A caída das follas no outono do 2005 repenicaba axeitadamente no pazo de Trasalba, mesturándose coas sombras-en-sombras de Baleirón ou coas herbas reencarnadas de Álvaro Cunqueiro. Outra negra sombra, funérea e melancólica, pairaba no meu maxín naqueles días. Eran, porén, para moitos os días da esperanza en que o Fragasaurio perdera as eleccións e nos que comezaba un pequeno paréntese entre anos e anos da gaivota; mais a negra sombra manifestábase no regusto agridoce por mor dos malos resultados do BNG nas eleccións (quen nolos dera agora!) e do reformismo quintanista que se albiscaba dende a consellería. Coa perspectiva do tempo, é seguro que os mozos fomos demasiado esixentes con aquel goberno, no que alén dos seus erros, depositabamos unhas irrealistas expectivas de mudanza radical de todo ("hai que romper / romper agora"). O caso é que os que rompimos fomos nós, e máis dunha década despois, seguimos recollendo os anacos.
Nunha das miñas non frecuentes meditación políticas, cavilaba arredor da disxuntiva que toda forza política ten que afrontar entre a fidelidade aos ideais e a vontade de transformación; é unha tensión que non se restrinxe ao político, e que Salman Rushdie reflexa moi ben en moitos parágrafos dos Versos Satánicos, que aínda non lera daquela. Anque tentaba ser ecuánime e equidistante naquelas liñas entre os puros e os posibilistas, non creo que conseguise de todo diluír a miña antipatía cara a segunda destas posturas e os seus representantes, encarnacións dun tipo de política que só me inspiraba indiferenza e un certo patricio desprezo; tal era o remol inevitábel dun ultrarradicalismo previo que ía retrocedendo aos poucos, baixamar pasiño a pasiño, festina lente, perante os enbates de lecturas, realidades e de interminábeis debates e disputas cos colegas comparatistas arredor do posmodernismo e da crise dos metarrelatos. Porén, relendo aquelas liñas non topo ningunha discrepancia intelectual con elas once anos despois, o cal podería lerse positiva ou negativamente, empregando a mesma dialéctica (neste caso, aplicada a nivel persoal) da lealdade aos vellos ideais ou do aggiornamento aos novos tempos; ou podería indicar simplemente que escribín aquel texto con tento e con siso, e xa esculcando coa mans o país dunha certa madurez persoal e intelectual.
Máis mudanza descubro ollando para as liñas que citaba de Eagleton, un crítico literario ao que sigo respectando mais que xa ten caído (e non pouco) do pedestal en que o tiña daquela; é que se naqueles días aínda aceptaba os provocativos ataques a todo formalismo literario que emanan de Literary Theory: an Introduction, a día de hoxe son un furibundo esencialista con moi pouca paciencia cara as escolas do resentimento escritoril. Seguramente o meu purismo de antano mudou de habitación propia, que non de casa, e pasou da política á estética...
Sem comentários:
Enviar um comentário