Se os meus cálculos non me fallan, a entrada de hoxe é a quinxentésima entrada desta bitácora. Se por cada unha delas me dérades un euro, agora podería presumir dun deses billetes púrpura-violáceos de modernista arquitectura e que tan escasos son polos nosos lares, agás nas gavetas de diñeiro negro e contas afincadas en Suíza...
Aproveitando o lecer do nadal estiven a engulir varias das temporadas da serie de ciencia-ficción Deep Space Nine, continuación da franquicia de Star Trek logo da serie orixinal e da súa continuación noventeira 'A Nova Xeración'. Nun primeiro momento só escaneaba capítulos adicados aos klingon, unha etnia futurista que, coma bo friki, constitúe un dos meus hobbyhorses particulares. Porén, cando xe levaría uns doce ou trece episodios, comecei a collerlle vezo á teleserie, e a desexar vela enteira. Tiven tempo para percorrer as dúas últimas temporadas (sexta e séptima) para logo volver á casilla de inicio do taboleiro e comezar por onde se debe. Hoxe comecei a visionar os capítulos da segunda temporada.
Todo isto ven a conto dunha teima moi vella mais que nunca deixa de desconcertarme: vendo algún dos mellores capítulos desta serie, e estando xa familiarizado cos seus personaxes, atópome sentindo as emocións de rigor: empatía, ledicia, tristeza, preocupación... Emocións moi reais suscitadas por personaxes que sabemos son nada reais. É a vella teima de Hamlet (él mesmo protagonizando, como as matrioskhas rusas, unha ficción ennovelada noutra interior) logo de escoitar o monólogo do vello actor: "What's Hecuba to him, or he to Hecuba / That he should weep for her?". Hécuba, Hamlet ou Kor, fillo de Rynar, son as metonimias lingüísticas de seres que nunca foron, nen son, nen serán, mais que para o lector/espectador foron, son e serán moito máis vivos, importantes, emotivos e influíntes que un senfín de persoas reais de carne e óso; compañeiros de aventuras, mentores e mestres, espellos en que mirarnos para imitar, para evitar, para admirar de lonxe. Algo lixeiramente desacougante para unha persoa tan obsesionada pola verdade obxectiva como é o mantedor. Mais quizaves as mentiras da ficción, alén de facer a vida máis interesante ou sinxela de sobrelevar, sexan outro camiño cara a avenida do real; como dí Alan Moore: "Artists use lies to tell the truth. Yes, I created a lie. But because you believed it, you found something true about yourself".
Sem comentários:
Enviar um comentário