Malia ser bastante preguiceiro, ás veces fago o esforzo de tomar notas dos libros que leo, xa que co paso do tempo, decátome do pouco que lembro, alén de xeralidades, de moitos dos libros que lin e cos que aprendín e disfrutei enormemente. Aínda teño por rematar unhas calínicas notas arredor do Contra o posmodernismo de Alex Callinicos, que me fornecía boa parte da munición máis dura para atacar o pensamento posmoderno que tanto aborrezo. Mais vou ir acompañando este 'proxecto inconcluso' (como a modernidade, que diría Habermas) con outra presada de notas arredor da Historia Social da Arte de Arnold Hauser, un proxecto intelectual que tamén reúne moitos elementos para caerme simpático: a temática, a perspectiva do autor (marxista mais pre-68) e o gusto relativamente canónico e conservador do historiador hungarés.
Comezemos, pois, polo primeiro volume da edición de Verso (From Prehistoric Times to the Middle Ages) e co primeiro capítulo.
CAPÍTULO 1: A PREHISTORIA
Comeza Hauser a súa historia cunha distinción histórico-cronolóxica entre a 'Vella Idade de Pedra' ( o que nos chamaríamos Paleolítico e Mesolítico) e a 'Nova Idade de Pedra'.
1) Vella Idade de Pedra
-económica e socialmente, equivale ao modo de vida dos cazadores-recolectores, 'parasitarios', que viven de recoller recursos que a natureza da.
-o seu arte é, paradóxicamente, moi naturalista e elaborado, e presenta diferentes estadíos de evolución.
-non é 'racionalista'. Reflexa 'o que se ve'.
-motivacións: seguramente non estéticas (pinturas agochadas nas covas, e repintadas enriba), senón pragmáticas: a pintura dos animais nas covas é parte dunha praxe de 'maxia simpática': pintar a caza do bisonte leva á caza real do bisonte.
-estatus do artista: é 'un mais' da tribo, anque seguramente con habilidades e habelencias especiais non xeralizadas, e quizaves adica unha parte non trivial de tempo ao seu traballo especializado.
2) Nova Idade de Pedra
-económica e socialmente, equivale ao modo de vida que produce a 'revolución neolítica': nacemento da agricultura e da gandeiría, sedentarismo, primeiras aldeas e poboados. Os humanos xa xeran 'excedentes' e avanza algo máis na especialización laboral e produtiva.
-nova 'percepción do mundo' asociada aos modos de vida. O home sedentario perde habilidades perceptivas necesarias para o cazador, pero gaña en capacidade de racionalización-abstracción.
-o arte de transición é esquemático (cfs. arte levantino da península).
-no canto da 'maxia' case arrelixiosa do paleolítico, agora xurde o animismo e o pensamento dualista: o mundo cheo de espíritos hostís e favorábeis. Separación dos mundos 'visible' e 'invisible'.
-o seu arte é xeométrico e ornamental, esquemático. Diferénciase o arte sacro (en mans de 'magos' e 'sacerdotes', con ídolos e pezas funerarias) do profano (en boa medida, artesanal e doméstico, feito sobretodo polas mulleres e nos periodos de descanso das tarefas agrícolas -inverno-.
-mais do que en épocas posteriores, é posíbel na prehistoria trazar unha correlación entre produtos artísticos e condicións socio-económicas. Co paso do tempo, a maior complexidade na organización produtiva e a pervivencia ao longo do tempo de estilos e artes anteriores, a correlación complícase
Sem comentários:
Enviar um comentário