sábado, março 15, 2014

Mostly Miniatures

Repasando o tema de Arte Islámica, descubro que no apartado de miniatura tan só se mencionan dúas obras: as ilustracións das 'Estancias' de Hariri por Wasiti e a imaxe da 'garza que leva ao cangrexo a un lugar seguro', de Calila e Dinma.  Ámbalas dúas son obras que descoñezo, malia que no último ano, e por obra e gracia sobretodo de Orhan Pamuk e da súa novela 'Chámome Vermello', pasei a estar algo familiarizado coa miniatura persa e a súa derivada, otomana. Anque a persa é a que representa o maior esplendor do xénero, é bastante serodia (posterior ás invasións mongolas do século XIII, e acadando o máximo desenvolvemento creativo e artístico nos séculos XV e XVI) polo que imaxino que os dous exemplos que aparecen no temario son de miniatura árabe, restos excepcionais nunha tradición en xeral iconoclasta e anicónica, e a maoría de cuxas obras terían desaparecido en todo caso no saqueo de Bagdad a mans dos citados mongois (contan as crónicas que o Tigris mudou eses días á cor negra, pola tinta esluída de milleiros de manuscritos destruídos, e á vermello, polo sangue verquido na matanza).

Navegando a Rede, xa que logo, descubro que o tal Hariri é Muhammad al-Qasim ibn Ali ibn Muhammad ibn Uthman al-Hariri, máis brevemente coñecido coma Al Hariri de Basora, cidade de triste memoria polas recentes guerras e disturbios do Iraq. Descubro que o seu periplo vital abarca a segunda metade do século XI e comezos do XII, e que alén de escritor e poeta, serviu de alto cargo na corte dos turcos Seljuquíes. Descubro tamén que, alén dun poema sobre erros gramaticais, a súa obra máis destacada, escrita nunha especie de prosa rimada (Saj‘) chámase en realidade "As Asambleas" (Maqamat), un xénero entre a retórica e a picaresca no que un lercho crisóstomo alcumado Abu Zayd de Saruj protagoniza un medio cento de calotes.
Canto ao ilustrador da obra, Wasiti sería Yahya ibn Mahmud al-Wasiti, un artista do século XIII nado na cidade de Wasit (de onde ven o seu alcume). Buscando as súas obras, recoñezo unha clásica que aparece en case tódolos libros de historia e que debe ser unha caravana de peregrinos ou comerciantes. Outra que se me fai coñecida é esta escea de soldados dacabalo. Outras esceas con barcos, xardíns, banquetes, camelos ou mezquitas non me resultan familiares.   

O segundo exemplo custoume máis atopalo. Coñecía o Calila e Dinma como unha traducción e colectánea de contos patrocinada por Afonso X o sabio (unha obra de longuísimo percorrido, xa que tería nacido como Panchatantra na India, pasando logo ao Pahlaví e Siríaco, logo ao Árabe, recalando finalmente no Castelán). A fábula do cangrexo e a garza (porque fábula é) podedes lela aquí. A miniatura foime máis difícil de topar. Ao parecer, é persa, e non árabe. Aparece nun manuscrito de Kalila e Dimna do Herat (actual Afganistán) datado da primeira década do século XV e conservado na Biblioteca Gulistan de Teherán.

Para rematar, engádovos unha miniatura dun zodíaco ou tratado astrolóxico persa, unha de cuxas ilustracións me resulta familiar dende a nenez por un libriño de astroloxía que teño dende vai máis de 20 anos. Ao parecer, trataríase dun manuscrito exipcio dos séculos XIV ou XV que reproduce un tratado persa do século IX: o Kitâb al-Mawalid de Abu Ma'shar (o 'libro das natividades', ou 'das revolucións dos anos de nacencia').    


Sem comentários: