Os que me coñecedes estades ao tanto da personalidade fortemente adictiva do mantedor; cada x tempo obsesiónase cunha area de coñecemento, e adícase case monotemáticamente á tal area; alomenos, é un progreso con respecto ao anterior, cando me obsesionaba con xogos...
Dun tempo a esta parte, o meu hobbyhorse volveron a ser as mates (quen o diría!) grazas a, e a través de, a Khan Academy. Nestes intres estou a pelexar coa Xeometría, logo de superar nas semanas e meses anteriores a Pre-Álxebra e a Álxebra Básica. Voume aproximando tamén aos límites do que xa estudara nos tempos do instituto, e explorando novas fronteiras.
Unha curiosidade que me chama a atención é o xeito radicalmente diferente en como se ensinan as mates na educación secundaria americana (na que se basea Khan Academy): básicamente, e despois da primaria, hai unha división da ciencia en 'materias' independentes, que se van cursando sucesivamente: as citadas Pre-Álxebra, Álxebra I e Xeometría, seguidas de Álxebra II, Trigonometría / Precálculo e Cálculo Diferencial (este xa, preuniversitario ou incluso impartido con asistencia á universidade). Á marxe anque tamén presente, unha materia de Probabilidade e Estatística.
Ignoro se este método funciona mellor que o noso, que ata onde lembro, era máis 'xeralista' (ía dando un pouco de todo cada ano no seo da mesma materia), anque pode ser máis inmersivo (ao centrarte nunha póla do saber matemático ata tela relativamente 'completa' antes de pasar a outra).
Sem comentários:
Enviar um comentário