domingo, novembro 09, 2008

de Hipertextos

Últimamente, estou a traballar moito e a ler moito deste eido, anque non sexa terreo totalmente descoñecido por mín. A base explicativa cífrase para falantes de língua hispana en dous volumes cos que conta a USC: 'Hipertexto', de George P. Landow, e a compilación 'Teoría del Hipertexto. La literatura en la era electrónica' de Anxo Abuín e Teresa Vilariño, en Arco Libros. Os leigos e preguiceiros podedes botar unha ollada rápida ás entradas na wikipedia hispana nos epígrafes Hipertexto e Narrativa hipertextual, anque se tedes don de línguas eu recomendaría mellor as versións inglesas das entradas, que soen ser máis completas.

Deixando aparte os 'hipertextos serios', con vontade literaria (cousas coma afternoon. A story, de M. Joyce, Patchwork Girl, de Shelley Jackson ou Hegirascope de Stuart Moulthrop), entre outros, polos que amais hai que pagar e mercar o diskette, o meu recordo primeirizo do toparme con esta tecnoloxía foi baixo a estrela da sorpresa e da frustración. Debeu ser polo ano 2000 cando o meu amigo Carlos me pasou varios discos do grupo de Rock Progresivo King Crimson (especialmente o seu Lizard). Prestáronme tanto que me puxen a buscar información sobre eles na Rede de Redes (recén instalada neses días cunha conexión antediluviana e lentísima que me estremezo só de lembrala), e atopei unha páxina estremadamente curiosa, e que aínda hoxe segue en vigor: Promenade the Puzzle: The Poetic Vision of Peter Seinfield. A páxina (por chamarlle dalgunha maneira) é un percorrido alucinante en vintedous capítulos e moitísimas máis páxinas subordinadas aos 4 primeiros discos da banda. A tese que defende o autor (ou autores?) é que en todos eses discos se pode seguir unha madeixa de referencias simbólicas, alquímicas e místicas que xiran arredor da figura central do 'Rei Vermello', unha metáfora inspirada no emperador medieval Federico II e na lectura por parte dos membros da banda da idealizada biografía deste que escribiu Ernst Kantorowicz en 1927. Así descrito, o proxecto resulta un tanto prosaico, mais o percorrido polas páxinas, co equilibrio estupendo de imaxes e textos seductores, hermenéutica estreita e lectura das letras das cancións (a veces dúas liñas ocupan unha páxina enteira!) alén dos innumerábeis hipervículos que permiten ampliar ou desviar o fío narrativo principal ad infinitum (conectan con páxinas web de todo tipo a partir dunha idea ou cita do texto principal: outras páxinas, librerías, enciclopedias virtuais, distintas seccións deste mismo portal), e que parten como punto de partida non só de liñas, senón de imaxes suxerentes e estrañas.

Unha vez inmerso na lectura, o realismo ou a veracidade da tese, xa que logo, perde toda importancia. O pracer da ficción, das lecturas múltiples e do percorrido fai que resulte indiferente se a tese está collida polos pelos ou se é rematadamente falsa, ou verdadeira. Mais xunto co pracer (para mín, alomenos) viña certa ansiedade ante o interminábel labirinto textual: como 'ler' a páxina proposta? Había que interrumpir o fío xeral cos hipervínculos constantes? E caso de entrar nestes, seguir os propios hipervínculos que incluían os textos derivativos nunha espiral de potencialidade infinita? O labirinto textual tornábase mareante, máxime para unha persoa coma mín que sente a necesidade imperiosa de ler tódalas notas a pé de páxina dun libro, na esperanza case sempre frustrada de que inclúan necesaria información a maiores (é por iso que na miña propia práctica académica distingo entre notas bibliográficas, só ao final do artigo, e notas informativas, a pé de páxina). Algúns dos links, alén, non funcionaban, xerando outra pequena frustración a maiores cando o tema a ampliar tiñas pintas realmente interesantes. Visto en perspectiva, e co que sei e lín dende aquela, poderíamos dicir que o Mantedor padecía (como aínda padece) do síndrome de lectura Modernista fronte á escrita Posmoderna. FraVernero segue intensa e fanáticamente namorado das totalidades e metarrelatos (non só na escrita, senón tamén na política), na orde e na explicación global e unilineal, como moito con certa desviación Hegeliá para rematar volvendo ao rego, percibindo (igual que o Eliot da 'unreal city') o caos e a fragmentación como trauma e como perda, e non como liberación carnavalesca ou 'empoderecemento' (permitídeme este palabro, tosca traducción de empowerment) do lector...

Se todo o que dixen vos picou o vezo, non tedes máis que seguir a ligazón e facer o voso propio percorrido. No meu caso, este profético anticipo da escrita hipertextual 'literaria' valería case perfectamente como exemplo, e tería suficiente calidade estética e suxestiva, fose ou non a vontade do autor. Alén, é gratuito, e podedes percorrer nel unha proposta innovadora destas escritas electrónicas (un hipertexto literario máis ao uso -sen texto principal, autocontido, posibilidade limitada de ver os anacos de texto lidos con anterioridade-, gratuito e en español podedes velo tamén na Gabriela Infinita de Jaime Alejandro Rodríguez.

5 comentários:

A Raíña Vermella disse...

Supoño que a tod@s nos ven á mente aqueles libros de "Escoge tu propia aventura" A min, como boa anacástica que son, tamén me obsesiona o xeito "correcto" de ler un texto con links. Interrumpir a lectura? Ler todo de corrido e despois ir abrindo os links? Que estrés!
P.D: sempre que se fala deste tema remata por saír Alicia por algures, e na páxina que mencionas non podía ser menos ;)

Leopold Bloom disse...

Ben, afortunadamente deixei as miñas teimas hipertextuais no pasado, e agora adícome a teoloxía...

Lúa Neghra disse...

Patchwork girl non é de Shelley Jackson? Acórdame polo de Mary Shelley-Frankestein, Shelley Jackson-Patchwork girl. Eu gocei dun seminario moi interesante sobre hipertexto, anos ha...

FraVernero disse...

Argh! En efecto, Lúa, pilláchesme nun renuncio, ou lapsus linguae. Patchwork Girl é en efecto de Shelley Jackson (vese que é unha das que non lín aínda). De Moulthrop son Victory Garden (o que máis me gustou ata a fecha) e Hegirascope, entre outros. Paso a corrixir na entrada principal, anque fica aquí a Letra Escarlata do despiste.

Unknown disse...

Xa hai resolución ao misterio da desaparición da replicante: morreu, reconstruírona e mudou de universo porque no antigo era un inferno iso de andar a fuxir de cotío.

http://cris.blogaliza.org/

Sabes que precisamos ter unha conversa sobre isto dos hipertextos agora que tí tamén pasaches por esa experiencia (traumática?). É necesidade vital. Para xaneiro, se sigues volvendo por Compostela, avisa e sentamos ante un bo plato de polbo cunha zorciña de segundo...