segunda-feira, novembro 08, 2010

Reseñas - Metamorphoses of Science Fiction

Metamorphoses of Science Fiction

Darko Suvin

1979, Yale University Press

* * * * (bo)

Unha orixinal (e marxistizante) reflexión e formulación teórica arredor da Ciencia Ficción, e unha sintética perspectiva histórica do xénero.

Ao libro de Darko Suvin cheguei indirectamente, a partir da súa citación noutro exemplar máis directamente relacionado coas miñas pescudas académicas. No tal volume mencionábase que Suvin formulara unha teoría propia, formalizante e marxista, do xénero da Ciencia Ficción. En vista de tales credenciais, e de que Metamorphoses of Science Fiction estaba presente no fondo de filoloxía da USC, decidín probar sorte, e pódese dicir que se cumpriron de cheo as espectativas que tiña nel.

Metamorphoses é un proxecto común de 'Poética' e de 'Historia'. Quérese dicir que unha parte do libro (os 4 primeiros capítulos) céntrase en formular un esquema teórico do que pode ser a 'Ciencia Ficción' (de agora en diante, SF, Science Fiction). O autor rexeita moitas das definicións ao uso (robots, narracións sobre o futuro, etc...) porque as considera demasiado centradas na SF máis recente: aquela que xurde nos EEUU nos anos 20-30, e ligada á producción de masas e a estereotipos ideolóxicos e culturais moi concretos. Pola contra, el establece unha filiación máis antiga, que conectaría coa literatura clásica (Luciano de Samosata, Platón), medieval (as viaxes a illas imaxinarias), renacentista (as obras de Rabelais, Utopía de Moro, Cidade do Sol, de Campanella) e contemporánea, absorvendo no seu seo a xéneros como o da 'literatura utópica', o Staatsroman ou a novela planetaria.
O elemento clave para trazar esta constelación é a súa definición de SF: este sería o xénero literario do estrañamento cognitivo, un estrañamento artellado a través da aparición/reflexión dunha novidade estraña, o novum, que na obra de SF pode estar representada polo escenario, as personaxes, ou ámbolos dous. Unido a isto, soe haber un afán crítico soterrado da sociedade realmente existente, contrastada coas posibilidades do novum.

A qué se refire o autor con iso do estrañamento cognitivo? Este é un concepto que xurde nel polo influxo de Brecht e dos Formalistas Rusos. O estrañamento estaría no 'desprazamento' de mirada, perspectiva e pensamento que producen as obras de SF, onde se representa unha realidade ao mesmo tempo familiar e non familiar (os mundos SF cambian algunha cousa ou cousas, pero polo demais, son coma o noso). Xunto ao estrañamento (presente en tódolos xéneros de literatura non miméticos, coma o mito ou o conto de fadas) a SF presente unha visión 'cognitiva', pola que o autor entende unha atitude 'realista', 'científica' e crítica coas realidades ficcionais (e non ficcionais, coma as clases sociais, a organización económica...) coas que traballa. Os mundos da SF serían 'outros' e 'estraños', pero non como os da fantasía, porque estarían marcados pola súa racionalidade, posibilidade (nun espazo ou tempo outros) e factibilidade: todo o que acontece con eles, incluídas as novidades e innovacións ficcionalizadas (o novum), é percibido como 'posíbel' e 'deste mundo' (non require elementos máxicos ou sobrenaturais) dentro da cosmovisión que do mundo teñan os autores das obras de SF.

A partir deste marco, o autor va desnovelando taxonomías e oposicións varias, alén de sacando consecuencias. Así, e dentro dun molde de pensamento marxista, defende que 'esta SF' que el define ten sido un xénero 'popular' e de resistencia, reflexando os soños e as protestas dos grupos subalternos contra a sociedade realmente existente (ten sido un xénero por definición, utópico), e que só temporalmente abrolla á superficie da 'alta cultura', normalmente en periodos de efervescencia revolucionaria e de cambio social. Do mesmo xeito, establece unha cesura entre a SF de antes da Ilustración, centrada nos 'espazos outros' (illas, vales encantados e utopías onde os usos son diferentes aos propios, con abundancia e xustiza) e a SF de despois da Ilustración, influínda polo auxe do capitalismo, e que se centrou nos 'tempos outros' (o futuro como o 'novo lugar' onde xurden escenarios diferentes de abundancia e xustiza; ou tamén, nas distopías, de escasez e inxustiza).

Nas seguintes dúas partes do libro, o autor adícase a analizar e aplicar a teoría a algúns momentos e obras da SF. Nos capítulos 5 a 8 céntrase na 'Ciencia Ficción máis vella', parolando do Romanticismo, as illas alternativas e as ficcións de comezos do século XIX. Nos capítulos 9 a 12 fala da 'Ciencia Ficción máis recente', anque entenda por tal a H.G. Wells (do que fala longamente), ás tradicións rusas de SF e a Karel Čapek, autor checo do periodo de entreguerras.

Para rematar, teño que dicir que o libro me resultou moi suxestivo, e as súas teses moi aceptábeis, anque con certa matización (aliás, dubido de que se o autor segue vivo, siga a pensar no mesmo que a finais dos 70). Ás veces fai correlacións entre xénero e clase social un pouco dogmáticas e difíciles de soster après le déluge do socialismo. Bótase en falla que o libro non entre a analizar máis en profundidade a SF máis recente e máis mainstream, mais dado o tamaño do volume que nos ocupa e as súas ambicións de xuntar nel teoría e historia, tampouco é que poidamos queixarnos, e fica tan só mencionalo con sobresaínte nun catálogo de lecturas recomendadas.

Sem comentários: