domingo, janeiro 11, 2009

Palestina é Palestina

Contemplo con estupor e raiba contida o terrorismo do estado sionista a tecer o seu habitual pano, mortalla, traxedia nas costas de Gaza, a afondar aínda máis na fendendura que separa Palestinos de Israelís dunha posíbel convivencia e resolución de conflictos e de violenzas, engadindo novas datas e nomes a pasados episodios de barbarie...

Aqueles que me coñecen son conscientes do dobremente violenta da situación para mín, xa dentro da subxetividade do Mantedor, dado o estremo e belixerante filosemitismo que me caracteriza. Non hai pobo do mundo polo que sinta a priori máis simpatía e interese que polo xudeu, tradicionalmente perseguido e maltratado, fonte de luminarias en tódolos eidos do saber, gran aprezador das letras e da cultura, e mantedor tenaz das súas tradicións e elementos identitarios fronte a un mar desbocado de adversidades.

Sobre un fondo de música de balas e laios dun pobo martirizado, non deixo de cavilar no feito de que unha da respostas sobre en qué consiste o ser xudeu (podemos debatir sobre esta complexa cuestión se vos apetece), como é a da construcción do estado-nación sionista no antergo territorio de Palestina, remate cun éxito parcial (e tan parcial, en tanto que a maioría dos xudeus do mundo seguen sen seren, e nunca serán Israelís) e cunha derrota maior: un odio terríbel, visceral e irrefrenábel que a violencia sionista está facendo abrollar entre tódalas persoas de ben do mundo. Abandoado de toda defensa moral alén do uso da forza e do sinistro eco dos übermenchen SS e da conquista de espazo vital en Oriente Medio, o Yeretz Israel fíxose digno herdeiro da Sudáfrica do Apartheid, vai convertindo con cada novo día a Terra da Promesa e da Utopía nunha xigatesca cadea estreita para árabes e xudeus. A Xerusalén de Ouro que cantaba Naomi Shemer tornou en Xerusalén de Ferro, pesadelo panóptico de exterminio dos canaanitas e do crecente aillamento e miseria moral dos hebreos.

4 comentários:

A Raíña Vermella disse...

É unha cuestión interesante, a de en que consiste ser xudeo, que daría para unha nova postaxe (isto é un xeito indirecto de animarte a escribila :p). Daniel Baremboim, que ten o mérito de ser un dos poucos músicos implicados en cuestións políticas, dixo nunha entrevista algo que me pareceu moi intelixente: que o propio pobo israelí estaba causando unha nova onda de antisemitismo (entendendo antisemitismo no sentido tradicional do termo, habida conta de que os palestinos tamén son semitas). É moi duro de tragar que precisamente un colectivo que ostenta o título de víctima por excelencia sexa incapaz da menor empatía polo sofremento alleo.
Pero o meu comentario non tiña nada que ver con isto. O que quería sinalar era que a creación da nación de Israel está sustentada sobre un presuposto relixioso, e dende ese punto de vista, non sei se poden aspirar a ser nalgún momento un estado verdadeiramente laico, ademáis das cuestións de lexislación interna de tipo relixioso que xa sinalei no meu propio post.
P.D: aínda que o pareza, xuro que non estou por levarche sistemáticamente a contraria ultimamente, e que en termos xerais estou totalmente dacordo co teu post :p

Mario disse...

Pareceume moi interesante un artigo que lin por aí e que defendía iso de que os palestinos son os verdadeiros descendentes dos primitivos xudeus, e que os que se fan chamar hoxe xudeus en realidade proveñen de reinos que se converteron. En calquera caso o que complica todo o tema é que os xudeus poñen en práctica un xeito de identidade asimétrico en relación á maior parte das comunidades humanas, esa combinación de relixión e raza (descendencia por vía materna), e tamén o feito de que combinan un desenvolvemento político obxectivo con outro de tipo místico (baseándo a súa propiedade da terra nun designio divino).

Moncho Pais disse...

O que están a facer en Gaza non ten perdón. Que logo non se queixen... ou que pensan? Que matando, poñamos por caso, ata o derradeiro militante de Ḥamās (حماس) van rematar con eles? Os fillos da morte combaterán con aínda máis paixón e odio. Hoxe os nazis son eles.

É a mesma historia unha e outra vez...

Boa pregunta o de qué é ser xudeu. Podíase abrir un debate.

AFP disse...

Semelha como se o povo israel necessitasse do ódio para poder continuar existindo, mas isso é umha visso moi poética da realidade. Todo se explica pola estrutura económica. Israel tem que manter um Estado terrorista porque a pressom demográfica do povo palestino pom em perigo a sobrevivência do Estado de Israel, para além de que esta ofensiva responda a interesses electorais e de que a guerra em Oriente Meio é um próspero negócio para o Imperialismo e os seus satélites, entre eles o Estado espanhol. Difícil saída tem o conflito Palestino se nom hai um troco no modelo económico. Socialismo ou caos e nom apenas em Palestina. Na Galiza tamém.