sexta-feira, outubro 20, 2017

#$@&%*!

O Mantedor foi sempre moi crítico coa globalización (anque quizaves a día de hoxe por razóns diferentes ás de vinte anos atrás). Porén, sería inxusto non recoñecer algún dos seus beneficios; notoriamente, no meu caso, a posibilidade de mercar libros no estranxeiro, unha práctica que comecei alá polo 2005. Podo lembrar con claridade o difícil que era denantes conseguir libros en inglés nas librarías locais, sempre carísimos e en pésimas edicións; certos volumes eran sinxelamente inconseguíbeis. Por fortuna, iso mudou, e a día de hoxe, a maioría dos exemplares da miña biblioteca fixeron percorridos para chegar a mín que suman moi numerosas voltas arredor do planeta. 

But nothing good is meant to last. Na última década, como xa me teño laiado dende esta bitácora, os prezos dos gastos de envío dende os EEUU multiplicáronse vertixinosamente; por se iso non fora malo dabondo, unha suma de varios factores (avaricia recaudatoria, recurte de persoal e servizos de alfándega, incompetencia e amiguismo) levou a que a día de hoxe, por primeira vez, teña 4 envíos desaparecidos de entre 1 a 3 meses, seguramente durmindo o soño dos xustos nos almacéns de ADT Postales (herdeiros infames dos aínda máis infames Speedtrans), en Baraxas. Anque os vendedores, que non teñen a culpa, reembolsáronme os gastos, fícame claro que xa non é posíbel facer as Américas coa letra impresa, e imaxino que dentro de pouco, co Brexit que nos ven enriba, tampouco será posíbel a compra cómoda, barata e en tempo coas Illas Británicas.

Para os morbosos interesados en cales foron os exemplares perdidos, aquí vos van (en orde decrecente de espera):

Euler’s Gem de David S. Richeson
A First Course in Mathematical Logic and Set Theory de Michael L. O'Leary
The Shape of Inner Space de Shing-Tung Yau
Max Plank: The Dilemmas of an Upright Man de J.L.Heilbron 

[PS: hoxe finalmente, logo de mes e pico, chegou o máis recentemente pedido dos volumes, a biografía de Plank. o que reabre unha pequena rendixa ao optimismo no que toca á chegada dos restantes libros].

Sem comentários: