segunda-feira, outubro 31, 2011

Libros do Mes

Handmade Culture: Raku Potters, Patrons and Tea Practitioners in Japan, de Morgan Pitelka

The Indiana Companion to Classical Chinese Literature vol. 2, de William H. Nienhauser (ed.)

An Introduction to Japanese Tea Ritual, de Jennifer L. Anderson [R]

The Early Chinese Empires: Qin and Han, de Mark Edward Lewis [E]

China between Empires: The Northern and Southern Dynasties, de Mark Edward Lewis [E]


El siglo de la decadencia. Los reinados de Felipe III y Felipe IV (tomo 13 da Historia de España, de Lozoya et al.)

*China’s Cosmopolitan Empire: The Tang Dynasty, de Mark Edward Lewis [E]

*Sunflower Splendor, de Wu-chi Liu e Yucheng Lo (eds.)

sexta-feira, setembro 30, 2011

Libros do Mes (e Nota)

Ben, xa sei que vos teño de todo punto abandonad@s; este mes xuntouse o moito traballo de comezos de curso (este ano, Vilagarcía!) cunha certa atonía persoal pola escrita virtual, unha sorte de andazo que de cando en cando afecta aos que escribimos na blogosfera...

Tentarei compensarvos con varias entradas nos seguintes días; a primeira é a miña xa clásica 'Libros do Mes', que cumpre precisamente un ano, e grazas á cal podo conservar unha memoria virtual das cousas que vou lendo cada 30 (ou 31 días), ao tempo que deixo aberta a oportunidade de reseñas se algún lector as solicita.

Remato, antes de pendurar os volumes engulidos este mes, lembrándolle aos despistados o sentido dos caracteres que acompañan aos libros: asterisco (*) indica lectura en curso, sen rematar; [R] indica relectura; [E], a lectura en soporte electrónico. E tamén cunha recomendación acústica, máis do que libresca: a de que escoitedes a nova radio en galego que puxo en marcha o poeta Manuel Lopes Rodrígues e que tivemos estes días a atronar dende as xanelas de Trasalba: anfiteatroGZradio. Acudide!!

Inside Japanese Ceramics, de Richard L. Wilson

The Art and Architecture of Japan, de Paine e Soper [R]

O Zen na Arte da Cerimônia do Chá de Horst Hammitzsch [E]

The Indiana Companion to Classical Chinese Literature vol. 1, de William H. Nienhauser (ed.)

A Reader’s Guide to Japanese Literature, de J. Thomas Rimer [E]

*Sunflower Splendor, de Wu-chi Liu e Yucheng Lo (eds.)

*The Indiana Companion to Classical Chinese Literature vol. 2, de William H. Nienhauser (ed.)

quarta-feira, agosto 31, 2011

Libros do Mes

Tales of Samurai Honor, de Ihara Saikaku

Shōmonki, de Judith R. Rabinovitch (ed.)

Arte del Cha, de J.L. Álvarez Taladriz (ed.)

*The Art and Architecture of Japan, de Paine e Soper [R]

*Sunflower Splendor, de Wu-chi Liu e Yucheng Lo (eds.)

*The Indiana Companion to Classical Chinese Literature vol. 1, de William H. Nienhauser (ed.)

Extracción das moas da cordura

Ao retorno do País do Sol Nacente acaban de extraerme non a pedra da tolemia, con resonancias do Bosco, senón as moas do xuízo, que me daban moito a lata. Considerádeo unha excusa axeitada para a preguiza en reanudar as emisións no Pazo de Trasalba, que no mes de setembro (exames mediante) han voltar ao rego, sempre que me fique xuízo suficiente -unha substancia da que sempre andiven escaso...


segunda-feira, julho 25, 2011

Libros do Mes

Manual de Teoría de la Literatura, de Fernando Cabo e María do Cebreiro

Behind the Japanese mask, de Jonathan Rice [E]

Tea in Japan: Essays in the History of Chanoyu, de Paul Varley e Kumakura Isao

Chinese Literature, Ancient and Classical, de André Lévy [E][R]

Poetas chinos de la dinastía Tang de C.G. Moral (tr.) [R]

*Sunflower Splendor, de Wu-chi Liu e Yucheng Lo (eds.)

