñan por finalidade a de alongar a vida útil das froitas, para consumilas fóra de temporada. Hoxe, as motivacións van máis na onda do 'gusto' e do sabor que o proceso de conservación engade á froita, case sempre facéndoa máis doce, untábel, etc...
Entre os métodos dos que dispoñemos destacan os seguintes:
1) Preserves: consisten en empregar case toda a froita (eliminando sementes e tona); dependendo do tamaño vai enteira e troceada.
A froita cómese 'enteira' (nos anacos que a compoñen).
O método consiste en cocer os anacos de froita nunha solución líquida azucarada (o almibre). A froita fica sumerxida en frascos coa sustancia doce, que fai de antibacteriano, e que se converte nun 'caldo doce' co sabor da froita.
En galego/español, a isto soemos chamarlle 'conservas' (anque se emprege como termo xeral, e máis para produtos non doces), ou 'froita en almibre'.
2) Confit / Candied fruit: é un método similar ao anterior. Neste caso, a froita (ou anacos de froitas) son cocidos ao longo de varios días (ou semanas) no almibre, co fin de ir saturando a froita de azucre e quitarlle o líquido. O resultado é unha forma pequena do froito.
Dependendo da froita empregada, é habitual conservar a tona e as sementes.
A froita cómese 'enteira', como coas conservas.
En galego/español, chamámoslle 'froita confitada'.
Unha variante, empregada con froitos secos (sobretodo améndoas) é o garrapiñado, no que a froita permanece crúa, facéndoselle unha envoltura, a partir de azucre caramelizado.
3) Jam: é o método máis universal. Emprega a froita enteira, anque troceada, os zumes desta, azucre e auga. Nalgúns casos (froitos que carecen dela), pectina como axente endurecedor.
O puré doce resultante soe comerse 'untado' (en pan, torradas, engadido a biscoitos, tartas...).
Aquí chamámoslle 'mermelada', o cal xera considerábel confusión (vid. marmalade).
4) Conserves: variante do anterior, que se soe caracterizar por manter a froita bastante enteira (na mermelada, convértese nun puré); soénse cociñar menos (o cal saca menos pectina das froitas, e fai que o resultado sexa máis 'liquido'. 'Conserve' tamén se empregan de xeito confuso para designar mermeladas que mesturan froitas e/ou noces na masa.
Aquí chamaríamoslle a isto 'mermelada de froita enteira', ou 'mermelada mixta'.
5) Fruit spread: outra variante da mermelada, na que o elemento característico é o de non engadirlle azucre á masa. Supoño que isto é un 'puré' de froita, untábel (se as froitas cocidas teñen moita pectina). Non se estila moito por aquí.
6) Marmalade: é outra variante da mermelada. Os seus elementos característicos son: soe facerse con froitas da variedade citrus, especialmente a laranxa amarga; en consecuencia, ten un sabor máis 'amargo', e na masa inclúese a tona da froita.
Esta 'inclusión' de elementos alleos á masa/zume seguramente levou ao emprego algo laxo da palabra para mermeladas que conservan pepita (por exemplo, strawberry marmalade, con elas, frente a strawberry jam, sen elas).
Na península non existe esta categoría separada como tal, con nome propio. Todo é 'mermelada'.
7) Fruit butter: Consiste nunha especie de 'puré' fino que se fai a partir de froita enteira (normalmente, grandes, coma mazás, ameixas, pexegos). Quéntase a froita ata abrandala, logo pásase por un colador e cócese rapidamente a polpa con azucre, dando unha masa uniforme.
Isto sería un puré sen mais por estos lares.
8) Fruit curd: Esta é unha peculiaridade inglesa que non teño visto noutros lares. É unha masa de recheo para pasteis (como a mermelada) que inclúe xema de ovo, azucre, zume e tona de froita. As empregadas soen ser limón, lima, laranxa ou frambuesa (ou as máis exóticas, mangos e froita da paixón). Nalgunhas receitas engaden claras de ovo e/ou manteiga.
9) Jelly: o definitorio desta modalidade é que só se empregan os zumes de froitas (non a masa), ao que se lle engade unha sustancia xelificadora (pectina, ou xelatinas industriais). O resultado é unha masa xelatinosa, doce, de cores e (con frecuencia) transparente. Nós chamámoslle 'xelatina', e consumímola moito menos que os anglosaxóns, cos que é un dos postres máis habituais.
10) coma unha variante a medio camiño entre a xelatina e a mermelada temos o doce de marmelo, cuxa variante portuguesa é, irónicamente, a que lle deu o nome a todo o grupo de 'mermeladas' (galego-portugués marmelada, doce feito con marmelos). Os ingleses chámano Quince cheese/jelly/candy. Como sabedes, o doce inclúe a 'masa' da froita en cuestión, anque dado o seu altísimo índice de pectina, o resultado é vagamente xelatinoso, e non se soe comer 'untado', senón coma postre, con queixo do país ou en solitario.
Unha saborenta variante deste doce témolo no Brasil, onde a falta de marmelos, empregan outra froita pectinosa: a goiaba. O resultado é unha pasta doce, similar ao doce de marmelo, anque máis avermellado: a goiabada. Outra é unha receita típicamente inglesa que emprega nísperos (o nispero auténtico, mespilus germanica, e non a variante áceda e doce que veu recentemente do Xapón e que tamén emprega o nome, eriobotrya japonica): o Medlar Cheese.

