VV.AA. (40 libros, algúns autores menos, xa que repiten)
2015/2016, Batiscafo
* * * * (bo)
Colección instructiva, amena e asequíbel polo xeral coa que aprender algunhas cousas interesantes a nivel divulgativo das ciencias e das súas novidades.
Non é habitual que se fagan nesta bitácora reseñas de coleccións enteiras, no canto de libros; de feito, percorrendo entradas anteriores toparedes precisamente tres adicadas a exemplares concretos desta serie. Porén, agora que acabo de rematar o seu derradeiro exemplar, resúltame instructivo facer un balance completo; moito máis sendo esta a primeira colección á que me suscribín en moitos anos (agora faille compaña a dúas máis que estou rematando, adicadas aos Genios de las Matemáticas e ao Mundo Matemático).
Podemos comezar polo que teñen en común tódolos volumes: en algo menos de 150 páxinas, con ilustracións e múltiples recadros, os divulgadores científicos de Materia 3 decidiron tecer un fresco das principais novidades científicas do momento; non busca ser unha visión totalizadora e equilibrada: neste senso, tanto a actualidade e novidade de descubrimentos e avances como a popularidade concreta dalgúns eidos científicos privilexian algúns temas e disciplinas moito máis do ca outros. Así, dos 40 volumes que a compoñen, 18 (un 45%) son de física nas súas diferentes variantes, e destes 18, 12 (un 30% do total) son de astronomía/astrofísica. A química, moito menos marketizábel, tan só acada 3 exemplares (7.5%), as matemáticas, outros 3 (e son, amais, cousas 'aplicadas', en plan trucos de maxia, estatística e a súa presenza no mundo natural). O outro bocado xigante da torta lévao a bioloxía, anque máis concretamente, as teimas que se repiten libro tras libro son as do cerebro, a neurobioloxía e a xenética (20%). O que fica é un totum revolutum onde entran disciplinas máis pequenas, outros aspectos das xa mencionadas, e 'cousas misceláneas'.
Como sería de agardar, unha colección de corenta membros presenta resultados desiguais; nalgúns nótase que foron escritos un pouco con prema e correndo para a publicación. En xeral están ben escritos, anque algúns son máis escuros e aburridos ca outros (porén, aquí entran en parte as limitacións e intereses persoais, que me dan unha base nalgúns eidos que está ausente noutros). Como era de agardar, gustei especialmente dos exemplares adicados á astrofísica e física de particulas (Mundo cuántico, Especies cósmicas, Un universo gravitacional, Tras el Big Bang., En busca de la teoría del Todo, La Nada, Del átomo a los quarks) e do libro solitario encol da filosofía da ciencia; nalgúns casos, levei gratas sorpresas en volumes que pensaba ían resultar algo aburridos (El universo meteorológico, Guerra de corrientes, Reacciones cotidianas); noutros, sobretodo os de xenómica/xenética, desexei que remataran cedo, anque xa o agardaba, e servíronme non pouco para adquirir uns coñecementos mínimos que agradezo (coma poder citar sen consultar os catro compoñentes do ADN humano: guanina, citosina, adenina e timina).
Avaliando a serie holísticamente, teño que darlle un aprobado con nota, e felicitar aos seus promotores por esta necesaria laboura de divulgación científica entre os leigos, para da misión do coñecemento de evitar as torres de marfín dos sabios e as súas funestas consecuencias na era do relativismo posmoderno e a pos-verdade. Seguindo os seus pasos, National Geographic está a emitir agora unha colección semellante de 'Desafíos de la Ciencia' que non me importara consultar, anque de momento vou moi cargado de coleccións...
Sem comentários:
Enviar um comentário