*The Indiana Companion to Classical Chinese Literature vol. 1, de William H. Nienhauser (ed.)

Aviso para navegantes

Aprezados lectores: infórmovos de que o mes de xullo remata cedo no Pazo de Trasalba, xa que o mantedor e a súa dona dan comezo mañá a un periplo de case un mes polo País do Sol Nacente. Polo tanto, non contedes con novas entradas na bitároca ata despois do retorno (arredor do 25 de agosto), cando as ondas virtuais desta praia volten a ser porto e acubillo para cibernautas e outros navegantes.


Un saúdo


FraVernero

sexta-feira, julho 22, 2011

Poesía Arcaica

No ronsel das varias lecturas do verán e dos actos de presentación de Antítese Nativa (recentemente en Pontevedra; conto con pendurarvos o video eiquí) andivéronme ás voltas no maxín as sempiternas preguntas arredor da esencia do ser poético. Indubidábelmente, non hai respostas sinxelas, de consenso e universais á pregunta de 'que é a poesía', anque para tratarse dun terreo tan espiñento, eu dende logo teño un concepto bastante claro do que é a poesía para min: unha das diferentes artes que ten como materia e punto de partida a linguaxe (oral e escrita) e que sempre inclúe en alto grado un elemento estético e formalista por oposición aos máis habituais aspectos pragmáticos e comunicativos das línguas, e que pode ocupar un papel maior ou menor, dependendo de tradicións, países, grupos e escritores individuais.

Enfocando o tema dende unha perspectiva máis oblicua, vinme recentemente sorprendido polas grandes semellanzas entre dúas mostras de 'poesía arcaica' que estiven a ler: a poesía galego-portuguesa e os versos do Shih-Ching, unha antoloxía chinesa escrita entre o 1100 e o 500 antes da nosa era. Por suposto, as diferenzas son inmensas (en temática, formas e recursos métricos, importancia da autoría individual, funcións sociais da poesía...), mais chama a atención o intenso emprego nos dous casos do paralelismo entre versos como recurso principal, xunto coa presenza ubicua de imaxinería natural (a natureza como metáfora, símil ou -personificada-, personaxe co que dialoga a voz poética) e da temática amorosa, con frecuente enunciador feminino.

Son rasgos que podemos topar en moitos outros exemplos de poesía antiquísima: no Exeter Book e na lírica anglosaxona, na poesía bíblica, nas odas e epopeias gregas, nos papiros exipcios... E non só teñen o seu engado, senón que apuntan a unha época de transición entre a oralidade e a escrita, na que os primeiros elementos do poético nacen (quizaves) como estratexias mnemotécnicas para que os rapsodas arrinquen das súas cabezas toda unha presada de cantos. En definitiva, os Pazos da Memoria da retórica antiga e renacentista


sexta-feira, julho 15, 2011

Non prende a isca

Por mor das recentes celebracións epitalámicas, xa conto nas miñas mans, como agasallo, o meu primeiro e-reader: nada menos que o Kindle 3 de Amazon. Como xa tiven ocasión de probalo, anque sexa superficialmente, podo voltar ao rego de entradas anteriores arredor dos libros electrónicos, cunha pequena listaxe empírica de virtudes e defectos do aparello:

No lado positivo, temos o escaso peso da máquina (máis lixeiro que un libro paperback), unha capacidade de almacenamento digna, unha batería duradeira e o emprego dunha tinta electrónica que non cansa para nada á vista.

No lado negativo, nembargantes, temos que o tamaño da pantalla paréceme pequeno (o que trae problemas cos tamaños de letra anque dispoñas o texto en horizontal); a imaxe é en branco e negro (tes que renunciar a comics e a libros de arte); a 'interacción' co aparello é algo ríxida e non táctil (unha ventaxa que ten, pola contra, o i-pad); se non estás lendo un libro do formato 'amazon' (azw), as posibilidades de ampliar a letra, consultar palabras ou de ir a páxinas concretas do libro desaparecen (iso no caso de que poidas abrir o formato, claro está). No caso de documentos en pdf onde unha páxina é o escaneo de dúas dun libro físico, o e-book torna totalmente ilexíbel, dado o tamaño minúsculo dos caracteres: hai un sistema de zoom parcial, mais é tremendamente latoso e fai a lectura nada práctica.

O balance acaba inclinándose do lado negativo, é unha impresión que comparte o compañeiro e blogueiro Manuel Lopes, que estes días andivo probando os papyres da biblioteca Ánxel Casal. Pode que o e-reader sexa o futuro, mais polo momento é un presente pouco satisfactorio. Moito máis no meu caso, en que emprego a maquiniña para ler libros descargados de balde en internet e que soen estar en formatos pdf. Ou sexa que lle poño un 4 ao producto, e que se vaian aplicando para setembro: o kindle (verbo inglés que significa 'prender lume', 'quencer') déixame frío e apagado polo momento, anque penso sacarlle bo uso naqueles libros que mo permitan (conversións mediante de formatos varios). It just doesn't kindle me.

quinta-feira, junho 30, 2011

Libros do Mes

The Book of Songs, de Confucio (ed.) e Waley (tr.)

Chado: the Japanese way of tea, de Sen Shoshitsu

Chinese Literature, Ancient and Classical, de André Lévy [E]

Papaventos, de Xavier Queipo

TAZ, de Hakim Bey [R]

*Manual de Teoría de la Literatura, de Fernando Cabo e María do Cebreiro

*Sunflower Splendor, de Wu-chi Liu e Yucheng Lo (eds.)

*The Indiana Companion to Classical Chinese Literature vol. 1, de William H. Nienhauser (ed.)

*Lírica profana galego-portuguesa de VV.AA., tomo 1

quarta-feira, junho 29, 2011

Borgiana - dobre B

O soño duns días atrás: Jorge Luis Borges estaba a dar unha entrevista na praza da Quintana. De súpeto, ergue a tapa prateada dunha bandexa, enriba da mesa en que está apoiado, e deixa ao descuberto un botelo con patacas, poñéndose a manxalo ipso facto.

quarta-feira, junho 22, 2011

De Deusas e (re)Presentacións

Malia a voráxine dos exames, dou sacado de cando en cando algúns intres para outras actividades algo máis satisfactorias. Entre elas, participar na presentación (o venres pasado) da editorial Axóuxere e dos seus dous primeiros libros: Chamamento (de autoría anónima, anque asociado á revista Tiqqun e ao Comité Invisíbel) e TAZ, de Hakim Bey (este último verquido ao galego por un servidor e Pablo Varela Pet), que vos recomendo encarecidamente.

Noutra orde de cousas, tamén tiven tempo de cazar versos fuxitivos de José Ángel Valente, o rapsoda de Augasquentes; comparto convosco este poema ao que lle teño especial cariño por varios motivos: porque eu tamén percorrín as ruinas dos templos de Paestum, porque eu tamén amo a mitoloxía, e porque (con menos arte) teño escrito un texto moi semellante a este.

Hera

Paestum.

Mil novecientos
setenta y tres
En Paestum puse
la planta oscura
de la profanación
en el umbral secreto de la diosa
y vomité palabras líquidas y negras
en cuanta sombra allí pudiera
guardar la huella de sus pliegues de oro.

De antiguo opté por la lechuza,
no por tus ojos de ternera.
Conserva tú nupcial el lecho
de la persecución y la venganza.

Sobreviven Tiresias,
Semele e Ío.
Tú no, vindicativa.