sábado, maio 08, 2010

Tarta de sementes de sésamo

Fai un mes que teño á repostería parada, por mor de non caer no perigo da obesidade mórbida...
Esta é a derradeira que fixen por aqueles días. A masa saiu moi rica, anque o recheo de sementes de sésamo é cousa de gustos. Cansa un pouco.
Nesta tarde grisalleira de chuvia, hai uns scones a facerse no forno. O contaxio da climatoloxía británica estende tamén á merenda, cunha cunca de té e estes famosos pasteliños con nata, manteiga e mermelada...

quarta-feira, maio 05, 2010

Badaladas

Parece que Suso de Toro acaba de dar unha ben sonada, que sumar a 13 das anteriores. Ao seu anuncio explosivo de abdicación da escrita profesional e retorno á docencia en secundaria seguiulle outro artigo no País onde explica algo máis pormenorizadamente as causas que o levaron a tomar esta decisión.
É innecesario engadir que a tal nova non é certamente positiva. Persoalmente, apenas me conto entre os lectores de Suso, que nunca me gorentou moito. Iso non quita que non considere que era unha figura (e que cumpría unha función) necesaria de normalización: a do escritor profesional galego, por contraste co tradicional modelo diletante e voluntarista ao que estamos acostumados. O seu fracaso, se como tal se pode considerar, non é só seu, e deixará un pésimo ronsel de inseguridades e dúbidas para aqueles galegos que queiran seguir un camiño coma o seu.
Poderíamos falar dos seus papeis como enfant terrible, ou conselleiro áulico de Zapatero; mais o que me chama a atención neste momento son os seus argumentos elexíacos sobre a desaparición de autores e autoridades dentro da literatura en xeral.
Digo que a postura de Suso me chama a atención, e aquí permitirédesme insertar unha anécdota persoal. Fai uns anos, en Berlín, tiven ocasión de falar brevemente co escritor que nos ocupa, co gallo dun congreso sobre literatura e cidade ao que asistía. No vestíbulo dun famoso youth hostel de Charlottenburg, escoltado por sex shops, cheiro de tallaríns e a grande estrela no edificio da Mercedes, parolábamos sobre a novela. Para o meu estupor, Suso insistía en que Joyce era, para el, un fracaso, ao tempo que andaba ás reviravoltas coa preocupación que lle producía a escasa venda da súa última novela. No seu momento, considerei a conversa un tanto cómica, mais visto en perspectiva, estaba por primeira vez diante dun escritor galego que realmente vivía dos libros que vendía (e que era lóxico que se preocupase polas vendas), e non diante dun profesor de instituto que se permitía o luxo nos seus intres libres de escribir algún que outro volume destinado á inmensa minoría (e aos almacéns da Xunta, claro). Tempo despois descubrín que Suso eran profesor en excedencia (ou sexa, deixara os liceos para vivir dos libros), e iso fixo bastante para aumentar o meu respecto por el (respecto que anos atrás collera un mal pulo inicial cunha pésima montaxe teatral de seu, 'Unha rosa é unha rosa'; mais diso xa falaremos noutra ocasión...). Mais agora parece que o Mr. Hyde docente tornou a apoderarse do Doutor Jekyll escritor...
Mais volvendo aos estados de shock, unha parte dese estupor berlinés vóltame agora cando leo a Suso queixarse do auxe e caída do intelectual-escritor, e da tiranía de mercado e espectáculo nos lares literarios. O asunto non é novo: alomenos dende o Romanticismo e o nacemento do 'escritor profesional', é unha figura que sempre pareceu estar en crise, anque ao longo do século XIX gozou de certos éxitos e prestixios, coma o seu posicionamento coma 'voz crítica' e autorizada da realidade. Do mesmo xeito, as fronteiras entre a alta e baixa cultura, e os perigos da súa disolución tamén parten daí, mais a derrota é neste caso, do XX, cando a sociedade aristocrática que instrumentalizou para sí a 'alta cultura' desaparece, cando as vangardas fracasan no seu plan alternativo de mesturar arte, vida e revolución, e cando o mercado capitalista e o Pop Art se converten en ultima ratio regum...
Meditar sobre os aspectos positivos e negativos que trouxo a democratización (que dos dous hai, anque con isto me arrisque a que me consideredes un snob ou un pedante) é de interese, mais escapa por completo as posibilidades deste formato e momento de escrita. Do mesmo que parolar sobre os problemas endóxenos e esóxenos que afronta un escritor en língua galega (isto, quizaves, para a próxima entrada). Fique só a cinza branca dun pequeno incendio: o das dúas revelacións inesperadas de Suso -a do mercado de antes, a do clasicismo de agora- sobre o fondo dunha vaga, difuminada tristeza. A musa literaria das nosas terras fai de modelo para o gravado da Melancolía de Durero. Aliás, sospeito que Suso non atopará nos institutos aos que torna modelos máis estables de autoridade e certidume, alén da estrictamente material para o docente (que non é pouco).

sábado, maio 01, 2010

Mutilado de guerra

O novembro pasado informaba do triste dano que a tormenta e impulso fixeron sobre unha feixoeira da horta. Actualmente, e maila agromar un chisco, a árbore segue presentando un aspecto lamentábel, tan antitético co seu ser orixinal outo, florecido e cheo de froitos...

A estas alturas da primavera, o dano segue, ou quizaves empeorou, como parecen apuntar as manchas de barola verde nas súas zonas expostas. Unha pequena galería de imaxes (esta que vos pego só unha mostra) e de consellos que me dan ao respecto varios especialistas en frutais tédelo eiquí.


O luns pasarei pola agraria, a ver o que me aconsellan alí, e para pillar a masilla cicatrizante. Non creo que me atreva a cortar polo tocón, ou sexa que xa veremos o que sae...