quarta-feira, setembro 26, 2007

Retorno

Vaia, isto sí que é un descanso. Téñovos de todo punto abandonados...

Quizaves sexa lóxico. Tedes que engadirlle á habitual preguiza do mantedor as satisfaccións domésticas e os xogos adictivos nos que, ludópata confeso, se mergulla cando ten a rede a man e grandes doses de tempo libre. Ata a lectura padece neses ataques...
De tódolos xeitos, imos ir reanudando a emisión. E para comezar, antes de dar paso a unha presada máis de crónicas livonias (xa o dícía o amigo maré aberta: 'se non viaxo, non teño cousas que contar') ou a algún fragmento das lecturas recentes, paso a unha louvanza dun pequeno, entretido libriño que caeu nas miñas mans e que, polo que me contan, tivo vida previa nesta Rede de Redes: 'O Home Inédito', de Carlos G. Meixide.

O resumo sería inapropiado, mais para os despistados, a lapela informa do seguinte: "Un galego da Coruña, resultón, deportivista e sentimental, dúas coreanas que falan portugués e un profesor universitario brasileiro no Nova York post 11-S protagonizan unha historia de amor, humor e sexo.

Alén diso, e a xeito de flash-back, un galego da Coruña con ínfulas literarias que se emperra en publicar os seus poemas en Positivas e en namorar dunha rapaza que bebe os ventos polo Anxo Quintela de finais dos 90".

O libro ten, en efecto, amor, humor e sexo a raudais. A única pega que lle poñería para coroalo como 'libro do verán' de divertidísimo consumo é que o humor e a parodia poden ser ás veces moi endogámicas, e alleas ao lector (o caso que me ven á mente é o evidente espello-deformante dun dos profesores de Xornalismo), mais non pasa demasiadas veces. E ao contrario, iniciado no esperpéntico mundo da edición e escrita nacional, outras resultan dobremente gaxas. Moito máis do que Yoli (cuxos últimos versos na Radio Galega pregoan a cantilena xudaica de manía persecutoria ('todos contra min!'), cando precisamente acada máximas cotas de canonización, publicación e seguidismo; basta mirar os xurados e gañadoras de tódolos certames literarios, grandes e pequenos, e inzados de pequenas Yolandiñas), é Anxo Quintela, o poeta sobrio, maduriño atraínte, o que suscitaba as iras e envexas (tamén Rivas) dos literatos cando as rapaciñas que cortexaban se voltaban mel e manteiga fundida pensando neles. Aliás, e alén da ficción narrativa, o romanticismo Quintelián resulta moi críbel para aqueles que o vimos namoradiño coma un adolescente agardando á moza no hall de Filoloxía... Só lle faltaba a Harley e a súa propia voz en off recitando versos de propia colleita pare encetá-lo cadro do asasino estrábico...

O dito: mirade o libro se queredes botar un serán agradábel. E xa me informaredes da bitácora deste home, que creo non ter visitado...

quarta-feira, agosto 15, 2007

London Bridge is falling down...

Prometía unha presada de verbas sobre a estadía londinense, e malia sentirme preguiceiro (despois de todo, estoume tomando unhas vacacións das miñas estresantes ídem), velaiquí tedes o máis suliñábel dese día longo entre aeroportos que foi para mín o sábado-domingo...

A primeira hora da mañá liscaba de Tartu. A caseira ergueuse, contra a miña vontade, tamén ás 5 da mañá para facerme un café co que espabilarme cidade abaixo cara a estación de buses e coa mochila a costas (demasiado pobre para pagar un taxi para media hora de camiñata, claro). Merco uns caramelos doces para ir zugando no camiño e na longa viaxe (catro horas e media) ata a capital veciña; consigo rematar o repaso do Paradise Lost. Cando o sono non me abafa, son quen de atacar pequenos parágrafos da noveliña 'Estado Fronteirizo', de Tõnu Õnnepalu, anque o cansazo pesa máis, e remato por limitarme a contemplar a paisaxe báltica que corre a velocidade moderada pola xanela.
Chegado a Londres, estoupa o desastre: as coroas que levo enriba dan tan só un total de 2 libras (máis outras 4 que tiña acumuladas case por casualidade). Tento sacar diñeiro coa tarxeta, e despois de peregrinar por varios caixeiros, vexo que non soltan prenda. Faltan 16 horas para o voo de regreso a Santiago, e empezo a supoñer que, en vez de co amigo que tiña na capital inglesa, as vou a ter que pasar no aeroporto de Stansted, lendo libros e manténdome medio esperto, para que non me rouben a camisa, a roupa interior e os volumes que merquei en Estonia. Non hai bancos para deitarse estilo homeless, pero as sillas prometen ser cómodas se a policía non me ven a botar, por sospeitoso terrorista ou mendigo. Por se acaso, gasto as últimas libras en chamar ao banco e descubro que pasei o tope mensual da tarxeta (tivera que sacar 500 euros en Estonia... Non era broma cando dicía aquilo de 'Estou arruinado!'...). Outra tanda de chamadas e o tempo xusto para facer as maniobras que me permiten dispoñer dalgo máis de liquidez e, polo tanto, da posibilidade de facer algo por Londres con David, un dos comparatas responsables da debacle oriental. Vou afiando os coitelos...
Seguen varias viaxes en autobús e en tren. Atopo a David máis delgado (despois confesaríame que fai unha vida realmente anacorética na Gran Cidade) e co inglés moi mellorado. Síntome raro falando e pensando en galego por primeira vez nun mes. Deixo a equipaxe no seu piso, nun Londres multicultural de arquitectura burguesa-victoriana, perruquerías afro-inglesas e taxis ilegais pakistanís. O discurso sobre os seus veciños faime ver ao amigo Souto como un posíbel votante do BNP de non ser porque o mesmo David é galego, e moito máis 'delincuente' do que os marxinados locais, opinión corroborada cando me explica as súas tácticas para non pagar nos cafés e museos e para pimplar libros das librerías. Os seus argumentos autoxustificatorios son cómicos, pero non me convencen demasiado ("Zapatero non me dá becas! Recortou os cartos! Tiven que vivir con un euro diario de presuposto!").
A vinganza é un prato que se come frío. Neste caso, quente. Moi quente. Tralo Tate Modern e un longo paseo pola City, persuado a David para que vaiamos comer un curry e logo a unha función shakesperiana no reconstruído Globe. O curry está boísimo, e arríncame bágoas non tanto pola nostalxia proustiana, senón polo picante e as especias. A factura é de carallo (20 libras por cabeza), o que se xunta aos 15 por barba do teatro. Souto fica abaneando, lamentando (e aínda agora, cando o topo polo messenger...) que con esas 35 libras comía kebabs tódolos días, e que agora ten que subsistir a base de aire e plátanos roubados...
A obra foi 'O Mercader de Venecia', unha peza complexa e controvertida da que prometo aburrirvos un día destes coas miñas reflexións sobre os seus problemas... O edificio era kitch, e prometía recreacións case de época para os turistas, que se viron satisfeitas a medias.
Xa só quedaba non durmir, pasear un pouco máis e facer o complexo encaixe de Camariñas do transporte nocturno: primeiro un bus, logo outro bus, logo baixar porque pasara a parada e tiña que coller o bus en destino oposto. Montar nun bus meirande cara o aeroporto e liscar definitivamente para Compostela e a Serra de Outes, a durmir e a comer churrasco...

domingo, agosto 12, 2007

Miña casiña, meu lar...

Xa estou de volta! Bendito teclado! Detrás fican unhas cantas horas de viaxe dun a outro estremo de Europa, e unha breve e refrescante ducha. Por diante está o churrasco, altas doses de cafeína e irme poñendo ao día do acontecido por eiquí e na blogosfera.

Se a cafeína fai milagres, contade con ter hoxe á tarde unha crónica da breve estadía de onte/hoxe á mañá en Londres.

quarta-feira, agosto 08, 2007

Periplo en Tallinn

A fín de semana, como vos anunciei, estiven pola capital do país. A miña primeira intención era a de subir á cidade o venres pola tarde, mais causas alleas a mín retivéronme en Tartu ata o día seguinte, pola mañá. Na viaxe de bus (dúas horas e media polas chairas estonias) seguín coa lectura de Milton e da paisaxe.
Despois de chamar a Ruth, quedamos ás doce e media na Praza da Liberdade, xusto ás aforas da Cidade Antiga. Dende o lugar podíanse aprezar algunhas das torres da muralla medieval (Tallinn conserva arredor de 40, moitas delas reutilizadas como mini-museos, alén de lenzos considerábeis da muralla). O paseo, tralo feliz reencontro dende o congreso de Kiel, levounos pola Cidade Vella (Vana Tallinn, que tamén é o nome dun licor para turistas doce e de alta graduación), coas súas torres e prazas, rúas encaracoladas e cobreguexantes e formas vagamente xermánicas na arquitectura. Moito turismo e lugares kitch. Refuxiámonos nunha pequena terreza e coa compaña dun par de cervexas frías, parolamos dos vellos e novos tempos. Daí saquei varias curiosidades:

1- Un profesor de instituto gaña eiquí máis cartos ca un universitario.
2- os Estonios independízanse con 18 anos. Trala Universidade, non soen retornar case nunca á casa.
3-Vendendo tickets de ferry fai uns anos, Ruth gañaba máis cartos que a súa nai, que é medico...
4- Non é estraño topar a xente que vive en pisos dunha habitación e forte recendo soviético (aquelas vivendas estandarizadas construídas na época de Khrushev...).

Despois a tarde foi seguir vendo máis igrexas, gremios e rúas. Escaleiras medievais e empinadas da Igrexa de San Olaf, no seu tempo a torre máis alta do Báltico, con vistas espectaculares ao chegar arriba. A colina onde se asenta o goberno e o parlamento de pazos neoclásicos e a catedral claramente rusa de Alexandr Nevsky, que fai tempo creou polémica ao encabezar a portada dunha gramática estonia en inglés (é que os anglosaxóns meten todo no mesmo saco, e moitos pensan que o estonio foi inventado despois de 1991, coa segunda independencia). O máis encantador curruncho da cidade vella agocha despois un café sobre adoquíns irregulares no que disfrutar un té verde e un anaquiño de tarta de froitos vermellos, mentres un trío musical de violín, cello e mini-piano ataca pezas clásicas que recrean unha atmósfera de cabaret ou comezo da Lista de Schindler. O Mantedor raña nas 11 picaduras de mosquito conseguidas o día anterior... Segue un local de jazz totalmente deserto (segundo Ruth, parece que este tipo de sitios non callou entre os nativos) e probar o beberaxe local. Viaxar en troll (así lle chaman a unha especie de tranvías sen cables por arriba) ata o piso que Ruth xenerosamente me emprestaba, cun sofá-cama na sala de estar/dormitorio. Antes de durmir falamos algo máis de literatura estonia e universal (sobretodo dos libros que tiña no piso, cun canon moi parecido ao meu), alén de baleirarmos a medias unha botella de viño sudafricano.

[por certo que a embaixada española é un edificio feísimo, xa que ao contrario que outros países, non quixeron gastar cartos en Estonia. E non a abriron ata que o país entrou na Unión Europea...]

O Domingo tocou visitar museos. Primeiro algunhas das torres e anacos da muralla. Logo, o claustro dos Dominicos, en ruinas, que é o edificio máis vello da cidade (século XIII). A monxa dounos un circuliño de metal que acuñamos logo artesanalmente e a golpe de martelo, creando ao tempo un bonito e permanente recordo da visita. Unhas cantas escaleiras empinadas e unha Danza da Morte particularmente fascinante, xa que a outra que compuxera o artista alemán ardeu en Lübeck no 1945 (xa vos falei desa visita, cos vidros restaurados recuperando en parte a imaxe da anterga Totentanz). Pasear por barrios de casas de madeira, case únicos en Europa, parques e castelos barrocos restaurados, vistos tan só por fora xa que as presas e a falta de tempo levan ao Museo local de Arte Conteporánea. Dúas exposicións captan a miña atención: unha dun artista estonio de entreguerras, moi surrealista e con aroma parisien, e outra cos cadros socialistas que tanto afagan o meu pervertido padal...

Xa ficaba tan só mercar un libro de poemas experimentais da contracultura antisoviética dos 60, visitar as portas da cidade e ver de lonxe o único edificio de arquitectura estalinista antes de emprender o retorno a Tartu, contente e totalmente arruinado polos altos prezos da cidade.


A frase de hoxe ven da lituana, que con timidos ollos de gacela me espeta: "I like you"...

quinta-feira, agosto 02, 2007

Minima

Pensaba inserir unha táboa coa rutina cotián do Mantedor por estos lares, mais síntome preguiceiro, e xa escoitáchedes queixas dabondas...
Onte leváronnos de visita ao Museo dos Xoguetes da vila. A casa mesma parecía de xoguete, e dentro topabas unha variedade envexábel, anque cun regusto soviético nos productos locais. O mellor foron as marionetas orientais, xa que -non sei se o sabedes- un dos soños frustrados de FraVernero (alén de manexarse ben en latín, a Revolución Socialista e ser amado) é o de aprender a manexar as pezas xavanesas no Teatro de Sombras, o Wayang Kulit, e montar con elas un pequeno teatro por terras galegas.
Hoxe estamos conspirando sobre se ir ou non mercar xelados na Kaubamaja, que ben a ser un centro comercial digno dalgunhas páxinas de Saramago... Aínda non fun ver a pelicula dos Simpsons. Unha das poucas cousas boas de estar eiquí é a posibilidade de vela en versión orixinal...
O venres, despois das aulas, lisco para Tallinn. Ruth agarda na parada de buses, e cun pouco de sorte, vai facerme de guía local, alén de proporcionarme aloxamento a un prezo que non podo rexeitar: nada de nada no seu piso. Non todo ían ser desastres, non? Do que vexa, xa vos contarei...
Polo momento, nada que engadir. Confío en visitar as celas da KGB con Jaak e en voltar a quedar unha tarde con Jüri. A segunda fornada non ten xente de moito interese. Hai un trío de escoceses, bulgaros, unha parella de Letonia bastante peculiar, unha inglesa linda que traballa para a European Comission e fala perfecto estonio (xa sei o anterior sona oximorónico, pero é verdade...), unha parella de franceses e outros a engadir. O verdadeiramente interesante é unha lituana ratuna e lista coma un allo que me resulta notoriamente atractiva. Neste caso, a vena narcisista triunfa sobor da superficial: o espello en que me vexo reflectido, ou no que creo verme reflectido, é pasto da fantasía...
Seguiremos outro día...

segunda-feira, julho 30, 2007

Pale Fire

Aquí seguimos, loitando arreo coa língua local. Algunhas das incomodidades reducíronse, e o inferno e as lapas enfriaron un chisco: pale fire. As bochas dos pés encolleron tras semana e media de tortura; a fín de semana foi periodo de relax: estiven o sábado en Pärnu, a capital do verán en Estonia, con Jüri facéndome de guía. O lugar é un pouco mestura de Bournemouth, Sanxenxo e Benidorm, cunha poboación maioritaria de fineses con cartos e coches caros. De interese foron a praia (unha praia das de verdade, longa e con area branca e fina...), a casa-museo de Lydia Koidula e o museu de Arte Conteporánea, do que me trouxen unha estampa de kitch socialista dos 70 que quizais colgue cando volte...
O tempo segue variando (chove e quenta o sol), mais a lavadora xa furrula, e pasei o mencer planchando a roupa íntima e tarareando, para o meu horror cando me decatei, a canción de Bisbal que a caseira escoitaba na radio. Ao momento cambiei o rexistro por The Clash, mais o son punkarra-socialista parecía fóra de lugar neste país anticomunista...

Despois, pola rúa tocou a Internacional e o Himno Soviético, con grave risco para a integridade física do Mantedor se os nativos o escoitan. Non me trabuquedes: un é plenamente solidario da independencia dos pequenos pobos, e sente escasas simpatías polo Socialismo Real e o chovinismo pan-ruso, mais a melodía é a melodia...

O domingo boteino en Tartu, lendo a Milton e tentando repasar algo o aprendido. Ou mais ben, desensinándome a desaprender. Quedei con Jaak para xantar e axudalo a mover os mobles no seu piso (un curruncho encantador e cheo de libros no que vive coa súa moza). Tamén para falar e para que me asinara o seu libro, escrito nesta xerga nortesca. O meeting-point foi o café bar Wilde, un dos poucos lugares que adoro desta cidade e que me relaxa un chisco da tensión permanente na que vivo, e que merece unha entrada per se...

Hoxe tocou comezar o curso intermedio. A americana e a sueca liscaron ao cine, polo que me tocou a mín apandar coa nova fornada; case todos homes, e falan estonio moito mellor ca mín, co que disfruto da novedosa sensación de ser o burricán da clase, algo que non creo que dea superado con maratonianas sesións de estudo hoxe pola tarde...

Dez días deberían pasar rapido. Desconto a fín de semana, na que se aínda me queda algún diñeiro, pasarei por Tallinn.

A frase do día é de Jaak: "Manuel, necesito que me axudes, tesme que facer un gran favor físico" (imaxinar ao Mantedor erguendo a cella dereita ata alturas insospeitadas...)

sexta-feira, julho 27, 2007

Historia Calamitatum

Hoxe chegamos ao punto medio no verán do meu descontento. O primeiro curso rematou, e a case totalidade da xente (quitando a sueca, a americana, a búlgara e eu mesmo) lisca para as súas casas. Tivemos unha empalagosa cerimonia co terríbel beberaxe local que se atreven a chamar "viño" (imaxinade un mal Porto mesturado con toneladas de zucre...). Tamén nos agasallaron cunhas medallas olímpicas de chocolate. Como ao mantedor se lle dá mal a hipocresía (non é un dos meus múltiples defectos), a súa pasou da forma circular á romboidal e dentada. Na cerimonia xa non estaban o polaco e o sueco (co cal sempre era posíbel botar unhas risas), polo que se me fixo especialmente interminábel... A despedida informal tivo lugar onte, cando boa parte dos membros máis novos fomos en autobús a unha lagoa nas aforas de Tartu. O tépedo clima e a máis tépeda auga (malia estarmos no estremo norde, moito máis quente que a galega...), coa paisaxe, relaxaron un tanto da tensión alienante e cara, misturado con soidade aguda, na que convertín as miñas vacacións. O polaco contaba chistes e cantaba cancións polacas, ucraínas e cosacas. O sueco facíame rir cos seus "Ay carramba" e "No me gusta!", xunto cos puteos habituais polo traballo que me dá o idioma. Anton (así se chama o sueco, se non volo dixen antes) ten viaxado por España, Sudáfrica, Australia e unha manchea de lugares máis. Demasiado guapo e simpático para ser médico... Xa que estamos nesas, a praia tamén contiña á sueca en bikini, a cal é unha visión incapaz de expresarse en palabras (rápido! Que alguén exorcize o espectro do landismo!). Despois da lagoa íamos ter unha sesión de despedida etílico-nocturna, á que por suposto só remataron por apuntarse os angry young men: eu, o polaco (Andrzej) e un checo apaixonado das línguas fino-ugrias. O vodka correu coma se fose auga (de lonxe, semellaba, xa que estes tolos eslavos gulapean o veleno "a palo seco", con grolos de auga ou comida graxenta entre copa e copa). O alcool, como de costume, aguza ata estremos insoportabeis a miña misantropía en xeral ja minu vihkamine tudruku* eriti. O derradeiro freo frente ao cinismo amarge acubilla nos alcooles de alta graduación, no Paradise Lost de Milton e na cantidade de horas que lle vou adicar hoxe á tarde e a maioría do fín de semana a aumentar o vocabulario e a aclarar as construccións. Unha nova fornada (anque menor, despois de ter probado o ano pasado a dose letal de Eesti keel...) vai unirse aos catro que quedamos, anque non creo que cheguemos aos dez ou doce. Un xa agarda o peor dos que están por vir... Prometera algunha cousa boa, anque sexan escasas (e o divertido sempre son as calamidades alleas, e non o happily ever after). O bo redúcese a unha noite con Jaak, un dos rapaces máis intelixentes, sabios e etílicos que coñezo) e a unha tarde-xantar con Jüri Talvet, ao que probábelmente volte a visitar mañá en Pärnu. A frase do día (malia estar xa un chisco resesa...) é cousa súa: "Por fín consiguió su ansiado coito". O contexto é o equivalente local e non-estalinista de "No ventre do Silencio", unha novela do escritor Jaan Kaplinski na que narra as súas apenas veladas experiencias universitarias con profesores, rapasitas e axentes da KGB... Por certo, que non todo o mundo é de estrema dereita, o que me tranquiliza un chisco, anque me resulte lóxico que despois da experiencia soviética, falar aquí de Comunismo e Socialismo rima con sintagmas do tipo "mal absoluto" e "Gran Satán". No medio da mutua embriaguez, Jaak recoñécese, coma min, un "marxista confuso". E Jüri estivo entre os asinantes en contra da retirada do Soldado de Bronce que provocou tanta polémica en Tallinn...
A facultade e a aula de informática están desertas, co que reflexan perfectamente o meu estado anímico. Déixovos xa cunha estampa da Ponte do Anxo, Inglisild, en Tartu, onde hai que formular un desexo ao cruzar (o nome orixinal facía referencia aos xardíns Ingleses no outeiro onde está a ponte, mais anxo e inglés tópanse perto na lingua estonia). A muller brasileira que facía o curso tamén nos dou unhas pulseiras "do bom senhor de Bahía" que hai que levar ata que caian, e que conceden desexos. O meu foi o mesmo nos dous casos, e malia o meu xeral escepticismo, os estadios depresivos fomentan a credulidade no sobrenatural e os seus remedios (marchando unha copia do Ciprianillo!).




*O Xenitivo plural debe ser inpensábelmente dificil de formular, e non apareceu no curso de iniciación, polo que isto ten que ir no singular... Eu penso que debe ser *tudrukusid, pero sabe Deus...

segunda-feira, julho 23, 2007

Cahier de doléances

Supoño que cando estás no extranxeiro, pasas por unha serie de etapas. A miña neste momento é a de "qué carallo fago eiquí, e quen me liou para que emprendera esta viaxe?".
Entre as distintas calamidades que choven sobre FraVernero exiliado, podemos mencionar as seguintes:

1) O idioma estonio é fermoso, exótico e incríbelmente dificil. A gramática, un pesadelo... Facía moito tempo que non me sentía tan parvo nunha aula. E teño que adicarlle innúmeras horas para a aprendizaxe dos conceptos máis elementais...

2) A ruina! O curso custa moito máis do que pensaba (defectos de ser de letras e mirar mal a letra pequena), polo que estou a gastar cartos considerables. Xa me saltei o presuposto básico en 500 euros, e agardo non seguir subindo... Este país será barato... para suecos e fineses, claro, non para galegos...

3) O alugueiro tampouco é ningunha ganga, e a partir do 26 terei que compartir a habitación (!!), sendo como son unha besta ferozmente territorial...

4)... e a lavadora segue sen furrular. Tiven que lavar a roupa polo clásico método manual...

5)... e a caseira quere cobrar 30 coroas por cada volta que se emprege a lavadora, cando funcione...

6) O polaco é pesadísimo... Con 25 anos, ten a idade mental de 15, de cada 5 palabras que pronuncia, tres son "Ph. D. Student". Alén (iso era de agardar) é un reaccionario. As escasas veces que non fala da tese en curso resérvaas para facer de bufón e eunuco das polacas, contando uns espantosos chistes homófobos dignos do mellor Arévalo... Mein Gott...

7) E as polacas rinlle os chistes...

8) E seguen sen facerme caso... Mellor non seguir falando das polacas... ilusad tüdrukud - silmad täis tuld...

9) o tempo... está anubado. Isto parece Septembro...

10) O acceso a internet é caro de carallo. Na facultade apenas podo navegar por espazo de media hora.

11) E sospeito que a Xunta atopará algün xeito de negarme a bolsa (que xa non me cubre todos os gastos). Se é o caso, abrirei unha colecta popular dende esta casa para mercar un fusil de asalto AK-47 co que protagonizar un novo Columbine en San Caetano (non, non mo agradezades...).

Podería engadir mais cousas, pero reduciría entradas futuras... Algo bo tamen houbo, mais como remata o tempo de conexión, agardade pola seguinte entrega...

quinta-feira, julho 19, 2007

Dende Tartu

Unhas cantas liñas antes de liscar para as clases de eesti keel...

Tartu é unha cidade pequena e boniteira. A praza maior está rodeada por unha arquitectura neoclásica de tons rosados, amarelos, azuis e brancos. Estragaa un chisco a ponte que se ergue sobre o Emajõgi, ao final da praza: antes da Segunda Guerra Mundial era un impoñente cabalo de pedra con peitorís; agora é unha cousa de cemento soviética, cun enorme arco que as bidueiras e a frondosa vexetación non son quen de agochar...

Polo demais, o sitio é pequeno, e só deixa por ver o edificio principal da Universidade (tamén neoclásico) e unha igrexa do gótico tixolar tan típico destes lares. Esta inclúe pezas de terracota. Digo que o sitio é pequeno, mais os meus pés non opinan o mesmo (é que estou a media hora do centro e da facultade...).

Desta volta, a rúa (Kaare, 4) non necesita de trucos de memoria. É breve, bisilábica e sen semellanzas coa nosa língua. A dona da casa cébame cuns almorzos descomunais, nos que caio, pensando (sempre equivocadamente) que han ser a miña única e principal comida...

As aulas son do máis cosmopolitas. Obedecendo a tódolos prexuizos etnico-culturais (sobretodo os do comparatismo) temos dúas polacas que son... em... como soen ser as polacas. Unha inglesa... inglesa, uns americanos... americanos (ben, eu enténdome...), algún alemán... Con quen maior trato teño é cun sueco (Anton) e cun estudante de historia polaco de nome impronunciábel e que se me pegou como unha lapa(o encanto seductor de FraVernero soe funcionar moi ben con esta clase de persoas, e menos coas polacas, que é onde deberia funcionar)...

Agardo a chegada de Jaak (o sapiente e borrachuzas amigo estonio) para mañá, co que agardo descubrir un algo da noite dorpatense...

P.S.: Odio os acentos!! Non sabedes o cansina que é a laboura de cortar-pegar...

sábado, julho 14, 2007

Dende Riga

Ben, estou canso como un burro, física e mentalmente, ou sexa que non agardades ningunha floritura...

Hoxe fan xa tres días que levo en Riga, a capital de Letonia, e pequena pausa turística denantes de que comece o curso de estonio que é a excusa que me trouxo eiquí. A viaxe en Ryanair foi, como de costume, un intercambio tedioso no mercado voador do gando. A breve pausa en Stansted aproveitada para facé-la compra ritual do libro de Pratchett e dunhas chocolatinas (non habí­a tempo nen para xantar ou mercar algo un chisco m­áis consistente). Despois chegar á casa de Ric e Diga, nas aforas arboradas de cidade (o arrabalde chámase de feito Meža Parks, 'Parque do Bosque'. Antes da Guerra era a zona señoritil, polo que o Glorioso Exército Vermello os enviou a todos, do primeiro ao último, a Siberia. Segundo Ric, malevo, en realidade só foi para quedarse coas casas...). Está un chisco lonxe do Casco Vello, mais por 30 céntimos de Lat (o equivalente aos vellos vinte pesos) un tranvía ponche no centro en media hora...

A primeira noite foi mesa redonda (en realidade, cadrada) cos donos do hostal e varios inquilinos, entre eles un matrimonio afro-americano/alemán moi simpático. Iso sí, baleiraríamos unhas seis botellas grandes da cervexa local, Lacplesis, para lubricar tanta parola...

Ao día seguinte (propiamente, 'o primeiro') visito con Rodney e Claudia o Museo da Ocupación, un edificio achaparrado e soviético, con aires de porcoespiño chantado no medio da Vella Riga (a min non me pareceu antiestético, pero son o único). O museo, como podedes imaxinar, é unha longa serie de artefactos, fotos e textos sobre o malísimos que foron os Rusos e Papá Stalin con eles. Os nazis tamén, pero menos. Diante do edificio resiste un dos escasos monumentos do Ancien Regime, unha estatua rosada adicada aos Fusileiros Letóns, gardacostas de Lenin e salvadores da Revolución nos duros primeiros días despois de Outubro...

O resto do tempo foi pasear pola vida medieval, as rúas e as Igrexas. Arquitectura hanseática do tixolo, por veces colorista. A Catedral, San Pedro e a Igrexa (a única das grandes que segue sendo católica) de Santiago. Austeridade luterana e sinxela nos interiores, e torres altísimas deixando impronta na liña urbana. As vellas sedes dos gremios (a grande e a pequena) parecen tartas de pastelería nas que metese a man un amante do kitch gótico...

Hoxe tocou o Museo da historia da cidade e da navegación (dúas horas de percorrido por salas ateigadas de obxectos), a igrexiña dos Anglicanos, que só se enchía cando chegaban os mariñeiros ingleses), a fantasía teutona do Gremio dos Mouros (derrubado polos rusos, que o consideraban exemplo de 'arte alemá decadente') e as rúas mais destacadas polo estilo Modernista Local, cheo de caras berreantes e formas retorcidas, horror vacui de xeso e cemento e tódolos recursos habidos e por haber...

Mañá toca a Torre da Polvora, a solitaria que fica en pé, e irse despedindo da cidade, camiño de Tartu...

O truco mnemoténico é nesta ocasión 'besbella', que así me sonaba a parada de tranvía que collo polas mañás. O nome real é Visbija (pola illa de Visby)...

quarta-feira, julho 11, 2007

Eesti Luule - A Cruz no Báltico

Pois sí, miñas donas e meus señores. O mantedor, travestido de personaxe do teatro de Zacarías, con sombras do Ganivet, comeza mañá unha estadía polo Báltico. Anque desta volta, a cruz xa está nos mares do norde (un preferiría desfacela), e segue o camiño inverso daqueles conquistadores cabaleiros teutónicos que asentaron señorío feudal e señores bispos (ou Arcebispos) en Livonia.

Uns días en Riga e logo o curso de aprendizaxe de estonio na Universidade de Tartu, a Compostela local. Agardo aprender algo da língua, quizais ata o nivel de traducir cousas sinxelas e poemas abusando do diccionario. E pillar literatura local en línguas que entenda con máis soltura... Para empezar, na lista da compra, están as dúas pezas épicas (o Kalevipoeg e o Lacplesis), Lidia Koydula (a Rosalía de Vändra), o atormentado Juhan Liiv, algúns do grupo Arbujad, e algún novelista recente (Tõnu Õnnepalu, traductor, novelista, poeta posmoderno e último premio Liiv). Da parte letona un chisco menos (menos estou) e alén do xa mentado Lacplesis, quizais un libro de poesía e unha novela... Xa veremos, que tampouco vou tan espléndido de cartos, mais os libros e os agasallos son un terreo no que non me sinto moi culpábel consumindo.

É posíbel que vos escriba dende alá, xa que creo que están moi ben dotados no tema informático, mais non prometo nada. No peor dos casos, agardade con paciencia unhas crónicas estonias cando volte dun verán fresqueiro...

quarta-feira, julho 04, 2007

domingo, julho 01, 2007

Meme 63 - preguntas chorras

Bon, sempre me andades liando con estas cousas...
1. Qué hora é? 13:16
2. Home e Apelidos Zacharias Werner.
3. Cantidade de velas que apareceron no teu ultimo aniversario? Xa non me agasallan con tortas de aniversario... (sinf!).
4. Ariños? Estaría curioso con eles... Sobretodo, no nariz.
5. Tatuaxes? Sempre lle tiven un terror irracional e malsano ás agullas...
6. Estiveches namorado? Depende do senso que lle queiras dar a unha palabra tan polisémica, pero... supoño que sí.
7. Fuche a por todas? Non creo. Bon, nalguna ocasión. Moi novo e moi bébedo...
8. Amache tanto a alguén como para chorar? erm... entra dentro do posíbel.
9. Darias a vida por? Nada. Qué, son un malvado egoísta. Quizais o socialismo (se funciona e se parece nalgo ás ensoñacións e Fourier e Kropotkin, con tobogáns de auga e simios camareiros...).
10. Cocacola ou Pepsi? As dúas son o opio de Occidente (Mao dixit). Coca-Cola.
11. Sprite ou Seven up? Non sería quen de establecer a diferenza. De novo bebíaas moito...
12. Arriba ou abaixo? Abaixo é onde esta o pobo sempre, e os criados. O arriba está para ser tumbado e asaltado e... Qué? Como dis? Ah, vaia, ... referíaste a iso... Tamén abaixo.
13. Cafe ou té? Té, sen dúbida. Parte da miña colonización cultural polo Imperio xa medio caído. O café só como beberaxe malsán para manterme esperto.
14. O vaso, metade baleiro ou metade cheo? Case sempre está medio baleiro, pero hai que persuadirse de que está medio cheo...
15. Sabas lisas ou con animaliños? As que me gustarían incluirían runas complicadas, silabarios de línguas exóticas e demais pesadelos de filólogo...
16. Cor de carpíns? Que demo son os carpíns? Digamos que púrpura...
17. Numero de clazado? 39-40, ata niso os meus pés son rebeldes e pouco acomodaticios...
18. Lugar para que te biquen? Case calquera é bo se che está bicando quen queres.
19. Feira ou festa favorita? Cando quedábamos con amigos, o Día da Patria.
20. Canción que estas escuchando? Ningunha. Agarda que poño algo... Beck, Sexxlaws.
21. Restaurante? Non gasto moito diso... O 16 está ben, non é ultracaro e ten pratos moi enxebres...
22. Flor? Rosas brancas tan ben, e son evocativas. As de laranxo ulen moi ben, e lese estupendamente á súa sombra.
23. Tema de conversación máis detestado? O fútbol, sen dúbida.
24. A gasosa, con ou sen xeo? Toda bebida non fervida debería beberse o máis fría posíbel (sen que se che pegue, como o nitróxeno líquido, claro).
25. Tom ou Jerry? da Warner, túrrame máis o Coiote...
26. Disney ou Warner Bros? A Warner é máis surrealista, e un chisco menos reaccionaria.
27. Restaurante de comida rapida? Escóllase entre o 'Pulpo' e a cafetería do Auditorio.
28. Cando foi a túa ultima visita ao hospital? Creo que xa choveu moito dende aquela...
29. De que cor é a alfombra do teu dormitorio? Básicamente, unha mestura de amarelo pálidísimo ou branco esquelético, con varios verdes e algo de rosa-branco esluído.
30. Como chamabas ao teu osiño de durmir? Polo seu nome: Félix. E non era un oso. Era un gato.
31. Cantas veces suspendiche o teu exame de conducir? Mellor non lembrarse...
32. Onde te ves dentro de 10 anos? Quen sabe?
33. De que persoa recibiche o e-mail anterior a este? Non recibín isto por correo... o último foi unha transferencia bancaria (cartos, cartos!).
34. Quen dos teus amigos vive máis lonxe? Algún teño perdido polas Inglaterras...
35. Hora de te espertar? Se durmo na miña cama, entre as 8 e media e as 9.
37. Quen pensas que responderá este meme? Ou sexa, a quen lle cargo o morto... Vexamos... Á Raíña, a Mario, a Suroeste e a TorredeBabel...
38. Que lle dis aos que non respondan? Terán que inventarse unha excusa convincente, ou afrontar a miña teimosa Ira!! Ou máis ben, unha sarta de indirectas, ou se escollen, a 'Caixa Sorpresa'.
39. Mellores amigos? Cal é o raseiro que se usa para poñer uns enriba dos outros? Sacousos e Comparatas.
40. Os teus mellores inimigos? Non gasto (que eu saiba), alén dos abstractos.
41. Amor platonico? E iso que é? O que me fai buscar a beleza máis alá das cousas, o inacadábel, aquel co que non pensas a priori en intercambiar fluídos, senón en esceas cursis sacadas da Disney, o cine Americano e da mala literatura? Bueno, poñamos á 'Doncela de Xenxibre', que pode valer para os tres...
42. Que cambiarias da túa vida? Demasiadas cousas e demasiado poucas...
43. Que deixarias como esta? A min mesmo?
44. Cantos timbrazos antes de coller o telefono? Depende do lonxe que o teña...
45. O mellor dia da túa vida? Tería que pensalo ben... Seguramente, cando me enrollei coa miña primeira moza.
46. Pellicula preferida? 'Outubro', de Eisenstein.
47. Cd preferido? É que hai tantos... Pon o 'Pierrot Lunaire', de Schöenberg...
48. Peor sentimento do mundo? O amor non correspondido.
49. Mellor sentimiento do mundo? O amor correspondido.
50. O primeiro que pensas pola mañá cando espertas? Argh! Co ben que estaba durmindo...
51. As tronadas gústanche ou asústante? Adóroas. Podería botar tempo indefinido só fitando para elas (e un chisco menos, para o lume).
52. Se puideras ser outra persoa, quen serias? Non che sei... Quizais o poeta Mayakovsky, ou Felix Edmúndovich Dzherzhinsky...
53. Que hai nas paredes do teu cuarto? Polo momento, nada. En breve, o 'Pranto polo Cristo Morto', de Giotto, varias estampas da Commedia del Arte e algo do Bosco, Brueghel e de Kandinsky (se cabe).
54. Debaixo da túa cama? Pó?. Non, non moito. Terei que meter algo...
55. Cal é o coche dos teus soños? Non soño con coches, senón con cousas algo máis estimulantes. De pequeno, Kit (ou Kidd, ou como demo se chamase), o 'coche fantástico', e a furgalla do Equipo A. E o 'buggy' de Bud Spencer e Terence Hill (vid. 'Y si no, nos enfadamos').
56. Algo á persoa que che mandou este meme? Señor(a), qué fixen eu para merecer este cáliz?
57. Nomea á persona que tal vez non conteste? Calquera a quen non llo mande e non o vaia a ler. Agarda, que pos o 'talvez'. Digamos, Gawain (por provocalo) ou Pepín, ou o Garrulo Varela...
58. A que de certo non responde? Lenin, por exemplo, que está morto. Podería empregar un taboleiro ouija, ou erguerse da vitrina e aprender galego, pero son escéptico ('Hay que acabarrr con el capitalismoooo!').
59. Quien che gustaria que o respondese? Moita xente. Ginger, por exemplo, para saber máis dela. Xa, xa sei. Mono-temático...
60. Estas enamorada/o? Repíteme a pregunta...
61. Se non o estás... queres enamorarte? É un estadio absurdo e irracional de idealización dun ser humano tan bo (ou malo) como calquera outro. Sí, pero só se é unha loucura mutua.
62. Alguén especial na túa vida? Hai varias persoas, sí. Non demasiadas, pero dabondas.
63.Que hora é? 14:10 (entre a 41 e a 42 fun xantar...).