Ofrecí bilis negra
en el umbral del templo.
Gusté del agrio
sabor de la blasfemia.
Paestum.
También mueren los dioses, venerable.

domingo, junho 12, 2011

Panem et Circenses

Pensaba falarvos un chisco de lecturas e reflexións recentes. De Joán Arias, por exemplo, que escribiu unha encantadora cantiga de amigo da que chama a atención a 'chulería' da senhor (en quant' el diz non lhi gradesqu' eu ren, / ca mi sei eu que mi paresco ben); ou dos paralelismos da nosa lírica medieval coa antiquísima poesía chinesa do 'Libro das Odas', Shih Ching (詩經). Nembargantes, os requiebros de Javier Rodríguez 'Panero' arrincáronme do meu soño dogmático o tempo suficiente para que vos recomende o seu artigo de opinión sobre o movemento do 15-M, alén de engadir dúas ou tres notas da miña propia colleita.
Compara Javier, con altas doses de ironía, as sentadas cidadáns co maio do 68. Permítome engadirlle outro simil, como é o do proletariado romano. É que lonxe das grandilocuencias posteriores da terminoloxía, o proletarius da vella capital é o mellor instrumento para reflexar (diremos, coma Joyce: o cristal crebado que lle roubamos á criada) á nosa xuventude revoltada: unha masa conformista de botellón e playstation que soñaba en vivir dos pais mentras non poida vivir dos fillos e gozar paseniñamente dos praceres da sociedade de consumo ata que a Crise veu a petarlles á porta da casa, aducindo suspensión de pagos e próxima supresión do Auxilio Social dos diferentes pais (os biolóxicos e papá Estado).
Un quixera crer o contrario, evidentemente: que o movemento 15-M é o comezo dunha nova era de mobilización crítica, de cuestionamento da realidade, de esforzo e de avance social, mais seguramente os anos me vaian tornando un chisco escéptico e difícil de entusiasmar, agás cos praceres privados e controlábeis. Todo é cuestión, tamén de perspectiva (ou de paralaxe, que diría Zizek). A situación actual píllame dende o mandarinaxe mol, nunha situación na que non me considero dos máis desfavorecidos no marco do realmente existente, e na que fico un chisco canso de loitar as batallas dos outros; de voltaren as agullas do reloxo un ano atrás, no pasado recente en que FraVernero era un parado sobrecualificado de humanidades con moitas papeletas para escapar correndo cara a emigración anglófona, o 15-M podería terme topado nas tendas de campaña. Tal como están as cousas, seguirei contemplando, entre divertido e sardónico, como se desenvolven os sucesos dende as marmóreas e outas gradas do anfiteatro. Se o que nos ocupa amosa ser algo máis que unha bufonada carnavalesca de curta duración e calla nun movemento sólido de loita e de transformación, habémonos ver, compañeiros de viaxe, no camiño. E falaremos dos Espartacos de Kubrick e do presente.

terça-feira, maio 31, 2011

Libros do Mes

Rikyu and the Beginnings of the Japanese Tea Ceremony, de Herbert Plutschow

Laberinto de Fortuna, de Juan de Mena [R]

Poesía última de amor e enfermidade, de Lois Pereiro [R]

Japanese Court Poetry, de Brower e Miner

*The Book of Songs, de Confucio (ed.) e Waley (tr.)

*Lírica profana galego-portuguesa de VV.AA., tomo 1

quinta-feira, maio 26, 2011

Camel Pleasures

Faime moita gracia o emprego abundante do camelo na xerga paterna e familiar. Serve tanto de insulto moderado, como expresión de vida epicúrea ('goza coma un camelo'. A verdade é que non sei de onde saca o pracer de imitar aos ungulados artiodácticlos) ou como descripción dunha inxestión copiosa de auga ('bebes coma un camelo'. Isto xa ten unha base empírica máis evidente, xa que as criaturiñas son quen de engulir ata 120 litros dunha sentada).

sexta-feira, maio 20, 2011

Homenaxe a Lois Pereiro

Día das Letras Galegas en Madrid. Nun vagón de metro, sobre un telón de fondo de estacións e graffiti, releo a Poesía última de amor e enfermidade mentres uns kinkis, apoiados na miña mesma barra, lian porros e maldín dos gardas de seguridade...

sábado, abril 30, 2011

Libros do Mes

The Pillow Book, de Sei Shonagon / McKinney (tr.)

Vida de Santo Domingo de Silos, de Gonzalo de Berceo

Un reino universal: Felipe II y el apogeo del imperio (tomo 12 da Historia de España, de Lozoya et al.)

