Nalgunha ocasión xa temos falado das dificultades da labor de traducir dunhas a outras linguas. Constitúe, amais, unha discusión sempiterna que teño cos meus amigos, e na que é habitual que defenda a tese maximalista de que en todo proceso de verquido dun texto literario a outra lingua, sempre se perde como mínimo o 50% do valor e das c(u)alidades do orixinal (calibrado segundo a distancia entre linguas e o xénero e estilo do libro en cuestión; en poesía e en linguas exóticas, por exemplo, a perda aproximaríase máis ao 90%).
Un exemplo paradigmático témolo co 'Libro das Odas' (Shih Ching), un clásico da literatura chinesa compilado entre os séculos X e II a.C. e que estou a reler simultáneamente en tres traducións diferentes: dúas en inglés (a de Arthur Waley, The Book of Songs; a de William Jennings, She King) e unha española (de Carmelo Elorduy, baixo título de Romancero Chino).
Vaia por diante que a poesía chinesa clásica é de por si unha auténtica pièce de résistance no que se refire ao verquido estético e lingüístico. As dificultades comezan coa selva de caracteres, pero vense enfatizadas pola antigüidade do texto, que xa tan cedo como na dinastía Han (206 a.C.- 220 d.C.) resultaba en boa medida inintelixíbel para os propios nativos sen unha presada de notas e comentarios; e continúan con algunhas características das linguas chinesas en xeral e da súa vertente literaria en particular que chocan moito ao lector (e tradutor) occidental: síntese e brevidade ata o estremo, ambigüidade, carencia de referencias de xénero e número e supresión de case tódalas partículas aclaratorias de significado gramatical).
Vexamos un exemplo concreto, mediante tres versións dun mesmo poema: o número 84 (segundo a numeración tradicional) titulado 山有扶蘇 ('Shan you fu su', Na montaña hai árbores corpulentas), e parte dos 'Aires de Zheng'. Comezamos pola versión de Jennings:
BY-PLAY
For the hill the myrtle-tree
For the swamp, the water-lily.
No Tse-tu see I for me,
Only some one crazed and silly!
For the hill the stately fir,
For the swamp the dragon-vetch.
No Tse-ch'ung see I astir,
Only you -sly little wretch.
Esta tradución é de 1891, e delata moitas das características da época: é rimada e emprega unha linguaxe deliberadamente arcaizante e 'poética' ao gusto dos autores victorianos. A interpretación que fai Jennings é que se trata dun poema de 'coqueteo' (eis o título que suxire), no que unha muller se burla lixeiramente do seu pretendente, ao que contrasta con homes ideais do pasado lexendario (os tales Tse-tu e Tse-Chung). Ela debe ser belida, e nas metáforas iniciais establece unha asociación do 'axeitado en cada lugar' (nos montes árbores outas e nobres, nos pantanos plantas fermosas), que resulta na antítese entre o home ideal que busca e a realidade do pretendente.
Canto ao nome das plantas que se cita, o traductor tómase considerábeis liberdades, como nos dan a entender as súas notas. O que traduce como 'mirto' di que en chinés é 'árbore fu-su' e que non a deu identificada. 'Dragon-vetch' é o seu verquido máis ou menos literal dunha pranta dos pantanos, en chinés alcumada 'dragón errante'.
Vexamos cal é a opinión que nos proporciona o xesuíta e sinólogo Carmelo Elorduy:
EN EL MONTE HAY ÁRBOLES CORPULENTOS
Faltan hombres grandes
En el monte encuentras árboles corpulentos,
en los terrenos bajos y pantanosos florecen los nelumbos.
Lo que no encuentro son hombres eximios.
Hallo sí, muchos idiotas mentecatos.
En el monte encuentras altísimos pinos.
En los terrenos pantanosos, altos polígonos.
No encuentro varones como Tz'u Ch'ung.
Sólo veo adolescentes arrogantes y taimados.
O senso xeral é semellante, mais hai importantes diferenzas. A botánica está algo máis e mellor precisada (alomenos no que toca aos 'altos polígonos'. A planta sería, segundo o derradeiro tradutor que aínda non vimos, Polygonum Orientale). O poema inclúe un segundo encabezado que daría o tema: 'Faltan homes grandes'.
Este tituliño seguramente estexa estraído do 'Comentario do Mestre Mao', ao que soe cinguirse Elorduy nas súas interpretacións dos poemas. Durante a dinastía Han, o Shih Ching canonizouse como un dos libros 'clásicos' (Ching) da escola Confuciana, e producíronse varios comentarios que 'explicaban' os poemas, normalmente aclarando os caracteres mais tamén impoñendo unhas interpretacións puritanas, políticas e moralistas de tódolos poemas, moitas veces en absurdo e delirante contraste co evidente senso literal destes. O único destes comentarios que sobreviviu foi o do 'Mestre Mao', e que se reparte en notas ao pé e breves paráfrases de cada poema.
A lectura 'a través' deste encabezado danos un poema diferente: unha voz poética que xa non ten porqué ser feminina critica a carencia de 'grandes homes' para rexir o estado ou facer as guerras; o poema sería unha crítica da decadencia dos homes do seu tempo e lugar (o ducado de Zheng no século VII a.C.?)
Por último, vexamos o que nos di ao respeito Arthur Waley, o sinólogo máis reputado da primeira metade do século XX e un excelente tradutor, académica e estéticamente falando:
THE NUTGRASS STILL GROWS IN THE HILL
The nutgrass still grows in the hill;
On the low ground, the lotus flower.
But I do not see Zi-tu;
I only see this madman.
On its hill the tall pine stands;
On the low ground, the prince's-feather.
But I do not see Zi-chong.
I see only a mad boy.
A botánica de novo chámanos a atención. Onde os dous tradutores previos viron claramente 'árbores', Waley introduce o 'nutgrass', unha mala herba arbustiva e rizomática (Cyperus rotundus) que pode chegar aos 50 cms. de altura en boas condicións. A segunda planta referida é, malia os nomes diferentes, a mesma nos tres casos: a flor de loto. A terceira, o piñeiro, coincide en Elorduy e Waley. A derradeira tamén (prince's feather é o nome inglés do Polygonum).
Nunha nota, porén, Waley proporciona unha interpretación totalmente diferente do poema: os 'tolos' dos que se fai cita serían unha especie de 'chamáns' disfrazados para espulsar aos demos da enfermidade, e os versos en cuestión serían a canción coa que as persoas dunha casa recibirían aos exorcistas...
Sem comentários:
Enviar um comentário