sábado, junho 30, 2007

Homo Ludens

Son un ludópata. Recoñézoo. Con isto non quero dicir que me pase horas e horas apostando ao póker, ou gastando o diñeiro nas tragaperras (non teremos un nome ben enxebre para esas maquiniñas de luces e sonidos? As comecartos, quizais...), senón que me tolean todo tipo de xogos, dende os máis sinxelos (o parchís, a oca, o backgammon, os alquerques) aos máis elaborados, incluindo as modernas aventuras gráficas para computador e consola, Civilization III e IV, Age of Empires, as varias edicións do Heroes of Might and Magic, batallas con miniaturas Warhammer e a interpretación imaxinativa e ambiental do Rol.
O tema ven a conto non porque vaia a falar do libro homónimo de Huizinga, senón como telón de fondo á miña lixeira ausencia. Como sempre que collo vacacións, é raro que non me re-enganche ao viciosísimo MUD do Mundodisco, un xogo online formato MUD e inspirado nos mundos de fantasía do escritor inglés Terry Pratchett.
Para os que non os coñezades, os MUDs (do inglés Multi-User Dungeon) son uns primitivos xogos de computador baseados en textos e descripcións, xunto con accións varias que o teu personaxe pode realizar a través dunha serie de comandos escritos. Dado que inclúen personaxes xerados por un computador e outros, persoas tamén conectadas á rede e ao xogo concreto, pódese dicir que representan unha mestura do que sería un xogo de Rol estándar cun xogo de Computador normal. Algunhas interaccións son máis ricas, outras máis coutadas.
Este tipo de xogos descubríraos alá polo ano 91, en Inglaterra. Na aula de matemáticas tiñamos un computador (un computador!) que entre outras cousas, contaba cun destes xogos instalados. Non permitía, iso sí, interacción con outros xogadores, e tratábase nunha serie de enigmas e acertixos matemáticos que resolvías nun espazo pechado. Lembro estar enganchadísimo e levarme as probas para casa (chaves a tallar, números primos e xardíns e árbores a agrupar en conxuntos...).
Daquela tamén consumía moito libro-xogos (sobretodo o excelente Deathtrap Dungeon que tiñan na biblioteca), anque eses xa os descubrira, nun formato máis soso, nos libros vermellos de 'Vive tu propia aventura' que che levaban á cunca do Amazonas ou a un infernal mundo de tiránicas formigas. O modelo de libro inglés, en perspectiva, era algo máis roleiro (ao comezo do libro había unha ficha de personaxe, e supoñíase que tiñas que facer tiradas cando combatías con monstros. Por suposto, sempre trampeabas, e ías directamente á páxina que che poñía que foses se gañabas o combate).
Sorprende o absorvente que poden ser estes mecanismos. Poden dar un pracer culpábel (cando estou con eles, os libros languidecen, pechados, enriba da mesiña de noite) mais a vida é breve de máis para recurtar nas cousas que nos fan disfrutar un chisco.
De xogos seguiremos falando máis adiante, anque de xogos algo máis vellos...

terça-feira, junho 26, 2007

Elizabeth Bowen - The Death of the Heart

A salvo polo momento, agochada detrás das súas pálpebras, Portia, deitada, víase a sí mesma con Eddie. Veu un continente á luz do solpor, en rolos e crestas de escuridade coma un mar. Unha luz dun amarelo escuro xacía nas árbores e penetraba nos seus escuros corazóns. Como un cristal que se golpea, o continente repicou co silencio. O país, co seu ondular lene, tenso e afogado polo crepúsculo, ergueu até os pés de onde se sentaban: ela e Eddie estaban sentados na porta dunha choupana. Sentía a choupana, contedora de escuridade, ás súas costas. A luz achaiante e sobrenatural verquíase nas faces; veu como acariñaba os pómulos del, a punta das súas pestanas, mentres que el viraba cara ela un ollar enceguecido de ouro. Contemplou as mans de Eddie colgándolle entre os xeonllos, e as súas propias colgando, pacíficas, ao carón das del, mentres permanecían sentados xuntos no escalón da choupana. Sentiu o toque da calma e da semellanza: ela e el eran un sen necesidade de ningún outro tacto, alén deste. O que estivera na choupana detrás non o sabía: esta luz era eterna; seguirían eiquí para sempre.
Entón escoitou a Matchett abrindo o sobre. Os ollos abríronse de súpeto. Berrou: "Non toques iso!".
-"Nunca tería pensado tal cousa de ti".
-"O meu pai entenderíao".
Matchett revolveuse. "Non es consciente do que dís".
-"Non estás sendo xusta comigo, Matchett. Ti non o sabes".
-"O que sei é que ese Eddie nunca esta quedo sen planear algunha trasnada. E sempre se toma as súas liberdades. Es a que non sabe".
-"Sei cando estou leda. Iso sí o sei".

sábado, junho 23, 2007

Non Lugares

No congreso de Kiel no que estiven xusto antes de Nadal (e do que xa vos teño falado oblicuamente en anteriores ocasións...) lembro que se fixera reiterada mención e emprego do antropólogo Marc Augé e do seu concepto dos Non-Lieux, que parecían inzar tódolos recunchos da literatura e a cidade posmodernas. Na mellor das conferencias para o meu gusto, o profesor Anxo Abuín debullaba as aplicacións da teoría enriba de varias películas, sinaladamente Play Time, de Jacques Tati. Para aqueles a quen non vos sone (eu tampouco sabía ren destas cousas, anque agora xa me fixen cun libriño do autor francés publicado por Gedisa: Los no lugares. Espacios del anonimato. Una antropología de la sobremodernidad), o de 'non lugares' refírese a eses espazos de tránsito e de confluencia anónimas, onde as persoas tecen momentos de espera: hoteis, aeroportos, saídas do tren ou do metro que ha de chegar. Espazos no que a xente se cruza en números inxentes mais nos que non se atopa, alén dos furtivos cruces do ollar.



Todos temos rituais establecidos neses espazos, nos que o local e diverxente repta, infructuoso, mentres tenta deixar pegada en edificios monótonos e feos que poderían estar por igual en Santiago, en Brasil ou nas illas Fidji. Aeroportos de cemento e tendas duty free, con algún guiño á cultura local nas pinturas ou tendas de agasallos. Colgantes 'celtas' e mural xacobeu na Lavacolla. En Stansted, o aeroporto barato e a desmán de Londres, sempre que vou merco un libro de Terry Pratchett na súa segunda librería. É que Amazón só vende edicións feas, americanas, mentras que as inglesas -as da editorial Corgy- ostentan as hilarantes portadas de Josh Kirby (alomenos, antes de que finara). Comer uns muffins. A pastelería anglosaxona afaga ao padal, e neste caso foi o amigo Javier Rodríguez 'Panero' (que en breve estará en Londres, por certo, xunto co tamén amigo David para asistiren os dous ao congreso trosko que organiza o SWP) quen mos descubriu...
Portia, a protagonista de 'The Death of the Heart', que estou lendo agora, é tamén ao seu pesar unha orfa desamparada que coñece a fondo outro dos non-lugares: os hoteis. No meu caso, que botei tamén neles boa parte da miña segunda estadía na cidade natal, o vello Taurus Park cobrou un aire de fantasmagoría: o edificio foi derrubado (o único cambio que topei en Bournemouth despois de anos de ausencias) para dar paso a un bloque de vivendas. Non agardamos que as pedras nas que vivimos se desfagan antes do ca nós. Só pervive unha ala onde estaban as dúas habitacións dos residentes fixos e o cuarto das camareras, agora reconvertido nunha especie de piso longo e deslabazado. Cociña no cuarto de Mrs. Miller. Dormitorio no cuarto de Mr. Tombelyn, aquel vello medio tolo que rompía moreas e moreas de periódicos e logo os guindaba pola cisterna abaixo. Agora o espello fumegante coa imaxe de eu mesmo enriba da cama, o Oxford Shakespeare aberto en Henry VI part 3 (ese día estivera no lugar exacto en que alguén, non Richard Gloster, asasinou a el-rei), os pés cansos e un lamb korma agardándome como cea pesada...
Só unha porta de incendios dá ao baleiro onde se conectaba antano esta zona co resto do hotel; detrás da porta (tabicada) xa non hai ren, só un pasado que se eslúe como un mal soño ou relembrar nostálxico, dependendo do día e do estado de ánimo...

quarta-feira, junho 20, 2007

Mamma Roma

En vista de que Tío Pepín me recrimina a miña preguiza á hora de actualizá-la bitácora (eu tamén teño exames, señores!) e xa que nos puxemos a falar de capitais, resulta inexcusábel que non mencione brevemente algunhas experiencias e vistas de Roma, cidade que tiven oportunidade de visitar por uns cinco días alá polo anos 2001 ou 2002.
Era unha visita, por suposto, moi planificada: a excursión anual dos alumnos de Arqueoloxía Xeral. Nun primeiro momento ancoramos na pequena vila napolitana de Bacoli, onde FraVernero e os seus compañeiros de habitación tiveron a oportunidade de botar unhas boas risas coas condicións verdadeiramente prehistóricas do aloxamento. Dende ese centro puidemos visitar (cos nosos mestres facendo de guías) as fabulosas ruinas de Paestum, as cidades soterradas, sumerxidas na pedra dura, de Pompeia e Herculano (non sei se sabedes que o que iniciou as excavacións alí foi un antepasado do Borbón, o que daquela era Rei de Nápoles e despois sería Carlos III de España), e o Museo Arqueolóxico Nacional de Nápoles, que incluía case tódolos mosaicos chulos arrincados das mencionadas vilas (como ese tan famoso no que saen Alexandre Magno e el-rei Darío), momias e mármores varios (a Venus Kallipygos, o Hercules Farnese) ou o bronce do pseudo-Séneca. Para a nosa mala sorte, tamén había unha exposición temporal sobre obxetos sexuais e o erotismo na época romana á que non puidemos acceder...

[por suposto, son consciente de que cada espazo, e tamén os que seguen, merecería unha entrada de por sí, mais polo de agora imos mapeando unha panorámica, e xa veremos se entramos nun futuro nos detalles, os preciosos detalles...]

Roma eran tan só dúas liñas de metro, laranxa e azul (ou Battistini-Anagnina chocando en Termini coa Rebibbia-Laurentina), o que tamén se agradecía, ao ser a primeira vez que o Mantedor viaxaba neses espazos subterráneos que tanto o fascinan agora. Tamén era unha calor e sede interminábel, os pés destrozados polas camiñatas e os brincos de entusiasmo ao ver calquera das marabillas da Cidade Eterna e uns macarróns malísimos que tomamos unha noite de cea nun chilote de mala morte. A pirámide de Cestio e o Coliseo xusto á vista despois de saír das estacións de metro correspondentes. O xigantesco tamaño das termas (de Diocleciano, de Caracalla). Pasear dun estremo a outro dos Foros Romanos, e visualizando a cada paso nas ruinas os feitos da historia. Na Rostra, un Marco Aurelio/Marlon Brando de Mankiewicz solta o seu famoso discurso (outros pensan máis ben en Mario e Sila nas novelas de Colleen McCullough). O Arco de Tito e os xudeus escravos (Iudea Capta) carrexando a Menorah para regocixo do proletariado romano, esixente amante de espectáculos públicos. No pazo de Augusto, no Palatino, o discreto encanto do Ninfeo ovalado. Santa Maria Maggiore, o antigo templo de Cybeles e agora seductor despropósito do luxo interior dunha igrexa que deixa pampos aos que xa estaban acostumados ao esplendor local do Apóstolo-Drag Queen e de volta de todo. O Panteón, mistura de imposíbel fachada clásica con interiores de mezquita, nunha pequena praza acolledora e de fonte ridente, moi perto da Piazza Navona (onde estaba aquela xeladería que adorábamos, e as fontes e fachadas de Bernini e Borromini que fan o orgullo da Roma Barroca). Logo a Fontana di Trevi coas monedas acostumadas que hai que guindar e o espectro de Fellini no inconsciente, a pescuda fructuosa daquela igrexa agochada onde fita con orgullo o Moisés de Miguel Anxo. A espera impaciente para entrar nos restos da Domus Aurea. As carreiras na pescuda da Rocha Tarpeia, de onde os Romanos guindaban aos traidores. Podería adicar un libro enteiro só a describir as cousas que vimos de pasada na Capela Sixtina, nos interminábeis Museos Vaticanos ou en San Pedro, mais tampouco me collerían as imaxes, e só anoto a tremenda frustración de non ter un mes ou unha vida enteira para fitar tanto arte...
A ollada inquisidora e arqueolóxica refugaba da Roma Moderna coma un cancro extendido sobre a cidade soñada de Cónsules, Emperadores e Tribunos, Cola di Rienzo e Alarico, e unha longa procesión de Papas, todos montados en sedia gestatoria. Con ansia imaxinábamos o derrube de tódolos edificios que non tiveran máis de trescentos anos de Antigüidade...
Mais non todo ía ser arte. Remato por hoxe con dúas estampas, ámbalas dúas fillas da embriaguez nocturna das demasiadas botellas de birra e de limoncello: a discusión entre os amigos arredor do mellor Emperador Romano (os fanáticos do filósofo rei, Marco Aurelio, a quen víramos ese día acabalo, conseguimos silenciar aos discrepantes, seguidores de Augusto ou de Hadriano) ao tempo que mirábamos, con asombro e grima, a horterísima fealdade do Monumento a Vittorio Emanuele II, o cal deixa a nota agre que sempre se cola incluso na maior das felicidades terreais.

sábado, junho 16, 2007

Solovio e París

Adrián afundíase na selva humana con gosto de se perder e descubrir. Un ledo cansazo. As arcadas de Rivoli. No tempo de Chateaubriand aínda se estaban erguendo, e pola praza da Concordia escoaba o machadazo fatal. Castiñeiros que deron sombra á testa romántica de Michelet. Adrián, gran lector de Balzac, comprendía o asombro e o interese da Comedia humana. A grande vila era entón cousa nova. Napoleón movera grandes exércitos, e inda tiña memoria de abondo para coñecer a faciana de cada un dos granadeiros da vella Garda. Balzac manipulaba multitudes e inda podía coñecer todos os banqueiros e todas as mundanas de París. Hoxe hai que proceder por nacións, e por continentes. En troques, a síntese non pode abranguer todas as particularidades dun xeito satisfactorio. E ¿ata que punto respondía o París arquitectural ás arelas de hoxe?