All Is True, de William Shakespeare

*Japanese Court Poetry, de Brower e Miner

segunda-feira, abril 04, 2011

Sei Shōnagon - Cousas Elegantes e Refinadas

Un sobremanto de rapaza de branco sobre branco e sobre gris-violeta pálido. Os ovos da ánade picopinto. Xelo curto con sirope doce servido nun bol metálico novo e brillante. Un rosario de cristal. Flores de wisteria. Neve sobre flores de ameixeira. Un pequeno e adorábel neno comendo amorodos.

quinta-feira, março 31, 2011

Libros do Mes

Japón, de Rossella Menegazzo [R]

Gloriana, de Michael Moorcock [R]

An Introduction to Japanese Tea Ritual, de Jennifer L. Anderson

Arte del siglo XX, de Ruhrberg, Schneckenburger, Fricke & Honnef (tomo 2)

Exploring Kyoto, de Judith Clancy

*The Pillow Book, de Sei Shonagon / McKinney (tr.)

segunda-feira, março 28, 2011

Byzantium Endures

A historia do Imperio Romano de Oriente, alcumado nos nosos lares coma 'Bizantino', sempre exerceu un profundo fascinio sobre a miña psique. Resultaríame imposíbel precisar as causas concretas do engado, anque especulando un chisco, seguramente influiron a historia da arte (a cúpula marabillosa de Santa Sofía; os iconos, arte relixiosa por excelencia; os mosaicos de Ravenna, coa corte de Xustiniano), as cruzadas e un certo toque de exotismo oriental, batallas gloriosas e ruinas maxestuosas. O caso é que os meus primeiros anos universitarios víronse acompañados de varias lecturas bizantinas, como as da 'Historia do Estado Bizantino', de Ostrogorski (que merquei daquela) e as das aulas e textos dunha materia sobre 'Islam Medieval e Bizancio'. Outras ficaron pendentes, coma unha historia do Imperio de Trebisonda, ou as memorias de Anna Commeno, e outras consolidáronse nos últimos anos (o Digenis Akritas e outros textos épicos).

Tamén cavilaba daquela na posíbel escrita dunha obra de teatro co emperador Andrónico I de protagonista. O título sería AIMA (‘sangue’, en grego, amais de ser un acrónimo cos nomes dos emperadores da dinastía Commena: Alexis, Iohannis, Manuel e Andronikos). Canto ao tal Andrónico, é unha personaxe realmente tráxica: nun periodo de decadencia inexorábel do Imperio e de sustitución do vello poder central por un nacente feudalismo, tenta rescatar as bases económicas do estado (os campesiños-soldados libres de Asia Menor) e esmagar sen piedade á aristocracia latifundista e parásita e aos odiados estranxeiros latinos. Un auténtico Lenin do século XII, que se diría. Mais o emperador foi incapaz de poñerlle freo ao reloxo da historia, e as súas reformas e persecucións da nobreza acabaron acelerando a caída do estado, alén de provocar a súa propia, linchado polas masas da capital.

Daqueles tempos fica tan só na escrita un textiño co título emprestado de ‘Bizancio Perdura’, publicado na revista A Caramuxa e ao que malia os seus defectos non deixa un de terlle ese cariño cego que os pais amosan cara os fillos. Noutra entrada bizantinesca é posíbel que volo amose, anque seguramente sairíades gañando cuns versos do Sailing to Byzantium, de Yeats...

sábado, março 12, 2011

天の原

Mentres saio de traballar con lúgubres pensamentos no maxín arredor da catástrofe natural que castigou ao Xapón, vexo que o ceo nocturno imita un lenzo de Rothko, en franxas alternantes de azul intenso e azul máis pálido. A chaira do ceo, ama no hara, que hoxe fundiu coas planicies do mar, aounahara, nun terríbel maremoto, émulo do de Lisboa (1775) e que tamén nos fai meditar tristemente sobre a teodicea e a insignificancia do home fronte ás forzas desatadas da natureza: pingas de orballo tan só.