sábado, janeiro 31, 2015

Libros do Mes

Sandman: País de sueños de Neil Gaiman [R] [K]

Sandman: Estación de nieblas de Neil Gaiman [R] [K]

The First Part of Henry VI de William Shakespeare [R]

*Piers Plowman de William Langland

sábado, janeiro 24, 2015

Exempli gratia

Ando por estes días tentando explicarlle, na medida en que me deixan, aos meus estudantes da ESO os rasgos máis salientábeis da poesía renacentista, e as súas diferenzas con respecto á lírica medieval. Faleilles do renacer da influencia dos clásicos grecolatinos e das referenzas mitolóxicas, do locus amoenus e a feliz arcadia pastoril, do peso do endecasílabo e da importación de influencias italianas (Dante, Petrarca, o soneto). Mais case sen pretendelo, o azar púxome de novo diante dos ollos un dos poemas do Píndaro cordobés, e penso que estes versos de don Luis hanme servir de mellor exemplificación do anterior que todo un feixe de apuntamentos, esquemas e diapositivas.

EN UNA ENFERMEDAD DE DON ANTONIO DE PAZOS, OBISPO DE CÓRDOBA

Deste más que la nieve blanco toro,
robusto honor de la vacada mía,
y destas aves dos, que al nuevo día
saludaban ayer con dulce lloro,

a ti, el más rubio Dios del alto coro,
de sus entrañas hago ofrenda pía
sobre este fuego, que vencido envía
su humo al ámbar y su llama al oro,

porque a tanta salud sea reducido
el nuestro sacro y docto pastor rico,
que aun los que por nacer están le vean,

ya que de tres coronas no ceñido,
al menos mayoral del Tajo, y sean
grana el gabán, armiños el pellico.

domingo, janeiro 18, 2015

U

E falando de frikismo, non está e de máis mencionar que no mercado o curioso lector poderá topar con facilidade varias edicións bilingües de textos en inglés-klingon, entre as cales temos dúas obras de Shakespeare (Hamlet e Much Ado About Nothing), o Dao De Jing e a epopeia de Gilgamesh. Cónstame alomenos unha montaxe da traxedia do Príncipe de Dinamarca nesta língua do espacio, da que podedes aprender máis cousas neste documental.

Porén, a manifestación por excelencia da arte klingon é a súa ópera, e novamente os enxeñosos humanos foron quen de elaborar unha versión da lenda de Kahless o Inesquecíbel baixo o título de 'U'  e que se estreou cinco anos atrás na Haia. Agora de xira por terras americanas, e agardando con impaciencia a súa chegada a terras íberas, eiquí tedes unha pequenísima mostra do espectáculo:


domingo, janeiro 11, 2015

500 - For Hecuba

Se os meus cálculos non me fallan, a entrada de hoxe é a quinxentésima entrada desta bitácora. Se por cada unha delas me dérades un euro, agora podería presumir dun deses billetes púrpura-violáceos de modernista arquitectura e que tan escasos son polos nosos lares, agás nas gavetas de diñeiro negro e contas afincadas en Suíza...














Aproveitando o lecer do nadal estiven a engulir varias das temporadas da serie de ciencia-ficción Deep Space Nine, continuación da franquicia de Star Trek logo da serie orixinal e da súa continuación noventeira 'A Nova Xeración'. Nun primeiro momento só escaneaba capítulos adicados aos klingon, unha etnia futurista que, coma bo friki, constitúe un dos meus hobbyhorses particulares. Porén, cando xe levaría uns doce ou trece episodios, comecei a collerlle vezo á teleserie, e a desexar vela enteira. Tiven tempo para percorrer as dúas últimas temporadas (sexta e séptima) para logo volver á casilla de inicio do taboleiro e comezar por onde se debe. Hoxe comecei a visionar os capítulos da segunda temporada.

Todo isto ven a conto dunha teima moi vella mais que nunca deixa de desconcertarme: vendo algún dos mellores capítulos desta serie, e estando xa familiarizado cos seus personaxes, atópome sentindo as emocións de rigor: empatía, ledicia, tristeza, preocupación... Emocións moi reais suscitadas por personaxes que sabemos son nada reais. É a vella teima de Hamlet (él mesmo protagonizando, como as matrioskhas rusas, unha ficción ennovelada noutra interior) logo de escoitar o monólogo do vello actor: "What's Hecuba to him, or he to Hecuba / That he should weep for her?". Hécuba, Hamlet ou Kor, fillo de Rynar, son as metonimias lingüísticas de seres que nunca foron, nen son, nen serán, mais que para o lector/espectador foron, son e serán moito máis vivos, importantes, emotivos e influíntes que un senfín de persoas reais de carne e óso; compañeiros de aventuras, mentores e mestres, espellos en que mirarnos para imitar, para evitar, para admirar de lonxe. Algo lixeiramente desacougante para unha persoa tan obsesionada pola verdade obxectiva como é o mantedor. Mais quizaves as mentiras da ficción, alén de facer a vida máis interesante ou sinxela de sobrelevar, sexan outro camiño cara a avenida do real; como dí Alan Moore: "Artists use lies to tell the truth. Yes, I created a lie. But because you believed it, you found something true about yourself".