segunda-feira, fevereiro 26, 2007

Jeroen van Aken

é máis coñecido como Hieronymus Bosch, 'O Bosco'. A maiores, é o meu pintor favorito dende a primeira vez que ollei un cadro seu ('O Carro de Heno', unha das ilustracións da 'Crónica da Humanidade' que me agasallaron con seis anos, e que daquela servíame máis que nada de estímulo visual e mitolóxico). É o seu, como ben sabedes, un mundo fantástico de intensas cores, froitas estrañas, corpos nús e fantásticas criaturas entretecidas nun curioso tapiz de símbolos, saturados do denso perfume dos Bestiarios.
Anque tódalas súas pezas son extraordinarias ('As Tentacións de San Antón', 'Os Sete Pecados Capitais', o 'Xuízo Final'...) a estrela é, sen lugar a dúbidas, o tríptico do 'Xardín das Delicias', no que percorremos a Creación do Mundo, do Home, a Aparición do Pecado e a Condeación. O panel esquerdo reflexa o Edén, co Home e os animais vivindo sen interacción. Curiosamente, a Morte xa está presente (un gato leva un rato consigo, e un león anda a roer nun antílope. No panel central, dos 'praceres sexuais', homes e animais coexisten e mesturan. No panel dereito, 'Inferno Musical', os animais torturan aos homes, pechando o bucle que vai dende simples criaturas a superiores antropomorfos.

Outro admirador das fantasmagorías bosquianas foi o católico rei Felipe (en cambio, non lle encheu o ollo outro artista que tamén está moi alto na miña estimazón: Δομήνικος Θεοτοκόπουλος, 'O Greco'). A iso lle debemos o feito de que contemos na Península con varias pezas del. Entre elas, o mencionado 'Xardín das Delicias', unha mole de tres metros de alto e moitos máis de ancho e que comparte sala no Prado co meu segundo pintor favorito, Pieter Brueghel o Vello (neste caso, a coincidencia é con Castelao, que o imitou nun cadro seu e escribiu prolixamente sobre as súas pezas no seu 'Diario'). Mais ao 'Triunfo da Morte' adicarémoslle outra xornada...
Un dos problemas do enorme tamaño do 'Xardín' é a dificultade para aprezar os detalles. O tríptico está que reventa de imaxes surrealistas e suxerentes, cada unha pintada ata os mínimos rasgos con esa precisión coa que os artistas flamencos do Renacemento buscaban atrapar a realidade (os italianos, pola contra, escolleron o camiño da Perspectiva, co engadido Venecián da Cor). Por iso, os libros de arte tampouco lle poden facer xustiza, máis que nalgúns fragmentos que aínda así fican moi lonxe do orixinal.
Non deixarei, polo tanto, de animarvos a que pasedes polo Prado en persoa, adicándolle o tempo que precisedes ao seu disfrute (no meu caso, unha hora non foi dabondo, e xa me tarda voltar). E como propina, alén das ligazóns de alta resolución, tedes este anaco de Inferno.

sexta-feira, fevereiro 23, 2007

O Amor - Jüri Talvet

é mandamento, así pensaba
Kierkegaard. Mellor será
-penso eu- amar, sen facer
caso dese mandamento.
Recoñecéndose
a alma coa alma,
respostando
o sangue ó sangue,
sen saber, en pleno
voo -cara arriba
ou cara abaixo-,
cal será
o lugar de destino.

domingo, fevereiro 18, 2007

As Víctimas do Franquismo en Muros e Outes

Eis un anaco do tríptico que, co gallo do Ano da Memoria, sacou a nosa asociación Cívico-Cultural Terra de Outes e que se repartirá na estrea dunha placa-homenaxe a Maximino Martínez.

PASEADOS NO 36
21 de Agosto Luis Barrena, deputado en Cortes de Izquierda Republicana. Asasinado no Freixo.
22 de Agosto Pedro Pregue, veciño de Torea. Tiroteado en S. Xusto (Lousame).
1 de Setembro José Álvarez, (D. Álvaro) mestre de Louro. Abatido no camiño de Taxes (Muros).
Data indeterminada Xesús "O Grecho" e "Cantoño", de Muros

FUSILADOS DURANTE A GUERRA
En Luarca (Asturias) Maximino Martínez, de Ceilán, sindicalista, fuxido no bou Sta. Rosa e capturado trala caída da fronte.
En Boisaca (Santiago) Cipriano del Río, sindicalista veciño de Tarás.
El lugar indeterminado Libertad Alonso, mestra de Esteiro (Muros).

PRISIÓN
Avelino Freire, sindicalista de Ceilán, tamén fuxido nos bous que partiron de Muros e capturado trala caída de Asturias.
Xosé Veloso, de Esteiro, alcalde en funcións de Muros, condeado a pena de morte (conmutada por cadea perpétua) pola incautación dos bous nos que lograron fuxir os dirixentes republicanos.
Pedro García, sindicalista de Muros, condeado a pena de morte, logo conmutada por prisión.
Xosé Tubío, mestre de Esteiro, fuxido o 25 de Xullo e capturado trala guerra.
Isidro Caramés, de Muros, condeado a reclusión perpétua por "auxilio á rebelión".
Manuel Lago, garda municipal de Muros, cadea perpétua por igual motivo.
Peregrino Lestón, de Muros, condeado a igual pena no mesmo proceso.
Eduardo Romaní, de Esteiro, exiliado trala guerra en Francia, foi capturado polos nazis e pereceu no campo de exterminio de Mauthausen.

EXILIO
Na Arxentina Manuel Ramos de Ribademar (Outes), fuxido nos bous que saíron de Muros cara a Bilbao.
En Francia Lino Tieles, de Muros, que conseguiu fuxir da cadea na que estaba recluído pola axuda á incautación dos dous bous.
En Uruguai Manuel Tubío, alcalde de Muros, tamén fuxido nos bous Sta. Rosa e Sta. Eulalia.
En Francia Xoán Malvárez Baamonde, sindicalista de Muros, posto a salvo na odisea daqueles bous.
Tamén en Francia Xoán Malvárez Pérez, de Muros, acompañante do anterior na súa fuxida.

sexta-feira, fevereiro 16, 2007

L' inutile beauté

As mulleres de singular beleza están condeadas á infelicidade. Incluso aquelas ás que as circumstancias benefician, as favorecidas por nascencia, riqueza ou talento parecen perseguidas ou posuídas por un impulso de destrucción delas mesmas e de tódalas relacións humanas nas que entran. Un oráculo sitúaas perante unha alternativa de fatalidades. Ou ben empregan a beleza para conseguí-lo éxito, e entón pagan coa infelicidade esa condición, porque, ao non poderen amar, envelenan o amor cara elas e fican coas mans baleiras; ou ben o privilexio da beleza dalles ánimo e a seguridade para asumi-lo intercambio, toman en serio a felicidade que se prometen e non escatiman nada de sí mesmas, confirmadas pola inclinación que todos senten cara elas, no senso de que o seu valor non deben somentes amosalo. Na súa xuventude poden escoller. Pero iso fainas volúbeis; nada é definitivo, todo pode en calquer momento substituírse por outra cousa. Moi cedo, e sen consideralo moito, casan e sométense así a condicións pedestres, despóxanse en certo senso do privilexio das posibilidades infinitas, redúcense a seres humanos. Pero ao mesmo tempo aférranse ao soño infantil do poder sen límites que a súa vida parecía prometerlles, e non deixa de desprezar -anque non á maneira burguesa- o que mañán puidera ser mellor. Tal é o seu tipo de carácter destructivo. Precisamente o feito de que unha vez foran hors de concours sitúaas nun segundo plano da competencia, á que agora se entregan maníacamente. Aínda lles fica o xesto da irresistíbel cando os motivos xa esvaeceron; o encanto afúndese cando, no canto de representar unha esperanza, aséntase no doméstico. Pero a víctima é agora a resistíbel: fica sometida á orde sobor do que antes tan só esvaraba. A súa xenerosidade sofre o seu castigo. Tanto a perdida como a obsesionada son mártires da felicidade. A beleza integrada converteuse co tempo en elemento calculábel da existenza, en mero sucedáneo da vida inexistente sen que rebase mínimanente esa nulidade. Rachou, para sí mesma e para os demais, a súa promesa de felicidade. Pero a que aínda manten rodéase dunha aura de desventura, e é ela mesma capturada pola desventura. Aquí o mundo ilustrado absorbeu por completo ao mito. Só a envexa dos deuses sobreviviu.

sábado, fevereiro 10, 2007

As partículas elementais

Non, amigos. Non pretendo hoxe facer unha reseña ou comentario da célebre novela de Houllebecq (nese caso aproveitaríavos mellor o artigo que Ur Apalategui escribiu sobre a variada producción do autor francés e que expuxo no congreso de Kiel). Malia ser FraVernero un home de letras, non pode negar certa fascinación diletante pola Ciencia Pura, e notoriamente, pola Física e as Matemáticas, que algún día agarda poder entender a nivel de leigo.
A este respeito, lembro unha asignatura que a USC creou o ano que naceron as asignaturas 'específicas' de Libre Configuración, e que tiven a sorte de facer; chamábase 'Historias do Universo para non expertos' (en román paladino, Astrofísica for dummies). As aulas dábanse na facultade de Física, un dos últimos círculos do infernal Campus Sur (digamos Caína, cos aparatos medidores de refulxente cobre atrapados non no xeo do Cocito, senón nas vitrinas de cristal). Dous profesores (un deles o antigo rector Carlos Pajares) desnovelaban para nós as partículas elementais, os quarks, tixolos da materia de cromática unión e poéticos nomes; as danzas do espín (tamén poema de Outeiriño, por certo) e as galaxias sempre expandindo. Libro recomendado de lectura era a 'Historia Natural do Tempo' de Stephen Hawking, que conseguín barato en Follas Vellas, e fíxoseme tan ameno que o seguín algo despois con outro famoso bestseller científico como é 'Os primeiros tres minutos do Universo', de Stephen Weinberg.
Hai unha beleza natural nas fórmulas da matemática e na xeometría das teorías físicas que escapa os burdos intentos (poesía-matemática?) de tender a ponte co mundo das letras e das artes. Só dúas mostras que lembre lle fan algo de xustiza aos dous mundos (e probábelmente máis ao estético), coma son o poema 'π' de Wisława Szymborska ou algunha desas láminas de vidro (nitróxeno ou helio líquido?) nas que o CERN, o superlaboratorio sito en Suiza, consegue grabar o choque e as traxectorias das partículas que fan chocar e estoupar a tremendas velocidades.
E para o voso disfrute (e o meu), velaí unha mostra:


sábado, janeiro 27, 2007

Shoah

"Nach Auschwitz noch ein Gedicht zu schreiben ist barbarisch" é unha das citas máis famosas de Theodor W. Adorno. En román paladino: "escribir poesía despois de Auschwitz é unha mostra de barbarie". E nembargantes, o mesmo sabio se desdicía pouco tempo despois: "O eterno sufrimento ten tanto dereito de expresión coma o que teñen os torturados para berrar... e quizaves foi errado dicir que non se podía facer poesía despois de Auschwitz".
Unha boa mostra (anque sexa tópico e reduccionista) é a vida e obra de Paul Celan, seguramente un dos mellores poetas que nos deixou o século pasado. Alén dos seus dos coñecidos poemas Todesfuge e Engführung, que poderedes topar con facilidade na rede se non os tedes en libro, tamén deixou dito o seguinte:

"Só unha cousa permanece ao alcance, cercana e segura no medio de tódalas perdas: a linguaxe. Sí, a linguaxe. Malia todo, permaneceu segura contra o perigo de perda. Mais agora tiña que pasar pola súa propia carencia de respostas, a través dun silencio terrorífico, a través das mil escuridades do discurso asasino. Atravesouno. Non me dou palabras para o que estaba a acontecer, pero atravesouno. Atravesouno e puido rexurdir, 'enriquecido' por todo isto"

Eis unha pequena chama e acordanza na noite do Día Internacional de Lembranza do Holocausto. Tanto máis necesario hoxe cando a xusta carraxe contra o abuso aos palestinos e o emprego xustificatorio da Shoah como carta branca por parte do estado de Israel se equilibra co inaceptábel rexurdimento dos 'revisionistas' e as negacións da Traxedia.

sábado, janeiro 20, 2007

segunda-feira, janeiro 15, 2007

Espazos

Nunha das interminables conversacións que teño cun dos meus amigos poetas, éste veume a facer unha especie de autopoética na que me expresaba a importancia que tiñan os espazos nos seus versos. Un espazos que son testemuña pasiva e memoria oculta dos sucesos que tiveron lugar a carón deles, sucesos que a súa poesía pretende ás veces evocar.
Tamén tiña unha proxecto ('Aldeia-Almofada') de fotos e poemas que non chegou a realizar, pero tempo ao tempo... .
Un espazo de Compostela bastante anodino máis cheo de significados para mín é un portal que hai indo por Galeras, algo antes de chegar ao Hospital Vello. Nun venres de Inverno e Chuvia acubilleime nel mentres arrastraba a maleta cara a Facultade e, despois, Estación de Autobuses. Por esas datas, estaba totalmente enganchado a un pequeno libriño do historiador alemán Joachim Fest sobre os derradeiros días de Hitler (un historiador moi ameno de ler, anque me resultara particularme ingrato ideolóxicamente; era dos que estaban con Ernst Nolte e contra Habermas e Wehler na famosa Historikerstreit, a disputa continuada nos xornais entre historiadores alemáns sobre o tratamento do Holocausto e as relacións entre a Alemaña Nazi e a Rusia Soviética). Pouco despois saía nos cines unha película baseada no libro: Der Untergang, de Oliver Hirschbiegel (máis coñecido nestes lares pola teleserie 'Rex, un policía diferente')
Baixo o portal, coa chuvia constante de cortina de fondo, continuei ávidamente coa lectura, tan divertida e inevitábel que parecía unha febre que me amarrase ao seu duro banco. Diante dos meus ollos desnovelábanse as últimas batallas do Terceiro Reich nas colinas enlamadas de Seelow, e o espectáculo -entre o cabaret e a ópera paródica de patacón- da atmósfera de irrealidade do Führerbunker e da cidade asediada. Imaxes que despois me servirían para un texto...
E o espazo lémbrase, e lémbrame. Os dous nos lemos mutuamente cando pasamos o un diante do outro, cadaquén carregado de significacións para o outro...

sexta-feira, janeiro 05, 2007

Twelfth Night

En efecto, hoxe é a 'Noite de Epifanía, ou o que gustedes', unha das mellores comedias de William Shakespeare e o último día das festividades tradicionais do Nadal na Inglaterra Isabelina. Doce días que facían as veces do noso carnaval -abondosa comida e copas cheas, roles sociais postos patas para arriba, e o goberno do 'Señor da Desorde', contra o que tanto berraban os teólogos, católicos e protestantes.
A obriña de Shakespeare (como tantas de época) foi no seu día parte das celebracións (concretamente, na noite de epifanía de 1612 ten lugar a súa primeira posta en escea, no Middle Temple Hall de Londres).
Nada mellor para festexá-lo aniversario e o remate das vacacións que o visionado da adaptación cinematográfica de Trevor Nunn. E quizaves, tamén (xa que a película non a podo compartir convosco) unha imaxe e unhas liñas. A imaxe é a de Laurence Olivier facendo o papel de Malvolio na montaxe da Royal Shakespeare Company de 1955:

"My masters, are you mad? Or what are you? Have you no wit, manners, nor honesty, but to gabble like tinkers at this time of night? Do you make an alehouse of my lady's house, that ye squeak out your coziers' catches without any mitigation or remorse of voice? Is there no respect of place, persons, nor time in you?"
II.iii.83-89

(Meus señores, sodes uns tolos? Ou qué sodes? Non tedes acaso sentido, modais ou honestidade máis que para apostar coma compoñedores a estas horas da noite? Facedes unha taberna da casa da miña señora, berrando as vosas cancións de borrachos sen remorso ou mitigación da voz? Non tedes respecto ningún por sitio, persoas ou hora?)

E non deixaremos de facernos eco da resposta de Sir Toby, que igual vale para tódolos esmorgantes de tódalas épocas e lugares fronte aos aburridos puritanos:

"Dost thou think because thou art virtuous there shall be no more cakes and ale?"

(Ou pensas que porque es virtuoso non debería haber festa para ninguén?)

Só unha última recomendación: non deixedes de escoitar, se cae nas vosas mans, un Cd de cancións isabelinas do que xa teño falado nesta bitácora. Unha das máis bonitas é 'Oh mistress mine', que pertence a esta peziña de teatro.

quarta-feira, janeiro 03, 2007

Campo Vermello das Lascas de Sílex

Eis o poético e estrafalario nome co que -etimoloxía ao xeito de San Isidoro- traducía para mín a rúa en que nos hospedamos durante o noso periplo xermánico: Flintkampsredder, 11. Un sinxelo exercicio de mnemotecnia aderezado cunha lectura á inglesa das palabras alemás, e pensando nos nosos sufridos diálogos cos taxistas na pescuda da residencia perdida.
Os profesores paraban máis abaixo, no centro-cidade, a carón da Igrexa tardogótica de San Nicolás e do Alter Markt, unha das varias praziñas nas que agromaran os tenderetes para a feira de Nadal.




A foto pode dar unha impresión enganosa, anque só sexa porque estivemos nela en pleno inverno e sen bandeira ondeando a un vento cortante coma pedernal. Dende a xanela do meu dormitorio podía contemplar polas noites unha paisaxe digna de Caspar Friedrich, coas árbores desfolladas axitando as pólas baixo un romántico ceo, mil tonalidades de grís e reflexos nouturnos das tremelocentes luces de Nadal.
E malia o seu carácter industrial e aséptico, a rápida sensación de fogar. Das Heim. Seguramente axudaban a calefacción alta, o ter unha galega no cuarto do lado e os chocolatiños de xenxibre e mandarina enriba do escritorio. Despois, outro galego entrando pola porta aberta e dando comezo a unha amena conversa; logo as estonias, falándonos en inglés e buscando onde apousentá-la cabeza.
Enriba do escritorio, unha presada de papeis: guías de buses, mapas parciais da cidade, publicidade da Universidade Christian-Albrechts... Todos materiais que me puxen a estudiar con fervor nun intento parcialmente exitoso por absorver a xeografía descoñecida, e mapear as rutas cara o dispersísimo campus que teríamos que percorrer os días seguintes.
A nosa residencia é un dos espazos que lembro con nostalxia de Kiel, e que me permito antropomorfizar coma unha sorrinte rapaza alemana coa toda a luz do Báltico atrapada nos ollos, montando nunha bicicleta cara estas liñas, os meus pensamentos e, quizaves, algún texto do futuro.
Os espazos nunca vistos (como a Max-Reichpietsch-Platz, adicada ao mariñeiro socialista executado por axitación en 1917. Ou a estraña habitación de cristal e luces vermellas onde -segundo me xurou un amigo estonio- podía verse o espectro de Marx pola noite, ou talvez un retrato) fican para unha próxima, improbábel, visita, ou para o reino da imaxinación. Despois de todo, menos nesta última, somos seres limitados.
Feliz Aninovo a todos!!

domingo, dezembro 31, 2006

Línguas Minorizadas de Europa - Baixoalemán

Unha das escasas sorpresas desagradábeis que me deparou a miña recente estadía en Alemaña foi a de comprobar a escasa (case nula) sensibilidade que a Europa comunitaria ten cara as línguas minorizadas, e máis sinaladamente, cara as súas propias falas territoriais. No caso do norde de Alemaña falamos do Baixoalemán (Plattdeutsch). Os presuntos nativos amosaban unha certa indiferencia no caso do coñecemento, e os alemáns chegados doutras partes, unha case total falla de interese.

Fai uns anos saía en Galiza un libriño moi interesante de Xosé Henrique Costas: "Guía das línguas de Europa". O autor prometía unha segunda parte adicada á babel lingüística que é a Federación Rusa, mais aínda estamos agardando. Sobre o Baixoalemán dicía o seguinte:

O baixoalemán ou baixosaxón é unha variedade alemá falada por case 2.000.000 de persoas (65%) nas provincias holandesas de Groningen, Drenthe e Overijssel, en parte da de Gelderlande e nun concello de Frisia. Fálano tamén un alto número de habitantes da Baixa Saxonia e do Mecklemburgo alemáns, quizabes 3.000.000 máis.
En Alemaña recoñeceuse recentemente como língua rexional e empezouse a introducir o seu estudo optativo nas escolas da Baixa Saxonia, pero a nula conciencia dos seus falantes, crentes de que é unha variante rexional alemá, propicia que se perpetúe a diglosia complementaria entre a língua coloquial (baixosaxón) e a língua oficial (alemán), co conseguinte esmorecemento da língua "coloquial" entre as poboacións novas.
En Holanda o baixoalemán só ten algún recoñecemento teórico por parte dalgúns gobernos provinciais. A súa proximidade estructural e a súa doada intercompresión co holandés fai que o seu uso non presente problemas de uso oral na administración, na xustiza, no mundo escolar, etc, se ben os usos escritos e "oficiais" son escasos. No anaco de Frisia onde se fala a variedade baixosaxona denominada "stellingwerf" esta ensínase nas escolas.

segunda-feira, dezembro 25, 2006

Paul-Eerik Rummo - Ser unha paisaxe

Sí, xa sei que estou a abusar da vosa paciencia, meus benqueridos lectores, con este exceso de poesía. As miñas intencións eran boas, e despois da enchenta propia destas festas quería insertar unhas liñas lixeiras para facer a dixestión. Mais terán que agardar. Sigo cos poetas estonios, e o señor Rummo deixoume cautivado coa súa escolma. Só deixarei constancia dun poema que, incluso na traducción, me parece redondo. E dí así:

SER UNHA PAISAXE, SER UNHA PAISAXE MAXESTUOSA
nos cumios glaciarios coroados de abetos rebordantes de piñas;
unha paisaxe nívea, con veas como as pegadas do vento,
ser unha paisaxe, unha paisaxe fidalga cruzada
por un río que transporta un acio de nenos no seu xeo,
pivotando, circense,
pero tamén descende, verdoso, sobre os sedimentos,
como saias de auga, mantelos de auga;
ser unha paisaxe na que un vello muíño de lá
vira o eixe paseniño, dando tombos
silandeiro... mundo sen fín;
unha paisaxe na que os corvos famentos poden laiarse;
unha paisaxe de boca de lobo, unha paisaxe pre-solar,
unha paisaxe para rotar o eixe dos cabaliños,
para instalar un miradoiro, para instalar un arco de vidro,
ser unha paisaxe, ser unha paisaxe maxestuosa

pendurada na parede do museo local,
unha paisaxe relucente, encadrada nuns lindeiros esvaecidos;
moedas e ósos decolóranse nunha escuadra de vitrinas,
tediosos turistas están a bocexar;
ser sendo, sabendo que ningunha verba
se atopará para poñerte nome; sabendo
que non a poderán atopar endexamáis;
ser unha paisaxe, ceibar luz nívea;
ser unha paisaxe, ficar en paz despois dunha tormenta de neve
ata que alguén a quen non lle cabe
o corazón no peito cruza a sala ás alancadas
e espeta un coitelo no lenzo.

sexta-feira, dezembro 22, 2006

Hando Runnel - Ilus On Maa

Ando por estes días a ler unha antoloxía trilingüe de poesía estonia (galego-estonio-inglés) que baixo o título "Vello Ceo Nórdico" editaron fai uns anos Arturo Casas e Jüri Talvet. Eis unha fértil mostra de colaboración e achega entre dúas literaturas minoritarias con máis pontos en común dos que permite adiviñar a distancia xeográfica.
Aquí vos queda o segundo poema do ciclo "Unha terra fermosa", agardando que vos preste tanto como a mín.

ÉRGUETE E VAMOS,
xa cae a rosada, e o chan estase a humedecer,
érguete e vamos,
non podemos quedar máis;
quererás se cadra aínda abrazar o meu colo,
collerme os dedos, collerme do brazo,
pero as xoias que che desapareceron do colo,
un día inda me has pedir que chas volva;
levanta e vamos,
non podemos quedar máis,
a noite é curta - sexa tarde ou cedo,
non podemos dicir ren.

Fermosa, fermosa é a terra,
fermosa é a terra
que eu quero.

domingo, dezembro 17, 2006

O País do Chocolate

Ése é en efecto Alemaña, como a miña estadía e un capítulo dos Simpsons puideron demostrar. E non só chocolate: calquer tipo de larpeirada estaba dispoñíbel por estos días nas prazas de recendo medieval, tixolo vello, de Kiel. Curiosos tenderetiños de madeira vendían champiñóns salteados, pretzels con beicon e queixo, cámemberts rebozados, biscoitos navideños de Dresde, viño quente con especias de forte hálito shakespearián, corazóns de chocolate e galleta... Nada menos que o banquete de Lúculo ou as bodas de Camacho para un larpeiro coma mín...



Mais non pensedes que as causas da miña estadía eran gastronómicas. O profesor Abuín tivo a ben convidarnos a Noel Blanco e a mín mesmo a asistir, con algúns outros galegos, vascos, estonios e franceses a un seminario internacional sobre Literatura e Cidade. Organizaba o Profesor Javier Gómez-Montero, catedrático de Línguas Románicas na Universidade Christian-Albrechts de Kiel.
Foron dúas semanas intensas que produciron unha fecunda colleita de ponencias, discusións e contactos... O percorrido polos lugares (e non-lugares) da literatura podedes contemplalo sumariamente no programa de actos.
O anecdotario é amplo, polo que iremos aos poucos. Polo momento só cronicaremos un acto á marxe do programa: o recital-xusta poética que tivo lugar o penúltimo día na Literaturhaus da cidade. Recitaba Juri Talvet, e competían varios poetas alemáns co simpatiquísimo granadino Juan Andrés García Román (libro en Hiperión) e o noso Noel Blanco Mourelle. Nunca vira un recital tan ateigado de xente...
E aconteceu o que tiña que pasar. O noso poeta, laborioso encetador de mecánicas celestes, foi coroado de loureiros, cal novo Petrarca. O profesor Victor Ferretti facía de papa Piccolomini, e todos brindamos metafóricamente con champán (xa que a non metafórica botella que se lle agasallou ao gañador fica aínda sen abrir).
Por iso, e polas festas inminentes de Nadal, Fra Vernero alza de novo a copa. E añora as dúas semanas no país do Chocolate...

sexta-feira, dezembro 08, 2006

O ceo sobre Berlín

Pois sí, aprezados lectores. O voso FraVernero anda estes días (en realidade, xa leva case unha semana) por terras alemanas co gallo dun congreso sobre Literatura e Cidade. O noso centro neurálxico é Kiel, centro pesqueiro rente ao mar do Báltico (moi apropiado para Zacarías, que inscribe nas arquitecturas da cidade un imposíbel caderno de retorno ao país natal). Mais este fín de semana temos translado, e paseamos polas rúas de Berlín, 'Capital Irreal', que dicía Heiner Müller.
Unha curiosa carambola quixo que parásemos eiquí no mesmo hotel (un hostal para a xuventude no barrio vermello, a carón da Igrexa Derruída adicada a Guillerme I) e -case me atrevería a xuralo- na mesma habitación da última vez: o mesmo octógono de literas e vista ao cartel grande da rúa de enfronte... A historia, dicía Marx, repitése como traxedia e como comedia. Agardaremos un final feliz...
O tempo remata no computador do hotel... Unha manchea de crónicas prusianas agardo que enchan nuns días as páxinas desta bitácora.
Un saudo para todos, e un brinde co alcool quente con especias que tanto toman eiquí os alemáns.

quinta-feira, novembro 16, 2006

Premonición

Por estes días estou a ler a monumental 'La Revolución Rusa (1891-1924). La tragedia de un pueblo', do historiador de Cambridge Orlando Figes. Como podedes supoñer pola escolla de título (e máis aínda coñecendo o nome do traductor ao español...), a versión dos feitos é claramente negativa, sobordinándoos á teodicea da democracia liberal-burguesa tan grata para o autor. E nembargantes, é a obra dun profesional, e malia o sesgo ideolóxico, demostra ser de gran interese.
Lendo sobre os precursores xacobinos e populistas de Lenin, aparece no ano 1862 a seguinte proclama de Zaichnevsky. O seu caracter premonitorio apenas require comentario...

Cedo, moi cedo, chegará o día en que comezaremos a enarbolar o grande estandarte do futuro, a bandeira vermella, e co poderoso brado de "¡Viva a República Rusa social e democrática!" avanzaremos cara o Pazo de Inverno para exterminar a tódolos seus habitantes. Pode que sexa suficiente con matar únicamente á familia imperial, é dicir, arredor dunhas cen persoas; mais tamén pode suceder, e isto é o máis probábel, que tódolos partidarios do Imperio se arremuíñen coma un só home arredor do tsar, porque para eles será un asunto de vida ou morte. Se isto sucede, coa fé en nós mesmos e coa nosa forza, apoiados polo pobo e no glorioso futuro de Rusia (cuxo destino é ser o primeiro país que leve adiante o triunfo do socialismo), lanzaremos o berro de batalla: "Ás machadas" e mataremos aos partidarios do Imperio cunha misericordia non maior da que eles nos amosan agora. Matarémolos nas prazas, se os suxos porcos ousan aparecer por alí. Matarémolos nas súas casas, matarémolos nas estreitas rúas das cidades, matarémolos nas avenidas das capitais, matarémolos nas aldeas. Lembrade: calquera que non estexa connosco é o noso inimigo, e calquera método pode ser empregado para exterminar aos nosos inimigos.

terça-feira, outubro 17, 2006

Dúas versións

Isto, xunto a outras estupendas traduccións, podedes topar nun volume da Editorial Galaxia ao que lle desexamos unha feliz andaina: "Poesía Inglesa e Francesa", vertida ao galego por Plácido Castro, Lois Tobío e F.M. Delgado Gurriarán.
Na peculiar antoloxía de cada recopilador (presentaron un feixe de poemas traducidos a concurso, sendo todos publicados nun volume común en Bos Aires no ano 1949) tan só se dá unha coincidencia: o poema 'Pluie', de Paul Verlaine. Dúas versións ricas e difenciadas de Florencio e Lois Tobío que chamarán a atención tanto pola súa calidade como pola curiosidade das escollas da cada un, froito inevitábel desa alquimia estraña que é todo proceso de traducción.

CHOIVA
(versión de Gurriarán)

Il pleut doucement sur la ville
Arthur Rimbaud

Chora o meu corazón
E na vila a chover;
¿Que estraño esmorecer
Sente o meu corazón?

Nos tellados, a choiva,
Canta un canto teimoso
Pró corazón saudoso,
¡Doce canto o da choiva!

¿Por que te queixas, di,
Corazón magoado?
Se non es traizoado...
¿Por que te queixas?, di.

Mais non aturo a dor
Que me causa o ignorar,
Que sen querer nin odiar
Sinta tan forte dor.


CHORA O MEU CORAZÓN
(versión de Lois Tobío)

Il pleut doucement sur la ville.
Arthur Rimbaud

Chora o meu corazón
Como chove na vila.
¿Que é este vago langor
Que enche o meu corazón?

Doce rumor da chuvia
Por terra e nos tellados.
Pra un alma que se anguria,
¡Ouh, o rumor da chuvia!

O meu cor, sen razón,
Chora saudosamente.
¿Ninguén me traizoou?
Pró meu dó non hai razón.

Non hai máis fera pena
Que non saber por que
Sen amor nin xenreira
Sinto tan fonda pena.

quarta-feira, setembro 27, 2006

Interludio, Entr'acte, Verwandlungsmusik

Despois dunhas longas vacacións, e case dous meses de silencio, FraVernero volta aos teclados e promete reanudar o ciclo de emisións regulares.
Neste tempo de cortinas pechadas non tivéchedes máis que unha orquesta de silencios. Mais ben sei que non sodes dos públicos alborotadores, e John Cage xa reivindicou o baleiro co seu 4′33″.



Facendo tamén da necesidade virtude, lembro/homenaxeo co interludio unha estraña peliculiña de 1924 baseada nun libro de Francis Picabia. Este "Entr'acte" foi un curioso espectáculo dadaísta, con música de Satie e (des)dirixido por René Clair. Grazas ás novas tecnoloxías, xa podedes disfrutar en rede deste pequeno divertimento.
Disfrutada da peza. Se non vos chega con ela, xa irei meditando algunha penitencia coa que compensarvos polo tempo que vergoñosamente desperdiciei, como tódolos veráns, nos meus vicios segredos...
Noutra orde de cousas, quizaves vos interese saber que o (máis ou menos) finado Colectivo Sacou acaba de sacar unha nova bitácora á blogosfera na que Fravernero e outros membros irán tecendo textos, historias e anecdotario variado do que foron as nosas accións. Podedes topar un vínculo aquí mesmo, a carón dos outros blogs galegos que se publicitan en Trasalba.

quinta-feira, julho 20, 2006

Pericles, Príncipe de Tiro

Ben, sabíades que isto ía a pasar. A ese fanático bardólatra que é Fravernero, modelo do intelectual colonizado, espello de cosmopolitas sen raíces, xa lle tardaba meter unha entrada sobre o Cisne de Avon e as súas obras.
A crítica, baseándose no primeiro Folio das obras de Shakespeare, tende a dividir éstas en tres grupos: as Historias, as Traxedias e as Comedias. Outros prefiren separar da última sección o que chaman os 'Romances Cabaleirescos'. Os Romances serían obras tardías do autor (de 1607 en diante), cercanas aos romances medievais. As súas características máis suliñables: tramas enrevesadas con reencontros familiares e final feliz; elementos máxicos e fantásticos; frecuentes Deus ex machina na forma de deuses gregos; e a mestura de esceas 'pastorais' e de ''civilización".
O Pericles é unha desas obras, e probábelmente, unha das peores (xa comentarei noutra ocasión a miña filia coas obras malas de Shakespeare). A autoría é compartida con George Wilkins, coñecido proxeneta da época e resposábel das primeiras (e sosas) nove esceas do Pericles.
Só contamos cunha versión moi corrupta desta obra (non foi incluída no Folio), un texto pirata probábelmente reconstruído de memoria por algún asistente ao teatro (igual que a versión 'mala' de Hamlet de 1603). No seu día, foi un dos maiores éxitos do seu autor, con varias edicións contemporáneas e unha versión novelada, The Painful Adventures of Pericles que nunha nota proclama seguir a mesma estructura que a obra de teatro.
Malia os seus defectos e unha trama rocambolesca, a obra ten momentos de beleza desacougante. Dende as cabezas cortadas nas portas portas de Antioquía ao poeta medieval John Gower facendo de prologuista á estatua parlante ou o emotivo reencontro de Marina e Pericles na escea 21:

"I am great with woe, and shall deliver weeping.
My dearest wife was like this maid, and such
My daughter might have been. My queen´s square brows,
Her stature to an inch, as wand-like straight,
As silver-voiced, her eyes as jewel-like,
And cased as richly, in pace another Juno,
Who starves the ears she feeds and makes them hungry
The more she gives them speech. -Were do you live?"

