segunda-feira, junho 06, 2022

domingo, junho 05, 2022

terça-feira, maio 31, 2022

Libros do Mes

Forming the Early Chinese Court de Luke Habberstad [E]

Mathematics for Human Flourishing de Francis Su [E]

Mapas del metro y redes neuronales de Claudi Alsina

*The Philosophy of Set Theory de Mary Tiles [E]

*The Making of the Atomic Bomb de Richard Rhodes

*The poetry of the early Tang de Stephen Owen

*Elementos de Matemática Discreta de Emilio Bujalance et al.

terça-feira, maio 24, 2022

O segredo da felicidade

"The secret of life and happiness in two words: be interested"

Dennis Sullivan



sexta-feira, maio 20, 2022

Simone Weil - Axudando aos demais / Mediación

"O amor ao próximo en toda a súa plenitude consiste simplemente en ser capaz de dicirlle: 'Qué é o que estás a pasar?'. É un recoñecemento de que a persoa que sufre existe non tan só como unha unidade nunha colección, ou un especime pertencente a unha categoría social que nomeamos 'desafortunada', senón como unha persoa igual a nós, que un día foi marcado cun carimbo especial pola aflicción. É por isto que é suficiente, pero tamén indispensábel, saber contemplar a esta persoa dun certo xeito.

Este xeito é, en primeiro lugar, atento. A alma propia baleirase dos seus propios contidos coa fin de recibir dentro de sí ao ser ao que está a fitar, tal e como é, en toda a súa verdade. Só aqueles capaces de prestar atención poden facer isto.

Acontece así que, por paradoxal que pareza, unha prosa latina ou un problema de xeometría, anque se executen mal, poden ser de grande utilidade algún día sempre e cando lles adiquemos o tipo axeitado de esforzo. Se xurde a ocasión, poden un día facernos máis capaces de darlle a alguén nun estado de aflicción exactamente a axuda que necesita para salvarse, nese supremo intre da súa necesidade".


Simone Weil, "Reflections on the Right Use of School Studies with a View to the Love of God", contido no seu libro Waiting for God. Neste caso, cheguei indirectamente á cita a través dun libro de Francis Su: Mathematics for Human Flourishing.

sexta-feira, maio 13, 2022

O Vernero que foi - Marzo/Abril/Maio 11

Botando a ollada atrás, pouco que reseñar topo na escuma dos días dos comezos daquela primavera, agás quizaves a impresión de que os ciclos nos que estou iserto nas rutinas da primavera actual son máis ou menos os daquela, na primeira estación florida en que traballaba coma docente de EEOOII. Algo máis interesante foi a pequena visita a Madrid que debín facer aproveitando unha ponte como a deste ano entre fín de semana e Día das Letras Galegas, co gallo de asistir a unhas aulas da cerimonia xaponesa do té.

Na Vila e Corte, en efecto, está o único profesor da escola Urasenke que hai en España, Javier Soei Martínez Gil, e polo tanto, é o único sitio onde se pode un familiarizar con esta arte performativa xaponesa que estetiza de xeito requintado actos tan cotiáns coma os de xuntarse, comer e beber. Coma nunha peza de teatro semi-improvisado, o sadō (茶道) ten os seus actos e esceas, roles e posicións nun taboleiro de catro tatamis e medio mais, parcialmente, o xardín adxacente, xunto con guións máis amplo que mudan paseniñamente co paso das estacións, cos artefactos dispoñíbeis e cos convidados que veñen de visita. Aquí tedes, por exemplo, unha desas esceas: o anfitrión traendo os implementos. Parte disto (dobrar o pano, limpar a culler de madeira) é o que practiquei neses días.

Alén da distancia, outro obstáculo que me dificulta acudir a máis aulas é o problema do xeito formal de sentarse: o seiza require botar longo tempo coas pernas dobradas e sentado sobre os muslos e os xoenllos, o que acaba provocando dor e perda de sensibilidade aos que non están acostumados; a maiores, no meu caso teño uns xoenllos moi sensíbeis: unha vez mesmo sufrín un esvaemento logo de botar uns dez minutos cos xeonllos apoiados nun chan de madeira.

