terça-feira, janeiro 18, 2011

Reseñas - Concierto Barroco

Concierto Barroco

Alejo Carpentier

1998, Alianza Editorial

* * * * (bo)

Carpentier a medio gas, pero segue sendo Carpentier, e deleitando ao personal.

Concierto Barroco é unha pequenísima novela de Alejo Carpentier, na liña doutras obras pequenas súas (El reino de este mundo; El arpa y la sombra) e orixinariamente publicada no ano 1974. O seu argumento xira arredor da composición por parte do maestro italiano Antonio Vivaldi da ópera barroca Motezuma, na que se narran as desventuras do emperador azteca. Na ficción narrativa de Carpentier, un protagonista innominado que se fixo rico coa explotación da prata na Nova España virreinal visita (na compaña dun criado negro) a Venecia de comezos do século XVIII, atopándose e facendo amizade cos compositores Vivaldi, Häendel e Domenico Scarlatti no medio das festas do carnaval venecián. O disfraz do indiano e certas conversas inspirarán ao Prete Rosso na súa labor compositiva.

Eis a historia en liñas xerais. Por suposto, contén elementos de sobra para facer unha magnífica obra, e toca case tódalas obsesións carpenteriás, sobre as que por veces meditan en voz alta os personaxes: o Barroco como estilo xenuinamente americano, o real marabilloso, os feitos históricos como interpretación e manipulación (sobretodo mediante a arte), a música (tanto a gran tradición europea como as aportacións afroamericanas), a hibridación e mestura, etc...

Nembargantes, non fico de todo satisfeito con esta volta do autor, e quizaves isto se deba a unha percibida vulneración innecesaria do realismo ficcional. Quero dicir con isto que Carpentier, nesta novela, salta alegremente con calquera mostra de realismo e de unidade temporal: os concertistas barrocos asisten nun pic-nic á tumba de Stravinski e máis adiante ao enterro venecián de Wagner; o criado afroamericano remata por ficar na cidade dos canais para asistir en directo a un concerto de Louis Armstrong... O problema non está tanto na ruptura da convención mimética, senón no gratuito e innecesario desas rupturas, que poderían estar mellor artelladas de xeito que desen impresión de necesidade, e non de xogo.

O dito non quita que, de todas maneiras, Concerto Barroco sexa unha deleitábel peza carpenteriá para pasar a tarde, anque estexa moi lonxe das cotas acadadas por El recurso del método, Los pasos perdidos ou El Siglo de las Luces. Na obra abundan momentos excelentes (coma o improvisado concerto nocturno dos compositores, onde o criado afroamericano impón o ritmo e o son, nunha carnavalesca inversión dos topicos e das hexemonías culturais) e un uso intelixente e deleitábel da linguaxe, con guiños ao Barroco e as súas formas e tropos de escrita. Só un lixeiro amargor fica no pouso da copa de prata ao pensar os mellores resultados que a probada pluma do cubano podería acadar con esta materia de terse molestado un pouquiño máis...

Sem comentários: