terça-feira, setembro 09, 2008

Asaltando o Capital

Se fose tan doado...

En todo caso, ao que me refiro polo de agora é á sufrida lectura, para aqueles que non amamos precisamente da economía, do 'Das Kapital' do meu moi admirado Karl Marx, que aínda así se fai bastante levadeiro malia tamaño, temática e densidade pola fluidez e o estupendo estilo do seu autor.
Entre outros volumes, adico estes días á (re)lectura do tomo I da obriña (o único que publicou en vida o seu autor) e non podo menos de agradecer a gran cantidade de recursos online que xurdiron e que auxilian eficazmente a un. Por se vos animades vós tamén, fagamos unha pequena vista de páxaro:

O libro mesmo está colgado na rede (alomenos en inglés, para os que poidades pelexar con este idioma. Por desgraza, ou non, case tódolos recursos tamén están na língua do Imperio. Neste caso, son conservador e prefiro empregar o referente físico, que é a edición en español do Fondo de Cultura Económica, un agasallo de cumpreanos ao que me referirei algún día...). E xunto co libro, tedes resumos máis ou menos detallados, coma o feito for Engels ou a primeira de tres entradas sobre a obra, unha por cada volume, que temos na versión inglesa da Wikipedia. Coma resumos, a súa utilidade é de todas maneiras, limitada: dan unha perspectiva xeral e permiten o 'repaso' despois da lectura dos capítulos pertinentes.

Moito maior interese presentan as seguintes dúas páxinas: nesta tedes unha serie de conferencias (aínda falta a derradeira; son 13 en total), clases 'grabadas' de hora e media cada unha nas que o meu xeógrafo favorito, David Harvey, vai explicando algúns dos aspectos chave nos que fixarse, aos que atender ou reler, do tomo I do Capital. Moi entretida e doada de seguir, alén de con exempla moi levadeiros, é a guía para a lectura do mesmo volume que colgou o profesor e economista texano (e sospeito que zapatista) Harry Cleaver e que podedes consultar eiquí.

Con isto debera bastarvos, coma recursos virtuais e gratuitos, cos que ir descifrando o labirinto e complexa hermenéutica desta obriña. Retorno a ela, e a algunhas outras de Ciberpunk/cibercultura e teoría literaria (tendo a discutir violentamente e en alto co último destes libros.), xunto co recado que me encargou Suroeste (non me esquezo, eh? A ver se cho mando mañá...).

3 comentários:

fgul disse...

Repasa repasa; que boa falta che fai. Sinto non poder ter quedado este pasado lúns... pero co tempo tan xusto foi cousa imposibel.

...a ver este venres...

Un saúdo.

A Raíña Vermella disse...

Eu recoñezo que non fun capaz. Coido que lin mais ou menos o que todo o mundo, pero pola casa andiveron as obras completas de Papá Pitufo Vermello e excedéronme. Igual cando me xubile, ou me tome un ano sabático ou algo así...

Leopold Bloom disse...

Oes tes un meme pendente lacazán.