Outro feixe das mini-reseñas pendentes de lecturas pasadas. Penso que para a propia tanda vou repasar, de todos xeitos, o contido dos libros; non tanto por falsear a memoria do que lembro deles, senón para facilitar que os resumos poidan servir (ou non) de estímulo ás vosa lectura.
sábado, setembro 04, 2021
quinta-feira, setembro 02, 2021
segunda-feira, agosto 30, 2021
Libros do Mes
sexta-feira, agosto 27, 2021
興 (xing)
"Este fenómeno apunta cara dúas tendencias interrelacionadas na práctica artística chinesa, a saber: unha tendencia orientada cara o mundo real e outra orientada cara o dominio do perceptual. Por tendencia orientada cara o mundo real refírome ao forte impulso artístico de referirse a unha realidade concreta. A influencia omnipresente do "ambiente" na poesía chinesa, figurando coma contexto físico, é certamente unha expresión disto. Percíbese coa máxima claridade e pathos en poemas sobre o pasado remoto (huai-ku), onde os sentimentos do poeta vense activados poal escea actual atopada ao ascender a lugares elevados (teng-kao) ou visitando un lugar histórico. Que o evento emocional sexa traído á superficie na maioría dos poemas chineses por un 'escenario' evocador suxire a maiores que o apego á realidade externa está íntimamente ligado á outra tendencia; isto é, a creación poética na tradición chinesa vai esencialmente sobre aquilo que é percibido de xeito intuitivo como resultado dunha reacción e compromiso espontáneo con estímulos concretos da realidade externa".
Cecile Chu-chin Sun, en Pearl from the Dragon's Mouth: Evocation of Feeling and Scene in Chinese Poetry
domingo, agosto 15, 2021
Palatium Memoriae - Setembro 2010
Aproveitando que dende aquel setembro de once anos atrás comecei a facer a listaxe dos libros que rematara nos recentes 30 (ou 31) días, aproveito as ditas listaxes para facer unha nova sección, antítese da damnatio memoriae, na que repasar o que lembro daqueles exemplares, a miña valoración estética e/ou intelectual deles o grado en que tornaron en obras influíntes da miña vida e pensamento. Fareino a través de mini reseñas que penduro na miña canle de youtube: aquí vos vai a dos primeiros catro dos oito libros cos que comezara.
quarta-feira, agosto 11, 2021
O Vernero que foi - Agosto '10
Logo do triunfo estival nos exames de acceso ao mandarinato, a canícula de 2010 debeu ser unha época de pracer, descanso e lecturas intensificadas, anque a miña escasa memoria ten que recorrer a fotos e entradas vellas para iluminarme. Testemuño dos libros que navegaba son dúas entradas que releo e que me permiten reconstruír o groso de ditas lecturas; un proceso de reconstrucción e loita contra o tempo e o esquecemento facilitado a partir do mes seguinte polo comezo dunha sección/listaxe de libros lidos e/ou en curso como derradeira entrada mensual, e que me vai permitir, dende este setembro, crear unha nova sección de podcasts coas miñas lembranzas, valoracións e e interiorización de ditas lecturas.
Un pouso de fel dame ver a entrada (e a foto) da nosa cadela Clío, desaparecida nestes once anos entre noite e néboa; o libro que ela tamén tentara interiorizar por vía oral fica aínda no piso da rúa Capela, e este tarde funlle a tirar unha foto, testemuño mudo da súa ausencia e da súa inocente trasnada. Con gusto deixaríalle hoxe engulir boa parte da miña biblioteca a cambio de tela de novo a man, tirarlle das orellas e rascarlle o bandullo unha outra volta...
segunda-feira, agosto 02, 2021
sexta-feira, julho 30, 2021
Libros do Mes
quarta-feira, julho 21, 2021
Making progress - Unit 5
Cando estaba a estudar durante o curso a asignatura de Lenguaje Matemático, o certo é que fiquei atascado no tema que agora sí tiven oportunidade de rematar: o número 5, adicado ás propiedades dos números naturais e dos números enteiros. A raíz do problema non foi que as ditas propiedades fosen moi difíciles de entender, senón no feito de que as demostracións de que ditas propiedades son certas sí que eran complexas e enrevesadas de narices, e comíanse pasos 'obvios' para o escritor que non o eran para mín. En xeral, é o maior problema que lle vexo ao libro de texto de Miguel Delgado e María José Muñoz: o manual en sí está bastante ben, pero cando recurre a demostracións e a exemplos, non se detallan tódolos pasos necesarios; tendo en conta que falamos dun manual de primeiro de carreira, é algo que deberan ter coidado máis (anque sempre cabe a oportunidade de que simplemente o que vos escrebe estas liñas sexa particularme obtuso).
Por suposto, un pode ignorar as demostracións e asumir (e estudar!) as proposicións e teoremas como verdadeiros se do que se trata é de aprobar un exame, pero se queres realmente entender a materia, necesitas poder seguir os argumentos demostrativos; amais, as matemáticas veñen a ser un chisco como construír unha impresionante torre ou escaleira de caracol nun castelo neo-medieval, no que ademais vas reutilizando os chanzos que puxeches atrás para cubrir os ocos que fican por diante: se non entendes unha demostración, tampouco vas entender as que toparás dúas ou tres páxinas máis adiante, porque se constrúen en parte coas ideas e cos elementos da demostración anterior.
Penso que xa teño falado tamén noutra ocasión de que a lectura dun manual de matemáticas non ten nada que ver coa de calquera outro dos libros que engulo a cotío. Aquí é habitual que ler unha soa páxina che leve unha hora enteira, mentres vas desnovelando algunha das demostracións e vendo que todos e cada un dos pasos son intelixíbeis e lóxicos. Cando algún non resulta evidente, hai que por a cachola a traballar, mirar nas páxinas anteriores e, no peor dos casos, buscar máis información na Rede de Redes. Amais de lenta, é unha lectura esgotadora.
Agora que xa está lido e entendido o tema 5, fican por facer os 24 exercicios do seu final, que conto con realizar nos días que restan da semana se Juan Mamoru me deixa (hoxe non foi o caso, ao negarse a ir ao campamento de verán e botar todo o día comigo a bricar, comer e a ver vídeos e debuxos variados).
segunda-feira, julho 05, 2021
domingo, julho 04, 2021
O Vernero que foi - Xullo '10
Neste cesáreo mes de moitos anos atrás continuaba o proceso das oposicións de inglés con bastantes máis nervios que na primeira parte, xa que logo de que me saíse aquela sorpresivamente ben, apalpaba posibilidades moi reais de sacar a praza. A espera nos corredores do conservatorio de Ourense, baixo a aperta dun calor abrasador e coa ollada ausente a percorrer cartaces de estilos e compositores musicais é o segundo momento de maior tensión do que gardo memoria, só superado polo nacemento prematuro do meu pequeno, dous meses antes de tempo e moitos anos máis tarde...
O día 22 era oficial, e celebraba a miña incorporación á docencia con imaxe e metáfora dos mandaríns do Imperio do Medio, con data e certificado do 進士, cun horizonte de expectativas completamente novo, e cun peche e apertura simbólica de portas que tornan este mes, nun calendario subxetivo, mais no Ianuarius bifronte e bicéfalo ca no mes do Divino Xulio.
Pechadas as Portae Belli, topaba xa máis tempo para lecturas e reflexións; unha que rima con inquedanzas actuais é unha peza de cerámica Mogollón; recentemente lín sobre outra mostra de arte pre-colombina dos actuais Estados Unidos: unha paipa para consumo ritual de tabaco con forma de londra e que se agocha agora non nos túmulos do Mississippi, senón nas paredes do British Museum. E falando de portas que abren e que pechan, qué mellor que rematar con aquelas das que fala Penélope nos versos de Homero:
segunda-feira, junho 28, 2021
Libros do Mes
Visions of Infinity de Ian Stewart
Nineteen Ways of Looking at Wang Wei de Eliot Weinberger [E]
Europe’s Growth Challenge de Anders Åslund e Simeon Djankov [E]
*The Universe Speaks in Numbers de Graham Farmelo
*Stalingrad de Vasily Grossman [E]
*Lenguaje matemático, conjuntos y números de Miguel Delgado e Mª José Muñoz
segunda-feira, junho 21, 2021
Truth and Beauty
Na congreso de Teorías de Cordas do ano pasado, Robbert Dijkgraaf ten unha magnífica conferencia sobre as relacións da física e a matemática, beleza e verdade que estou a volver a ver e que recomendo encarecidamente:
quarta-feira, junho 09, 2021
O Vernero que foi - Xuño '10
Nos comezos do verán do 2010 tivo lugar un feito que transformou radicalmente a vida do mantedor: as oposicións de ensino secundario - inglés ás que me presentei e que, con certa sorpresa, fun quen de aprobar. Como penso que xa vos teño comentado en máis dunha ocasión, que me presentara este ano por esta especialidade fora accidental, e motivado pola ausencia de oposicións de historia. Non era moi optimista: levaba aceptábelmente ben preparados algo menos de trinta temas (e de xeito moito máis precario do que levara os de historia), anque podía contar coa ventaxa comparativa da miña fluidez quase-nativa na língua de Shakespeare. Superar oposicións case sempre implica unha combinación de preparación e de sorte; cando un caluroso día de San Xoán, no conservatorio de Ourense, os administradores do exame nos leron os temas escollidos no sorteo, deuse a grata fortuna de que podía redactar tres dos cinco, e concretamente, aquel que escollín, o sesenta e un ("The impact of cinema on the diffusion of literary works in the English language"), era o que mellor podía facer con diferenza de todo o temario, tanto por interese e cultivo persoal coma polo recén rematado máster que fixera o ano anterior e que me dotara de moitas ferramentas e coñecementos a maiores nese eido.
Os exames continuarían o mes seguinte, éses con moito maís estrés e nervios, motivados en boa medida porque sabía que a proba escrita me tiña que ter saído moi ben e que quizaves tiña posibilidades moi reais de superar o proceso. Entrementras, coa programación xa feita e ensaiada, seguía a darlle voltas no maxín a un dos meus hobbyhorses daquela e de agora, as obras literarias de William Gibson e a posibilidade de facer unha tese doutoral encol delas. A mesma idea segue no aire coma un proxecto que sempre adío por unhas ou por outras razóns, mais son moderamente optimista de que a tal tese estará redactada e presentada antes de que pasen outros once anos e bote a ollada atrás ao (agora) presente desta escrita.
sexta-feira, junho 04, 2021
sábado, maio 29, 2021
Libros do Mes
terça-feira, maio 25, 2021
La règle de bienséance (2)
Xa que nos puxemos a falar da farándula, imos a continuar cunha das miñas obesións neste eido: a dificultade, ou imposibilidade práctica, de disfrutar de obras de teatro clásicas (entendendo 'clásico' latu sensu, non só no contexto gregolatino) que amosen un mínimo de fidelidade historicista ás técnicas de representación das súas respectivas épocas.
O teatro como espectáculo performativo, e non como texto literario, inclúe en cada representación e montaxe unha 'recreación' dunha obra dun xeito non disimilar a cómo fan os concertos musicais coas composicións e partituras dos grandes compositores. Porén, no teatro soe darse unha disociación entre o texto teatral, que como a partitura, soe manterse relativamente incólume (anque habitualmente recortado) e os demais elementos escénicos (vestiario, escenario, montaxe, escenografía...), onde directores e actores contan con maior liberdade de adaptación e modernización, por razóns que van dende o pragmático ao divulgativo ("adaptar un clásico aos gustos/inquedanzas do tempo actual").
Todo clásico, para seguir vivo, require dun diálogo activo e dunha reapropriación por parte do presente, e temos exemplos moi logrados (estou pensado en adaptacións cinematográficas de Kozintzev, Kurosawa ou Welles, por exemplo) mais moitas veces, este argumento emprégase como excusa para evitar o esforzo (ético e estético) que debe representar a comunión con textos e ideas do pasado, a loita e superación de barreiras lingüísticas e ideolóxicas e de apertura e grandeza de miras intelectual a mundos que non son peores por ser distintos ao noso. Supoñer que un público non vai poder entender ou empatizar cun Romeo e Xulieta agás que o reconvirtamos nunha pelexa de bandas latinas, ou cun Ricardo III agás que transformemos a trama nunha recreación/censura do nacionalsocialismo dos anos 30 (trasunto moi imperfeito das monarquías renacentistas á sombra de Maquiavelo, ou das Guerras das Dúas Rosas) son, ao meu ver, recursos insufríbelmente paternalistas; perfectamente lexítimos quizaves, en contextos pedagóxicos, pero que dende logo non deberan de ser os únicos. Menos aínda tendo en conta que o teatros das nosas cidades a día de hoxe fican bastante lonxe de seren espazos para un público e nun formato popular e didáctico.
A miña experiencia de non-cosumidor de espectáculos teatrais dende moito tempo atrás nace precisamente desa frustración: cando ía ver, poñamos por caso, un Hamlet ou un Edipo (obras que ía ver para disfrutar do arte de Shakespeare ou de Sófocles, e non das vaidades e narcisismos dalgún director e/ou actor), as máis das veces topábame cunha montaxe 'moderna', cos personaxes vestidos con vaqueiros, espíndose e arrebolándose fariña enriba, reinterpretando e 'recontextualizando' cousas á luz das súas (ás veces) escasas luces, e demais ronseis de variada chocalleirada. Porén, non tería nada que opoñer a isto se alomenos existise, digamos, unha soa compañía de teatro clásica que puxese en escea obras fieis a letra e a espírito; aos aspectos e actuacións das representacións do seu tempo: traxedia clásica con coros e máscaras, por exemplo, comedia isabelina con roupaxes de época e declamación axeitada... Os espectáculos serían ben instructivos e divertentes, e penso que ampliarían as miras e a sensibilidade estética do público. Nisto, como en tantas outras cousas, os xaponeses lévannos séculos de vantaxe, e un alá pode disfrutar de música e danzas cortesás da dinastía Tang, teatro noh de finais da Idade Media ou pezas con monicreques renacentistas, todo segundo as convencións, valores e formas do tempo en que naceron.
Porén, como tal cousa non se vai a dar, tentarei consolarme con versións gravadas (teatro ou cine) o máis semellantes posíbeis a boas recreacións. Algunha cousa hai, como esta versión do Agamenon de Esquilo...
