Case medio século atrás, o físico Eugene Wigner preguntábase, nun sonado artigo, arredor da irrazoábel eficacia das Matemáticas á hora de describir o mundo físico, facer prediccións empíricas de sorprendente precisión ou abrir novas liñas de investigación científica. Diferente anque tamén sorpresiva é a irrazoábel practicalidade das Matemáticas; é certo que hai casos concretos onde se desenvolven eidos da disciplina específicamente para acadar resultados efectivos (por exemplo, o invento do Cálculo por Newton e Leibniz para dotar de sólidas ferramentas matemáticas á nova Física da Revolución Científica); máis curioso, porén, é cando investigacións na matemática máis pura e trascendente rematan por ter (e non moito despois do seu desenrolo) aplicacións utilitarias sorpresivas; Isto venme ao maxín pensando en lecturas recentes sobre o cálculo matricial dos británicos Cayley e Sylvester (fundamental, entre outras cousas, para os gráficos e a ilusión de movemento en computadores), os números primos e aritmética modular (piar básico da criptografía e, polo tanto, da privacidade das mensaxes en internet) ou as xeometrías non euclídeas (a ferramenta chave detrás da Relatividade de Einstein e do GPS).
E non nos enganemos: de non seren polas aplicacións, e malia a súa profundidade, sorpresa, lóxica e beleza, as mates estarían na mesma miserábel posición que as Humanidades, obxetos de escarnio e maldizer nos nosos tempos utilitarios...
Sem comentários:
Enviar um comentário