Ramón Otero Pedrayo, Arredor de Sí

quinta-feira, junho 14, 2007

Gustav Klimt / Friso Beethoven


Gústanme moito Gustav Klimt e o Sezessionsstil vienés. Eis o 'Friso Beethoven' que acompañou, na decimocuarta exibición da escola, a unha estatua do Compositor feita por Max Klinger.
No friso representanse moitas cousas, mais a sección que nos interesa hoxe é a que figura ás Forzas Inimigas do artista: as tres gorgonas, fillas do xigante Tifón, e detrás, a enfermidade, a loucura e a morte. O ser goriliforme que aparece no medio é o mesmo Tifón. Á súa dereita, a voluptuosidade, a impudicia e a intemperancia (que son a tríada de mulleres da imaxe superior -morbosos e decadentes detallistas podedes inspecionalas nesta imaxe).
Para ter unha vista de conxunto do panel descrito, ollade eiquí.
Noutra táboa tedes ao home na pescuda da felicidade, tema no que aparece un cabaleiro inspirado segundo os críticos en Gustav Mahler, un compositor tamén moi da miña predilección...

segunda-feira, junho 11, 2007

Cherchez la femme (4)

ou de cómo FraVernero templa, axeonllado, un sitar eléctrico mentres contempla e soña con desfacer os veos de Maya, de pé diante del, nunha estampa popeira e de barata imitación de maiúscula medieval decorada [1]

Once upon a time soñara con (d)escribir un Teatro do Silencio. ritual, solemne, artaudián. a montaxe ía ter lugar nas paisaxes oníricas de Lovecraft e lord Dunsany, ou nun dos países imaxinarios de Borges (Tlön, Uqbar, Orbis Tertius) no que é de supoñer que a Arte evoluiu nunha especie de relixión e o sagrado vestiu as luxosas roupaxes do estético. xoguemos coa etimoloxía das palabras! luxo procede da raíz latina *luxus, ‘abondoso’ e enxendra dous fillos alomenos, luxo e luxuria, digna parella de irmáns incestuosos e ensortillados. o teatro imaxinado é como unha desas igrexas armenias ou xeorxianas do Cáucaso, templetes tallados nunha rocha gris, as paredes e portas ricamente decoradas con arabescos e filigranas, árbores con granadas pendurándolles das pólas e follas entretecidas con uvas. no medio dunha pranta cruciforme, catro xigantescas columnas coroan cun falso acanto e sosteñen nos seus lombos o tellado de pedra e unha cúpula en forma de gorro puntiagudo con estalactitas. dende os furados da bóveda fíltrase a luz que converxe -iluminación natural- nunha rostra deseñada para os cregos/actores. o público ateigou ata os mínimos currunchos do espazo, forxando un magma visguento e suoroso con múltiples corpos fundidos nunha soa carne. no espectáculo todo está permitido, agás a palabra. florecen a danza e o mimo, os triunfos e alegorías. coreografías que buscan mesturar nunha única textura os fíos que escorregan das frautas e tambores primordiais, das txalapartas de pedra mariña e dos complexos e alongados instrumentos de madeira e cordas (cítaras, kanteles, laúdes, violas bastardas, đàn tỳ bàs de forma de pera). a melodía invoca o trance, posúe os corpos, arrastra os actores nun baile ritual onde o máis mínimo dos xestos significa nunha cadea e cadro semióticos rixidamente soldada e establecida dende a noite dos tempos. na posesión diabólica, a máscara tornou persona, e a persoa parte dun fresco móbil e colorista que crea e recrea, coma se as páxinas dun manuscrito astrolóxico renacentista foran postas en marcha por algún tolo e eléctrico zootropo. reis imperiais iluminan a escea, arrastrados por carros de leóns, envoltos en túnicas dos mil tons distintos e diverxentes de marrón e dourado. toca o corno e o facho incandescente, e unha muller núa cos pés coma rodas fai de faro para a naves que montan nun mar entolecido de pequenos curutos azuis; o ladrón corre ao mencer coa bolsa das esperanzas da mocidade e con paso alado chega aos Prados Amorosos onde a belida fita no espello, tortura o xardín de imaxes e selva escura que imita nun xesto harmonías de arpa e de corazóns perfectamente afinados en la a 480 herzios, do mesmo xeito que os órganos alemáns que tocaba Bach. torres humanas como dedos despois, foxos e tendas de seda axedrezada de emblemas e sillas de montar para os cabaleiros: a batalla. polonesa de lanzas e longas espadas, de bestas e cabalos montados solfeando no pentagrama dos muros de aceite fervendo. o xadrezado medra e fai agora de chan para cidade, e trucos de luz e holograma converten as tendas de campaña en tendas burguesas onde comerciantes e lazzi trabucan eternamente os recados e as brincadeiras nunha urbana espiral de derrotas e amoríos. fúnebres badaladas e pasos con botas che chumbo marcan as horas nun cambio da idade media provecta ao ermo decadente da vellez, e azuis escuros e apagados, como despois dun gran lume, trenzan os ocos do reloxo de area cos lenzos desmoronados da parede. trala morte o renacer como mago creativo e celeste, un actor solitario de múltiples brazos centra na táboas con varios trucos e pases, saltos arriscados e cancións como fogos artificiais a estourar no maxín dos espectadores. a última escea inclúe líquidas ensoñacións debuxadas nun lenzo místico de coros de voces femininas, canto de sereas acuáticas que se disolve no silencio. ao rematar todo se eslúe no caleidoscopio e río de cores puras con arrecendo a vidreira ou cadro de Chagall...


[outra so(r/n)oridade etimolóxica: arte e artificio. Todo arte é artificioso. mariposa en cenizas desatada. Art is difficult dicíalle o poeta ao outro poeta. e con todo non son quen de topar os labirintos e pozos escuros do teu arte]


Remato a fantasía cromática, rompo a vidreira, non o silencio. comeza outro teatro de sombras mudas e ollos globulares, cifrado nos 3 segundos de ollarse mutuo nese hall hortera da facultade. mais qué entorno non ficaría pobre e oropel barato ao teu carón? o instante é eterno, e o ollar puro. na relixión que te adora e na arte que che pinta (vanamente) soan nostalxias eternas de corpo fosilizado e momento sempre a repetirse, eterno retorno nietzschián para verche, serpe ouroboros, bhavacakra. ou nas verbas de Thomas Browne (vid. Religio Medici, 1643):

And in this sense, I say, the world was before the Creation, and at an end before it had a beginning; and thus was I dead before I was alive, though my grave be England, my dying place was Paradise, and Eve miscarried of me before she conceived of Cain.





[1]Unha clave iconográfica que se pode ver baixo a letra ‘R’ no disco Lizard, de King Crimson.