sexta-feira, abril 14, 2006

Aniversarios

Son datas de lembranza e celebración. Se un tempo atrás lembrábamos a Connolly e a Revolta de Pascua, dúas ou tres efemérides máis vanse agolpando no noso particular baúl de lembranzas.
Onte, por exemplo, cumpríase o centenario do nacemento de Samuel Beckett -outro irlandés-, o xenial escritor, secretario de Joyce, loitador da Resistencia en Francia, Premio Nobel e Saoi de Aosdána. E non hai método mellor de festexo que o de (re)ler os seus estupendos libros, que sempre están de actualidade (non só nestas datas sinaladas).
Saltamos agora ao que Nabokov chamaba con carácterístico mal xenio o 'matasáns vienés'. Neste caso xa son 150 dende o natalicio do pai da psicoanálise, bo fumador de puros, tremendo influxo alén da psicoloxía en innúmeros ámbitos do noso breve século vinte (os filósofos de Frankfurt, a escritura surrealista, ...). Tiña pensado meses atrás unha entrada falándovos da visita que fixera á súa casa, en Londres, co famoso diván, mais é algo que segue quedando pendente. Polo de agora, só un anticipo: falaremos tamén nesa entrada de Bloom, que considera que as obras de Sigmund pervivirán antes no canon literario que no científico...
Last, not least, hoxe é, como ben sabedes, 14 de Abril. Van 75 anos dende a proclamación da 'niña bonita', a Segunda República Española.




Como galego separatista, é de supoñer a miña escasa simpatía por todo o español. Mais certamente, o meu profundo desprezo pola tribo carpetovetónica tería evoluído doutro xeito de ter sido outra a nosa historia: a dun estado español republicano, laico, socialista e confederal, orgulloso da pluralidade de línguas e nacións do chan peninsular. Unha esperanza que alumeou con forza tal día coma hoxe, tan só para ser esmagada anos despois polos fusís do Feixismo e a deixadez e covardía das democracias occidentais.
E lendo en historiadores estranxeiros os encendidos eloxios dos españois que, derrotados, continuaron a loita contra o feixismo en Francia, en Rusia..., o tremendo valor e unidade dos 'españois roxos' en Mauthausen, conséguese suscitar en min (só en parte) ese orgullo e sentimento de pertenza que ningunha adoutrinación ou sistema educativo son quens de crear.
Ma non troppo. Moito teñen que mudar as cousas para voltar a prestarlles a miña confianza. E. por suposto, é condición indispensábel a reedición da República que quixemos rememorar hoxe.

1 comentário:

SurOeste disse...

Onte paseabamos pola Vera cacereña e saudounos un coche coa bandeira republicana e pensei: nós tamén temos mortos por esa causa.

Por certo, a suroeste auténtica, vístese de azul.