terça-feira, maio 11, 2021
La règle de bienséance
En máis dunha ocasión téñovos falado da biblioteca municipal de Outes, a cova de Zaratustra da que tiraba exemplares para ler e cultivarme cando aínda non gañaba para libros. Penso que foi na tardo-adolescencia cando lín completo dos seus anaqueis, en traducións españolas, todo Shakespeare (na edición de Aguilar, 1969, con ilustracións francesas), o teatro grego clásico -Esquilo, Sófocles, Eurípides, Aristófanes e Menandro- en dous volumes na mesma editorial ca William, as traxedias latinas de Séneca (neste caso, estou menos certo; penso que era un libriño vermello de tapas duras, ao mellor da biblioteca de Outes ou senón da do instituto) e Racine (un volume de tapa branda da Editora Nacional). Lembro tamén que para o meu gusto daquela, non pouco influído polo cinema, e especialmente por Tarantino, resultábame ennervante o 'recurso do mensaxeiro', a pouca acción e os longos discursos no caso das obras gregas e francesas. Podería obxetarse que, dado que se trataba de teatro lido, tanto lle ten ao lector imaxinar as esceas directamente coma a través das verbas descriptivas do ἄγγελος; mais o caso é que sen episodios de acción, a obra fica reducida a longos e estáticos exercicios de retórica. Tales recursos xustificaríanse posteriormente por convencións e/ou regras do decoro, anque sospeito que os motivaba no caso grego a escaseza de actores e medios escenográficos e o costume de escoitar longos cantos corais e relixiosos, ou as tiraxes da épica cando aínda recendía a arte oral-formulaica, medio improvisada polos aedos a partires da Materia Troiana e semellantes.
Estes días estou a ler (non diría reler, xa que se trata doutra tradución, obra de Alan H. Sommerstein, desta volta en inglés co grego orixinal na páxina oposta) a traxedia esquílea; anque pasaron moitos anos e son outra persoa en mente e gustos, máis receptiva aos engados artificiosos da linguaxe poética, non deixa de chamarme a atención a estaticidade monocroma de Πέρσαι, que pode resumirse nunha longa ladaíña de lamentos por parte dun coro de nobres persoas, da raíña, do espectro finado de el-rey Darío e, finalmente, de el-rey Xerxes. Todo moi patriótico e con verbas, imaxes e metáforas ben engarzadas, pero algo ríxido como espectáculo para o lector contemporáneo, tal esa rixidez arcaica do κοῦρος, anque nos salve non pouco a descrición da batalla de Salamina, moi próxima ao meu corazón e metáfora empregada nun meu texto perdido contra certo vil sátrapa de nome persa nos días lonxanos da LOU...
quinta-feira, maio 06, 2021
O Vernero que foi - Abril/Maio '10
Nunha algo frialleira primavera do presente e con resfriado de cambio de temperaturas engadido, boto a ollada atrás ao muro de néboa dos meus tempos idos, tentando lembrar (con axuda das vellas entradas) os costumes e o que me andaba no maxín once anos atrás. Supoño que andaba moi atarefado estudando os temas da inminente oposición (anque só se transparenta parcialmente nunha entrada sobre o Keywords de Raymond Williams). Topaba tempo, porén, para varias lecturas que se transparentan (as memorias da Pasionaria, o opúsculo contra a posmodernidade de Alex Callinicos) e por suposto, para facer tartas e conservas de moi diverso tipo, que despois enguliría con larpeira delectación.
O que máis me chama a atención e a foto da feixoeira, que sufrira os embates dun vento afuracanado no inverno que a tronzara severamente; en abril botou a brotar e anos despois podédela ver esplendorosa, auténtica cornucopia de produtividade, na seguinte imaxe que lle tirei hoxe á mañá:
Coa perspectiva dos anos, permítome xogar a ler un aquel profético no evoluír da mirtácea da nosa horta: a pranta mancada simbolizaba as miñas malas perspectivas laborais daquela, un humanista e tradutor no medio do vendaval da Grande Recesión e coa táboa de salvación da función pública flotando coma un espellismo no horizonte. Meses despois, tal o peregrino errante de Góngora, había saír a flote dun océano de adversidades:
Del siempre en la montaña opuesto pinoAl enemigo Noto
Piadoso miembro roto
—Breve tabla— delfín no fue pequeño
Al inconsiderado peregrino
Que a una Libia de ondas su camino
Fió, y su vida a un leño.
Del Océano, pues, antes sorbido,
Y luego vomitado
No lejos de un escollo coronado
De secos juncos, de calientes plumas
—Alga todo y espumas—
Halló hospitalidad donde halló nido
De Júplter el ave.