Por eses meses andaba tamén atarefado 'on the side' coa tradución ao galego do TAZ de Hakim Bey que me solicitara Roberto Abuín e a editorial Axouxere, e que estaba a realizar a dúas mans co entrañábel Pablo Varela Pet. Un texto curioso e algo psicodélico, mais que recomendo encarecidamente pola súa exploración de 'espacios outros' de liberdade, fuxidíos pero indestructíbeis na súa pervivencia e migración. Saiu publicada en xuño e presentámola nun acto moi entretido na Gentalla do Pichel.




quarta-feira, maio 11, 2022

terça-feira, maio 10, 2022

sexta-feira, abril 29, 2022

Libros do Mes

Abel de José María Almira e José Ángel Cid Araújo

Humble Pi de Matt Parker

*The poetry of the early Tang de Stephen Owen

*Forming the Early Chinese Court de Luke Habberstad [E]

*The Making of the Atomic Bomb de Richard Rhodes

*Elementos de Matemática Discreta de Emilio Bujalance et al.

terça-feira, abril 12, 2022

sexta-feira, abril 01, 2022

quinta-feira, março 31, 2022

Libros do Mes

The Silk Road: A New History de Valerie Hansen [E]

Imitations of the Self: Jiang Yan and Chinese Poetics de Nicholas M. Williams

Baixo as alas de abril de Xoaquín Fernández Leiceaga

An Introduction to the Foundations & Fundamental Concepts of Mathematics de Eves e Newsom [P]

The Lotus Sutra de Burton Watson (tr.) [E]

Sui-Tang Changan: a Study in the Urban History of Late Medieval China de Victor Xiong [E] [R]

*The poetry of the early Tang de Stephen Owen

*Abel de José María Almira e José Ángel Cid Araújo

quarta-feira, março 23, 2022

Climbing a mountain

Entre os libros da biblioteca municipal de Outes hai unha presada en inglés que foron donados anos atrás, imaxino que por unha familia de británicos que asentaran na nosa terra, e dos que eu son o case único lector. A súa temática é bastante variada (historia de España e de Gran Bretaña, das exploracións oceánicas, textos literarios clásicos, algo de filosofía...), anque un certo predominio de volumes sobre barcos e episodios navais e algunhas cousas de ciencia fan pensar que o seu anterior dono seguramente cursou estudos técnicos, cicaves de enxeñería naval.

Un exemplar co que levaba pelexando longo tempo sen éxito é An Introduction to the Foundations and Fundamental Concepts of Mathematics, de Eves e Newson.


Fitando a folla de empréstitos na contracapa, constato que é un libro que saquei nas seguintes datas: 26-9-00, 17-2-01, 28-10-17 e 31-8-21. Como tal, é un testemuño mudo da miña curiosidade polas matemáticas que tanto debeu sorprender aos que me coñecen e que se manifestou de xeito máis público no último lustro. Xa no ano 2000, cando aínda estaba rematando os estudos de Historia, tentara sen éxito construír unha cimentación na disciplina que topaba coma obstáculos insalvábeis a miña escasa disciplina, as dificultades do autodidactismo, a miña temperá despedida da ciencia (antes do cálculo de 3º  de BUP e COU) e a escaseza de materiais amigábeis e non demasiado abstractos.

Onte conseguín rematar (e entender!) todo o volume, agás un par de apéndices enrevesados, e a satisfacción é a do acadamento do cumio nunha non pequena escalada; haberá montes moito máis altos aos que agatuñar, pero os pequenos éxitos no camiño teñen que ser celebrados como se merecen, e éste fica selado e carimbado en verbas dixitais semipermanentes, aere perennius, para lembrar nos días que están por vir.

sexta-feira, março 11, 2022

quarta-feira, março 02, 2022

segunda-feira, fevereiro 28, 2022

Libros do Mes

Rituals of Recruitment in Tang China de Oliver Moore [E]

300 Tang Poems de Geoffrey Waters et al. (tr.)

Daily Life in Traditional China: The Tang Dynasty de Charles Benn [E] [R]

*The Silk Road: A New History de Valerie Hansen [E]

*Imitations of the Self: Jiang Yan and Chinese Poetics de Nicholas M. Williams

segunda-feira, fevereiro 21, 2022

terça-feira, fevereiro 15, 2022

唐詩三百首

Ou transliterado á escrita occidental, "Tang shi sanbai shou", é unha famosa antoloxía de arredor de trescentos poemas da dinastía Tang arrexuntada arredor de 1763 por Sun Zhu, da dinastía Qing. Dende o comezo tivo un espírito didáctico, e mediante ela, os mozos chineses introducíanse (onte e hoxe) na súa tradición poética clásica.

Ao longo dos últimos dous anos estiven a ler cada unha das entradas e a facer un vídeo con lectura e comentario na miña canle de youtube. Agora que cheguei ao derradeiro, déixovos aquí a ligazón á lista de reproducción por se fose do voso interese, anque xa vos advirto que está todo en inglés.

sábado, fevereiro 12, 2022

O Vernero que Foi - Xaneiro/Febreiro '11

Hai periodos da vida inzados de actividade ou lecturas de relevancia; porén, os dous primeiros meses do 2011 pasaron polo meu ser sen deixar moito humus nutricio entre as miñas lembranzas, e unha rápida ollada a correos electrónicos daquela tampouco ilumina demasiado as tebras. Vexo que escribía moi poucas entradas na bitácora naqueles días, seguramente por mor do traballo (xaneiro e febreiro son meses atarefados nas EOIs, cando se ultiman, realizan e corrixen as probas de progreso). Tamén vexo no libro de area dixital que o Colectivo Sacou debeu celebrar a súa propia e peculiar Lupercalia cunha visita ao noso estimado amigo, oráculo e mestre máxico Roberto Abuín: quizaves unha visita rianxeira da que gardo algunhas fotos, ou outra na que fomos brevemente infame turba de nocturnas aves a carón dunha lareira, ou quizaves foi aquela outra cando a editorial Axouxere creou a súa residencia de escritores e os sacousos ficáramos a cear. Algún día eivos falar tamén doutra noite na salvaxe compaña de Roberto e Manuel López nun pazo falando (entre outras cousas) de amores, filosofía, México, o tarot, fume e as Meditacións de Marco Aurelio, pero tornando ao rego deste encontro do mes de febreiro, penso que tirei del un certo compromiso pola miña parte para facer unha tradución do TAZ de Hakim Bey que sairía publicada, penso, ese mesmo ano na colección co nome da miña musa favorita: Clío.

O verquido ao galego desa obriña, malia o seu pequeno tamaño, resultou unha coreografía a dúas mans, coa inestimábel cooperación de Pablo Varela, my favorite pet (e esta entrada xa vai collendo o aire oteriano do Libro dos Amigos). Ámbolos dous nomes aparecen, tímidos e algo fachendosos, na primeira das páxinas:

















E anque o mantedor non teña nada de anarquista, místico ou sodomita, haivos cousas moi interesantes á marxe destas no libellus de Hakim Bey, e que fan que vos recomende a súa lectura (e non sexades malpensados, que non cobro dereitos de autor): sinaladamente, a idea da construción nómada de espazos alternativos e de resistencia que pola súa propia natureza -mariposa en cenizas desatada- só poden durar coma pequenos fogos fatuos, correndo daquí para alá, prendendo a lumes bravos e iluminando brevemente os currunchos menos sospeitados. Nese senso é unha utopía pesimista de torres evanescentes, anque por iso mesmo, en última instancia, irreprimíbel e indestructíbel, como a humana natureza.

quarta-feira, fevereiro 02, 2022