Só queda recomendarvos, cando teñades tempo, tecer o fío solto das esceas do Pericles. Pois o mosaico incompleto e fragmentario ten unha estética que na actualidade estamos a reivindicar. E que o disfrutedes tanto coma min.

sábado, julho 15, 2006

Espectros

Un dos primeiros sitios que visito cando estou nunha capital estranxeira son os seus cemiterios. Nada de morboso ou de filias estrañas, non pensedes mal. O meu legado católico actívase no inconsciente e lévame polo camiño común do culto ás reliquias. Neste caso, a peregrinaxe soe incluír a grandes escritores, artistas, filósofos e algún dos escasos políticos que respeto.
Cando estiven en Berlín, a visita obrigada tería sido, quizaves, o Friedrichsfeld, que é onde repousan os meus admirados Karl Liebknecht e Rosa Luxemburg alén doutros revolucionarios asasinados. Pero non: na guía coa que contaba, o único de interese que aparecía era o Dorotheen, a carón da Oraniemburger Strasse. Neste caso, tocaban dous dramaturgos xeniais como son Bertold Brecht e Heiner Müller e dous filósofos (nada menos que Hegel e Fichte, ámbolos dous soterrados un a carón do outro).
Igual ca hoxe, era un calurosísimo día de verán; o sol batía como unha capa de chumbo, o que se xuntaba en conspiración coas bochas dos pés para ralentizar o meu percorrido. Na mesma rúa de Orianemburg parei un chisco para visitar a Gran Sinagoga da capital, unha curiosa mestura de influencias neo-bizantinas e mouriscas coroada cunha enorme cúpula dourada. Estrañoume a esaxerada presencia policial arredor e dentro dela.




O Dorotheen resultou ser un cemiterio exemplar, moi estético: tumbas neoclásicas e vexetación exhuberante, un bo lugar polo que pasear un pouco e darlle algo de respiro ao corpo lonxe do sol de xustiza berlinés. Algunhas das tumbas que buscaba atopeinas con facilidade: Brecht estaba a carón da entrada, e o dúo Hegel-Fichte un pouco máis adiante.
E foi a carón destes dous cando sucedeu: como aparecido da nada, un home de mediana idade estaba sentado nun banco de pedra, detrás miña, garabateando cousas nunha libreta. O alemán, moi amábel, dirixiume unha pregunta en inglés, e durantes uns minutos intercambiamos unha amena conversación sobre a cidade e os filósofos enterrados aí.
O caso era que a face do alemán timbrábame algún tipo de corda interior. Eses lentes, ese cabelo, ... tiña a impresión de telos visto nalgures. Lembrei unha revista teatral co texto de Hamletmachine, e para o meu desacougo, o meu conversador resultábame estremadamente parecido á foto que viña co texto.
Algún truco mental, pensei. Unha suxestión, froito do ambiente especial, da mala memoria e da activación deses neurotransmisores (como a acetilcolina) que se activan cando estamos soñando. Ou quizaves o interlocutor meu podía ser o fillo da personaxe da foto. Non me atrevín a preguntarllo, e ao máis que ousei foi a preguntarlle polo que o meu subconsciente me berraba que era a súa propia tumba:
"Do you know where Heiner Müller´s grave is, sir?"
O alemán sorriu enigmáticamente. Fixo un xesto vago indicando descoñecemento, ao tempo que me indicaba un lugar cara á esquerda onde, segundo el, estaban soterrados os persoeiros da extinta DDR.
Saín noutra dirección, e despois dun tempo de pescuda, atopei a tumba de Heiner Müller. No lugar erguíase unha columna de ferro oxidado con algúns pitillos na parte superior.
Pouco despois saía do cemiterio. Da zona onde estaba o alemán coa libreta flotaba unha pequena nube de fumo de cigarrillo. Pouco acostumado a este tipo de enfeitizamentos, preferín non mirar atrás e gardar como un tesouro o máis parecido a unha experiencia sobrenatural que un ateo confeso coma mín é capaz de recoñecer.
Agardo toparmo se algunha vez volto a Berlín. Desta volta xa teño máis cousas lidas del, polo que serei menos tímido nas preguntas. Terei que levarlle tamén algúns cigarrillos turcos, xa que sospeito que este morto os apreciará mellor que a sangue animal...
"A sheep to Tiresias only, black, and a bell sheep.
Dark blood flowed in the fosse,
Souls of Erebus, cadaverous dead, of brides (...)
I sat to keep off the impetuous impotent dead,
Till I should hear Tiresias
".